O Escritor na súa Terra: Nacho Taibo. Oleiros, 2018

O Escritor na súa Terra: Nacho Taibo. Oleiros, 2018.
Co apoio do Concello de Oleiros, CEDRO, Xunta de Galicia e Deputación da Coruña.

SOCIO DE HONRA DA AELG. Letra E 2018 – Oleiros

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XXIV edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Nacho Taibo, que será homenaxeado en Oleiros, terra na que residiu a maior parte da súa vida.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do/a homenaxeado/a ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Alejandra Sampedro), a plantación dunha árbore simbólica (un carballo elixido polo propio autor) e a colocación dun monólito conmemorativo.

PROGRAMA DE ACTOS

SÁBADO 16 DE XUÑO
11:30 Rúa María Soliña, Santa Cruz (Oleiros)
Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación do carballo (árbore simbólica do escritor)
12:30 Salón de actos do Castelo de Santa Cruz (Oleiros)
Acto de entrega da “Letra E”
14:30 Hotel As Galeras (Rúa Antonio J. de Sucre, 17, Bastiagueiro-Oleiros)
Xantar de confraternidade.
Pode descargarse o programa completo aquí.

“Nacho Taibo, o Ulises galego”

Entrevista a Nacho Taibo en La Opinión:
“Nacho Taibo conserva intactas no corazón as ilusións, as utopías, a inxenuidade e a fantasía da nenez que tantos perden ao medrar. Ainda soña cunha máquina do tempo que o leve á idade dos gregos e os romanos. Un dos seus libros, Informe Bestiario, tiña un protagonista inspirado no Ulises de Homero, que podería ser un trasunto do autor, un heroe que tras anos viaxando e vivindo aventuras polo mundo mantendo incólume a integridade e a fidelidade a sí mesmo regresa á súa terra e é recoñecido. Se hai unhas semanas era homenaxeado pola comunidade escolar do instituto Neira Vilas de Perillo en Oleiros, onde deu clase de Lingua e Literatura Galega dende que se puxo en marcha o centro e ata a súa xubilación en 2014, un cuarto de século, o vindeiro sábado será honrado pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega.
“É moi de agradecer”, di con sinxeleza Taibo, que lembra a emoción que lle causou que lle puxesen o seu nome a unha aula do instituto. Unha desas historias que pechan un círculo de vida dase no feito de que a persoa que fará a laudatio na homenaxe, Inmaculada Otero, ademais de escritora e a profesora que o substituiu no Neira Vilas cando se xubilou, foi alumna súa. “Éncheme de orgullo, satisfacción e responsabilidade”, apunta. O autor era fillo de emigrantes e naceu en Madrid e alí viviu case trinta anos. Falaba castelán. Pero nunca se sentiu madrileño, levaba Galiza no corazón. Pasaba os verán na Coruña e en Oleiros e elixiu falar e escribir en galego.
“En Madrid coñecín a Celso Emilio Ferreiro, do que eu era fan absoluto. Estaba a traballar en Antibióticos S. A. Levoume Isaac Alonso a coñecelo, eu era un rapaz que compraba todos os libros del. Era encantador, nada engreído”.
Taibo comezou a estudar enxeñaría naval pero despois fixo Socioloxía. Traballou tres anos nun banco. “Sumábamos cantidades que xa sumara un departamento e despois de nós outro departamento as sumaba. Alí tiñas que botar a imaxinación a voar porque non tiñas outra saída”. Cando deixou o banco fixo, como sociólogo, as enquisas para as primeiras eleccións democráticas e constatou “a enorme diferenza de actitude, de comportamento, entre a xente da costa e a do interior, máis retraída”.
Deixou Madrid e veu a Galiza e comezou a impartir clase en varios centros educativos. En Oleiros viviu gran parte da súa vida e no Neira Vilas deixou unha fonda pegada. Compaxinou o seu labor docente coa súa paixón pola escritura, que o levou a publicar o primeiro libro en 1975, Os inmortais. A súa obra foi lectura obrigada nos centros educativos e foi Premio da Crítica Española no 78. A Ponliña Irlandesa, A Semancia, Homes de ningures, son outros dos arredor de vinte títulos deste mestre. A súa última obra publicada foi Os tres de nunca en 2016.
Este narrador, que le varios libros en distintos idiomas ao mesmo tempo, garda moitas historias inéditas, listas para que as colla unha editorial. Entre elas unha novela de amor, a primera que escrebe. Recoñece que o seu compromiso co galego e a súa escrita non comercial non o axudou á hora de difundiar a súa obra.
“Eu sigo escribindo case todos os días, necesito escribir porque o paso ben. Alguén dixo que escribimos porque non somos felices, pero eu agora son feliz e teño que escribir. Agora tendo a simplificar o estilo, antes era máis rebuscado. Non era nada ou pouco comercial. Eu non pensaba no lector nunca, a miña visión é que cando escribo quero ser eu”, explica.
O compromiso coa lingua é un piar na vida de Nacho Taibo e ve con pena un “panorama moi negro” en Galiza. Conta de amigos que se pasaron ao castelán. “Hai un declive continuado. As autoridades galegas teñen un discurso triunfalista pero ocultan deliberadamente que cada vez se fala menos. E se edita menos porque non se subvenciona. O meu último libro non entendo como Xerais mo aceptou porque era un risco. Até o bipartito había subvencións á edición en galego, a Xunta compraba o 10% da edición, pero quitáronse. Falta unha aposta decidida pola cultura galega escrita. Curiosamente, eu de novo en Madrid oía chistes sobre os galegos e o seu acento, e agora alí din que o clima é estupendo, que a xente é encantadora, que xa o era antes, que o galego é marabilloso, que en Galiza se vive de marabilla. Non sei a que se debe este cambio”.
O escritor destaca o mérito das editorais por publicar en galego a pesares de todos os atrancos. E quítase importancia ao falar do mérito de xente que partindo do castelán elixe o galego para sempre. “Antes eu tiña a visión de que vou escribir para cambiar o mundo. Agora, que cos meus escritos estou axudando á lingua, non poría a man no lume. Quizais mellora a lingua dos que len, pero que axuda a consolidar o galego, en pleno declive, dubido”.
O sábado será o Día de Nacho Taibo. Ás 11.30 en Santa Cruz descubrirase un monolito e plantarase un carballo na súa honra e despois no castelo recibirá a Letra E da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Haberá discursos do autor, do alcalde e de responsables da asociación, antes dun xantar de confraternidade na terra do Ulises galego.”

