María Pilar García Negro: “É indigno que unha gran parte da obra castelaniana fique oculta”

Entrevista de Xacobe Ferreiro a Pilar García Negro en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): A que responde o coleccionábel Castelao: Sempre en Galiza que Nós Diario publicará baixo a súa coordinación durante todo o mes de abril?
– Pilar García Negro (PGN): O título non só rende tributo de admiración á obra senlleira de Castelao senón que quer sintetizar, coa súa expresión lapidaria, toda unha vida de servizo ao povo galego, tanto na representación artística canto na política, a comezar pola autoorganización, como principio basilar do nacionalismo galego, e na procura de voz propria en todas as institucións de que dependían os destinos da sociedade galega. Subtitulámolo “Unha visión integral do seu pensamento e obra”, para caracterizar mesmamente como toda a súa produción e actividade responden á mesma vocación e partillan idéntica finalidade: proclamar a existencia de Galiza como nación, evidenciar as súas necesidades e problemas, dar conta da sabedoría e riqueza da cultura popular e encarecer a asunción das proprias responsabilidades que temos como povo. A súa obra é, en por si, un acto autodeterminante, dun valor enorme, porque nel se aúnan de forma maxistral o artista plástico, o literato, o pensador, o creador de doutrina política, o representante público, o orador, o ensaísta… Toda unha vida, efectivamente, sempre en Galiza… (…)
– ND: Este coleccionábel ve a luz coincidindo co 75 aniversario da morte de Castelao, unha efeméride que está a impulsar traballos e actividades sobre o intelectual e dirixente nacionalista, mais tamén actos e conmemoracións desde a esfera institucional; considera que Castelao está a ser tratado como debera polas institucións nos últimos anos?
– PGN: Hai 25 anos, a Xunta declarou o 2000 (a 50 anos da morte) “Ano Castelao”. No presente, o mesmo, por tanto, unha especie de “Ano Castelao bis”. A primeira obriga dos poderes públicos sería avaliar o que se fixo nestes 25 anos e con que froitos e resultados. Por exemplo, en 1986 (centenario do seu nacemento), un inquérito daba conta de como era descoñecida a súa persoa e obra. Aumentou o coñecemento popular, xeral, desde aquela? É tratado debidamente no ensino obrigatorio e no universitario? Cantas edicións masivas e asequíbeis da súa obra? Canta xente pode coñecer o fundamental da súa obra artística? Que xestións se fixeron cos proprietarios privados para tentar incorporar obra súa ao patrimonio público?” (…)”

Gabriel Romero de Ávila Cabezón gaña o I Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil con Odio

Desde Galaxia:
“No Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, reuniuse o xurado do I Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil, constituído por Juan Andrés Fernández Castro, en calidade de presidente, Rosalía Morlán, Marcos Calveiro e Armando Requeixo, como vogais, e Marta Neira actuando como secretaria.
Logo da pertinente deliberación, o xurado decidiu outorgar por unanimidade o premio ao orixinal presentado baixo o título Odio e pseudónimo ‘Balboa’. Aberta a plica, o texto resultou ser da autoría de Gabriel Romero de Ávila Cabezón.
O xurado destacou en Odio a solidez na construción dun thriller futurista de acción trepidante. Concibido como unha sorte de novela negra distópica, a súa historia convida a lerse como unha parábola crítica da insolidariedade social na que vivimos e que, de non remediarse, rematará por levarnos a un porvir caótico de atroz capitalismo.
Escrita cunha linguaxe extremadamente plástica e cinematográfica, que incorpora códigos propios da tecnofala, esta historia suma con habelencia personaxes e circunstancias históricas aquí resemantizados, ao tempo que se abisma na lectura do posible mañá dunha cidade galega en clave de ciencia ficción.
Tamén si, o xurado quere significar e agradecer a implicación tanto da Fundación Xosé Neira Vilas coma da Editorial Galaxia e a Secretaría Xeral da Lingua, ao tempo que recoñece a alta participación no certame, ao que se achegou case unha vintena de orixinais dunha estimable calidade.
Gabriel Romero de Ávila: Madrileño de nacemento, veciño de Vigo desde o ano 2003, médico de profesión e escritor de novelas de aventuras por amor á obra de Jules Verne, Elia Barceló, Lola Robles, Emilio Salgari, Robert E. Howard ou Katsuhiro Otomo. Autor de tres novelas publicadas: Nilidiam (Editorial Universo, 2014), La reina demonio del río Isis (Editorial Trymar, 2016) e El cazador de tormentas (Los Libros del Salvaje, 2021). Responsable de diversos contacontos para adultos, colaborador da sección cultural do diario Vigo É desde 2016 e da Revista Inviable desde 2023, e membro da Sociedade Jules Verne de Vigo desde 2019. Namorado das historias, en especial das que tratan sobre viaxes, exploracións e perigos descoñecidos. Namorado de Galicia, e en concreto de Vigo, que é destino e fogar.”

Pilar García Rego: “Unha amiga díxome: ‘Nos teus libros falas de min’”

Entrevista de Samuel Pernas a Pilar García Rego en Faro de Vigo:
(…) – Faro de Vigo (FV): Desaparecer é un título moi suxestivo. A que fai referencia esta desaparición?
– Pilar García Rego (PGR): O libro fala da desaparición como un proceso de crise vital. Chega un momento no que o corpo e a mente piden desaparecer, pero tamén é un proceso de loita e de recuperación. Se un se fixa, o título ten dúas intensidades diferentes. Fala dunha caída, pero tamén dunha reaparición. Non é un libro de autoaxuda, pero si fala dese proceso de superación.
– FV: Como naceu este proxecto? Foi traballado ao longo dos anos ou escribiuno nun período concreto?
– PGR: Escribino cando xa estaba saíndo dunha depresión. Durante esa etapa quería escribir, pero non era capaz. No libro aparecen fragmentos marcados como «audios», que eran notas de voz que gravaba no móbil e que logo borrei porque eran moi duras. A obra ten unha estrutura de diario porque está baseada nesas notas, nun intento de recuperar a miña propia voz.
– FV: Ademais de este chamado proceso de recuperación, que outros temas aborda?
– PGR: Cando pasas por unha crise así, inevitablemente reflexionas sobre moitas cousas: o sentido da vida, a morte, a identidade, a dor. O libro está dedicado á miña nai e ás persoas que a rodeaban. Pero tamén é unha homenaxe a todas esas mulleres que, ao longo da historia, tiveron que ocultar a súa dor e a súa culpa, porque non o puideron expresar, pero que estaba aí. Creo que a culpa é un sentimento moi feminino, moi ligado ao papel que tradicionalmente tiveron as mulleres ao longo da historia. (…)”