Compostela: Levantémonos! Verbas feministas. Recital poético

O xoves 12 de xuño, ás 20:30 horas, na Zona C (Rúa San Domingos de Bonaval, 1) de Santiago de Compostela, terá lugar o recital poético Levantémonos! Verbas feministas, no marco da exposición Levons-Nous! O himno das mulleres. As poetas convidadas son Xiana Arias, Marta Dacosta, Rosa Enríquez, Lucía Novas e Susana Sánchez Arins.

Manuel Álvarez Torneiro: “Hai que escribir máis coa cabeza que co corazón, deixar arrefriar as cousas”

Entrevista a Manuel Álvarez Torneiro en Vivir na Coruña:
“(…) – Vivir na Coruña (VNC): Vivir na Coruña Tardaches moito en publicar -pasados os 50 anos- pero en pouco tempo fuches quen de artellar unha obra moi ampla, con moitos títulos e moi persoal…
– Manuel Álvarez Torneiro (MAT): Si que tardei, tanto que eu pensei que xa non publicaba, que quedaría todo no silencio absoluto. Pero unha cousa é escribir e outra publicar. Se non publicas parece que non traballas, escribes e metes no caixón. Cando eu comecei a publicar abrín o caixón, miraba o que valía e o que non. Non todo o que fas é bo, eu teño moito poema feito que non me atrevería a publicar. Hai que escribir máis coa cabeza que co corazón, deixar arrefriar as cousas. A min interesábame publicar por non desperdiciar o traballo que tiña feito, tiña ganas de dicir algo. Presenteime a premios de poesía como o Esquío ou os Premios de Poesía Miguel González Garcés -gañou ambos en dúas ocasións- máis que pola recompensa en metálico, porque a obra do gañador sería publicada. E así foron saíndo os libros. Non chamei ás portas de ningunha editorial. (…)
– VNC: Música e poesía adoitan ter unha relación moi íntima na túa obra, e esta non é menos…
– MAT: Para min a música é todo. A arte das artes. Pero é curioso que nunca escribo escoitando música, téñoa gravada dentro de min. Neste sentido son moi selectivo, amigo do clásico, Schubert que é un constante na miña obra, Mozart, Beethoven…
– VNC: Os teus versos son claros, abertos, pero ao tempo profundos. Cales foron as túas referencias?
– MAT: Mira, hai xente que ten a menos as influencias que ten. Paréceme unha falta de humildade tremenda. O que hai que ter é influencias boas, non malas. Eu bebín moito de Pablo Neruda, é meu mestre, el foi quen me destetou e mostrou o que era a poesía. Tamén de César Vallejo aprendín moitísimo. Non podemos esquecer tampouco os clásicos, non se pode saltar o baleiro sen máis, deles aprendín a expresión, a medida do verso, a profundidade, a transcendencia que pode ter un poema… A xeración poética do 27 foi magnífica. Todos estes autores chegábanme porque falaban do meu tempo, do meu entorno e da realidade que eu vivía. (…)”

