Desde
a Asociación de Actores e Actrices de Galicia:
“Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), será o encargado de ler o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro durante a cerimonia dos XVII Premios María Casares. Deste xeito, o escritor subirá o próximo 27 de marzo ao escenario do Teatro Rosalía de Castro para ler un texto propio no que destacará a relevancia das artes escénicas no desenvolvemento social e cultural do país.
A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia escolle este ano ó presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega como “compañeiro de viaxe” nun momento en que a “lingua galega xoga un papel fundamental”. Ademais a xunta directiva subliña a importancia da “colaboración entre entidades vencelladas á cultura nun momento complicado para todos os ámbitos do sector” e agradécelle a Cesáreo Sánchez que acepte o convite para encargarse do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro.
Deste xeito, o presidente da AELG únese á lista de ilustres persoeiros que, nos últimos anos, redactaron o Manifesto do Teatro na gran festa da escena galega. O ano pasado o encargado fora o ex presidente da Real Academia Galega, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín e, na edición de 2011, o historiador Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, leu o documento ante os centos de profesionais do gremio que, cada ano, acoden á cerimonia de entrega.
“O teatro é testemuña e actor-activista da realidade cultural e social da Galiza. É unha arte enchoupada da alma colectiva”, explica Cesáreo Sánchez, quen sinala que no seu manifesto reivindicará o papel da escena no desenvolvemento do país. “O sector sempre participou na identidade de Galicia. Na biografía do teatro está a biografía cultural e social galega”, sinala Cesáreo Sánchez, quen lembra que “toda agresión ao teatro” supón unha “agresión contra a cultura”. Ademais, o escritor incluirá no manifestos referencias ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, quen será homenaxeado no Día das Letras Galegas. “Este 17 de maio será a celebración do teatro galego”, adianta.
Con estas premisas, Cesáreo Sánchez furará na consolidación identitaria do teatro no seu manifesto, que se poderá escoitar na cerimonia duns María Casares nos que colaboran diversas entidades e institucións, demostrando a relevancia pública e social do sector. Este ano, a Consellería de Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello da Coruña, GADISA, a Fundación AISGE ou a Fundación Autor (SGAE) implícanse nos Premios María Casares co seu apoio.”
Arquivo da categoría: Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega asinou un convenio coa Asociación Galiza co Galego
Como asociacións coincidentes no obxectivo dunha educación laica, plural, en valores, de calidade e en lingua galega, ambas entidades acordaron que Galiza co Galego difunda as actividades, publicacións e propostas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e esta última porá os seus recursos á disposición de GcG e participará nas actividades educativas promotoras da cultura e lingua, dentro da Rede de Ensino Popular.
As persoas asociadas de ambas as asociacións beneficiaranse das actividades e das actuacións conxuntas que acorden.
Galiza co Galego suma así máis recursos para o ensino en galego, pois este convenio vén xuntarse aos xa subscritos coas asociacións pedagóxicas Nova Escola Galega (NEG) e Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG).
Dossier de prensa sobre a presentación de Forked Tongues, coa presenza de Mercedes Queixas, en nome da AELG
O
pasado xoves 28 de febreiro tivo lugar, no Café Literario do Instituto Cervantes (Lincoln House, Lincoln, Place, 2) de Dublín, Irlanda, a presentación de Forked Tongues, editado por Manuela Palacios, libro que recolle as traducións de poetas galegas, éuscaras e catalás ao inglés por poetas anglófonas. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega foi unha das entidades colaboradoras desta actividade, participando na mesma, na súa representación, Mercedes Queixas.
Posteriormente o Instituto Cervantes de Dublín, organizador do acto, elaborou este dossier de prensa, que pode ser descargado aquí: Dossier de prensa sobre Forked Tongues 28-02-2013.
Vídeo do IES Xulián Magariños, de Negreira, para incorporar ao Día de Rosalía 2013 no ensino
Comunicado da Federación Galeusca de Asociacións de Escritoras e Escritoras en linguas galega, éuscara e catalá sobre o segundo anteproxecto de Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE)
O
compromiso público coa cidadanía que a Federación Galeusca asumiu desde a súa fundación, obríganos a pór en coñecemento da sociedade a nosa preocupación ante o reforzo intencionado da vontade política de restar status educativo aos idiomas galego, éuscaro e catalán, propios e oficiais de Galiza, Euskadi e Paisos Cataláns, símbolos identitarios das nosas nacións e instrumentos de traballo para as persoas que creamos corpus literario nas súas diferentes manifestacións, sexan estas de ficción ou de ensaio e investigación.
Constatamos a incoherencia da teorización recollida na exposición de motivos do anteproxecto de LOMCE e, por tanto, a inviabilidade da súa concreción educativa no futuro formativo do alumnado, ao pretender defender como alicerce deste novo regulamento a calidade educativa desde o reforzo de valores, competencias e coñecementos no alumnado do Estado, marxinando e restando espazo de aprendizaxe activa á diversidade lingüística e cultural que sustenta o Estado español e que reafirman os nosos limitados e insuficientes Estatutos de Autonomía.
