Kalandraka leva o Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial

“A editora pontevedresa Kalandraka acaba de ser recoñecida co Premio Nacional ao Mellor Labor editorial, que convoca anualmente o Ministerio de Cultura. O xurado do galardón destacou “o compromiso coa literatura infantil, destacando o cuidado dos textos, xunto coa calidade da ilustración e a dedicación a xéneros máis complexos como a poesía”, e sinalou que “é por isto, un referente en España e no estranxeiro”. O galardón, sen dotación económica, pretende “distinguir o conxunto do labor editorial dunha persoa física ou xurídica que destacase pola súa aportación sobresaínte e innovadora á vida cultural española”. É a primeira vez que unha firma galega se fai con este galardón, que xa recibiron en anos anteriores firmas tan consolidadas no panorama estatal como Siruela, Gredos, Alianza ou Visor, entre moitas outras. Segundo recoñece Xosé Ballesteros, director da editora, “sendo sincero non sabía nin que se reunía hoxe o xurado, a chamada pilloume totalmente de improviso”. No entanto, sinala que “estamos moi contentos por varias razóns, a primeira polo premio en si. Considerámolo como o recoñecemento a un labor colectivo, non só dos que traballamos na editora senón tamén dos autores e ilustradores do noso catálogo e tamén da xente da imprenta. Resulta unha satisfacción saber que os libros galegos son recoñecidos noutros lugares. Tamén é unha alegría que o premio recaia nunha editora galega, porque sempre semella que estamos na periferia da edición. E logo, é unha satisfacción porque é a primeira vez que o galardón vai a unha editora de literatura infantil e xuvenil”.” Desde Cultura Galega.

Pegada de tradución

“As versións en galego de obras doutras literaturas e, ao revés, as traducións internacionais feitas desde a nosa lingua non deixan de medrar. A tradución revélase como un fenómeno cunha importancia crecente na configuración do noso sistema literario. A coincidir coa celebración do Día Internacional da Tradución, repasamos as cifras deste fenómeno da man da Biblioteca da Tradución Galega da Universidade de Vigo. Unha porcentaxe cada vez maior de obras literarias están dispoñibles en galego. Desde o comezo do período autonómico rexístrase nada menos que o 95% das traducións que existen cara á nosa a lingua e desde a mesma. O ámbito ten cada vez máis importancia na configuración do noso sistema literario, tanto á hora de definir un canon (mediante o recoñecemento exterior dunha obra) como ao permitir o contacto dos nosos autores con outras letras. Por non falar do feito de que obriga aos nosos autores a competir, na súa propia lingua, con traballos recoñecidos de xeito internacional. A analizar este fenómeno, a Biblioteca da Tradución Galega da Universidade de Vigo (BITRAGA) leva un exhaustivo reconto que permite cuantificar o volume de obras e ollar as tendencias do fenómeno. A coincidir co Día Mundial da Tradución, presentan a monografía Traducción de una cultura emergente, un traballo que repasa os grandes números das bases de datos desta investigación nunha serie de artigos de Áurea Fernández Rodríguez, Iolanda Galanes Santos, Ana Luna Alonso e Silvia Montero Küpper.
Unha das tendencias que máis caracterizan a evolución do fenómeno das traducións nos últimos trinta anos é o crecente peso, desde os anos 90, das obras de tradución inversa, é dicir, as que desde o galego pasan a outras linguas. En total este fluxo supón un 33,61% de todas as obras traducidas desde e para a nosa lingua. “A importancia da tradución non é unha anécdota, trátase dunha realidade asentada, e estas cifras supoñen unha afirmación do noso sistema literario”, asevera Ana Luna, unha das responsables da BITRAGA. (…)” Desde Cultura Galega.

Samuel Solleiro: “Trato de ser feliz, aínda que escriba cousas chungas”

Entrevista a Samuel Solleiro en Dioivo:
“(…) – Dioivo (D): Quen é Samuel Solleiro, o suicida, o ultradereitista, o compañeiro de piso, o desempregado de longa duración ou un profesor fóra do seu rexistro lingüístico?
– Samuel Solleiro (SaS): Todos somos moitas persoas á vez, non? Hai unha escola sociolóxica que mesmo di que só somos as relacións que mantemos, que non temos unha identidade que interaccione con outras identidades, senón que as interaccións constrúen a identidade. Das cousas que mencionas, as dúas primeiras pertencen exclusivamente á ficción, as dúas seguintes pertencen tanto á ficción como á realidade e a última só pertence á realidade: unha breve realidade remunerada co salario mínimo á que lle restan uns poucos meses, por outra parte.
– D: Gran tiburón branco está cheo de sarcasmo ao meu entender, é un exercicio de autodefensa?
– SaS: Pois eu así, a bote pronto, e a falta de algún exemplo que o demostre, non vexo sarcasmo ningún. Tampouco autodefensa. Non creo que unha ficción literaria teña a capacidade de defender nada nin ninguén, moito menos o seu autor. Oxalá a tivese, pero creo que iso sería sobrevalorala. (…)”.

A Coruña: programación de Recendo, en CUAC FM

O martes 9 de outubro, no programa de radio Recendo da A. C. Alexandre Bóveda, estará convidada Lucía Aldao, entre outros apartados. O programa, que se emite todos os martes de 19:00 a 20:00 horas, pódese escoitar no 103.4 FM na comarca da Coruña, e en directo en internet, na web da emisora, pulsando o botón En directo. En diferido, pódense escoitar todos os programas xa emitidos, en Recendo blog.

