Vigo: o venres 29 de xuño comeza a Feira do Libro

Comeza a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta até o domingo 8 de xullo. As actividades máis destacadas do venres 29 de xuño son:

19:30 h.: Xosé Neira Vilas será o encargado do pregón inaugural desta Feira. A partir das 20:30 horas asinará exemplares das súas obras.
20:30 h.: presentación de Acuática alma, de Marta Dacosta, publicado en Espiral Maior. Xunto á autora participa Rexina Villar.

Parlamento das letras: Bieito Iglesias

Entrevista de Armando Requeixo a Bieito Iglesias no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Bieito Iglesias (BI): Ás nosas letras fáltalle un pobo. Como deixou dito Deleuze, o autor dun pobo menor escribe sempre pra un pobo que falta, que existe só porque o escribe e mentres o escribe. Faltan bos autores, como en toda parte, porque, de acreditarmos no cómputo do Eclesiastés, de mil non hai un bo. Sobran liridades e literatizos de escaso caletre (capaz que as intelixencias preclaras deserten das letras por preferir o número, querse dicir as enxeñerías). Están sobros tamén os intrusos, nunha época na que —como ten comentado un observador italiano— todos aqueles que non valen pra rexentar unha lavandería nin pra xogar ao balompé nin pra gobernar nin pra pór bombas contra o goberno… escriben libros. Ningún dos defectos anteriores é endémico da Galiza, partillamos eses andazos con toda a ecúmena occidental. Aquí cómpre engadir, siescaso, o filisterismo dun sistema literario que pon os ‘valores positivos’ e a defensa da comunidade de falantes por cima de calquera autonomía estética, cando a grande literatura sempre introduce laceraciós no corpo social e canxa mal coa corrección ben-pensante e coas coitas das almas belas. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– BI: A cousa está como ha de ir (ao nabizo).”

Rianxo: presentación do primeiro volume da Obra Completa de Manuel Antonio

O venres 29 de xuño, ás 20:30 horas, no Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo (Rúa Autores da Rianxeira, s/n), a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia e o Concello de Rianxo organizan a presentación do número 76 do suplemento cultural A Voz de Barbantia e do primeiro volume da Obra Completa de Manuel Antonio, editada conxuntamente pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié. No acto estarán presentes Xosé Luís Axeitos, editor literario; Diego Rodríguez, Xesús Santos Suárez e Adolfo Muíños.

A Coruña: X Encontros Milpedras, recital conxunto de poesía, música e pintura

O venres 29 de xuño, a partir das 21:00 horas, no Taller de Litografía Milpedras (Rúa Brasil, nº 3, baixo) da Coruña, terá lugar a X edición dos Encontros Milpedras, coa participación poética de Arturo Casas, Diana Varela Puñal, Ramiro Torres e Tati Mancebo, quen tamén participará na parte musical, xunto a Dúbi Baamonde e Tito Calviño, en paralelo á intervención das pintoras Gosia Trebacz e María Martínez.

Lugo: presentación de Un niño no xardín, de Xoán Neira

O venres 29 de xuño, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase o libro Un niño no xardín, de Xoán Neira, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Manuel Bragado e Xosé Miranda.

Anxo Angueira: “Obras absurdas, pensadas coa mentalidade colonial do franquismo, tamén se fan agora”

