Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Proposta Unha manda de pezas para Isaac
Xa completo o número 1 da revista NPG GaZeta
“Esta fin de semana veñen de rematar as colaboracións da revista NPG GaZeta n°1, a revista poética das agrupacións de base.
77 páxinas con poemas inéditos de máis de 60 poetas, recensións de recoñecid@s poetas e ilustracións e capa exclusivos de Enrique Fernández.
A revista estreouse antes da pandemia do COVID19 co número cero coa colaboración de máis de 30 poetas que aportaban un poema próprio e outro publicado de outr@ poeta co ilustracións de Isabel Pardo e capa de Zeltia Villar.
A NPG GaZeta edítase primeiro en formato dixital na web para sair posteriormente en formato de papel nos primeiros días do próximo mes de Xullo.
Coa edición en papel comenzaremos tamén as presentacións dos dous números (cero+un) que debimos interromper por mor do estado de alarma.
A NPG GaZeta unha iniciativa da NPG Nova Poesia Guitirica apoiada polos grupos poéticoa de base Versos de Area de Ponteareas, MORAIMA a grafía da emoción de Ferrolterra, Irmandade poética e artística galego-lusa de Terras de Chantada, Nómades do Verso e In Nave Cívitas (colectivo Urbano Lugrís) da Coruña, colectivos que colaboran en outras iniciativas, a máis recente ENREDEVERSOS Festival de Poesía en Rede, celebrado en directo polas redes coa participación de 65 poetas de Galiza e Portugal e con 40.000 visualizacións nas redes sociais en pleno confinamento polo coronavirus.
A revista poética é unha das poucas publicacións destas características en Galiza e na súa versión web inclúe os números en papel para a descarga gratuita, unha sección de conversas ou a sección ESTRAPERLO de poemarios e publicacións dixitais de membros das agrupacións de base para a súa descarga ou leitura gratuíta en PDF.
A NPG GaZeta n°1 pódese ler no seguinte enlace.”
Vigo: presentación de Os restos do franquismo en Galiza, de Manuel Monge
Puri Ameixide: “Estaba farta de personaxes masculinos fascinantes e perigosos aos que redimir e reformar por amor”
Entrevista de Montse Dopico a Puri Ameixide en Praza:
“Claro de lúa (Xerais) é unha novela decimonónica, mais pensada desde o século XXI. Con feitura e personaxes clásicos. E co encanto do, simplemente, ben escrito. Cun transfundo social e político que axuda a cuestionar a visión hexemónica dalgún feito histórico. Falamos coa súa autora, Puri Ameixide.
– Praza (P): Rosa, unha rapaza orfa, pobre, intelixente, curiosa e bondadosa, parécese á clásica heroína de novela decimonónica. Como xorde esta personaxe? Que ten das heroínas de Austen ou Brönte? Ou é unha comparación, se cadra, esaxerada?
– Puri Ameixide (PA): A comparación é moi de agradecer aínda que Rosa en moitos aspectos é unha muller do século XVIII, non do XIX. O XIX vai ser o século da exaltación sentimental, da loita polas liberdades individuais e sociais, pero aínda estamos en 1808 e ela non ten estas aspiracións. Por outra parte as heroínas desas grandes autoras británicas proceden dunha sociedade moi diferente da nosa. A primeira estatística oficial con datos sobre a educación no estado español é de 1841 e informa só un 9,2% de mulleres alfabetizadas. Máis de trinta anos antes, Rosa sabe ler porque así lle conviña á súa ama, pero aí remata toda a súa formación.
– P: A novela leva o título de ‘Sonata en tres tempos’ e adopta diferentes ritmos, nas súas tres partes, segundo vai avanzando a historia. O propio título vén do nome popular da Sonata para piano nº 14 de Beethoven, coa que un dos personaxes “pelexa” na novela. Por que ese ronsel musical e que relevancia ten na técnica narrativa? (Que, por outra banda, tamén é bastante clásica: narrador, progresión lineal, diálogo…)
– PA: Inspireime, de feito, nas grandes novelas decimonónicas non tanto para a construción das personaxes senón para a arquitectura da novela e creo que conseguín bastante o meu propósito, aínda que era bastante disparatado: eu pretendía construír unha novela en tres partes, como adoitaban publicarse no dezanove as grandes obras que previamente tiveran éxito por entregas, pero de xeito que, como o protagonista sería un pianista, a obra debía ser unha sonata, e cada unha das tres partes reflectiría o mellor posible o ritmo, o sentimento e os matices da partitura elixida. A sonata 14 de Beethoven, posteriormente denominada “Claro de Lúa” (pois el nunca lle poñería un título tan cursi) ofreceume exactamente a forma e o ton narrativo que eu quería, e por iso cada unha das tres partes da novela ten unha personalidade propia e obedece a unha influencia diferente.
