Outes: presentacións de Iria, de Anxo Angueira, e Tonas de laranxa

O venres 30 de novembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Concello de Oures (Avenida de San Campio, 1), a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, Edicións Xerais, e o Concello de Outes convidan á presentación das obras Tonas de laranxa, Premio Xerais 2012, de Manuel Lorenzo Baleirón e María Lorenzo Miguéns; Iria, de Anxo Angueira e o terceiro recompilatorio de A Voz de Barbantia. No acto estarán presentes, xunto aos autores, Manuel Cartea, Ramón Ares e Carlos E. López Crespo.

A Coruña: presentación de Versus

O xoves 29 de novembro, ás 19:30 horas, na FNAC (Praza de Lugo) da Coruña, preséntase a escolma poética Versus, con presentación do poeta bergantiñán Óscar de Souto e recitación en directo dos outros autores do libro (Antón Borrazás, Miguel Queipo, Hugo Álvarez e Manuel G. Pombo), actuación poético-musical a cargo do grupo Versus e sinatura de libros ao finalizar o acto.

Doce editoras galegas na Feira do Libro de Guadalajara, México

“Doce editores galegos amosarán as súas novidades editoriais na FIL, a Feira do Libro de Guadalaxara, México. A relación de editorias componse das seguintes empresas: Editorial Linteo, Editorial Ideas Propias, Kalandraka Editora, Biblos Clube de Lectores, Ediciones del Viento, Alvarellos Editora, OQO Editora, Everest Galicia, Editorial El Patito, Editorial Galaxia, Edicións Xerais de Galicia e MCSport. A Asociación Galega de Editores e a Consellería de Cultura participan con stand dende o ano 2008. (…) A edición deste ano non contará coa presenza de creadores e de representación institucional. A AGE conta cunha axenda de traballo propia destinada á promoción comercial da produción galega.” Desde a Asociación Galega de Editores.

Manel Cráneo presenta A Torre dos Mouros

“Unha banda deseñada que amosa as primeiras interpretacións sobre como era a vida na fortaleza da Torre dos Mouros, en Carnota. Esta é a proposta que fai Manel Cráneo na obra A Torre dos Mouros, publicada por Demo Editorial. Estas son as datas das súas presentacións:
– Venres 30 de novembro, ás 19:30 horas, no Salón de Actos do Concello de Carnota.
– Xoves 13 de decembro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela.
– Venres 14 de decembro, ás 20:00 horas, no Pub Dublín (Rúa Panaderas) da Coruña, con exposición de orixinais do cómic.”

Rianxo: Residencia de escritores de Axóuxere (30 días entre febreiro e abril de 2013)

“A autora ou escritor interesados deberán enviar, antes do 31 de decembro de 2012, unha proposta co traballo que queren desenvolver durante 30 días entre febreiro e abril de 2013 en Xens, Leiro, Rianxo, onde a editora Axóuxere ten a súa residencia de escritores. A cambio da estadía, totalmente gratuíta, a escritora ou autor escollidos deberán dar un obradoiro literario no municipio e entregar algún material publicable do proxecto. Axóuxere xa vai pola súa cuarta experiencia con este chamamento. Antes estiveron a poetisa canaria Irena La Sen, o galego-islandés Elías Portela e a luguesa Nerea Pallares.” Desde Certo.
Pódese descargar toda a información aquí.

Santiago: presentación de Os lonxes do solpor, de Manuel María

O xoves 29 de novembro, ás 19:00 horas, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, preséntase o libro+CD+DVD Os lonxes do solpor, de Manuel María, publicado pola Fundación do autor chairego. No acto participan Uxía e Sergio Tannus.

Centenario de Francisco Fernández del Riego

Texto enviado desde a Fundación Penzol:

Decir que eres
alma e espírito
corazón do país
e home de palabra
que si dices “Galicia”
e que a Terra alenta en toda parte
e a túa man traballa

(Xaime Isla)

O 26 de novembro do 2012 cúmprense dous anos do falecemento de Francisco Fernández del Riego, o noso sobranceiro intelectual e galeguista. Dende a Fundación Penzol, ademais de lembrar con señardade esta data xa referencial do seu cabodano, queremos facer partícipe a toda Galicia de que o 7 de xaneiro do vindeiro 2013 cumpriranse tamén cen anos do seu nacemento.
Estamos, pois, ás portas do Ano do seu Centenario. Efeméride que cómpre recordar e conmemorar como tal insigne e exemplar protagonista merece. Con tal motivo, facemos un chamamento a todas as entidades, institucións e colectivos galegos do mundo da política, da cultura e mais da educación, así como aos medios de comunicación, tanto públicos coma privados, e á cidadanía galega en xeral para que se sumen a esta conmemoración organizando e promovendo ao longo do ano, cada quen na medida dos seus medios e  posibilidades, homenaxes e outras actividades diversas nas que se difunda a fecunda vida e obra do excelso persoeiro.
Actos ou eventos que sen dúbida, de levárense a cabo, axudarán a dimensionar e por en valor a súa inquebrantable e leal entrega e compromiso co país e coa nosa cultura, dende os seus anos de mozo universitario compostelán ata o remate da súa lonxeva vida, case centenaria. Amplitude de chamamento xustificado, entre outros coñecidos e notorios méritos de Del Riego, polo seu talante de home aberto, cordial e dialogante. Home vertebrador, home de encontros, sempre alentador e cunha actitude nomeadamente construtiva, tal que din os versos de Isla Couto, e que fan del un dos grandes valedores da cultura de nós.
Dende a Fundación Penzol, centro do que foi director e alma mater dende a súa inauguración no ano 1963 ata o recente 2010, estamos a artellar e ultimar un calendario de actividades e recoñecementos varios. Proxectos pendentes, os máis deles, para a súa realización e desenvolvemento da aprobación ou confirmación das necesarias e inevitables subvencións por parte das distintas administracións e organismos contactados. Actividades que nos gustaría facer públicas, e algunha mesmo presentar, co comezo do novo ano, que propoñemos proclamar dende xa Ano Fernández del Riego.”

A Coruña: presentación de En vías de extinción, de María Reimóndez

O xoves 29 de novembro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal Ágora (Rúa Ágora, s/n.) da Coruña, preséntase o libro En vías de extinción, de María Reimóndez, publicado en Xerais. No acto participan, xunto á autora, María Xosé Silvar “Sés” e Fran Alonso.