Basilio Losada: “Vivín sempre no exilio soñando unha Galicia ideal”

Entrevista a Basilio Losada en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Que supón este premio?
– Basilio Losada (BL): Sorprendeume, pero supoño que se debe a que levo toda unha vida de servizo a Galicia e aos galegos. Recibín moitas fórmulas de recoñecemento desde Galicia polo meu labor de defensa da lingua, e dei centos de conferencias por toda España, fundamentalmente, por Cataluña.
– LVG: Cando comezou o seu traballo en defensa da lingua?
– BL: Aos 5 anos xa estaba fóra de Galicia. Meu pai atopou traballo en Madrid e eu pasei de vivir no paraíso a facelo nunha cidade inhóspita, brutal, cunha lingua que non coñecía. Así foi como sufrín ese complexo de inferioridade, ao falar unha lingua que ninguén coñecía nin estaba recoñecida. Cando fun á universidade foi cando o meu sentimento de Galicia se converteu nunha consciencia de Galicia e vontade de servizo, así que decidín dedicar a miña vida ao país, e convencer á xente, sobre todo aos emigrantes que chegaban cunha maleta e unha caixa de zapatos cun queixo, que falar galego non é falar mal, é falar ben, como outras tantas formas de falar ben.
– LVG: Como ve a situación da lingua na actualidade?
– BL: Actualmente, xa se eliminou o complexo de inferioridade, antes ríanse de nós por falar galego. O cultivo do galego avanzou moito e os mozos non teñen ese complexo esterilizador. Agora o reto é integrar a lingua galega na vida común de todos porque é unha herdanza. Antes o 90?% da xente do campo falaba galego e intentaba ocultar a súa realidade expresiva. Eu sufrino tamén, moito, e por iso tamén aprendín moi ben o castelán, e vivín sempre no exilio soñando unha Galicia ideal. Temos que lembrar que a gran creación ao longo de mil anos de historia foi construír a nosa lingua, e sería horrible que se perdese. A xeración que o permitise sería culpable ante a historia. (…)”

Fene: entrega do XXX Premio de Novela Longa Blanco Amor

O sábado 1 de decembro, a partir das 21:00 horas, no local da S. C. R. D. Agarimo (Rúa Mestre Lois Rodríguez Calvo, 1-3) de Sillobre (Fene), terá lugar o acto de entrega do XXX Premio de Novela Longa Blanco Amor, organizado este ano polo Concello de Fene. Neste acto, que se celebrará no local da SCRD Agarimo de Sillobre o vindeiro sábado a partir das nove da noite, darase a coñecer ao gañador ou gañadora do certame, elixido entre os autores das dúas novelas finalistas: Dióxenes en Dolorida e Tara.
Entre as persoalidades que asistirán á gala salientan o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, representantes da Deputación da Coruña, alcaldes dos Concellos patrocinadores, gañadores de anteriores edicións do Premio e representantes do movemento asociativo fenés e do mundo da cultura. O acto contará coa actuación do grupo de jazz Cool Hamnsters.

Pontevedra: actos literarios no Culturgal para o venres 30 de novembro

A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2012, comeza este venres 30 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 16:30 a 21:30 h., e con entrada libre até completar capacidade. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2012, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para o seu primeiro día:

Venres, 30 de novembro
– 11:30 e 12:30 h. Conversa con Marcos Calveiro. Con centros educativos. NO SALÓN.
– 17:00 h. Aurora Marco: María Teresa Alvajar López. Memorias dunha republicana. NO SALÓN.
– 17:30 h. María López Sández: A forma das nubes, publicada en Galaxia. Premio Repsol de Narrativa Breve. NO SALÓN.
– 18:00 h. Ramón Caride: Sarou/Louzós, publicado en Xerais. A crónica de sucesos na literatura, no xornalismo e na fotografía. NO SALÓN.
– 18:30 h. Lorena López Cobas: Historia da música en Galicia. NO SALÓN.
– 19:30 h. Gustavo Pernas Cora: Tres Logomonos: Colgados, Pisados, Snakizados, publicado en Laiovento. Dándolle a volta aos monólogos. NO SALÓN.
– 20:00 h. Conversa de Alberto Ramos con Ignacio Escolar, Xosé Monteagudo e Rexina Vega. NO SALÓN.

