Concellos que acordaron celebrar o Día de Rosalía de Castro (V)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega agradece o compromiso das corporacións provinciais e municipais que acordaron nos seus plenos celebrar o Día de Rosalía de Castro:

Concello de Pontevedra.
Concello de Porto do Son.
Concello de Redondela.

Gravacións das II Xornadas de Literatura e Ensino: Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá (IV)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO), celebrou os días 9 de 10 de novembro de 2012 a segunda edición das Xornadas de Literatura e Ensino que, co lema Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá abordou os seguintes obxectivos:
– A posta en valor do Club de Lectura como formato plenamente vixente para o fomento da lectura e da escritura creativa, así como para a normalización lingüística e o achegamento á lingua e literatura portuguesa.
– A revisión dos parámetros metodolóxicos actuais para a didáctica de contidos de xéneros tradicionais, con especial incidencia no poético e mais na literatura infanto-xuvenil, explorando o seu potencial normalizador coa axuda das novas tecnoloxías aplicadas á creación e á difusión.
– Temas de especial interese para o profesorado -os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura, as estratexias de sedución que faciliten a descuberta e o achegamento á literatura por parte do público infanto-xuvenil, tamén no sentido da estimulación da escrita creativa- tamén terá espazo nas xornadas.
Reproducimos nesta Axenda os vídeos onde se recollen as participacións nas Xornadas. Pódense consultar todos aquí.

Coloquio da mesa redonda: Eu son do Club de Lectura, e ti?

Gondomar: sesión de Espazo Lectura con Xosé Henrique Rivadulla Corcón

O sábado 16 de febreiro, ás 12:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, Espazo Lectura celebra a sesión mensual do club de lectura compartida Lendo Contigo. O libro proposto para que os nenos e nenas lesen coas súas familias durante este mes foi O elefante dunha soa orella, do escritor coruñés Xosé Henrique Rivadulla Corcón. O autor estará na biblioteca para conversar sobre a súa obra cos nenos e nenas que participen. A asistencia á actividade é gratuíta.

Vigo: celebración do Centenario de Francisco Fernández del Riego

O sábado 16 de febreiro, na Alameda de Compostela, de Vigo (fronte á estatua de Méndez Núñez), ás 12:30 horas, terá lugar un acto público polo Centenario de Francisco Fernández del Riego, onde intervirán diversas personalidades e o grupo musical A Roda. A Federación Colombófila Galega ceibará 100 pombas mensaxeiras. O acto está organizado pola Fundación Lois Peña Novo.

Alborada para Rosalía de Castro

Desde a Asociación de Gaiteiros Galegos:
“Prezad@s amig@s:
Este ano cúmprese o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos por Rosalía de Castro. Dende a Fundación Rosalía, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo estanse a organizar distintos actos para conmemorar os cento cincuenta anos desta obra única. Logo de que a Real Academia Galega se puxese en contacto coa Asociación de Gaiteiros Galegos para a organización dunha destas actividades, a AGG decidiu unirse a estas entidades para promover a Alborada para Rosalía, un acto no que se homenaxeará a Rosalía de Castro, unha das meirandes escritoras en lingua galega.
Na vindeira mañá do domingo 24 de febreiro, aniversario do nacemento da escritora, animamos a que todos os grupos de música tradicional e gaiteir@s que o desexen, saian ás rúas, camiños, prazas, lugares simbólicos…, para botar unha peza na honra da poeta, podendo espallar unha octavilla cun manifesto, que explica o motivo e razón da iniciativa.
Para poder amosar a todos os grupos participantes, e ver así o que ocorre nos distintos lugares de Galicia, os grupos e/ou persoas que participen gravarán a interpretación dunha peza (a elexir por cada grupo) e subirán o video a unha canle de Youtube na mesma mañá do domingo (A gravación podería ser co teléfono, ou con cámara de video, ou incluso se non se pode facer gravación se poderían enviar fotografías – as instrucións para subir o video poderanse consultar na web da Fundación Rosalía de Castro).
A partir deste material, iriamos dando conta do recibido, de xeito que dende o mesmo día poidamos ver o que ocorreu en todo o pais. Animámosvos a participar e a difundir esta actividade para conseguir que non quede ningún recuncho de terra sen o son das nosas gaitas en honor á Rosalía. Agradecemos a tod@s os participantes que nos indiquedes a través do correo secretaria@gaiteirosgalegos.com ou dos tlfs. 982229966 / 986847074 o lugar e a hora na que ides a interpretar a peza.
Que todos saiban que hoxe a gaita galega non chora, que canta…