Rianxo: actos destacados na Feira do Libro 2020 para os 25 e 26 de xullo

O 26 de xullo finaliza a Feira do Libro de Rianxo (no Campo de Arriba, con horario de 12:00 a 14:30 horas, e de 18:30 a 22:30 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 25
12:00 h. Abel Tomé asina A noite do lobo, publicado por Galaxia.
13:00 h. Andrea Fernández Maneiro asina Migratoria, publicado por Medulia.
20:30 h. Nazaret López asina Formigas nos pés, publicado por Xerais.
21:30 h. Maite Mosconi asina Guerreiras de Lenda, publicado por Vanir.

Domingo 26
12:00 h. Antonio Piñeiro asina Celada, publicado por Xerais.
13:00 h. Eduardo Estévez asina [sen-fin], publicado por Positivas.
18:30 h. Charo Lopes asina Álbum, publicado por Aira.
19:30 h. César Lorenzo e Jorge Campos asinan Atlas da Galicia pequeniña, publicado por Aira.
21:30 h. Esther F. Carrodeguas asina Malcriada, publicado por Positivas.

Manuel López Rodríguez gaña o 23º Premio Concello de Carral de poesía

Desde o Concello de Carral:
“Manuel López Rodríguez (Noia, 1978), coa súa obra Nas pulsacións, resultou gañador do Concurso de Poesía “Concello de Carral” do presente ano.
O xurado salienta neste poemario o feito de que amosa un discurso lírico sólido e inspirado, con gran riqueza léxica e con interesantes achados estilísticos.
Manuel López Rodríguez ten publicado un libro titulado Antítese nativa, así como múltiples poemas en revistas e volumes colectivos. Foi ganador dos premios Suso Vaamonde de poesía, Eduardo Pondal e López Ardeiro, entre otros.
O xurado do concurso estivo formado por Miriam Ferradáns, José Mª Paz Gago e Xurxo Alonso, coa presidencia do concelleiro de Cultura, Francisco Bello Hermida, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 42 poemarios.
O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
O acto de entrega do premio “Concello de Carral” está previsto para o mes de setembro. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, En luz escrita de Xurxo Alonso.
Como ven sendo habitual nas últimas edicións, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Carral, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Políticas Culturais para a publicación da obra premiada.”

Mestrado Universitario en Literatura, Cultura e Diversidade na UDC 2020

“Desde o 19 ao 31 de agosto estará aberto o segundo prazo de preinscrición no Mestrado en Literatura, Cultura e Diversidade da Universidade da Coruña (procedemento e prazos de matrícula en: https://www.udc.es/gl/filo/mestrados/MLCD/2020_2021/MLCD_Calendario_matricula/index.html)
Trátase dun Mestrado oficial, verificado pola ANECA, e que se imparte en  modalidade semipresencial (as sesións desenvólvense horario de tarde dous días á semana, xoves e venres).
O MLCD está organizado en dous cuadrimestres: no primeiro, cúrsanse as materias dos módulos comúns e, no segundo, as dos itinerarios de carácter específico (ámbito hispánico ou galego-portugués). A docencia está impartida por profesorado de recoñecido prestixio e, compleméntase con seminarios, vinculado a grupos e proxectos de investigación, onde participa profesorado convidado doutras universidades de diferentes países.
Cursar o MLCD é especialmente útil pois permite adquirir unha formación avanzada e actualizada en temas literarios e culturais desde un enfoque multidisciplinar e actual. Ao tempo, proporciona os fundamentos para iniciar unha actividade investigadora xa que permite acceder a un programa de doutoramento.
Podedes ampliar a información sobre o MLCD no díptico que se achega https://bit.ly/2Z8ncBW  e na páxina web https://www.udc.es/gl/filo/mestrados/MLCD.
As consultas poden ser dirixidas á coordinadora do MLCD, Profª Carme Fernández Pérez-Sanjulián (mlcd@udc.gal).”

Faleceu Narciso Luaces Pardo

Desde a Asociación Nordés:
“Narciso Luaces Pardo partiu como unha figura emblemática, un referente, un tesouro da Faladora…
Para achegarnos á súa vida, compartimos este texto do profesor Bernardo Penabade, escrito para “O libro dos amigos” como homenaxe ao seu infatigable compromiso coa terra. Unha publicación coordinada polo profesor Emilio Castro Fustes no 2018 e editada pola Asociación Terras do Ortegal en colaboración coa SIR “La Devesana”. (…)”

Acto de entrega do I Premio de Oratoria Filomena Dato

“O pasado ano 2019 a Asociación Cultural Lisístrata convocaba o I Premio de Oratoria Filomena Dato para o alumnado dos diferentes ciclos do Ensino Obrigatorio, coa intención de promover o Idioma Galego e o Feminismo, ademais de render homenaxe a Filomena, un dos escasos referentes do feminismo do S. XIX e segunda escritora, despois de Rosalía, que publicaría un libro en galego nese século.
Este premio, o primeiro que leva o nome da “poeta das Mariñas” e que nesta primeira edición ten como tema a sororidade, terá o seu acto de entrega o domingo 26 de xullo ás 12:00 h. no Anfiteatro do Concello de Arteixo. Será un acto axustado ao protocolo Covid que consistirá nunha breve presentación, entrega de premios as persoas gañadoras, que expoñerán o seu traballo ante o público e como colofón a obra de Filomena soará na voz de Ana Hermida.”