De Charlotte Brontë, xa que preguntabas antes, tomei o ton narrativo da primeira parte, un adagio sostenuto, é dicir, intenso e melancólico pero sen excesos, ademais a miña protagonista é unha rapaza orfa con grandes méritos persoais que se namora do home para quen traballa, pero aí remata toda semellanza con Jane Eyre, quen si que é unha heroína romántica sen fisuras, cunha personalidade moi desenvolvida, froito da resiliencia tras unha infancia terrible pola que Rosa non tivo que pasar.
A segunda parte da novela é máis austeniana, tanto polo triángulo amoroso como polo humor da voz narradora, con intromisións que agora irán in crescendo ata o final, e non se pode negar que Leonor Montenegro é unha versión, un pouco menos perversa, da Mary Crawford de ‘Mansfield Park’. Todo iso axústase perfectamente co ritmo de allegretto do segundo movemento da Catorce.
Respecto á terceira parte, nela reside para min o verdadeiro miolo do asunto, e nela desátase un presto agitato que se corresponde co episodio da guerra. Nunca me atreverei a compararme con Tolstoi pero fixen o posible por contar o episodio galego das guerras napoleónicas ao igual que el contou o ruso: sen faltar á verdade aínda que iso decepcione a algún patriota e reflexionando sobre o papel do individuo nos grandes conflitos globais sen esquecer que “sempre existe en última instancia a decisión persoal e, como di Campos, non son os gobernos os que conviven, senón as persoas”. (…)”
Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2020 para o 30 de xuño
O 30 de xuño continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 18:00 h. Manuel Monge asina Os restos do franquismo en Galiza, publicado por Laiovento.
– 19:00 h. Xosé Carlos López Bernárdez asina Fronte da Arte. A arte galega no contexto europeo dos anos trinta, publicado por Laiovento.
– 19:00 h. Cándido Paniagua asina 48 horas, publicado por Xerais.
– 20:00 h. Xabier Paz asina Galileo no espello da noite, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
– 20:00 h. Francisco Castro asina Tantos anos de silencio, publicado por Galaxia.
Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2020 para o 29 de xuño
O 29 de xuño continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 18:00 h. Anémona de Río asina A proba de auga, publicado por Xerais.
– 19:00 h. Antonio García Teijeiro asina Vento, ventiño, venteiro, publicado por Xerais, Raiolas de sol, publicado por Galaxia, e Pasando as follas do tempo, publicado por Belagua, así como o resto da súa obra.
– 19:00 h. Xosé Henrique Rivadulla Corcón asina A taberna do Mascato Negro, publicado por Morgante.
– 20:00 h. Inma López Silva asina O libro da filla, publicado por Galaxia.
Nieves Neira proclámase gañadora do XVII Premio Johán Carballeira de Xornalismo
Desde o Concello de Bueu:
“A xornalista luguesa Nieves Neira resultou gañadora do XVII Premio Johán Carballeira de Xornalismo convocado polo Concello de Bueu coa reportaxe titulada ‘A fotógrafa, revelada’, publicada no Diario de Pontevedra o 15 de marzo de 2019. O xurado reuniuse este domingo ao mediodía e estivo conformado por Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos Johán Carballeira, Alberte Mera, xornalista do Nós Diario, e Aser Álvarez, gañador do certame na pasada edición. Na acta, o xurado salienta “a presentación do tema desta reportaxe, a súa calidade lingüística, a precisión e o acompañamento das imaxes”. Así mesmo, o texto consegue retratar moi ben a vida de Maruja Roca, unha pioneira da fotografía galega, e o seu contexto.
O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinato a mans dos franquistas. (…)”
O Gaiás exhibirá obras de Francia, Alemaña e Portugal na mostra máis ambiciosa sobre a Xeración Nós, con máis de 300 pezas
Desde a Xunta de Galicia:
“A exposición Galicia, de Nós a nós reunirá en outubro na Cidade da Cultura máis de 300 pezas na que aspira a ser a mostra máis completa e ambiciosa realizada ata o de agora sobre a Xeración Nós e unha das citas culturais imprescindibles deste outono, no que conmemoramos o centenario da publicación da revista Nós. Chegarán a Galicia –para seren exhibidas no Museo Centro Gaiás– obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que porán o foco nas conexións internacionais da revista Nós e dos seus impulsores, abrindo unha vía para subliñar a dimensión de universalidade e apertura da cultura galega. Tamén para destacar o legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron decididamente, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da literatura e da cultura galega.
Galicia de Nós a nós será a segunda gran exposición do Xacobeo 2021 –tras Galicia, un relato no mundo– e inaugurarase a comezos do mes de outubro, despois de que tivese que ser reprogramada a data inicial –prevista para esta primavera– polos efectos da crise sanitaria da covid-19. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, participaron nunha reunión de traballo cos comisarios da exposición –o investigador e académico da Real Academia Galega (RAG) Afonso Vázquez Monxardín e a profesora e investigadora da Universidade de Vigo Ana Acuña– e coa directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo.
Na reunión foi presentada tamén a imaxe gráfica da exposición, realizada por Álvaro Valiño, un deseño que contribuirá ao obxectivo da mostra de refrescar e actualizar a imaxe e relevancia de figuras como Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo ou Florentino Cuevillas, coa ollada posta no público xeral e especialmente nas xeracións más novas. (…)
Con Galicia, de Nós a nós, a Xunta contribúe tamén a dar a coñecer a riqueza dos fondos atesourados por numerosas fundacións e entidades, especialmente galegas. En conxunto ceden obra para a exposición un total de 51 institucións –catro delas internacionais, dúas do resto de España e as restantes 45 de Galicia– e 8 prestadores privados. Entre as institucións galegas que contribúen á exposición atópanse a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, o Museo do Pobo Galego, o Museo de Pontevedra, o Museo Provincial e Arqueolóxico de Ourense, as fundacións Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao, Losada Diéguez e Penzol, as tres universidades galegas, o Parlamento de Galicia, a Deputación de Ourense ou a Catedral de Ourense, a Biblioteca de Galicia, entre outras.
Ademais, Galicia, de Nós a nós, tralo seu paso pola Cidade da Cultura –onde se poderá visitar entre o 2 de outubro de 2020 e o 17 de xaneiro de 2021–, poderá verse no Centro Cultural Marcos Valcárcel (Ourense), entre febreiro e abril de 2021, e no Museo de Pontevedra entre maio e xullo de 2021.”
Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2020 para o 27 e 28 de xuño
O 27 de xuño continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:
Sábado 27
– 13:00 h. Emma Pedreira asina As fauces feroces, publicado por Baía e Os corpos invisibles, publicado por Xerais.
– 18:00 h. Marcos Viso asina O meu baleiro, publicado por Hércules de Edicións.
– 18:00 h. Kiko da Silva asina Aprende banda deseñada con Fiz, publicado por Xerais.
– 19:00 h. Aurora Marco asina Irmandiñas e Foula e ronsel, publicados por Laiovento.
– 19:00 h. Héitor Picallo asina As letras galegas en caricatura (1962-2020), edición do autor.
– 20:00 h. Elena Gallego Abad asina Dragal, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
– 20:00 h. Xosé Antón Perozo asina Amor amargo, publicado por Auga Editora, e O enigma de Embívicus, publicado por Galaxia.
Domingo 28
– 18:00 h. Lara do Ar asina Órbita, publicado por Xerais.
– 19:00 h. Antón Patiño asina Esquizoide, publicado por Elvira.
– 19:00 h. Diego QS asina Escolma de violência, publicado por Urutau.
– 20:00 h. Iria Vázquez Silva e Ana Martínez González asinan Cómplices. A violencia machista institucional, publicado por Galaxia.