A Coruña: Unha estrela no ceo de Galicia, acto conmemorativo do 150 aniversario dos Xogos Florais de 1861

O sábado 2 de xullo, na Fachada do Teatro Rosalía de Castro, a Real Academia Galega e a Concellaría de Cultura promoven Unha estrela no ceo de Galicia, acto conmemorativo do 150 aniversario dos Xogos Florais da Coruña de 1861, co seguinte programa (Xogos Florais 1861-2011 Unha estrela no ceo de Galicia):
13:00 h. Abre o acto un baile de Nova Galega de Danza.
13:05 h. Saúdo e presentación do acto polo secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos Agrelo.
13:10 h. Lectura dalgúns poemas galegos do Álbum de la Caridad, publicado un ano despois dos Xogos Florais de 1861. Coa intervención de: Consuelo Bautista, xornalista de Radio Coruña; Manuel Gallego, arquitecto; Begoña Varela Bárcena, libreira de Nova Colón; Gonzalo de la Huerga, conselleiro do Consello Consultivo de Galicia; Marisol López Facal, médica; Xosé María Barja, reitor da Universidade da Coruña; Luísa Merelas, actriz; Roberto Pérez Vila, presidente do comité de empresa de Zara Loxística; Laura Gayoso, sumiller e restauradora; Ánxel Vázquez de la Cruz, médico; e Charo Soto Arias, vicedirectora do IES Eusebio da Guarda.
13:25 h. A presidenta da Asociación de Compositores de Galicia Margarita Viso Soto interpreta ao piano a muiñeira de Canuto Berea, peza que se escoitou nos Xogos Florais de 1861.
13:30 h. Discurso do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín.
13:40 h. Desde a Serra de Outes, terra natal do poeta Francisco Añón, galardoado nestes Xogos Florais, traen unha ofrenda vexetal para os promotores e organizadores dos Xogos. O secretario da Asociación cívico-cultural Terra de Outes, Ramón Blanco, fai entrega dun carballo ao presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte, e dun loureiro á descendente dos irmáns de la Iglesia, María Rosa Saurín de la Iglesia.
13:45 h. Pecha o acto a Banda Municipal de Outes coa interpretación do Himno galego.

Tui: recital poético no 120 aniversario dos Xogos Florais de Galicia

“A concellería de Cultura do Concello de Tui conmemora o 120 aniversario da celebración na cidade dos Xogos Florais de Galicia, que tiveron lugar do 24 ao 26 de xuño do ano 1891 e que marcan un singular fito na historia de Galicia, ao ser o primeiro acto público celebrado integramente na nosa lingua. O programa destes actos comeza hoxe, venres 24 de xuño, cun recital poético que terá lugar ás 20:30 horas na igrexa de San Domingos de Tui e que contará cun recital poético de Alfonso Pexegueiro e no que se realizará a lectura de poemas do libro A cidade sen roupa ao sol, de Marga do Val, en recoñecemento ao seu recente Premio da Crítica, e contará coa actuación musical dos tudenses Fofinski the Chinaski.” Vía Galicia Hoxe.

Santiago: faladoiro sobre A obra poética de Álvaro Cunqueiro

O xoves 16 de xuño, ás 19:00 horas, no salón de actos do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro), en Santiago de Compostela, terá lugar o faladoiro A obra poética de Álvaro Cunqueiro, no que participan Henrique Monteagudo, Xosé Manuel Salgado, Manuel Forcadela e Teresa López.

Bos Aires: homenaxe a Antón Santamarina Delgado

O sábado 18 de xuño, no Centro Betanzos de Bos Aires, terá lugar unha homenaxe a Antón Santamarina Delgado polo cincuentenario (1-xuño-1961) do seu libro Pra unha terra apremida, que foi considerado como un dos anticipadores da corrente socialrealista da poesía galega no seu tempo.

Santiago: concerto Camelias para Cunqueiro, por Amancio Prada

O venres 10 de xuño, ás 21:00 horas, no Salón Teatro (Rúa Nova, 34) de Santiago de Compostela, e con entradas a 10 euros, terá lugar o concerto Camelias para Cunqueiro, no que Amancio Prada interpretará poemas do grande autor mindoniense. O concerto forma parte da programación conmemorativa 2011, Ano Cunqueiro, e está organizado conxuntamente por Agadic e o Consello da Cultura Galega. Amancio Prada estará acompañado por Hilary Fielding ao violonchelo e Josete Ordóñez á guitarra e mandola.

A Coruña: conferencia de Xosé Antonio Pena Beiroa sobre Alexandre Bóveda

O xoves Alexandre Bóveda9 de xuño, ás 20:30 horas, na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, e dentro do ciclo de conferencias en conmemoración do 75º cabodano do asasinato de Alexandre Bóveda, Xosé Antonio Pena Beiroa falará da obra económica e fiscal de Bóveda na actualidade. Houbo un cambio na orde das conferencias, e esta semana terá lugar esta, quedando para o día 16 a prevista para o xoves 9 con Francisco Rodríguez.

Lugo: faladoiro O popular na obra de Álvaro Cunqueiro

O xoves 2 de xuño, ás 19:30 horas, na Aula Sociocultural Novacaixagalicia (Praza de Santa María, s/n.) de Lugo, terá lugar un faladoiro sobre O popular na obra de Álvaro Cunqueiro, acto organizado polo Consello da Cultura Galega con motivo do Ano Cunqueiro, no que participan Claudio Rodríguez Fer, Darío Xohán Cabana, Antonio Reigosa e Armando Requeixo.