Entrevista a Anxo Angueira en Praza:
“(…) – Praza (P): Chega Iria despois de Pensa nao. Non deixa de ser curioso que, sendo ti de interior, lle concedas tanto protagonismo nos teus libros á navegación…
– Anxo Angueira (AA): Si, os barcos son unha obsesión particular miña desde que comecei a escribir, xa desde O valo de Manselle. En Pensa nao están xa desde o título e a portada. É certo que eu son de interior pero na miña aldea vía barcos polo río, e ese mundo sempre me resultou moi atractivo. Quedei con esa paisaxe da navegación polo Ulla.
– P: O galeón Iria é protagonista da historia, tanto como ese catálogo de afogados que poboan boa parte das páxinas da novela…
– AA: Hai tres liñas principais. Unha é a do galeón Iria, coa historia do patrón, o mariñeiro e o rapaz; e María, que é unha activista da Resistencia antifranquista. Outra historia paralela é a da construción do regadío, cun protagonista colectivo formado por moitas personaxes. E despois está o mundo dos afogados, que son reais, aínda que as súas historias están literaturizadas. Hai no libro unha poética xeral de cavar na foxa común, que é a Historia. Nesa foxa común está o mar, os afogados, o vocabulario mariñeiro, ou a náutica tradicional, que tivo que vir un antropólogo sueco, Staffan Mörling, para recuperala. E tamén están os acontecementos históricos da organización da Resistencia antifranquista dos últimos anos 60. No 67 apareceron pegados por todo o país uns colantes que poñían Libertade pra Galicia. E no 68, polo 25 de xullo, na Concentración Nacional en Compostela, foi despregada diante da Policía e dos militares unha pancarta na que se podía ler Galiza Ceibe e Socialista. O canal de regadío foi unha obra absurda, proba da mentalidade colonial do franquismo, pois podía ter sentido en Extremadura, pero non aquí. Construíse e non chegou a usarse nunca. A folga da que falo na novela existiu tamén de verdade. (…)”

Elena Gallego Abad: “Convivir tres anos cun dragón non resulta doado”

Entrevista a Elena Gallego en Diario de Pontevedra, desde Xerais:
“- Diario de Pontevedra (DdP): Vén de publicar con Xerais Dragal III. Canto madurou a triloxía?
– Elena Gallego (EG): Agardo que o suficiente para sorprender e conquistar aos lectores que xa se atreveron a mergullarse nas páxinas de Dragal I e baixar ás catacumbas de Dragal II. Coido que a Fraternidade do Dragón é un libro máis trepidante, máis completo. Dará resposta a moitas das cuestións que os seus personaxes deixaron pendentes de resolver… Pero tamén haberá sorpresas!
– DdP: A disciplina de libro por ano non parece fácil.
– EG: Convivir tres anos cun dragón non resulta nada doado, aínda que se trate dun ser fantástico como Dragal. Crear o seu universo levoume un traballo de documentación ao que dediquei máis horas que ao propio proceso de escribir. O maior reto partiu da miña premisa de situar a historia na Galicia actual e conectala coa nosa historia esquecida e as nosas tradicións. Se o mesmo Códice Calixtino recolle a existencia dun dragón no noso país, por que non imos aproveitalo para facer a nosa propia ficción?
– DdP: Verémola no futuro por un camiño parecido?
– EG: A tradición galega podería encher novelas aínda por escribir e coido que a ficción pode axudarnos a recuperar elementos da nosa identidade, pero non pretendo continuar por esa senda.”

Ramón Caride: “Eu son biólogo e miña relación co ambiente é primaria, son un rapaz da aldea como Neira Vilas”

Entrevista a Ramón Caride en La Voz de Galicia, desde Xerais:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Hai moita diversidade de xéneros, ¿en cal se sente mellor?
– Ramón Caride (RC): Cada un ten as súas cousas. En infantil percibes moitas cousas mediante a relación cos lectores. O xénero infantil gústame moito porque os pequenos introdúcense moito na historia, teñen moita empatía co que len. O relato curto gústame pola liberdade que dá e a novela é xa un universo no que tes que inventar as súas propias leis, en épocas históricas ou futuras, inventas como funciona o mundo. Fixen cousas moi distintas como poesía, literatura infantil, teatro, ensaio, gústame variar. O curioso é a persistencia das cousas, por iso alégrame moito que unha obra de hai vinte anos se reedite, é moi gratificante e non acabo de entender por que. (…)
– LVG: O medio natural, a ecoloxía está sempre presenta nas súas obras ¿non?
– RC: No ano 92 xa estaba o tema da ecoloxía. O gran problema é como encaixar co medio, como sobrevivir. Eu son biólogo e miña relación co ambiente é primaria, son un rapaza da aldea como Neira Vilas.
– LVG: ¿Iso inflúe na súa escrita?
– RC: Si. A cultura mundial é de aldea, a alta cultura, da ópera, de Nova York, nútrese da cultura popular que para min son a mesma cousa: unha interpretación da presenza do ser humano no mundo e da maneira de entender a vida. (…)”