Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Escudeiros (Ramirás): presentación de Partituras, de Xoán Carlos Domínguez Alberte e Mercedes Queixas (adiada a outra data)
Ferrol: presentación de Onde nacen as hedras, de Ana Varela
Vigo: inauguración da exposición 18 autorretratos de Laxeiro, comisariada por Xosé Carlos López Bernárdez
Lalín: presentación de A gran travesía de Chiruca Macallás, de Xurxo Souto
Rexina Vega: “A homoxeneidade, a norma, o camiño recto é unha entelequia; somos complexos e perversos. É a condición humana”
Entrevista de Montse Dopico a Rexina Vega en Praza:
“(…) – Praza (P): “Fóra do sagrado ninguén dorme. Aquí todos teñen que cargar coas súas culpas”, dise cara ao final do libro. Ninguén dorme é tamén un verso dun poema de Lorca. E unha frase de Macbeth: “Sleep no more”. Por que ninguén dorme na túa novela?
– Rexina Vega (RV): Cada vez que sentaba a escribir no ordenador tiña dúas bandas sonoras ‘Nessum dorma’, de Turandot e “Ciudad sin sueño” de Lagartija Nick e Enrique Morente, e púñaas unha vez e outra, de modo obsesivo. O texto de Lorca facíame entrar nese ton, entre alucinado e extraordinariamente desperto, consciente, que precisaba para contar esta historia. Porque quería falar do que no que non está ben, do que nos doe, do elefante no cuarto. Na faixa da versión en castelán, a miña amiga Valérie Tasso escribe:
“Nadie duerme: Un “huis clos” en el que la puerta cerrada se revienta bajo el ariete literario de Xina Vega, una jaula que se abre, que se destripa, que se desparrama, que se desborda, que se eyacula y que se dispara sobre la condición humana. Un encuentro que nos recuerda que Macbeth (“Sleep no more”) siempre acaba de matar al rey y que el príncipe desconocido de Turandot (“Nessum dorma”) acaba de proscribir, para siempre, el dormir. Un sórdido pastel de carne que se nos corta en la boca, que nos quiebra los molares y que nos impedirá, esa noche, conciliar el sueño”.”
– P: Por que foi publicado primeiro en castelán e logo en galego? (Supoño que houbo problemas para publicalo en galego).
– RV: Acabei o libro nos anos máis duros da crise económica. Nese tempo deuse unha contracción brutal de títulos publicados en todas as literaturas do Estado. Aquí, en Galicia, penso que o devalo foi aínda máis acusado. Nesa situación, a miña casa editora, que xa se comprometera en publicarme deixou pasar o tempo. Logo de dous anos de espera perdín a paciencia, fixen algún intento con outras editoras sen resultados e xurdiume a oportunidade de publicar en castelán con Pepitas de Calabaza, editora coa que estaba colaborando noutro proxecto.
O entusiasmo co que recibiron o meu texto traducido compensoume nun primeiro momento da frustración que sentía no sistema galego. Porén, eu non son unha escritora da literatura castelá, non teño ningunha intención de moverme, promocionarme ocupar espazo nese ámbito.
– P: Ninguén dorme ten un estilo moi coidado, que se achega á prosa poética por veces. Niso, hai un cambio desde Dark butterfly (que era outro tipo de libro, como un diario). Estiveches moito tempo traballando en Ninguén dorme? Pódese falar dunha “evolución “ do estilo ou, simplemente, son proxectos diferentes?
– RV: Non teño claro que, en canto a estilo, sexa moi diferente de Dark Butterfly, basicamente porque creo que unha autoría é unha mirada e unha música, dúas cousas que non podemos cambiar, como o timbre da voz. Con todo, o proxecto si que é distinto. Procuro sempre que o escribo me supoña un desafío. Na anterior novela probada cunha escrita fragmentaria co diario como fío condutor, en Ninguén dorme intento unha ‘nouvelle’ que vaia dacabalo entre a narrativa, o teatro e a lírica. (…)”
Entrevista a Tiago Alves Costa no Zigzag da TVG
Desde o Zigzag da Televisión de Galicia:
“Tiago Alves Costa preséntanos Žižek vai ao ginásio, publicado por Através Editora. A entrevista pode verse aquí.”
Bases do III Certame de microrrelatos convocado por Puntogal e a Real Academia Galega
Lalín: presentación de A matanza do porco, de Xoán Carlos García Porral, o 31 de xaneiro
Bases do III Premio Roberto Vidal Bolaño
“Este certame nace pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato. Por iso, o Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia, convocan este certame coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados por alumnado do ensino secundario.
BASES:
1. Poderán concorrer ao Premio todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos teatrais inéditos e non premiados noutros certames, que estean escritos en lingua galega.
2. As OBRAS serán de temática e extensión libre, aínda que hai que ter en conta que van ser interpretadas por alumnos e alumnas de entre 12 e 18 anos.
3. Cada autor poderá presentar máis dunha obra.
4. O PREMIO constará de 2.000 euros, suxeitos ás retencións fiscais correspondentes, e que computarán en concepto de adianto de dereitos de autoría, un diploma acreditativo e a edición e publicación da obra gañadora a cargo da EDITORIAL GALAXIA. Para tal efecto a editorial asinará co gañador ou gañadora o correspondente contrato de edición.
5. O premio poderá quedar deserto se a calidade das obras presentadas non é a axeitada segundo o criterio do xurado.
6. O PRAZO de presentación de orixinais remata o 15 de abril de 2020.
7. Enviaranse catro copias da obra, debidamente encadernadas, xunto cun sobre cos datos do autor/a.
8. O ENVÍO das obras farase a través de correo postal ao enderezo: I.E.S Ribeira do Louro (Rúa Ribeira s/n, 36410, Torneiros, O Porriño), especificando no sobre Premio de Teatro Roberto Vidal Bolaño. O XURADO estará conformado polo EDL do IES Ribeira do Louro, e dous profesionais do teatro e un representante da Editorial Galaxia; e prestará especial atención á innovación dramatúrxica, as novas linguaxes contemporáneas e a singularidade temática das pezas.
9. A obra gañadora darase a coñecer no mes de xuño de 2020. Farase entrega do premio nun lugar que se convirá, para tal efecto, na última semana dese mes.
10. Se durante o tempo de presentación e deliberación a obra presentada recibise algún premio ou fose editada, o autor deberá comunicalo á organización do certame, xa que este feito será motivo de exclusión do presente concurso.
11. O feito de participar neste certame supón a aceptación total destas bases. O non previsto nelas será resolto pola organización.”