Vilalba: presentación de O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz

O venres 14 de decembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura (Praza Suso Gaioso, 1) de Vilalba, preséntase o libro O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz, publicado por Xerais. O acto, organizado polo Instituto de Estudos Chairegos e Xerais, conta coa participación de Manuel Castro Santamariña, Isabel Soto, Manuel Bragado e o autor.

Ourense: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O venres 14 de decembro, ás 20:00 horas, no Salón Noble do Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5), preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto participarán Luís Manuel García Mañá, Xosé M. Núñez Seixas (LMU, Múnich), que intervirá a través de skype, Fran Alonso e o autor. Haberá acompañamento musical de José Luis Fernández Carnicero.

A Coruña: presentación de O peizoque Roque, de Dores Tembrás

O venres 14 de decembro, ás 18:30 horas, na Biblioteca Infantil e Xuvenil (Rúa Durán Loriga, 10) da Coruña, preséntase O peizoque Roque, de Dores Tembrás, publicado en Galaxia. No acto, xunto á autora, participa o ilustrador do libro, Xosé Tomás.

Todo é silencio, de Manuel Rivas, publicada en inglés

“A novela Todo é silencio de Manuel Rivas xa está traducida ao inglés e editada por Harvill Secker, que forma parte de Vintage Publishing, o selo onde o autor galego adoita publicar en Gran Bretaña, ambos os dous propiedade de Random House. (…)” Desde Xerais.

Presentación do número 72 da Revista Galega de Teatro en Vigo, e de Casa O’Rei, de Santiago Cortegoso, en Moaña

O venres 14 de decembro, ás 19:00 horas, na Casa Galega da Cultura de Vigo (Praza da Princesa, 2), preséntase o número 72 da Revista Galega de Teatro, correspondente ao número de outono. O acto contará coa lectura dramatizada da obra Ritos de sangue, de María Xosé Queizán e coa presenza da propia autora. A Revista Galega de Teatro é unha publicación editada pola Asociación Cultural Entre Bambalinas, de carácter trimestral e adicada á difusión das artes escénicas. Xunto coas seccións habituais da revista que van desde a crítica teatral, á crónica de festivais, pasando por entrevistas de actualidade e artigos en profundidade sobre problemáticas do ámbito escénico, a RGT inclúe en cada un dos seus números unha peza teatral. Nesta ocasión, a peza escollida foi Ritos de sangue que será presentada da man da súa propia autora, acompañada na lectura por Afonso Becerra, Mónica Bar e Ledicia Costas.
O mesmo día, ás 21:00 horas, na Biblioteca de Quintela de Moaña, a RGT organiza en colaboración coa Lonxa Literaria de Moaña unha tertulia co dramaturgo Santiago Cortegoso arredor da súa obra Casa O’Rei, publicada por Morgante, da que tamén se realizará unha lectura dramatizada de varias escenas.

A saga de Iacobsland, de Marcos Abalde, gaña a Bienal de Teatro Romaría Vikinga de Catoira

Desde Fervenzas Literarias:
“O xurado do Premio Bienal de Teatro Romaría Vikinga seleccionou a obra A saga de Iacobsland, de Marcos Abalde Covelo, como a mellor das presentadas ó certame.
Das obras presentadas, unha delas foi descartada polo xurado por ser entregada fóra de prazo. Na acta arguméntase que se selecciona como gañadora a obra A saga de Iacobsland, pertencente ao pseudónimo “Brunilda”, tendo en conta o carácter innovador deste texto, que combina unha escrita poética cunha boa plasticidade e que se axusta ás necesidades do espazo e de reparto para a súa posta en escena. Respecto á base 16 do concurso, na que se alude ó carácter bienal do premio e a posibilidade de elixir as obras a representar nos anos 2013 e 2014, acórdase declarar deserto o premio do ano 2014, ó non reunir as outras obras as condicións artísticas e de calidade suficientes. A saga de Iacobsland será representada Escola Municipal de Teatro nas Torres do Oeste no marco da tradicional Romaría vikinga do vindeiro ano. (…)”.

Santiago: presentación e recital de Versus

O xoves 13 de decembro, ás 20:00 horas, no Centro Sociocultural das Fontiñas, en Santiago, preséntase a escolma poética Versus, con presentación do poeta bergantiñán Óscar de Souto e recitación en directo de parte dos outros autores do libro (Antón Borrazás e Miguel Queipo), actuación poético-musical a cargo do grupo Versus e sinatura de libros ao finalizar o acto.

A Coruña: presentación de As estrambóticas viaxes de Gulliver, de Pinto & Chinto

O venres 14 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Cascanueces, preséntase As estrambóticas viaxes de Gulliver, de Pinto & Chinto, unha das primeiras novidades da editorial Bululú. O acto contará coas intervencións de Pablo Zaera, Nacho Alonso e dos autores. Desde Fervenzas Literarias.