Elena Gallego Abad le un texto de Ricardo Carvalho Calero

Desde a AELG recollemos a lectura dun texto de Ricardo Carvalho Calero, por parte de Elena Gallego Abad, no marco da homenaxe ao autor ferrolán proposta desde a área de Patrimonio e Lingua da Deputación de Pontevedra en colaboración coa AELG, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.

Diana Varela Puñal: “A nosa cultura é o noso estandarte”

Entrevista a Diana Varela Puñal en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): Comecemos cunha idea forte. Que é para vostede a literatura?
– Diana Varela Puñal (DVP): No meu caso, escribir é a parte final dun proceso que pasa, primeiro pola observación e máis tarde pola reflexión, para ás veces cristalizar na escrita. Non é nada premeditado, nin moito menos que olle a realidade que me rodea para “aproveitala” como un recurso literario. Nin sequera me gusta demasiado tomar notas de sucesos, ou intres que me chaman a atención. Se verdadeiramente “me tocan”, permanecen en min palpitando para sempre. Nunca temín esquecer eses pequenos lampos, porque se os esquezo, supoño que non eran o suficientemente importantes como para ser a semente de algo, que sinta necesario escribir. Iso é como eu definiría a literatura. Aquilo que cando se le ou se escribe, un sinte que lle era necesario. A ollada de quen coa súa escrita é capaz de arroxar luz sobre a realidade, sen falta de describila. Pero a arte ten distintas “frecuencias” e cada quen conecta cunha distinta. De modo que, se ben isto é valido para min, pode non selo para outra persoa.
Distinto é falar de métodos de traballo. Eu, cando xa teño un libro en proceso, entón si apunto detalles, episodios, versos. Pero son dúas etapas diferentes. Digamos que o tempo de fermentación é algo que non manipulo, nin pretendo manipular racionalmente. A posterior elaboración do texto, non digamos a corrección, si a controlo con rigor.
Diría, por tanto, que definiría a literatura como o froito do pensamento abstracto, cando o vivido está tan interiorizado que xa nin a penas se pode rastrear a súa orixe, a anécdota da que xurdiu. Para posteriormente ser o resultado dun rigoroso, cabal e responsable exercicio de corrección. A sucesión de enxeños, información acumulada para xuntar páxinas, ou achados literarios, non son o que eu, por volver ó fío da pregunta formulada, cualificaría como literatura. Pero insisto en que son “frecuencias” e cada quen ten a súa propia coa que conecta. A poesía, a música, a pintura, a literatura que a min me fai tremer, é a que me transporta máis alá da realidade “vivencial” ou concreta, a que me arrastra ata augas profundas sen falta de artificios. (…)
– PG: Escribe principalmente poesía, mais ten textos narrativos e teatrais. Hai en cada eido unha autora distinta ou enfoca o proceso creativo da mesma forma?
– DVP: O método de traballo é completamente diferente en cada xénero. Cando escribo poesía non busco nada, nin pretendo recuperar tampouco nada. Tan só de repente sinto a necesidade de expresarme e fágoo, case sempre cuns cantos versos en aparencia inconexos e apresurados, escritos a man. Isto sucédeme con frecuencia cando xa case estou durmida, o que supoño tamén explica a presa coa que os escribo, chea de sono e ás atoutiñadas… Ó cabo do tempo volvo sobre eses textos manuscritos e vounos “pulindo”. Algo parecido fago coa novela e co teatro, case nunca parto dunha historia preconcibida. Comezo escribindo “retallos” e nun momento determinado noto como se van integrando, a base de traballo, de pensar moito neles, de moitísima corrección e de darlle o tempo necesario para que asenten.
– PG: Cal é o xerme de Diario sen datas dunha aborixe galega (Laiovento, 2019)?
– DVP: Son avogada e exerzo a miña profesión en galego, tanto na redacción de todo tipo de escritos, na interactuación co funcionariado, así como na celebración dos xuízos. Esta decisión que é, por outra banda, de elemental coherencia, tenme ocasionado algún que outro incidente. Comecei a traballar con apenas vintedous anos, antes de rematar a carreira, e a miña condición de muller nova e galego falante era unha auténtica bomba de reloxería nun sector historicamente conservador -cómpre dicir que con valiosas excepcións-, como é o da Administración de Xustiza. Nunha ocasión, cando cheguei á casa, cansa e abatida por non sei que cousa me pasara por este tema, comecei a facer unha listaxe con todas as anécdotas que me tiñan sucedido por falar, traballar e vivir en galego. Esa listaxe foi o xerme de Diario sen datas dunha aborixe galega, que en realidade xa comezara na miña adolescencia, cando chegamos desde Corme á Coruña.
A partir de aí, desde o colexio, o instituto, a facultade e na miña vida diaria -coido que non só polo idioma, senón tamén polo acento non neutral co que falo-, lembro incidentes relacionados con isto. Algún dos relatos ou temas funos dando a coñecer, ou cando menos tratándoos, no desaparecido xornal Galicia Hoxe, onde colaborei facendo primeiro unha pequena columna e logo a contraportada dos domingos. Pero incluso o concepto de “aborixe” era algo no que levaba traballando (e sigo) desde que fun consciente da miña condición de muller galega e galegofalante con acento non neutral. E diso, por sorte ou por desgraza para min, fun consciente sendo practicamente unha mociña. (…)”

Lourdes Maceiras le un texto de Ricardo Carvalho Calero

Desde a AELG recollemos a lectura dun texto de Ricardo Carvalho Calero, por parte de Lourdes Maceiras, no marco da homenaxe ao autor ferrolán proposta desde a área de Patrimonio e Lingua da Deputación de Pontevedra en colaboración coa AELG, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.