Paseo Literario por Compostela. Xuño 2018 (María do Cebreiro)

Os Paseos Literarios por Compostela. Primavera 2018 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Santiago.
Trátase dunha nova edición deste Ciclo de percorridos literarios por Compostela, procurando outra ollada á historia e xeografía da cidade.

As inscricións, gratuítas, poden realizarse no correo electrónico teatroprincipal@santiagodecompostela.gal, indicando o nome, apelidos, un teléfono de contacto, e o(s) Paseo(s) ao(s) que se quere asistir.

Estes son os paseos previstos:

Xoves 14 de xuño, ás 18:00 h.
A cidade das augas, con María do Cebreiro.
Punto de partida: Ponte Vella do Sar.

A Coruña: crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con María Solar

Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria, que tivo lugar o sábado 9 de xuño. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2018, María Solar (sábado 9 de xuño)

Os Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2018 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.

Volven os Paseos pola Coruña Literaria para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.

Desde o peirao da Coruña partiu en 1803 a corveta María Pita para levar a vacina da varíola ao Novo Mundo da única maneira posible, a través dunha cadea de vacinación a 22 nenos orfos. A cidade foi parte e escenario da preparación desta xesta médica sen precedentes. Os nenos da varíola recupera, novelada, a memoria do que pasou. O roteiro levaranos da man pola historia e a ficción literaria, un paseo para recuperar parte da memoria da cidade e da humanidade.

Actividade dirixida a persoas maiores de 16 anos. 55 prazas por paseo.

É necesaria a inscrición, que pode facerse dos seguintes xeitos, nas datas indicadas para cada paseo:
– Presencial na Conserxaría do Centro Ágora
– No teléfono 981 189 888.
– Enviando un correo electrónico a lingua@coruna.es, onde deberá constar o/s nome/s e apelidos da/s persoa/s inscritas e un teléfono de contacto.

Paseos Literarios por Compostela. Xuño 2018 (Antón Lopo e María do Cebreiro)

Os Paseos Literarios por Compostela. Primavera 2018 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Santiago.
Trátase dunha nova edición deste Ciclo de percorridos literarios por Compostela, procurando outra ollada á historia e xeografía da cidade.

As inscricións, gratuítas, poden realizarse desde agora no correo electrónico teatroprincipal@santiagodecompostela.gal, indicando o nome, apelidos, un teléfono de contacto, e o(s) Paseo(s) ao(s) que se quere asistir.

Estes son os paseos previstos:

Xoves 7 de xuño, ás 19:30 h.
Roteiro arredor de Fermín Bouza-Brey en Compostela, con Antón Lopo.
Punto de partida: número 43 da Rúa do Vilar.

Xoves 14 de xuño, ás 18:00 h.
A cidade das augas, con María do Cebreiro.
Punto de partida: Ponte Vella do Sar.

Semana do Libro de Compostela (Selic) 2018, actos destacados do 7 de xuño

O 7 de xuño continúa a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 17:00 a 21:00 horas), organizado polo Concello de Santiago, cos seguintes actos literarios destacados para este día dentro do seu programa:

18:00 h. Chan da Pólvora. Não tenho culpa de viver. Teresa Moure presentará Não tenho culpa de viver, na que traduce ao galego os poemas de Ana Brouwer para a colección «Malaca de fóra».
18:30 h. Mesa debate. «Sepáranos tanto o que nos une». Unha mesa temática con dous escritores portugueses, Rui Zink e Marta Bernardes, e dous escritores galegos, Suso de Toro e Teresa Moure, moderado por Carlos Quiroga. Actividade promovida por Póvoa de Varzim.
19:30 h. Palabras Vivas. «Voces poéticas en feminino». Lectura dramatizada de poesías de autoras galegas sobre unha base musical, acompañada dunha proxección de imaxes ilustrativas con Elisa Barreiro, Marina Nieto e Fortunato Rodríguez.
19:30 h. Paseo literario Fermín Bouza Brey, con Antón Lopo. O paseo cínguese á ruta que debeu seguir Fermín Bouza Brey en Compostela despois de ser expulsado da xudicatura a primeiros dos anos cincuenta. En colaboración coa AELG. ▸ Inicio: Rúa do Vilar, 43.

Crónica fotográfica do Paseo Literario por Compostela con Diego Ameixeiras

Estas son algunhas das fotografías do Paseo Literario por Compostela con Diego Ameixeiras que tivo lugar o 31 de maio. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Crónica videográfica da III Gala do Libro Galego (VIII)

A III Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 19 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

Premio na categoría de Teatro: Río Bravo, de Chévere (Kalandraka Editora):

Premio na categoría de Narrativa: A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. DoCampo (Edicións Xerais de Galicia).

Premio na categoría de Poesía: Camuflaxe, de Lupe Gómez (Chan da Pólvora Editora).