Vigo: presentación de Cartas ao director, de Rafael Laso Lorenzo

O xoves 28 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27), preséntase o novo libro de Rafael Laso Lorenzo, Cartas ao director, publicado en Tambre. No acto, xunto ao autor, intervirán Ricardo Soto e Fran Alonso.

Agustín Fernández Paz: “Se colectivamente non temos unión, acabaremos sendo invisibles”

Entrevista a Agustín Fernández Paz en Dioivo:
“(…) – Dioivo (D): Que sente un ao recibir tantas homenaxes?
– Agustín Fernández Paz (AFP): A ver, eu tiña avisados a Xabier P. DoCampo e Manuel Bragado de que xa me chegaba. No último ano tiven varias homenaxes en diversos sitios. A verdade, doume por máis que homenaxeado. Agora ocorréuselles montar esta… Obviamente, eu acéptoa. Acéptoa con cariño e con emoción, pero son consciente de que a min me están a coller como cabeza visible para homenaxear a toda unha xeración que xa está de retirada. Eu asumo con gusto e con satisfacción ese papel representativo que me outorgan, pero teño claro que hai moita xente con iguais ou maiores méritos para recibilo, como Bragado ou DoCampo. Eles teñen tantos coma min! Asumo encantado esta homenaxe e quero que sexa o máis agradable posible para todos os que asistan. Por iso, a miña intención é agasallar a todos cun conto inédito. Quero corresponder con algo da miña parte a toda a xente que vaia participar. (…)
– D: Vén de publicar varios libros nos últimos tempos…
– AFP: A partir de que me deron a noticia do cancro, vinme na obriga de estar máis tempo na casa. E alí o que fago é ler, escribir e ver moito cine. Entre iso e a medicación, levo todo mellor do que pensaba. En calquera caso, si, veño de publicar varias obras. Fantasmas de Luz, que trata precisamente sobre a crise e sobre o cine. Trata dun proxeccionista que queda sen traballo e que acaba por verse afectado por ese toque dos seres invisibles, deses que están no paro. Tamén publiquei As fronteiras do medo, que vén sendo un libro de terror, sen máis. E publiquei unha revisión de Aire negro, unha novela que xa vira a luz hai anos, pero que agora sae na colección de Narrativa de Xerais cunha portada moi chula de Nosferatu. Tamén vou publicar un libro co que levamos dous anos… Cando sabes que estás fastidiado, tomas as cousas doutro xeito. Hai necesidades que antes non sentía e quixen recompilar moitas cousas que levo escritas en moitos sitios. Conferencias, artigos que apareceron en sitios raros… E pedinlle axuda a Xerais e a Isabel Souto. Acabamos por facer unha selección moi drástica, había moito material e había que escoller. Sairá unha cousa de 200 e pico páxinas. Polo momento restrinxímonos a tres temas. No futuro haberá outros. (…)”

A Coruña: presentación de As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes

O xoves 28 de xuño, ás 20:30 horas, na Biblioteca González Garcés (Rúa Miguel González Garcés, s/n) da Coruña, preséntase o libro As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Pablo Vaamonde García, Che Turnes e Manuel Bragado.

Carlos G. Reigosa gaña o IX Premio Fernández del Riego de xornalismo

“Carlos G. Reigosa obtivo o Premio Fernández del Riego na súa novena edición polo artigo Paraíso case baleiro, publicado tamén en La Voz de Galicia, suplemento Culturas, o 30 de abril do 2011. (…) O xurado destacou a calidade literaria dos escritos de ambos os gañadores, seleccionados entre máis de sesenta finalistas.” Vía Galaxia.

Anxo Angueira: “Fago o meu traballo coa materia, coa madeira con que se fai literatura: a lingua”

Entrevista a Anxo Angueira en Faro de Vigo, desde Xerais:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Moito se ten falado da débeda que a literatura galega mantén coas xentes do mar. Aínda que Iria está protagonizada, máis que polo mesmo mar, polo río Ulla, vén ser esta, dalgún xeito e entre outra cousas, a homenaxe que Vde. lle fai á xente mariñeira de Galicia?
– Anxo Angueira (AA): O protagonismo correspóndelle a un galeón e outras embarcacións, como as dornas, que navegan a vela pola Arousa e polo río Ulla.No noso imaxinario, o repertorio labrego de arado ou sacho está moito máis afirmado que a náutica de embarcacións a vela tradicionais,que mesmo en vilas mariñeiras é desconsiderada. Neste sentido, segue tendo moita vixencia A fiestra baldeira de Dieste: odiamos o noso pasado mariñeiro, especialmente o da vela,por pobre. A homenaxe é para as asociacións que hoxe, cun grande esforzo, traballan para mantéreno vivo con publicacións coma Ardentía ou a organización dos encontros de embarcacións tradicionais. (…)
– FdV: Utiliza Vde. moitas expresións mariñeiras que transgreden a normativa actual do galego. O outro día, Xosé Neira Vilas, que tamén o fai, pero no eido rural, dicíame que era o seu xeito de enriquecer a nosa propia lingua con “novas (aínda que sexan vellas) palabras”. Tamén no seu caso é así?
– AA: Non teño claro que a lingua desta novela, nin a das de Neira Vilas, transgreda a normativa. A lingua literaria, xa Manuel Antonio dicía, non debe vivir sometida ás prisións empobrecedoras dos usos formais. En galego e noutras linguas: o caso de Valle-Inclán, ou mesmo Cela, en español, coas súas respectivas hibridacións galeguistas, son ben máis transgresores. O que si quixen foi navegar polos mares de palabras do noso mar e da nosa náutica tradicional, pola relinga, de couse, cazando escota. Mares de palabras e voces e ditos coma area que escasamente tiveron tratamento literario. A lingua do mar, a pesar de Manuel Antonio ou Bernardino Graña ou Fernández Rei, aínda non ten na literatura o peso histórico e cultural que realmente ten a Galicia mariñeira. (…)”

Manuel Rivas: “Métome en moitas cousas… porque me atopo con elas”

Entrevista a Manuel Rivas en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): Pódese dicir que vostede é unha ‘rara avis’: a pesares de escribir nunha lingua considerada pouco comercial, como o galego, os seus libros gañan cada vez máis adeptos dentro e fóra de Europa. ¿ A qué atribúe este fenómeno?
– Manuel Rivas (MR): Por sorte, a literatura ten os seus propios camiños; ben é certo que funciona moito a opción política e dentro da cultura existen unhas relacións de poder. O que pasa é que tamén a literatura ten unha estratexia de supervivencia e nos lugares onde semella máis difícil cruzar, fai moito contrabando pola súa conta. Digo isto pensando en O lapis do carpinteiro, que xa chega ás 30 linguas -o outro día comunicáronme que o ían traducir ao coreano-. Penso que isto se debe, en gran parte, a que unha obra, nun momento determinado, é coma un foguete espacial que todo o mundo ve, como pasa cos ‘best seller’, aínda que iste non é o caso. En Galicia estamos nunha especia de recanto e existen outros camiños campo a través, onde hai xente que se atopa con obras como a citada ou A lingua das bolboretas. E podemos pensar que esto, raro e excepcional, se pode dar máis. (…)
– (EP): Falemos de súa faceta literaria.
– MR: O sentido de camiñar pola vida e o mesmo que o de camiñar pola literatura. Realmente, escribes cando eres capaz de que todo se mova por unha enerxía alternativa que é o desexo. En varios libros que escribín hai un treito da viaxe, do noso país, que é tráxica, pero que se segues adiante é porque o que en termos freudianos se chama ‘ethos’ (desexo) ten moita máis forza que o ‘tanathos’ (morte). Eu penso que a literatura e cada vez máis necesaria, tanto para quen escribe coma para quen le, porque o lector cando abre o libro xa o fai seu. Pódense esquecer moitas cousas, pero nunca o agasaio dun conto que impacta. Non hai nada comparable a un conto que che contan de neno para durmir ou que escoitaches un día, cando aínda estaban os vellos arredor do lume. (…)”

Santiago: presentación de Dúas letras, de Fina Casalderrey e Eloy Varela

O martes 26 de xuño, ás 20:30 horas, no Salón Teatro (Rúa Nova, 34) de Santiago de Compostela, terán lugar a proxección da película e presentación do libro Dúas letras, de Eloy Varela e Fina Casalderrey, publicada en Galaxia. A entrada será de balde até completar aforo, podéndose retirar as entradas a partir das 18:30 horas. Crónica posterior en Galaxia.

Vidal Bolaño, alma do teatro galego. A longa sombra do sombreiro

Reportaxe en La Opinión:
“(…) “É un autor moi respectado e moi representado en España e tamén fóra. É, como Rosalía de Castro, unha figura da nosa diplomacia cultural, cunha enorme capacidade de creación en todos os rexistros teatrais e que traballou sempre pola lingua galega e para crear un público para o teatro galego”, defende a catedrática de Comunicación Audiovisual Margarita Ledo, un dos nomes que avalou esta proposta. (…)
Pola súa banda, o dramaturgo Gustavo Pernas sostén que a “gran dimensión e trascendencia” da obra do escritor compostelán faino merecedor deste gran recoñecemento, e máis nestes momentos, nos que o teatro “está a quedar á marxe”. “Era algo que o sector viña pedindo dende hai meses por activa e por pasiva”, comenta. Para Pernas, esta será ademais unha excelente ocasión para que se edite a obra de Vidal Bolaño. “O teatro non só é para que se represente, tamén é literatura. Se non se tivesen editado, as obras de Shakespeare e Chekhov non terían chegado ata nós”, recorda. (…)”

Vigo: café literario arredor de A semellanza, de María Xosé Queizán

O mércores 27 de xuño, ás 18:00 horas, terá lugar unha nova edición do Café literario do Centro de Documentación e Recursos Feministas (Biblioteca Pública Central. Rúa Joaquín Yáñez, 6 – 2º) de Vigo, onde se falará sobre a obra de María Xosé Queizán A semellanza, publicada por Sotelo Blanco. Como relatora estará Elisabet Pérez, vicepresidenta da asociación Nós mesmas.

Ferrol: presentación de A saúde como negocio

O martes 26 de xuño, ás 19:00 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina Rúa María), preséntase o libro A saúde como negocio, coordinado por Pablo Vaamonde García e Manuel Martín, publicado en Laiovento. No acto, xunto a estes autores, participa Francico Pillado.