Emma Pedreira: “Non me gusta contaminar a auga potable con malas obras”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Emma Pedreira en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?
– Emma Pedreira (EP): Antoloxía de Spoon River, de Edgar Lee Masters e Written on the body, de Jeannette Winterson (escollo este en inglés a falla dunha boa tradución que conserve os trazos de xénero que emprega a autora no orixinal). (…)
– B: Que novela lle gustaría protagonizar?
– EP: Gustaríame descubrir Fisteus era un mundo cos mesmos ollos cos que a escribiu –e viviu— Lupe Gómez.
– B: Que novela a reconciliou coa literatura?
– EP: Nunca me enfadei con ela, así que non nos reconciliamos. O que si, podemos entrar ás veces no acomodo e na morneza e daquela hai que darlle paixón e é cando leo o novo de Winterson ou de Sánchez Andrade e recupero as taquicardias.
– B: Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?
– EP: Pois nin idea, iso de estar pendente será que non o lin, así que o máis que podo dicir a isto é que dos que teño aí tenme moi boa pinta Contos completos, de Florbela Espanca.
– B: Que libro lle gustaría ter escrito?
– EP: Dous: A cámara do sangue, de Angela Carter e O incerto señor don Hamlet, de Cunqueiro. (…)”

Charo Lopes: “A representaçom ajuda ao autoconhecimento e ao empoderamento”

Entrevista de Montse Dopico a Charo Lopes en Nós Diario:
“Os limites do enquadramento. O que nom é representado. O que nom sae na foto. É o eixo em torno do qual gira o álbum, o novo livro de Charo Lopes, com o qual ganhou o Prêmio de Poesia Cidade de Ourense. A autora revelou-se como umha das vozes essenciais da recente poesia galega com De como acontece o fin do mundo. Este é um projeto diferente. Feito a partir do íntimo, o micro, o retrato de pessoas e afetos. Mas não menos político, menos de intervençom no coletivo. Fronte à saturaçom da imagem que esconde o que fica nas margens.
-Nós Diario (ND): Por quê o livro é como um álbum de fotos?
-Charo Lopes (CL): Trabalho como fotógrafa e esta condiçom fai-me refletir sobre o sentido da criaçom fotográfica, em que convivem hoje os novos usos -no sentido que define Joan Fontcuberta a posfotografia- com os velhos usos, da fotografia como memória e documento. Num contexto de imensa saturaçom de imagens, cumpre pensar quais representaçons abundam e quais faltam. Interessa-me também a relaçom da imagem com o texto, como se complementam e se pode jogar com a ambiguidade da imagem ancorando com as palavras.
– ND: De que jeito se relaciona album com a memória pessoal e coletiva?
– CL: É um logro do capitalismo que pensemos que o nosso potencial está no que nos diferença das outras, favorecendo o individualismo e a competitividade. As pessoas somos parecidas, partilhamos condiçons sociais, físicas, emocionais… e o potencial emancipatório fica em reconhecer-nos a nós próprias e identificar o que, e com quem, temos em comum. Aí surge a solidariedade e a cooperaçom. Ademais, a memória pessoal sempre tem um contexto, portanto sempre é coletiva. (…)”

Polafías Polavida (cantos tradicionais), O Tear de Llerena

Desde a sección de Literatura de Tradición da AELG convidámosvos a reunirnos cada día, momentaneamente, arredor da lareira virtual que representa o noso inmenso arquivo.
A música e o canto tradicional foron parte fundamental das polafías da AELG.
Velaí Guillerme Ignacio Costa e Marcelo González de O Tear de Llerena na polafía de Xirarga-Beariz o 1 de outubro de 2011 interpretando “Muiñeira da Alén”.
Aquí podes ver os vídeos desta Polafía.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #CulturaNaRede, #Aculturasegue e/ou #aculturasegue.

Ramón Nicolás le un texto de Ricardo Carvalho Calero

Desde a AELG recollemos a lectura dun texto de Ricardo Carvalho Calero, por parte de Ramón Nicolás, no marco da homenaxe ao autor ferrolán proposta desde a área de Patrimonio e Lingua da Deputación de Pontevedra en colaboración coa AELG, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.

Presentación de O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila, a través de Zoom

O 28 de maio, ás 19:00 horas, celébrase a presentación de O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila e Pablo Prado, publicado por Galaxia. Acompañando aos autores participa Francisco Castro, quen coordinará o evento.
As persoas interesadas poderán acceder ao encontro a través dunha ligazón e contrasinal que facilitarán desde Galaxia. Celebrarase na plataforma Zoom.