Bases dos Premios da Crítica Galicia 2012

BASES

Primeira. Os Premios da Crítica Galicia institúense coa finalidade de facer público o recoñecemento que, dentro do marco xeral da cultura galega, merezan os labores individuais ou colectivos que cada ano cristalicen en achegas relevantes para os diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia.
Segunda. Os Premios da Crítica Galicia abranguen as seguintes modalidades:
* I. Creación Literaria. Considéranse premiables todas aquelas obras de narrativa, poesía, ensaio, textos dramáticos, guións, xornalismo de opinión, incluíndo a creación literaria infantil e xuvenil, editadas en lingua galega entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2011.
* II. Investigación. Considéranse premiables todas aquelas obras resultado dunha investigación contrastada e rigorosa entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2010. O xurado valorará o recoñecemento que estas obras de persoas ou colectivos recibisen por parte de especialistas no ámbito da súa disciplina, así como contar con algunha manifestación en lingua galega e a súa repercusión obtida dentro e fóra de Galicia durante o ano 2011.
* III. Música. Considéranse premiables todos aqueles traballos de composición, interpretación, compilación musical editados en formato de partituras, discos ou comunicados publicamente en Internet entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2011. Tamén se consideran premiables as composicións e obras musicais estreadas nese período e os labores interpretativos nos que concorran características que lles confiran unha recoñecida proxección ao longo do mesmo período. Outrosí, poderán recoñecerse todas aquelas iniciativas que ao longo do ano contribuísen de xeito relevante á promoción da música na sociedade galega. Así mesmo, considéranse premiables todos aqueles músicos que, tendo unha traxectoria iniciada con anterioridade, ofrecesen dentro e fóra de Galicia un fito destacado durante o ano 2011.
* IV. Iniciativas culturais. Considéranse premiables todos aqueles feitos ou labores que, emprendidos por persoas, asociacións, entidades ou todo tipo de institucións, destacasen na defensa, pulo ou espallamento da cultura galega e que, podendo ser consecuencia dunha traxectoria iniciada con anterioridade, permanecesen vixentes durante o ano 2011.
* V. Artes plásticas e visuais. Considéranse premiables todos aqueles traballos de pintura, escultura, fotografía, videocreación artística, arquitectura e deseño que fosen realizados, presentados en exposicións ou comunicados publicamente de forma presencial ou virtual entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2011. Así mesmo, considéranse premiables todos aqueles artistas plásticos, arquitectos e deseñadores que, tendo unha traxectoria iniciada con anterioridade, ofrecesen dentro e fóra Galicia un fito destacado durante o ano 2011.
* VI. Artes escénicas e audiovisuais. Considéranse premiables nesta modalidade todos aqueles traballos de teatro, danza, maxia, circo, cine, vídeo e televisión, estreados ou comunicados publicamente de forma presencial ou virtual entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2011. Así mesmo, considéranse premiables todos aqueles artistas do eido das artes escénicas e audiovisuais que, tendo unha traxectoria iniciada con anterioridade, ofrecesen dentro e fóra de Galicia un fito destacado durante o ano 2011.
Terceira. O xurado de cada unha das modalidades terá competencia exclusiva para establecer os criterios de valoración (calidade, incidencia social, oportunidade, novidade…) de cada unha das candidaturas concorrentes. Con todo, o recoñecemento da excelencia e da relevancia para a cultura galega que ofrezan as achegas a considerar, deberá ser a guía sobranceira no seu proceso de avaliación. Así mesmo, naquelas manifestacións culturais que precisen da intervención do idioma este será o galego.
Cuarta. Os membros de cada un dos xurados serán designados pola FUNDACIÓN PREMIOS DA CRÍTICA GALICIA entre persoas recoñecidamente solventes en cada un dos eidos aos que atinxe cada unha das modalidades. Os membros do xurado non poderán ter relacións de autoría coas candidaturas concorrentes na súa modalidade, comprometéndose a aceptar as presentes bases.
Quinta. O xurado de cada modalidade compoñerase de sete membros con voz e voto, entre os que se incluirá unha secretaría vinculada á FUNDACIÓN PREMIOS DA CRÍTICA GALICIA. A secretaría fará circular a información que se fose recabando entre as candidaturas presentadas, convocará as reunións do xurado e levantará acta dos acordos adoptados en cada unha delas.
Sexta. O premio será único e indivisible en cada unha das modalidades, podendo quedar deserto, se así o considera o xurado. As decisións finais de cada un dos xurados, que serán inapelables e adoptadas por maioría de votos, tomaranse nunha sesión de traballo que se celebrará o mesmo día do ditame.
Sétima. Todas as producións que se consideren premiables en cada unha das modalidades poderán ser presentadas polos seus autores, editores ou promotores ás secretarías dos xurados. Así mesmo, cada un dos membros dos xurados poderá presentar cantas candidaturas considere oportunas para a súa valoración polo resto dos membros.
Oitava. Os ditames de cada unha das modalidades daranse a coñecer no decurso dun acto público que se celebrará na noite do 20 de outubro de 2012 na cidade de Vigo.

FUNDACIÓN PREMIOS DA CRÍTICA GALICIA

Galicia, abril 2012.

Valentín Paz Andrade na súa voz (e II)

“Continuamos escoitando a voz de Valentín Paz Andrade. Desta volta, dous fragmentos da conferencia La cultura gallega, que impartiu no Centro Galego de Bos Aires o 8 de agosto de 1957, e rematamos cun fragmento dunha entrevista concedida a Xan Carballa e Gustavo Luca de Tena para A Nosa Terra, o 11 de setembro de 1986. Os audios foron dixitalizados polo Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega.” Vía Cultura Galega.

A Coruña: presentación de Outramente…, de Pilar García Negro

O martes 22 de maio, ás 20:00 horas, na Sala de Prensa da Fundación Caixa Galicia (Cantóns da Coruña), preséntase o libro Outramente…, de Pilar García Negro, publicado en Laiovento. No acto, xunto á autora, participan Francisco Pillado, José Luis Gómez e María M. Val.

Pedro Feijoo, cun «Quixote» no peto e Woody Allen na retina, entrevista de Ramón Nicolás

Entrevista de Ramón Nicolás a Pedro Feijoo, no seu blogue Caderno da crítica:
“Feijoo destapouse como un narrador excelente. A súa novela Os fillos do mar, editada en Xerais, converteuse nun dos libros máis destacados da tempada. Pedro Feijoo (Vigo, 1975) posúe unha formación filolóxica, pero exerceu profesionalmente como músico no grupo «Lamatumbá» durante algúns anos. Publicou un ensaio titulado Cousas do <<Galicia>>, por Castelao (1997) e Viva ou Fu Remol! (2005). Na actualidade traballa nun estudio musical e compaxina este labor coa creación literaria. Nesta, que é a súa primeira novela, presenta unha trepidante trama que nos fai viaxar dende os tesouros dos Galeóns de Rande ata a actualidade. (…)”

A Coruña: recital de Mark Strand e Cesáreo Sánchez no Ciclo Poetas Di(n)versos

O luns 21 de maio, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño, cun recital de obra propia nun man a man de Mark Strand e Cesáreo Sánchez.

Setenta e tres obras compiten este ano polos Premios Xerais

Edicións Xerais, unha vez pechado o prazo de admisión de orixinais dos seus premios literarios 2012, nomeou aos membros dos dous xurados.
O xurado da XXIX edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros e no que concorren trinta e dúas obras, está formado por: Xaime da Pena Ceide (avogado), Ernesto Sánchez Pombo (xornalista), María Xosé Porteiro (xornalista), Begoña Rodríguez Outeiro (profesora), Xoán Cruz (profesor) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XXVII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren corenta e unha obras, está formado por: Ledicia Costas (escritora e secretaria de GALIX), Anxo Fariña (escritor, ilustrador e gañador do Premio Merlín 2011), Cristina Fernández Ameal (profesora), Silvestre Gómez Xurxo (escritor e mestre), Ánxeles Saco López (profesora) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Os dous xurados determinarán as obras finalistas na súa primeira reunión, o venres 1 de xuño, e as gañadoras, na segunda, a celebrar o sábado 9 de xuño.

Lugo: actos destacados do venres 18 e sábado 19 na Feira do Libro

Continúa a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior) con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h. As actividades máis destacadas do venres 18 e sábado 19 son as seguintes:

* Venres 18:
20:00 h. Presentación do libro Hotel Cidade Sur, de Xerardo Quintiá, publicado por Galaxia.

* Sábado 19:
20:00 h. Charla coloquio Segredos da novela histórica, coa participación de Xosé Miranda e Fran Zabaleta.

Roi Vidal Ponte gaña o XV Certame de Poesía Concello de Carral

Roi Vidal Ponte (Santiago de Compostela, 1982), coa súa obra Teatro resultou gañador do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano. O xurado resalta da obra gañadora a súa linguaxe coidada e provocativa, con moita propensión ao minimalismo, xogando cos silencios e creando rasgaduras sen chegar ao melodrámatico. O libro mantén en todo momento atrapado ao lector, convertíndoo nun espectador activo, nun vouyeur. Formaron parte do xurado deste edición do certame Emma Pedreira, Antía Otero e Luciano Rodríguez Gómez, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 40 libros. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. O acto de entrega do premio terá lugar o 25 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2012. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Libro das mentiras de Emma Pedreira. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística.