Crónica da conferencia de Pilar García Negro nos VI Encontros Cidade da Coruña

Esta é a crónica da conferencia de Pilar García Negro que inaugurou o 11 de abril os VI Encontros Cidade da Coruña, desde a web da Real Academia Galega:
“O presidente en funcións da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos Agrelo, introduciu o acto felicitando á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega pola gran transcendencia social acadada polo seu traballo nos últimos anos, e felicitouse pola oportunidade de poder desenvolver actividades conxuntas, “en certo sentido, somos institucións irmás, e esta liña de colaboración debe proseguir no futuro”.
O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, concordou, na súa quenda, coas palabras de Axeitos Agrelo “tanto a AELG como a Academia temos por obxectivo principal a defensa da lingua galega, un labor que se tornou aínda máis difícil nos últimos tempos”. O presidente da AELG proseguiu a súa intervención expoñendo a temática escollida para a sexta edición dos Encontros, “a sociedade actual crea espazos invisibilizados habitados por voces e silencios imprescindibles para explicar a historia da humanidade, con este ciclo de conferencias o que pretendemos é xustamente deitar luz sobre estas zonas escurecidas”.
Mercedes Queixas Zas, secretaria da AELG, foi a encargada de presentar á profesora Garcia Negro, de quen destacou a súa autoridade recoñecida nos ámbitos da sociolingüística, a literatura galega, o feminismo e as linguas minorizadas, “pero ela soubo entrelazar sempre o estudo destas materias, e non traballalas como se de compartimentos estanco se tratase “, comentou Queixas Zas, quen subliñou tamén o fondo compromiso político e social da profesora García Negro, testado na súa participación en multitude de iniciativas de carácter comunal, desde asociacións culturais de base ata o propio Parlamento de Galicia.
“Á escritora inglesa J. K. Rowling recomendáronlle, cando publicou o seu primeiro libro, que asinase cun pseudónimo masculino, pois ben, cento corenta anos antes, neste recuncho apartado do continente europeo, Rosalía xa asinaba os seus libros co seu nome”, empezou sinalando García Negro, para continuar enfiando o seu discurso titulado Rosalía de Castro: a orixinalidade do seu cantar, no que analizou as claves diferenciais da obra de Rosalía de Castro. García Negro apuntou ademais que esta toma de posición non foi exclusiva de Rosalía, outras escritoras galegas do Dezanove como Concepción Arenal, Sofía Casanova, Pardo Bazán ou Fanny Garrido, asinaron as súas obras tamén co seu nome.
Para García Negro, este feito converte a Galicia nunha rareza no panorama literario do seu tempo, e acrecentou a súa importancia lembrando o caso de dous escritores galegos, Montenegro Saavedra e Lamas Carvajal, que empregaban ás veces un pseudónimo feminino. “Xa Álvaro de las Casas sinalou, na súa antoloxía de literatura galega, que en Galicia a muller non segue ao home, senón que máis ben o acompaña á mesma altura”.
A continuación, García Negro apuntou algunhas características que diferencian a obra de Rosalía da de contemporáneas súas como Gómez de Avellaneda ou Pardo Bazán, como o feito de que a Poeta do Sar escribise sempre desde o bando dos desfavorecidos, mentres que as outras se aliñaban co poder. Tamén foi un trazo definitorio da obra rosaliá a súa independencia respecto dunha suposta escola tardorromántica española –a de Espronceda ou Zorrilla- na que certa crítica teimou en clasificala. Segundo lembrou García Negro, “Rosalía non é filla do romanticismo, o cerne da súa obra é máis ben un impulso patriótico que ten como obxectivo transformar o galego nunha lingua culta, e como protagonista epónimo, o pobo máis humilde”.
García Negro combateu tamén a concepción de Rosalía como escritora amanuense de Murguía e allea aos grandes debates intelectuais do seu tempo, unha visión reducionista que a definía como unha autora “dotada dunha sensibilidade hipertrofiada, o que explicaría o seu éxito en capas sociais populares e non moi ilustradas, como a dos emigrantes”. “En resumo”, concluíu a profesora, “existe, en Rosalía, como en todos os clásicos, certa dose de misterio e enigma que permite que nunca sexa lida completamente, pero tamén hai unha gran dose de elocuencia e clareza”.”

Bases do VII Premio de Narrativa Breve Repsol

A Fundación Repsol, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, no desexo de contribuír ao desenvolvemento da literatura galega, convoca a sétima edición do Premio de Narrativa Breve Repsol, de acordo coas seguintes bases:

1. A este premio poderán concorrer todos os autores e autoras que o desexen, excepto a persoa gañadora da edición anterior, cunha novela curta escrita en lingua galega, conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega.
2. As novelas, que serán orixinais e inéditas en tódolos formatos, terán unha extensión non inferior a 50 folios nin superior a 120. Cada folio estará mecanografado a dobre espazo a razón de entre 28 e 32 liñas, de 60 a 70 caracteres por liña como termo medio no conxunto da novela presentada. Con caracter xeral, a extensión mínima e máxima de cada novela virá determinada polos valores de folios, liñas e caracteres antes concretados.
3. Presentaranse seis copias encadernadas de cada orixinal. En cada unha das copias figurará o titulo da novela e o lema desta.
Acompañarase tamén un sobre pechado no que figurará o citado lema e, no seu interior, o nome, enderezo, números de teléfono fixo/móbil do autor ou autora e recensión biográfica recente.
4. As novelas enviaranse antes do 19 de xullo de 2013, facendo constar no sobre Premio de Narrativa Breve Repsol, ao seguinte enderezo:
Refinaría Repsol A Coruña
Apartado 700
15080 A Coruña
5. Axuntarase aos orixinais, dentro do sobre pechado, una declaración xurada asinada polo/a autor/a onde declare a súa autoría sobre a novela, así como a súa orixinalidade. A non inclusión da dita declaración xunto coa novela será motivo para que a novela en cuestión sexa excluída automaticamente, considerarase non remitida e non presentada e destruirase.
6. Establécese un único premio dotado con 12.000 (doce mil) euros. Esta cantidade estará suxeita á retención a conta do IRPF que legalmente corresponda.
7. O premio poderá declararse deserto sempre que o xurado considere que as novelas presentadas non reúnen a calidade suficiente.
8. A contía do Premio inclúe a adquisición dos dereitos de explotación da primeira edición en galego de ata un máximo de 1500 exemplares do texto gañador. Estes dereitos corresponderanlle en exclusiva á Fundación Repsol. A novela premiada será publicada pola Editorial Galaxia segundo Contrato de Edición asinado ao efecto nos termos que acorden a Fundación Repsol e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. En todas as edicións que se realicen se fará constar o nome de Premio de Narrativa Breve Repsol 2013..
9. O xurado estará composto por:
– unha persoa nomeada por Política Lingüística,
– unha persoa nomeada pola Fundación Repsol,
– unha persoa nomeada pola Real Academia Galega,
– unha persoa nomeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e
– unha persoa nomeada pola Editorial Galaxia.
A decisión do xurado será inapelable e farase pública no mes de setembro do ano 2013.
10. A entrega do premio terá lugar nun acto público que se celebrará na cidade da Coruña. A non ser por razóns de forza maior, a persoa gañadora deberá estar presente no acto de entrega do premio.
11. Os orixinais non premiados serán devoltos, sempre que os/as autores/as así o soliciten por escrito no prazo máximo de dous (2) meses a partir da data en que se faga pública a resolución do xurado. Os orixinais que non se retiren destruiranse.
12. Os datos achegados polos participantes no Premio incorporaranse a un ficheiro automatizado titularidade da Fundación Repsol, entidade con domicilio en Madrid, na rúa Velázquez, 166, 28002, cuxo tratamento estará suxeito á Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal, e a súa normativa de desenvolvemento, coa finalidade de utilizarse para a realización de cantas xestións sexan necesarias para o desenvolvemento do Premio, incluída a selección do gañador, a publicación da listaxe do gañador e a posterior entrega do Premio a este. Os participantes terán o dereito de acceder a este ficheiro e rectificar, cancelar e/ou opoñerse ao tratamento dos seus datos. Neste caso, deberán comunicalo expresamente, para o que enviarán unha comunicación escrita á antedita dirección.
13. Os participantes autorizan expresamente e con carácter indefinido a que a Fundación Repsol poida facer difusión, en calquera medio de comunicación interno/externo que estime oportuno, dos seus datos persoais consistentes no seu nome e apelidos como gañador do Premio, coa exclusiva finalidade de asegurar a divulgación por calquera medio e coñecemento da realización e fallo do Premio, sen que iso xere dereito de pago e/ou indemnización ningunha a favor dos participantes.
14. Nos aspectos non incluídos nestas bases ou naqueles que puidesen ser obxecto de interpretación, a decisión corresponderalles ás entidades organizadoras, as cales, unha vez consultados os membros do xurado, emitirán ditame que será inapelable.
15. A participación na convocatoria do Premio de Narrativa Breve Repsol 2013 implica a aceptación destas bases.

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2013

Comezan os VI Encontros Cidade da Coruña

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) anuncia que este xoves 11 de abril, a partir das 20:00 horas, terá lugar a conferencia inaugural dos VI Encontros Cidade da Coruña, organizados coa colaboración da Real Academia Galega e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, coa presenza de Xosé Luís Axeitos, presidente en funcións da Real Academia Galega, do presidente e da secretaria xeral da AELG, Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas respectivamente, e da relatora, Pilar García Negro, quen desenvolverá o tema Rosalía de Castro: a orixinalidade do seu cantar.
A última das conferencias será impartida pola autora portuguesa Lídia Jorge, que recollerá o premio Escritora Galega Universal concedido pola AELG.

A seguir, o programa completo dos Encontros, que se celebrarán sempre ás 20:00 horas no Salón de Actos da Real Academia Galega:
1. Conferencia inaugural. Xoves, 11 de abril: Rosalía de Castro: a orixinalidade do seu cantar, por Pilar García Negro.
2. Xoves, 18 de abril: Elas, as invisíbeis. Silencios e voces das represaliadas, por Aurora Marco.
3. Xoves, 25 de abril: As voces ausentes. Literatura restitutoria, por Antón Riveiro Coello.
4. Venres, 3 de maio: Quem guardará os livros, por Lídia Jorge, Escritora Galega Universal 2013.

Porque precisamos reconstruírmos os lugares máis escuros da memoria -as guerras, as mulleres represaliadas, as guerrilleiras, as voces enfermas, esquecidas ou simplificadas até o sometemento, as vidas vividas a contrafío na defensa dos dereitos- chegamos á escrita restauradora.
Velaquí a literatura a se converter nos óculos-ponte e no espello reflector que trace, desde a palabra, os lindes xeográficos e humanos dos territorios da invisibilidade.

No reino da mourindade, por Armando Requeixo

Recensión de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Como cada ano destes últimos ―e vai alá xa un lustro, que neste paisiño de noso non é cativa cifra― a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega publica un novo número da súa revista Escrita Contemporánea recollendo as intervencións das Actas das V Xornadas de Literatura de Tradición Oral, coorganizadas pola propia a AELG e mais a AS-PG co patrocinio da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo.
Nesta ocasión, o volume leva por subtítulo o que foi tema do congreso que tivo lugar o pasado mes de outubro en Lugo, isto é, Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular, tema apaixonante onde os haxa para todos os interesados nesta cuestión etnográfica, histórica, mitolóxica e literario oral que vertebra un dos mitos perennes da nosa cultura.
Para disertar sobre este particular os organizadores do evento (os industriosos Isidro Novo e Antonio Reigosa) convocaron desta volta o antropólogo, escritor e músico Rafael Quintía Pereira; o tamén antropólogo e comunicador Alexandre Parafita, profesor da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro; a historiadora e investigadora arqueolóxica Mar Llinares García, docente na Universidade de Santiago; e mais o filólogo e responsable do Arquivo de Tradición Oral do Muséu del Pueblu d’Asturies Jesús Suárez López.
Quintiá Pereira dedicou a súa intervención aos Mouros e mouras. Na procura de nós mesmos. Na súa longa e moi documentada disertación tentou clarificar como xorde o mito da mourindade, quen son os mouros, onde viven, cal é a utilidade deste mito, quen son as mouras, de que atributos se revisten, cal é o seu hábitat e a súa escatoloxía e que relación poden ter coas Tríades, virxes ou deusas primitivas.
Pola súa banda, Parafita centrou o seu relatorio nos Mouros históricos e mouros míticos: dualidades e complementariedades, detallando con acuidade como se foron tecendo eses pretos viortos que unen os ‘mouros’ históricos (é dicir, os invasores árabes) cos mouros mitolóxicos, atribuíndo a estes últimos características negativas nunha clara campaña de desprestixio cara aos primeiros.
A profesora Llinares García ilustrou os asistentes sobre Mouras e mulleres. As imaxes femininas na mitoloxía popular galega, unha moi interesante comunicación que deixou claro a figura mítica da moura foi deliberadamente empregada dentro da cultura de noso para desenvolver todo un programa sociodidáctico de como deben ser as mulleres e como non deben ser, de cal debe ser o seu comportamento xenérico e/ou sexual e que se espera delas no seo da comunidade.
Por último, Suárez López disertou sobre Os mouros e os seus tesouros no imaxinario popular asturiano, achegando valiosos datos orais e literarios sobre a presenza destes neste territorio irmán e analizando a súa función e características sobre todo en relación ao subtema da procura de tesouros.
O libro complétase coa transcrición dos longos diálogos suscitados a través de dúas mesas redondas, os limiares e saúdas de rigor e uns anexos nos que se reproducen o Seminario de conclusións, os Datos biográficos dos/as intervinientes, un mínimo Apéndice fotográfico e unha sucinta Bibliografía.
Este número de Escrita Contemporánea dedicado a Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular (que, como noutras ocasións, incorpora un dvd coa gravación de todas as xornadas) é un perfecto vademecum co se guiar polo complexo e fascinante mundo da nosa mourindade, territorio meigo e imprevisible que segue a cativarnos, imperecedoiro, neste novo milenio.”

Finou José Luis Sampedro

Desde Sermos Galiza:
“Finou o domingo en Madrid, mais a familia optou por non dar a nova até esta terza feira, día no que foi incinerado, pois quería marchar “sen publicidade” nin ”fastos”. José Luis Sampedro faleceu aos 96 anos de idade. Economista, escritor, ensaísta. Un referente para un compromiso e coherencia que nunca se rendeu fronte o pensamento único. (…)
En 2012, Sampedro recibiu o galardón de Escritor Galego Universal, concedido pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Esta asociación destacaba a “alta calidade da literatura lúcida, profunda, radical e transgresora” de Sampedro, “impregnada do seu compromiso ético”.
A relación de José Luis Sampedro con Galiza comezou na década dos setenta a través da Agrupación Cultural Lóstrego de Madrid, da que foi presidente de honra e coa que colaborou económicamente cunha mensualidade do seu salario de senador nas primeiras cortes após o franquismo.”

Un souto do Incio levará o nome de Marica Campo en homenaxe á escritora

Desde El Progreso:
“O souto do Val do Mao, no municipio do Incio, levará o nome de Marica Campo en homenaxe á escritora natural destas terras. O nomeamento farase oficial o vindeiro 15 de xuño no transcurso dun acto organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en colaboración coa Deputación de Lugo, a Consellaría de Cultura e o Concello.
A asemblea de socios da AELG acordou por unanimidade outorgarlle a letra E deste ano a Marica Campo e renderlle unha homenaxe na súa terra natal. Será, segundo explica a asociación, «unha celebración múltiple e popular, na que se recoñece a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor».”

Lídia Jorge, o compromiso ético da escritora galega universal

Desde Sermos Galiza:
“A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) entregará o 4 de maio, no transcurso da gala da XIV Edición dos premios que levan o seu nome, o galardón de Escritora Galega Universal á portuguesa Lídia Jorge. A Asemblea da asociación recoñece nesta creadora da palabra á “autora que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana”.
“Na tradición dos premios a escritores e escritoras universais da AELG hai dúas variábeis que temos en conta”, explica Césareo Sánchez Iglesias, presidente desta entidade, “por un lado que sexa un grande escritor, recoñecido no seu país, cunha traxectoria que se sustente en obras sólidas; por outro lado, que sexa un referente ético diante o deterioro moral que vivimos, con ausencia de valores éticos en determinadas capas desta sociedade”. E Lídia Jorge cumpre con esas dúas facetas. “É unha muller do 25 de abril, un referente non só para os portugueses, senón para todos”, argumenta o presidente da AELG.

Comprometida e cun cariño especial cara Galiza
Carlos Quiroga, responsábel da Lusofonía na AELG, afirma que a escritora homenaxeada “é un nome incontestábel en todos os sentidos, apreciada por crítica e público, un consenso difícil”. Romances, contos, literatura infantil, ensaio, a escritora de Boliqueime conseguiu ser “un caso raro” e chegar ao grande público. Multipremiada, cosmopolita, traducida para moitos idiomas e progresista en todos os aspectos. “Non é unha escritora fácil, de consumo rápido, mais tampouco complica”. Un dos segredos do seu éxito actual foi a adaptación do seu romance A Costa dos Murmúrios ao cinema en 2004 por Margarida Cardoso.
“Sempre tivo un compromiso”, sinala Quiroga, “todos aqueles valores nobres que se lle supoñen a unha intelectual”. Ademais de escritora, muller. “Nunca deixou de mergullar na psicoloxía feminina aplicada a territorios moi diversos”. Compromiso tamén para coa súa paixón literaria. “Puido facer carreira universitaria e foi profesora de instituto para ter tempo para escribir”.
Lídia Jorge visitou Galiza en varias ocasións convidada por institucións como a Universidade, o Consello da Cultura Galega ou a mesma AELG. Concederlle este galardón, recoñece Carlos Quiroga, tamén se fundamenta no “cariño especial” que ten por nós e que atopamos mesmo nalgún ensaio dela.
Na edición deste ano o galardón cumpre co recoñecemento á Lusofonía, algo que o seu responsábel na AELG pensa “debería ser sempre así”. Pon como exemplo os “moitos autores que nos teñen visitado, recoñecendo a raíz común e do pasado que merecen a literalidade de seren escritores galegos universais porque recoñecen na raíz galega a súa propia raíz”.”

