O programa de actos é o seguinte:
– 12:00 h. Acollida aos membros da Real Academia Galega e ao público asistente coa actuación do Grupo de gaitas da Asociación de Veciños do Casco Vello de Vigo.
– 12:15 h. Comezo dos actos, actuando como mantedora Malores Villanueva, padroeira da Fundación Penzol:
— Benvida a cargo de Alfonso Zulueta de Haz, Presidente da Fundación Penzol.
— Recepción oficial a cargo de Abel Caballero Álvarez, Alcalde de Vigo.
– 12:30 h. Sesión plenaria pública da Real Academia Galega coa intervención dos académicos Ramón Lorenzo Vázquez, Xosé Ramón Barreiro Fernández e Xesús Alonso Montero. Pechará o acto o Sr. Presidente interino da RAG, Xosé Luís Axeitos Agrelo.
Remate dos actos coa lectura de textos e Himno galego.
Arquivo da categoría: Aniversarios e efemérides
Vigo: celebración do Centenario de Francisco Fernández del Riego
O sábado 16 de febreiro, na Alameda de Compostela, de Vigo (fronte á estatua de Méndez Núñez), ás 12:30 horas, terá lugar un acto público polo Centenario de Francisco Fernández del Riego, onde intervirán diversas personalidades e o grupo musical A Roda. A Federación Colombófila Galega ceibará 100 pombas mensaxeiras. O acto está organizado pola Fundación Lois Peña Novo.
Varias actividades lembran a Lugrís Freire no 150 aniversario do seu nacemento
Desde Cultura Galega:
“Foi un prolífico xornalista, poeta, narrador (baixo o pseudónimo Asieumedre) e defensor do nacionalismo concretando na identidade e no idioma. Segundo a biografía oficial Lugrís Freire cumpriría o 12 de febreiro 150 anos do seu nacemento, aínda que a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo proba que foi o día 11, coa publicación da súa partida de bautismo. Con ela arrincan os actos para homenaxear a súa figura. O vindeiro xoves 14 haberá unha ofrenda floral e inaugurarase unha exposición na capela de San Roque. O concello financia as actividades que se desenvolverán ao longo de todo o ano, tras declarar este 2013 en Sada como o Ano Cultural Lugrís Freire.”
Calendario de actividades da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para o Día de Rosalía
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organizará, como xa fixo en anos anteriores, un completo programa de actos con motivo da celebración pública do Día de Rosalía, o vindeiro 24 de febreiro, data do seu nacemento.
Este ano ten unha especial relevancia ao se cumpriren 150 da publicación de Cantares Gallegos, o primeiro libro íntegro monolingüe do renacemento da nosa literatura culta. Con este motivo, os actos tentarán proxectar a figura e obra rosaliana nos diferentes sectores sociais segundo o calendario que segue:
Venres 22 de febreiro
A AELG proporá aos centros do ensino a inclusión nese día de actividades escolares na súa programación, como lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado de poemas de Cantares gallegos, que divulgaremos desde o noso espazo web para darlles visibilidade social.
Sábado 23 de febreiro
Proponse a organización de lecturas de poemas de Rosalía de Castro a partir das sete da tarde nas distintas cidades e vilas, que poderá ir precedida ou acompañada da lectura dun manifesto que a propia AELG difundirá.
Finalmente, o domingo 24, ás 12:00 h., no Panteón de Galegos Ilustres, terá lugar un acto nacional onde serán lidos poemas de Cantares gallegos, ademais da realización dunha ofrenda floral.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega anima á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura.
Para alén das actividades propias, a AELG coorganizará con diversas institucións e colectivos sociais outros actos de recoñecemento da nosa escritora fundacional. A AELG anima a toda a cidadanía a participar desas actividades.
Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.
A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.
Dosier: Francisco Fernández del Riego
Desde Cultura Galega:
“A presentación en Vigo de Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o corazón de Galicia continuaba a celebración do centenario de nacemento do ilustre galeguista, falecido en 2010. A obra, promovida pola Fundación Penzol e a Editorial Galaxia recolle as visións de diferentes persoeiros da cultura e da sociedade viguesa sobre o homenaxeado. A iniciativa súmase ao blog sobre a figura de Del Riego que abriu recentemente no web de Galaxia e terá continuidade en diferentes actos ao longo do ano. (…)”
No Courel de Novoneyra, o sábado 19 de xaneiro
O sábado 19 de xaneiro, desde as 18:00 horas, en Parada do Courel, a Fundación Uxío Novoneyra, no aniversario do nacemento do autor, convida a unha visita ao Courel, na que se desenvolverán os seguintes eventos:
– 19:00 h. Representación de O Asombro de Fantoches Baj, na casa-sede da fundación (Parada do Courel, 1), sobre o propio autor homenaxeado.
– 22:30 h. Visionado da longa documental: Uxío Novoneyra / Poeta Alén, de G6Audiovisuais, dirixida por Iván Gimeno, no pub Hydra de Seoane do Courel.
Prégase confirmar asistencia en orde a adecuar aforos e reservas nas distintas actividades (pode facerse tamén no correo electrónico uxionovoneyra@gmail.com).
