Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria Narrativas XXI, con Xosé Monteagudo, en Pontevedra

O Obradoiro de creación literaria Narrativa XXI, impartido por Xosé Monteagudo é unha iniciativa da Escola de Escritoræs da AELG, co patrocinio e colaboración do Concello de Pontevedra.

“Porque todo mudou nos últimos vinte anos. Porque a literatura non é unha excepción ancorada no tempo. Porque os temas e as técnicas, as autorías e os públicos lectores, os medios de edición e as canles de promoción tamén cambiaron no mundo da novela, cómpre reelaborar a aprendizaxe narrativa. Sen descoidar as técnicas fundamentais, en Narrativas XXI analizaremos as formas actuais da novela, prestando especial atención aos enfoques novidosos e ás modalidades mixtas do relato. Un obradoiro no que se combinarán as explicacións teóricas coa práctica das persoas matriculadas, facilitando dese xeito unha aprendizaxe colectiva na procura da maior efectividade literaria para as historias que se escriban.”

– Sesión especial de Berta Dávila.
– Hai 12 prazas dispoñíbeis, para persoas maiores de 18 anos.
– A inscrición, gratuíta e obrigatoria, farase en oficina@aelg.org
– O obradoiro desenvolverase na Aula da Escola de Escritoras-es da AELG (Seminario 7), no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Calendario
– Días: Venres 16 e 30 de setembro; venres 7, 14, 21 e 28 de outubro; 4, 11 e 18 de novembro; e venres 2 de decembro de 2022.

Horarios:
– Venres 16 de setembrode 17:00 a 19:00 h.
– Venres 30 de setembro; venres 7, 14, 21 e 28 de outubro; e 4, 11 e 18 de novembro, de 17:00 a 19:30 h.
– Venres 2 de decembro, de 17:00 a 19:00 h.

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

A Coruña: percorrido pola Cidade Vella con Felipe Senén, o 19 de setembro

O luns 19 de setembro, ás 20:00 horas, a A. C. Alexandre Bóveda organiza, dentro do ciclo Pasear para aprender, un percorrido pola Cidade Vella con Felipe Senén. Será un itinerario crítico pola historia, a arqueoloxía e a mitoloxía da Cidade Vella. O lugar de encontro para a partida será a entrada principal do Xardín de San Carlos (rúa San Francisco/rúa Maestranza).
As persoas interesadas deben inscribirse no correo electrónico acab@mundo-r.com

A Asociación Galega de Editoras percorre os cen anos de edición moderna en Galicia no Simposio O libro e a lectura, o 22 de setembro

Desde a Asociación Galega de Editoras:
100 anos de edición moderna en Galicia é o lema do XIX Simposio sobre o libro e a lectura que organiza en setembro a Asociación Galega de Editoras, en colaboración co Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia.
Celebrarase no Auditorio do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, o xoves 22 de setembro. O encontro reúne a diferentes representantes das editoras galegas e destacadas figuras da investigación e da docencia coa finalidade de percorrer os 100 de edición moderna en Galicia. O encontro profesional viaxará a través das distintas etapas da edición no país, desde os selos pioneiros Nós, Lar e Céltiga ata a edición dixital.
Hai xusto un século, editores como Xaime Quintanilla en Ferrol, e Ánxel Casal e Leandro Carré na Coruña e Compostela, puxeron en marcha, por vez primeira, innovadores proxectos editoriais. Tiñan como obxectivo conquistar amplos públicos lectores, para o que se deseñaban capas atractivas, se poñían en marcha coleccións temáticas, e se elaboraban estratexias de mercado e publicidade. Foi o nacemento do libro galego moderno. Unha época intensa e feliz que quedaría tronzada na guerra civil.

Dúas conferencias, e senllas intervencións vertebran un programa que se celebrará nunha única xornada, o xoves 22 de setembro. Na sesión da mañá, ás 10:30 horas, a historiadora e docente, Encarna Otero, encargarase da conferencia de apertura: “O libro galego moderno: Ánxel Casal”. Seguiranlle as intervencións presentadas por Ana Guerra (Obradoiro Edicións): “Os precursores: século XIX”, a cargo do filólogo, investigador e escritor, Xurxo Martínez (12:30 horas); o papel de Céltiga como precursora da edición moderna do país, por Miguel Toval, director de Embora Edicións; e X. M. Dasilva (revista Grial) e Charo Portela (Ediciós do Castro) falarán da edición no Franquismo e no exilio, respectivamente.
Na sesión da tarde, moderada por Paz Castro (Kalandraka), abordarase “A edición comercial nos anos 60: Xosé María Álvarez Blázquez e Castrelos”, a cargo do docente e editor, Manuel Bragado (16:30); Laura R. Herrera, directora de Hércules de Ediciones, analizará a etapa da Transición (17:00), e o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, “O papel do libro na revolución dixital”.
O sociolingüista e ensaísta, Xesús Alonso Montero, pechará o Simposio ás 18:30 coa conferencia de clausura: “Un libro clandestino sobre o franquismo e a represión en Galicia: Galicia Hoy (Ruedo Ibérico, París, Buenos Aires, 1966), deseñado e coordinado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane”.

As inscricións ata completar aforo faranse en s.tecnica@editorasgalegas.gal”

Sabela Losada álzase co premio Reimóndez Portela

Desde El Correo Gallego:
“A escritora Sabela Losada Cortizas é a gañadora da XXVII edición do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela. O fallo deuse a coñecer este mércores polo Concello da Estrada, e o xurado do premio estivo presidido polo concelleiro de Cultura, Juan Manuel Constenla, e o integraron, ademáis, Victoria Reimóndez Sanmartín; María del Carmen Viéitez Conde; Enrique Otero Fernández; e Juan Andrés Fernández Castro, exercendo de secretario José Manuel Bouzas Blanco.
O xurado cualificador agradeceu a participación e destaca a variedade e calidade dos traballos presentados a concurso. Concorreron a esta edición un total de quince artigos, pertencentes a un total de sete autores/as.
O premio desta edición recaeu en Sabela Losada Cortizas, por un artigo titulado Que nos sorprende da tristura da mocidade?, que foi publicado no xornal Praza 10. No fallo destacan “a preocupación da autora pola problemática da adolescencia, un dos períodos máis críticos da evolución da persoa. A autora que se implica persoal e emocionalmente, cóntanos a súa experiencia ao tempo que propón solucións e demanda especial atención para este sector da sociedade, que se se sente desamparado por ela”.
O acto de entrega do premio terá lugar este venres, 16 de setembro, ás 19:00 horas, na Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada.”