Xosé Ballesteros: “Os libros para nenos están tan ideoloxizados coma calquera outro produto cultural”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Xosé Ballesteros en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Nunha entrevista en Biosbardia, Moisés Barcia explicaba que o libro para nenos, como obxecto, está menos ideoloxizado, que a xente o compra sen preconceptos, que nin tan sequera importa que o cativo sexa ou non lector. Que opina deste comentario?
– Xosé Ballesteros (XB): Os libros para nenos están tan ideoloxizados coma calquera outro produto cultural. Como exemplo, a enorme oferta que existe no mercado de literatura-lixo para os máis pequenos, convertidos en consumidores de propostas ñoñas, edulcoradas, que non cumpren os mínimos estándares de calidade. Vivimos baixo o imperio da concentración editorial que está ao servizo dos grandes monopolios mass-media. Kalandraka forma parte dun pequeno número de editoriais independentes que traballan a prol da formación dos bos lectores de hoxe para que cheguen a ser os bos lectores do futuro. (…)
– B: Outra ponla moi importante do proxecto foi o cómic. A banda deseñada en galego apenas consegue a normalidade. Vostede ten pensadas as causas desta “lentitude” a respecto doutras propostas editoriais?
– XB: É outro exemplo do minguado que é o mercado do libro galego, e máis aínda para este xénero en concreto, a pesar da enorme calidade e do recoñecemento internacional conseguido polos autores e ilustradores galegos: Miguelanxo Prado, David Rubín… Agardamos que os proxectos editorias que existen no país sexan quen de manterse. (…)
– B: É obvio que a industria cultural galega está a vivir horas moi baixas. Desde a súa experiencia, que pasos se deberían dar para evitar aínda máis a súa degradación?
– XB: Mentres non haxa un cambio de política cultural non haberá ningunha posibilidade efectiva de mellora. O problema é que os actuais responsables políticos negan que esteamos en caída libre en todos os sectores que conformamos a cultura galega. Mais a realidade é que a nosa cultura está enferma e cómpre sandala para que poida ter futuro. Cómpre asumir a situación cunha diagnose obxectiva para deseñar políticas de futuro, porque non abonda con vender fume.
Poñer en marcha a Lei do Libro, aplicar unha política de xestión bibliotecaria integral e impulsar medidas de choque para a recuperación do uso da lingua en todos os ámbitos da sociedade son medidas imprescindibles para acometer ese cambio dun xeito decidido. Se a nosa lingua se fala menos, será cada vez menor o número de lectores e, por conseguinte, a oferta cultural empobrecerase de forma galopante até extremos de extinción.
As compras de libros publicados en lingua galega por parte das institucións veñen sufrindo recorte tras recorte. De aí que moitos títulos publicados nestes últimos anos xa non se poidan ofertar nas bibliotecas públicas; o mesmo ocorre coas axudas á tradución. Hoxe por hoxe unha editorial galega non pode vivir do “amparo institucional”.
Aínda así, existen colaboracións positivas en proxectos concretos. (…)”

Ferrol: presentación da edición facsimilar do Conto galego de Rosalía de Castro

O mércores 11 de xuño, ás 19:30 horas, no salón de actos do Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena, 202-204) de Ferrol, preséntase a edición facsímil do Conto galego, de Rosalía de Castro, publicada pola Asociación Cultural Eira Vella de Betanzos, estando a cargo de Xesús Torres Regueiro. No acto, presentado por Eliseo Fernández, participa, xunto ao editor, Xosé María Dobarro.

Propostas con premio: Dende o conflito, de María Reimóndez, premio Xerais de Novela 2014

Entrevista de Ramón Nicolás a María Reimóndez en Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Manifestou que esta novela [Dende o conflito] forma parte dun proxecto de textos literarios relacionados entre si. Con que finalidade?
– María Reimóndez (MR): Coa finalidade de desafiarme e polo tanto de divertirme, e con algo de sorte compartir ese desafío e diversión con outras persoas. Quería facer un pequeno universo de textos onde as lectoras tivesen a posibilidade de coñecer as persoas dende diferentes ópticas. Personaxes secundarias ou mesmo moi tanxencias nunha novela cobran vida noutra. Quen lea todo o conxunto comprenderá as motivacións, os feitos e as circunstancias de cada unha cunha tremenda complexidade.
– RN: Dende o conflito percorre, ao que parece, outros camiños diferentes aos que xa tripou na súa obra narrativa, poética ou ensaística anterior…
– MR: Eu creo que percorre camiños xa coñecidos pero dende unha historia diferente. Gústame que cada novela sexa un mundo distinto, dende a forma de narrar ata as características das propias tramas. Dende o conflito, por exemplo, é unha novela moito máis lineal ca En vías de extinción e aínda que si ten un carácter algo fragmentario e mestura diferentes tipos de textos, a trama vaise movendo no tempo dunha forma máis ou menos cronolóxica. En vías… é o antagónico a isto. (…)
– RN: Nesta novela é tamén central esa idea de dar voz a quen non a ten ou non pode tela?
– MR: É unha idea central no sentido crítico, no sentido da responsabilidade de ter que representar as circunstancias de vida doutras persoas. A novela parte precisamente disto que eu considero unha falacia, «dar voz ás outras» como un acto de xenerosidade do suxeito hexemónico occidental para entender que só abrindo espazos para que a outra, múltiple e diversa fale por si mesma, cumpriremos un papel verdadeiramente significativo na transformación das desigualdades, da violencia e da guerra. (…)”