Don Paco no recordo
“Dende a web GaleguizarGalicia.tv prepararon un video, que deixamos aquí, titulado Don Paco no recordo e que paga a pena ver para entender os comezos do noso importante intelectual e galeguista fundador de Galaxia, Francisco Fernández del Riego.”
Blogue sobre o centenario de Francisco Fernández del Riego
Principia o centenario de Francisco Fernández del Riego coa creación dun blog por parte da Fundación Penzol e da Editorial Galaxia, onde se recollerán as novas, colaboracións e textos de ou sobre don Paco que a conmemoración vaia xerando.
Santiago: homenaxe a Isaac Díaz Pardo
Desde Praza:
“En 1954 Lorenzo Varela, grande amigo de Isaac Díaz Pardo e homenaxeado nas Letras Galegas de 2005, publicou un poema no seu libro Lonxe titulado Compañeiros da miña xeneración mortos ou asasinados. Nel, Varela escribe que “gardo, coma un morto, no centro do silenzo, da sede, da agonía, o día que vos poda levar á sepultura unha cesta de pombas e mazás”.
Iso é o que un grupo de amigos e admiradores de Isaac queren facer este sábado 5 de xaneiro a partir das 12:30 h. do mediodía no cemiterio compostelán de Boisaca, onde Díaz Pardo foi soterrado hai agora un ano. O acto cívico, organizado pola Academia Real Isaac Díaz Pardo, contará coa participación de poetas, escritores e outras figuras destacadas, unidas pola estreita relación que tiñan co intelectual. Falarán Carmen Blanco, David Otero, Laura Pérez Landeira, Luz Pozo, Julián Rodríguez, Claudio Rodríguez Fer, Helena Villar Janeiro, Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Axeitos, Xosé María Dobarro Paz, Inma López Silva, Martiño Noriega, Charo Portela, Xesús Redondo Abuín ou Fernando Salgado. E porán a música A Quenlla, as gaitas de Manuel Castro Basteiro e Elisardo González López e os violins de Laura e Marina Quintillán.
O poema de Lorenzo Varela será recitado por Xosé Ramón Fandiño. E como afirma Xesús Alonso Montero “morrese Díaz Pardo de morte morrida ou de morte matada, Lorenzo Varela non lle furtaría o agasallo das mazás e das pombas”. E Alonso Montero conclúe “nese intre as pombas recuperarán a liberdade e as mazás, co seu recendo, traducirán , ao seu xeito, o agarimo e a admiración dos asistentes ó acto. Valle Inclán, soterrado a poucos metros, aplaudirá sen reservas a nosa admiración e o noso agarimo, que serán perpetuos”.”
Lugo: edición nº 31 da revista oral O Pazo das musas
O xoves
27 de decembro, a partir das 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, terá lugar unha nova edición, a número 31, da Revista oral O pazo das musas, de periodicidade trimestral, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo), coordinado por Antonio Reigosa, e que estará centrado nos centenarios de Manuel Lerias Pulpeiro (Mondoñedo, 1854-1912) e Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912- Vigo, 1979). O sumario é o seguinte:
– Portada musical. Pilocha (3 minutos).
– Proxección. Deitado frente ao mar (Celso Emilio Ferreiro). Video creado polo alumnado de 3º ciclo de E. Primaria do CEIP da Barqueira, Cerdido (A Coruña) (2 minutos).
– Celso Emilio. A Di-versíada de Celso Emilio Ferreiro, por Armando Requeixo (10 minutos).
– Música. por Pilocha (3 minutos).
– O son da nosa fala (Radio Lugo), por Paco Nieto e Tania Lombao (10 minutos).
– Música. por Pilocha (3 minutos).
– Proxección. Monólogo do vello traballador (Celso Emilio Ferreiro). Videopoema creado por Andrea Nunes, Lorena Souto e Mario Regueira con motivo do recital poético Ergueremos a esperanza, celebrado na Universidade de Deusto o 26 de abril de 2012 (3 minutos e 22 segundos).
– M. Leiras Pulpeiro. Manuel Leiras Pulpeiro: o poeta que amou a Verdade e practicou o Ben, por Armando Requeixo (10 minutos).
– A obra de M. Leiras Pulpeiro na voz do alumnado do IES Leiras Pulpeiro, de Lugo. Participan alumnos/as e profesores/as deste centro, coordinados polo Departamento de Lingua e Literatura Galega (12 minutos).
– Música. Pilocha (3 minutos).
– Lecturas da obra de Leiras Pulpeiro (Banco de Voces de Radio Lugo). Convidaremos aos asistentes a ler un poema de M. Leiras Pulpeiro, converténdose así nos primeiros colaboradores dun ambicioso proxecto da emisora Radio Lugo para que a poesía teña presenza continuada na súa programación e, ademais, ir facendo realidade un arquivo oral que se vai denominar Banco de Voces de Radio Lugo (10 minutos).
– Opinión. Intervención do público (5 minutos).
– Epílogo. Encarna Lago, xerente da Rede Museística (3 minutos).
– Contraportada musical. Pilocha (3 minutos).
Crónica posterior de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia.