O
martes 22 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa da Travesa, 7) de Santiago de Compostela, Miguel Sande falará sobre a súa novela A vida fóra, publicada en Galaxia, cos membros do clube de lectura Implicados.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Moraña: conferencia de Xosé Monteagudo
O
martes 22 de maio, ás 16:00 horas, no CPI Santa Lucía de Moraña, Xosé Monteagudo compartirá unha charla-coloquio co alumnado de terceiro e cuarto de educación secundaria arredor da súa obra Un tipo listo, publicada en Galaxia.
Méndez Ferrín: ”A Paz Andrade gustaríalle que se fixese un uso político do seu pensamento económico, que está máis vivo ca nunca”
Entrevista
a Xosé Luís Méndez Ferrín en Galiciaé:
“(…) – Galiciaé (G): Este homenaxeado [Valentín Paz Andrade] ten escasa obra literaria. ¿Inflúe isto na percepción que del poida ter o público nun día como o das Letras Galegas?
– Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): Non, a escaseza de obra literaria vén compensada cunha chea de obras de pensamento económico, político e literario. Agora a súa obra poética vaise incrementar porque se van publicar libros novos inéditos.
– G: Parece que a sociedade demanda un achegamento da RAG aos galegos. ¿Que lle parece o contacto entre a academia e os institutos?
– XLMF: A Real Academia Galega é unha institución que se resiste a ser unha momia. É a depositaria da memoria cultural e nacional do país, polo que ten que recibir as escolas e ter contacto coa xente. Ten que estar viva. (…)
– G: E como escritor, ¿séntese máis a gusto na poesía ou na prosa?
– XLMF: Á poesía esíxolle moito. Como escritor teño o vicio de ir sempre máis alá, forzar os límites. Interésanme máis os contos breves. (…)
– G: ¿Como ve a literatura galega actual?
– XLMF: Está nun intre de moita potencia. Hoxe a literatura máis nova está en mans de mulleres. Estamos nun momento moi rico, un signo de saúde deste pobo.
– G: Nós somos estudantes de portugués. ¿Que opina do ensino desta lingua nos institutos?
– XLMF: Sempre o pedín. Paz Andrade sostiña que hai que aprender portugués. De feito, Pescanova fíxose co monopolio da pesca en Mozambique grazas aos negociadores que sabían portugués.”
Carlos Callón: ”O galego é a única lingua que perde falantes”
Entrevista
a Carlos Callón en El Progreso:
“Unha das teimas de Carlos Callón é defender o uso do galego en calquera ámbito social e vencer os prexuízos que levan a moita xente a non usalo por consideralo unha lingua de segunda.
– El Progreso: Que quixo abordar neste libro [Como defenderes os teus dereitos lingüísticos]?
– Carlos Callón: É un manual práctico, pódese dicir que de autoaxuda nalgún sentido, con consellos concretos sobre qué facer cando te atopas con problemas concretos para usar o galego, qué saídas podes ter. É un manual de cómo vivir en galego en Galicia, sen acabar con úlcera de estómago. Non só para poder usalo espontaneamente, senón cando vas á notaría, cando queres facer unha xestión no banco ou coa compañía telefónica; en tódolos ámbitos hai formas de poder garantir os nosos dereitos.”
Carlos Callón: “O futuro do galego está nas persoas que non o falan”
Entrevista
a Carlos Callón en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia: ¿De que trata o artigo co que gañou o premio de Carballo?
– Carlos Callón: Titúlase Fai teu o galego e plasma a idea de que calquera persoa que queira pode formar parte da comunidade lingüística galega e que mesmo o futuro do galego está nas persoas que aínda non o falan. Propoño unha serie de pequenos consellos sobre como pasar de ser galego calante a galego falante e como romper o prexuízo de pensar que alguén non é capaz de falar galego. É un convite, que todo o mundo saiba que o galego é de todos e que todos podemos falalo.”
O presidente galego que non foi
Desde
El País:
“Hai unha certa xustiza poética en que as Letras 2012 dedicadas a Valentín Paz Andrade renoven a actualidade das súas intervencións finais, cando puxo en cuestión os defectos de construción da autonomía de Galicia en coexistencia co poder central. Unha situación que entendía insatisfactoria e chamada a colapsar se se mantiña a dobre estrutura de institucións de autogoberno propias coas herdadas do centralismo (división provincial, gobernos civís e deputacións). Porque Paz Andrade foi durante toda a súa vida un home que observando múltiples actividades (avogado, escritor, empresario, ideólogo, divulgador, poeta ou xornalista) tivo sempre o nervio da intervención política como eixo da súa interminábel acción pública, mantida desde moi novo na Pontevedra natal (23 de abril de 1898) até o derradeiro alento en Vigo (22 de maio de 1987). (…)”
A Coruña: conferencia Paz Andrade, home de empresa e galeguista
Número 5 da revista Búsola
Chega
o número 5, correspondente a 2011, da revista Búsola, editada no Valadouro, que conta coas colaboracións de Javier Ramirez, Miguel Alonso, Ledicia Costas, Casto Rivadulla, Inés Liste, Eduardo Maroño, Estela Insúa, Yago García e Kike Benlloch.
