Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Percorremos Cee con Concha Blanco, pioneira da literatura infantil e xuvenil en galego. A AELG homenaxea a escritora, que desde agora ten na vila unha praza co seu nome e un pradairo plantado na súa honra. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Booktrailer de Rugando ou o misterio do cuarto secreto, de Celia Díaz, por Celia Parra
MemOria: o libro póstumo de Arturo Lezcano
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Entrevista con Camilo Franco e X. M. Pacho, editores do libro MemOria, de Arturo Lezcano. A entrevista pode verse aquí.”
Yolanda Castaño: “Non sei como viviría Xela esta homenaxe, a entrada directa no canon”
Vídeo da presentación en Vigo de A boneca de cristal, de Majo Villar
Compostela: presentación da tradución de Vinte poemas de amor e unha canción desesperada, de Pablo Neruda
Guitiriz: presentación de A traxedia da arquitectura, de Xosé Luís Mosquera Camba, e entrega da V edición do Premio Díaz Castro a Pablo Bouza
A Coruña: recital de Xavier Rodríguez Baixeras e Maria do Rosário Pedreira no Ciclo Poetas Di(n)versos
A segunda feira 14 de xuño, ás 20:00 horas, no Auditorio do Centro Ágora, continúa o Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido polo Concello da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Xavier Rodríguez Baixeras e a poeta portuguesa Maria do Rosário Pedreira. Con 90 prazas permitidas de público presencial, non se espera que ninguén quede fóra deste acto aberto e gratuíto, coas debidas medidas de seguridade pero tamén retransmitido por streaming. Máis información aquí: Poetas Di(n)versos xuño 2021
A Escritora na súa Terra: Concha Blanco. Cee, 2021
A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XXVII edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Concha Blanco, que será homenaxeada en Cee o 12 de xuño de 2021, co apoio do Concello de Cee, CEDRO, Xunta de Galicia e Deputación da Coruña.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do/a homenaxeado/a ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co/a autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritora (unha peza escultórica), a plantación do pradairo/acer (árbore simbólica elixida polo propia autora), a colocación dun monólito conmemorativo e a atribución do seu nome a un espazo público (xa aprobada polo Concello de Cee).
No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.
PROGRAMA DE ACTOS PREVISTO
11:15 h. Praza Concha Blanco (zona axardinada detrás do Mercado de Abastos de Cee)
Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación do pradairo/acer (árbore simbólica da escritora), acompañados pola interpretación de varias pezas por parte da Banda de Música de Cee.
Interveñen:
• Margarita Lamela, Alcaldesa do Concello de Cee.
• Cesáreo Sánchez, Presidente da AELG.
• Concha Blanco.
12:15 h. Inauguración oficial da Praza Concha Blanco.
Interveñen:
• Margarita Lamela, Alcaldesa do Concello de Cee.
• Concha Blanco.
12:30 h. Casa da Cultura de Cee (Paseo Alcalde Pepe Sánchez, 9)
Acto de entrega da “Letra E”
Para cumprir coas normas sanitarias vixentes, as persoas que queiran asistir a esta parte do acto, deben enviar previamente os seus datos (nome, apelidos e número de teléfono) ao correo electrónico oficina@aelg.org antes do 10 de xuño.
Interveñen:
• Margarita Lamela, Alcaldesa do Concello de Cee.
• Cesáreo Sánchez, Presidente da AELG.
• Laudatio da autora, por Pilar Sampedro.
• Entrega da peza escultórica, elaborada por Soledad Penalta.
• Intervención da homenaxeada, Concha Blanco: Resposta á laudatio.
14:30 h. Restaurante Hotel Oca Insua Costa da Morte, en Cee (Avenida de Fisterra, 82)
Xantar de confraternidade posterior.
As persoas interesadas deberán anotarse previamente no correo electrónico oficina@aelg.org, indicando o seu nome, apelidos e número de teléfono, seguindo os protocolos sanitarios vixentes. Tamén se poderá facer a reserva nos teléfonos 981133233 ou 696581971 de luns a venres entre as 10:30 e as 13:30 horas, antes do 7 de xuño.
Poden descargarse aquí o programa, así como o anverso e o reverso do tríptico da homenaxe.
Cee: mostra bibliográfica sobre Concha Blanco na Biblioteca Pública “Francisco Mayán”
Até o vindeiro 25 de xuño a Biblioteca Pública Municipal “Francisco Mayán”, sita no 3º andar da Casa da Cultura do Concello de Cee, acolle unha Mostra bibliográfica da obra da escritora ceense, Concha Blanco.
A través de algo máis de 70 libros e diversos documentos procedentes dos fondos propios do centro bibliotecario, a mostra pretende amosar o legado cultural que está a deixar, Concha Blanco, como creadora e escritora comprometida coa nosa cultura e lingua galega. Unha autora que ao longo da súa vida escribiu narrativa para nen@s, pero tamén para adultos, así como outros xéneros literarios, tales como poesía ou teatro. Na exposición tamén teremos a oportunidade de ler as dedicatorias que a escritora realizou nas súas obras, co obxectivo de enriquecer o Fondo Local da Biblioteca de Cee.
Con esta Mostra Bibliográfica a Biblioteca Pública Municipal súmase á homenaxe, a celebrar o 12 de xuño, A escritora na súa Terra; celebración impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), na que a través dunha serie de eventos, como, a entrega do galardón Letra E de escritora, o descubrimento dun monólito conmemorativo, a plantación dunha árbore, ou a colocación do seu nome á zona axardinada situada detrás do Mercado de Abastos da Vila de Cee, tal como decidiu o Pleno do Concello de Cee, faise un recoñecemento público na figura de Concha Blanco.