Entendemos que non pode avanzarse na mellora da calidade de aprendizaxe global do individuo se se prescinde ou limita a súa capacidade para coñecer e recoñecerse no seu contorno, marcado pola heteroxeneidade e a diversidade lingüística e cultural; democracia, respecto, solidariedade e equilibrio son palabras que perden, con esta filosofía segregadora que o anteproxecto de LOMCE ampara, o seu valor e centralidade máis profunda.
Resulta imposible defender a necesidade de formar unha sociedade aberta, plural, global e participativa, capaz de desenvolver ao máximo as capacidades de cada persoa se, partindo dunha estratificación a tres niveis das materias que se imparten nos currículos, as nosas linguas deixan de estar en pé de igualdade co castelán como materias troncais, que si manteñen a lingua castelá e a primeira lingua estranxeira, para pasar a ter a mesma consideración que unha segunda lingua estranxeira, nunha posición xerárquica inferior á que se lle concede á materia de Relixión.
Neste sentido, consideramos que este segundo anteproxecto empeora substancialmente o primeiro borrador da lei presentado no seu día, o que evidencia non só a falta de respecto ás linguas e culturas nacionais do Estado español, senón o desprezo que lles merecen aos seus redactores, pondo en evidencia a súa obsesión por, como recoñeceron, españolizar a infancia e mocidade dos nosos territorios nacionais.
Cremos que a vontade que recolle o documento de querer elaborar unha reforma educativa «sensata, práctica, que permita desenvolver ao máximo o potencial de cada alumno» contradise na interpretación da cuestión propiamente plurilingüe que caracteriza o Estado español e na posta en valor e protección de garantía de futuro para as diferentes linguas cooficiais que a Constitución obriga.
É por iso que, tras a lectura deste anteproxecto de Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa, trasladamos á cidadanía a nosa preocupación pola progresiva deterioración tanto do prestixio social como do acceso ao dominio oral e escrito das nosas linguas para as xeracións máis novas, e esiximos aos responsables que retiren este borrador e traballen, desde a capacidade de diálogo e negociación precisa coas partes afectadas, nunha nova redacción consecuente coa realidade plurilingüe española, onde se recoñeza a capacidade de todas as linguas oficiais do Estado para crear habilidades cognitivas, enriquecer competencias transversais, ampliar o pensamento crítico, xestionar a biodiversidade natural e fomentar as destrezas creativas e a capacidade de comunicar e entenderse desde un eu que respecta ao outro.
En consecuencia,
a) A Federación Galeusca manifesta a súa radical oposición ao segundo anteproxecto de LOMCE presentado polo Ministerio de Educación. Esta oposición baséase no tratamento que o anteproxecto dá ás nosas linguas e ás nosas literaturas, un tratamento que traduce o desprezo por elas e a intención de reducir a súa presenza e valoración social, nun camiño que só conduce a unha situación aínda máis desfavorable e minorizadora.
b) Denunciamos a obsesión españolizadora e negadora das diferentes realidades que se fai patente tamén no atrevemento a financiar con fondos públicos o descoñecemento da lingua propia, arbitrando que cando os pais así o decidan será a administración autonómica quen teña que financiar unha formación allea á nosa lingua e que, por tanto, estaría a incumprir a nosa lexislación.
c) Desde a Federación Galeusca convocamos os gobernos galego, vasco, catalán, valenciano e das Illas, a analizar o verdadeiro significado da lei e esixir que non se invadan as competencias da Xunta de Galiza, do Goberno vasco, da Generalitat e dos Paisos cataláns.
d) A Federación Galeusca apoiará as reivindicacións cidadás que se promovan para reclamar a retirada deste anteproxecto, pois de manterse significaría avanzar na deterioración dos nosos idiomas até tempos predemocráticos.
e) As escritoras e os escritores da Federación Galeusca non podemos aceptar que quen ten a responsabilidade de gobernarnos actúe desta forma contra as nosas linguas, sen atender á realidade sociolingüística de cada territorio e pondo obstáculos a unha política lingüística normalizadora que debe marcarse como primeiro obxectivo frear a perda de falantes entre as xeracións máis novas.
f) A Federación Galeusca fai unha chamada á participación da cidadanía nas mobilizacións que se convoquen en defensa dos nosos idiomas.
Vídeo do recital poético no IES Gregorio Fernández de Sarria, con motivo do Día de Rosalía 2013
Vídeo desde o IES Macías O Namorado de Padrón, para o Día de Rosalía 2013
Vídeo desde o CEIP Agro do Muíño, de Bertamiráns, para o Día de Rosalía 2013
Vídeo desde o CPR Divino Maestro de Lugo, para o Día de Rosalía 2013
Vídeo desde o CEIP San Marcos, de Abegondo, para o Día de Rosalía 2013