Vigo: obradoiro sobre xornalismo As persoas elegantes usan Polaroids, impartido por Santiago Jaureguízar

“Vivimos inmersos en ámbitos informativos en cada minuto das nosas vidas. As noticias, dende as máis íntimas ás máis afastadas, determinan as nosas vidas. O obradoiro As persoas elegantes usan polaroids, que impartirá Santiago Jaureguizar e ao que se pode asistir de balde, axudaranos a comprender os mecanismos que usan os profesionais para conformar e transmitir as noticias. O curso vai dirixido a calquera persoa interesada na comunicación sen precisar de experiencia ou formación previas. Pode atraer especialmente a estudantes, tanto de Xornalismo como de Comunicación Audiovisual, e mesmo de Arte, filoloxías, Historia, Filosofía, etc. O enfoque evitará o academicismo e será práctico, partindo de exemplos dos mestres para traballar dende o primeiro con simulacións e análises. Jaureguizar achegará a experiencia de levar 20 anos como profesional de medios de comunicación e 16 impartindo obradoiros de periodismo e literatura. A participación neste curso, promovido por El Corte Inglés e Xestión Literaria, está limitada a 20 prazas.
Para apuntarse, pode facer no teléfono 986.41.51.11 (Departamento de Relacións Externas de El Corte Inglés de Vigo), ou no correo electrónico secretariadireccionvigo@elcorteingles.es”

Parlamento das Letras: Arturo Casas

Entrevista de Armando Requeixo a Arturo Casas no seu blogue, Criticalia:
“- Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Arturo Casas (AC): Sóbralle preguiza intelectual e certa tendencia ecoica. Falta sentido crítico e autocrítico. Como en todas partes. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– AC: O presente literario, cultural e artístico galego é prodixioso. Son dos que subscriben o xuízo de que, en termos sociolóxico-culturais, resulta difícil explicar que a situación persista así dadas as condicións sociopolíticas e económicas que o país experimenta e o rumbo xeral do consumo cultural no mundo. Existe un desaxuste obvio entre a Galiza actual e a Galiza posíbel, a que resiste na vontade dunha minoría culta, informada e politicamente consciente de algo tan sinxelo como que o futuro hai que pelexalo. No primordial, porque existen contraforzas que asumen un programa político dirixido a anular o que tanto esforzo levou erguer, desde unha industria cultural autónoma ao propio progreso na normalización lingüística; pero tamén porque a resposta a todo isto é insuficientemente intelixente e eficaz. (…)”

Santiago: recital Picaversos, Prohibidos

O martes 9 de outubro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Prohibidos, coa participación de Rosa Enríquez, Ania González e García, de Dios ke te Crew. A entrada custa 2 euros.

Andrés Torres Queiruga: “O Deus no que creo non busca o noso sacrificio, senón a nosa felicidade”

Entrevista a Andrés Torres Queiruga en La Voz de Galicia, desde Galaxia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Alguén así é o Deus en quen eu creo, ¿alguén como?
– Andrés Torres Queiruga (ATQ): O título ocorréuseme precisamente unha noite, nese proceso despois da nota dos bispos, pensando como podo dicir eu, como o podo expresar, cal é a miña visión de Deus.
– LVG: ¿E cal é esa visión de Deus?
– ATQ: Primeiro Deus como alegría, como salvación. Ese foi o meu descubrimento de Deus e a miña liberación do medo que, como a tantos, me meteron del cando era un neno. Despois destaco dúas metáforas, unha de Schelling, que di «Deus est res cunctas», un disparate en latín, porque debería dicir «Deus est res cunctae». Intenta suxerir, rompendo a sintaxe, que, creándonos por amor, fainos ser identificándose dalgún modo con nós: canto máis o acollemos, máis somos. Tamén fago referencia a unha frase dun escritor romano, Plinio o Vello, que dixo: «Deus est mortali iuvare mortalem»: Deus é, Deus acontece, cando un mortal que axuda a outro mortal. Coincide co fío de ouro da Biblia, desde os profetas ata Xesús: o criterio definitivo do verdadeiro coñecemento de Deus está na preocupación polo orfo, polo estranxeiro e pola viúva, dicían os profetas; ten fe quen dá de comer ao famento, sentenciou Xesucristo tamén. O noso mal e noso sufrimento son a gran preocupación de Deus. El é o anti-mal, sempre connosco contra o mal. Deus non está na enfermidade: está no enfermo, animándoo, e nos que o coidan, chamándoos e apoiándoos. Non busca o noso sacrificio, senón a nosa felicidade para nós e para os demais. (…)”.

Falece Blanca Jiménez Alonso, viúva de Fermín Penzol

“O pasado sábado despedímola familiares e amigos no cemiterio compostelán de Boisaca. As súas cinzas quedarán depositadas no cemiterio parroquial da vila de Castropol, a carón das do seu esposo Fermín Penzol Labandera (1901-1981). Un e outra foron a alma da Fundación que leva o seu nome, creada en 1963 na órbita de Editorial Galaxia. fondo histórico fundamental para a memoria do galeguismo e da cultura galega. (…)
Blanca Jiménez Alonso (Ribadeo, 1926) casou con Fermín Penzol en decembro de 1948 e dende entón desenvolveron xuntos unha intensa actividade a prol do máis importante fondo documental da cultura galega sostido por unha institución privada e civil. Ao falecemento de Fermín en 1981, Blanca asumiu a presidencia da Fundación e, posteriormente, a presidencia de Honra, a causa dos problemas de saúde que nos últimos tempos a tiveron retirada na Coruña. Era conselleira de Editorial Galaxia, empresa á que tanto Fermín coma ela se sentiron vencellados dende a creación da mesma en 1950. En febreiro de 1997 a Asociación de Mulleres Diálogos 90 recoñeceuna como Galega destacada, galardón que lle entregou solemnemente o alcalde de Vigo. No ano 2002 a Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao. Tamén foi membro do Consello da Cultura Galega, entre 2001 e 2004, en representación da Fundación. (…)” Desde Galaxia.