Muxía: presentación de A narrativa mariña de Gonzalo López Abente

O sábado 26 de maio, ás 19:30 horas, na Biblioteca Municipal de Muxía, preséntase o libro A narrativa mariña de Gonzalo López Abente, publicado en Xerais con edición de Xesús Sambade. No acto participan, xunto ao editor, Félix Porto, Manuel Bragado e Ramón Nicolás.

A Coruña: máster oficial en lingua e usos profesionais: español/galego/inglés

O máster en Lingua e usos profesionais (español/ galego/ inglés) da Universidade da Coruña integra materias dos ámbitos lingüístico, tecnolóxico e das ciencias sociais. O título está organizado en cinco módulos, catro obrigatorios: Informática aplicada, Xestión do coñecemento e recuperación da información, Recursos lingüísticos e novas tecnoloxías, Comunicación oral e escrita 1 (español, galego ou inglés), e un con materias optativas: Comunicación oral e escrita 2. Consulta a guía docente do mestrado premendo aquí. O programa comprende a realización de prácticas profesionais e a presentación dun traballo fin de máster.

A Coruña: conferencia de Alberte Suras sobre Celso Emilio Ferreiro

O venres 25 de maio, ás 20:00 horas, no salón de actos da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar unha conferencia de Alberte Suras baixo o título Aquela noite de pedra. A esperanza de Celso Emilio Ferreiro.
Previamente, ás 17:00 horas, no Salón de graos da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, Roberto Catoira pronunciará a charla-coloquio Alexandre Bóveda: vida, paixón e morte por Galiza.

A Pobra do Caramiñal: presentación de Dark Butterfly, de Rexina Vega

O venres 25 de maio, ás 20:30 horas, na Tenda Escola Deán (Rúa Rafael Calleja, 11-13), a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, Edicións Xerais de Galicia e a Libraría LER da Pobra do Caramiñal presentan o número 75 do suplemento cultural A Voz de Barbantia, así como á presentación do libro Dark Butterfly, de Rexina Vega. No acto, xunto á autora, participan Manuel Bragado, Agustín Agra e Amparo Cerecedo.

Carballo: presentación de Un mar de sensacións, de Rosalía Fernández Rial e Xan Fernández Carrera

O venres 25 de maio, ás 21:00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo, dentro da programación do Mes das Letras do Concello de Carballo, preséntase o libro Un mar de sensacións. Rutas e poemas para descubrir a Costa da Morte, Rosalía Fernández Rial e Xan Fernández Carrera, publicado polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte.

Carral: entrega do Premio de Poesía Concello de Carral a Roi Vidal e presentación do Libro das mentiras, de Emma Pedreira

O venres 25 de maio, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Carral (Rúa do Paleo, 17), entrégase o Premio do XV Certame de Poesía Concello de Carral a Roi Vidal Ponte, tendo lugar tamén a presentación do Libro das mentiras, de Emma Pedreira, gañador da edición do 2011. No acto, xunto aos autores, participa José Luis Fernández Mouriño e Miguel Anxo Fernán-Vello.