Dés-CONCERTO EXPANSIVO, o 1 de decembro

Aquí pode consultarse o programa completo de actuacións.

A día de hoxe, xoves 29 de novembro, están confirmados os seguintes espazos:
– Pousada das Ánimas. Boiro.
– Baba Bar. A Coruña.
– A Repichoca. A Coruña.
– Bar Sursum Corda. Corrubedo.
– Bar Cazadores. Ferrol.
– Pub D´Antón Rock Café. A Laracha.
– Pub Gatos. Melide.
– Museo do Mar. Muros.
– Pasarrúas performático. Porto do Son.
– Asociación Flor de Toxo. Ribeira.
– Café Rock Atlántico. Santiago.
– Casa das Crechas. Santiago.
– Café Bar El Puente. Santiago.
– Discoteca Sarela. Santiago.
– A Regadeira de Adela. Santiago.
– C. S. Gentalha do Pichel. Santiago.
– Taller de creación A Travesa. Santiago.
– A Terraza do Nuadé. Sigüeiro.

– Praza de Abastos. Burela.
– Festival Rir por non chorar. Lugo.

– Auditorio Municipal do Carballiño.
– Café Cultural Auriense. Ourense.

– Auditorio Illa de Arousa.
– Con do Moucho. Illa de Arousa.
– Restaurante Con do Sol. Illa de Arousa.
– Local Social “A Tiradoura”. Cangas.
– CSA O Fresco. Ponte Areas.
– Culturgal. Pontevedra.
– Magosto do Viso. Redondela.
– A Artística. Vigo.
– Teatro Ensalle. Vigo.

– Liet Internacional 2012. Xixón.
– Ateneu Popular Nou Barris. Barcelona.
– Praza Islandia de Maó. Menorca.

Pere Tobaruela: “Propoño un debate arredor do mundo da edición”

Entrevista a Pere Tobaruela en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿De onde xurde a idea da novela por entregas [Sempre perden os mesmos]?
– Pere Tobaruela (PT): Dunha reflexión sobre o momento da literatura galega. Custa que público en xeral merque narrativa para adultos. Quitando un par de excepcións, como poden ser Os fillos do mar ou os premios Xerais, non é doado que un libro en galego pase da primeira edición. Penso que hai algo que non funciona ben, e é unha crítica que estendo a min mesmo. Non conseguimos enganchar co lector ou ben o público non está afeito a ler en galego. Así que decidín saír pola tanxente: aquí non hai a escusa do prezo, trátase dunha novela por entregas, de balde, que segue a idea decimonónica que xa usaban algunhas revistas en Inglaterra.
– LVG: E funciona?
– PT: Fíxeno máis por intuición que por convencemento. O día 23 saíu o primeiro capítulo e, cada venres, engadirei un novo, así durante doce semanas. O contador que inclúe o blog xa leva máis de mil visitas, iso dá idea de que está a ter boa resposta, é unha iniciativa que esperta curiosidade.
– LVG: E economicamente resulta?
– PT: Non é unha ruína. Eu estou vendendo a marca, a Pere Tobaruela. Evidentemente, as miradas curtopracistas poden pensar que non saco rendemento económico, pero quen sabe, nun futuro (…)”

Betanzos: presentación de Cando Artur non era rei, de Xabier López

O venres 30 de novembro, ás 20:30 horas, na Sala Azul do Edificio Liceo de Betanzos, preséntase a última obra de Xabier López, Cando Artur non era rei, publicada en Galaxia. No acto acompañan ao autor Gabriela Rodríguez, presidenta da A. C. Eira Vella, e Francisco Castro.