Celanova: encontro Celso Emilio Ferreiro (1912-2012): ética e poética, entre o 16 e o 18 de xullo
Entre
o 16 e o 18 de xullo, no Mosteiro de Celanova, celébrase o Encontro Celso Emilio Ferreiro (1912-2012): ética e poética, organizado pola UIMP, baixo a dirección de José María Paz Gago e Antonio Piñeiro Feijoo. O importe da matrícula é de 129 euros, cunha redución do 50% para os alumnos das universidades da Coruña, Santiago ou Vigo (a data límite para a solicitude da beca é a do 16 de xuño), tendo recoñecido un valor académico de 20 horas en créditos de libre elección. O programa é o seguinte:
Luns 16 de xullo:
– 11:00 horas. Inauguración. Con José María Paz Gago, Antonio Piñeiro Feijoo e Xosé Luís Barreiro Rivas.
– 11:30 horas. Conferencia inaugural a cargo de Xesús Alonso Montero.
– 13:00 horas. Aspectos biográficos: ética vital. Con Luís Ferreiro Loredo e Ramón Nicolás Rodríguez.
– 20:00 horas. Recital lírico: Onde o mundo se chama Celanova, dirixido por Antón de Santiago.
Martes 17 de xullo:
– 10:30 horas. A creación poética: poesía civil e social, con Vicente Araguas, Luis García Jambrina e Basilio Rodríguez Cañada.
– 12:30 horas. A obra narrativa e ensaística, con Manuel Bragado, Alfredo Conde e Ramón Pernas.
Mércores 18 de xullo:
– 10:30 horas. Xornalismo e literatura en Celso Emilio Ferreiro, con Carlos G. Reigosa e Xosé Antonio Perozo.
– 12:30 horas. Presentación de publicacións sobre Celso Emilio Ferreiro: Celso Emilio Ferreiro hai 100 anos, con Aser Álvarez.
– 13:00 horas. Conferencia de clausura, con César Antonio Molina.
– 14:00 horas. Clausura e entrega de diplomas.
Armando Requeixo: “A calidade da literatura actual é moi estimable pero as augas baixan demasiado avoltas”
Entrevista
a Armando Requeixo en Letra en Obras:
“(…) – Letra en Obras (LeO): Na literatura galega os críticos son misericordiosos, andan coa navalla aberta ou simplemente son equitativos?
– Armando Requeixo (AR): Hai de todo. Existen compañeiras e compañeiros que prefiren comentar só libros que lles agradan, de xeito que unicamente fan recensións positivas. Outros, pola contra, están especialmente interesados en sinalar eivas para que a nosa escrita de creación mellore día a día, así que tenden a ser moi incisivos. Pero a maioría xulga tentando orientar sobre o que cre de maior ou menor interese, con ponderación.
– LeO: Como ve o panorama actual da literatura galega?
– AR: Como un río despois dunha gran treboada. As augas baixan demasiado avoltas. A crise non está axudando nada e, aínda que a calidade media dos nosos produtos se mantén nun nivel moi estimable, o certo é que os tempos son difíciles para a industria literaria. (…)
– LeO: Que precisa a nosa literatura para gañar cota de lectores primeiro no país e logo fóra das nosas fronteiras?
– AR: É difícil responder esta pregunta. En todo caso, creo que hai que seguir crendo na calidade das nosas autores e autores e procurar comercializar o mellor posible os seus produtos. E para iso tampouco viría mal un apoio máis decidido dende as institucións.
– LeO: Os libros electrónicos préstanse para a crítica pausada ou só para un rápido comentario en Facebook ou Twitter?
– AR: Préstanse moi ben para todo o que se queira. A decisión de que o comentario dunha obra lida como libro electrónico se verta en forma de recensión máis elaborada ou de simple apuntamento do Face ou Twitter débese á preferencia concreta do crítico ou das circunstancias que (im)posibilitan un ou outro tipo de comentario en cada caso e momento, pero, dende logo, non nacen do soporte no que foi efectuada a lectura.”