Manifesto Galego no Día Internacional do Teatro

Publicado por Cesáreo Sánchez Iglesias en Sermos Galiza:
“Sempre pensei, e así o digo nalgún poema: só somos como nos soñamos cando amamos. Mais engadiría a isto que só da mao do teatro somos capaces de nos soñar nos outros, ao nos reflectir nas súas personaxes. Eu agradézovos hoxe a todos e todas os que me facedes soñar cando no idioma de noso acrisolades o sentir e o pensar, pois o teatro pulsa as fibras máis sensíbeis, tamén do noso propio corpo, no seu pensar emocionado. No teatro a linguaxe do corpo é pensamento. No teatro somos o soñador e o soñado.
Se facemos memoria dos últimos corenta anos, a biografía do teatro galego é a biografía da cultura galega. No devir do teatro galego está insculpida a biografía deste pobo de noso. O corpo do teatro dinos das súas ledicias e as súas dores e, na súa sensíbel pel, están tatuados todos os soños que nos poden levar deste presente de incerteza a un futuro no que nós escribamos a nosa propia historia.
O teatro, e o teatro galego en concreto, creou e crea vasos comunicantes entre a sociedade que alenta e o espectador. Do que acontece no teatro facemos entraña nosa, pois ábrenos as portas a descubrir por nós propios unha outra realidade que subxace baixo da realidade e os seus espellos cóncavos para a deturpar e nos mentir o real.
Cada cultura é un territorio camiñado polos carreiros que abre o teatro, que teñen a ver coa alma colectiva e que nos levan a formar parte dunha outra verdade humana na que habitan todas as verdades que cada cultura aporta. O teatro lévanos á busca da verdade da emoción, da verdade da idea que vivimos, descubrindo lugares do amor, da ledicia ou da dor, da imaxinación liberadora. O teatro fainos seres libres pois subverte os significados, libéraos e dános na propia mao a responsabilidade de encontrar respostas e de asumilas individual e colectivamente.
En todo teatro, tamén no teatro galego, está depositado o ser colectivo dunha cultura. Se mancan o corpo do teatro férennos e doémonos. Dóese a sociedade toda e sentimos que nos están a intentar saquear o que de máis verdadeiro nos posúe. Pois no escenario constrúese ese lugar do intemporal onde acontece o tempo fuxidío que só acontece nos territorios da alma.
Sempre levo comigo o exemplo da actriz Dan Thi Linh. Era combatente do Viet Cong, coas súas palabras de veludo e as leves danzas do seu corpo de flor de loto. As súas actuacións nas galerías soterradas de Cu Ci eran bálsamo para as feridas do ser dun pobo que, coas ferramentas do teatro, alentou os soños dun futuro en liberdade para a súa terra. Esta lección ética é a que sempre ollei en vós, todas as xentes do teatro galego.
No ano no que celebramos o Día das Letras Galegas coa figura de Roberto Vidal Bolaño e o cento cincuenta aniversario de Cantares gallegos da nosa escritora nacional, Rosalía, cando nos queren expropiar os soños e o presente, neste tempo no que, os que non aman o teatro son os mesmos que abandonan a tantas capas sociais no desamparo, Roberto e  Rosalía dánnos voz para que non fiquemos á marxe da construción da propia historia, para que non nos derroten a esperanza. A ela, a poeta que deu voz ás que lles é negada a voz, puidemos levarlle flores o pasado 24 de febreiro, día do seu nacemento, con autorización por escrito, coma quen visita unha presa política.
Celebraremos o dia 17 de Maio cun home do teatro galego, para que non nos exclúan do futuro, para que non nos silencien.
Para non permitírmonos que boten un escuro pano de silencio sobre o teatro galego, resoa hoxe a súa obra; el dános voz, para que non fiquemos á marxe da historia.
Roberto Vidal Bolaño, coma sabio canteiro, é un dos dramaturgos e actores que teñen posto as pedras basilares da casa comunal do teatro galego actual, cunha humanidade que é filla dunha radical liberdade. Coa súa voz que vén dos territorios máis lonxincuos do ser, anainábanos e dicíanos verdade, cunha obra que nos emociona e nos divirte, que nos desacouga para que saibamos  retornar e non nos perder polos camiños de retorno á casa natal. Roberto, na súa obra, revélanos o descoñecido de nós. El dinos que é o que aporta á cultura universal este anaco da humanidade que somos os galegos e as galegas.
Á luz deste marzo final, xa primavera, co rostro orballado de breves lágrimas de cristal e transparentes panos de liño, baixo un ceo de azul tenrura, Roberto abrázanos con afouteza e lévanos da mao cando os días estrean para nós os seus zapatiños de charol.

Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro
Cesáreo Sánchez, presidente da AELG
Cesáreo Sánchez lerá este manifesto na gala dos XVII Premios María Casares, que se celebrará o próximo mércores 27 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña

Escritoras e escritores en catalán, euskera e galego escollen Pontevedra para debater sobre literatura infantil e xuvenil

Desde Pontevedra Viva, recollido tamén por Sermos Galiza:
“O éxito do Salón do Libro Infantil e Xuvenil axudou a que a Federación Galeusca, constituída polas asociacións de escritoras e escritores en linguas catalá, euskera e galega, escolla Pontevedra como sede do seu congreso anual. Este encontro vén celebrándose por quendas desde 1984 en Galicia, País Vasco e Cataluña e terá en Pontevedra a súa edición número vinte e nove. Será a finais do próximo mes de outubro.
A elección de Pontevedra é debido, segundo o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, a que este ano este congreso xirará en torno á literatura infantil e xuvenil, da que dixo, “Galicia é a comunidade autónoma que máis premios nacionais ten”. Serán en total nove autores, tres de cada un dos idiomas, os que participen como ponentes nestas xornadas.
O obxectivo deste congreso é que estas tres literaturas “se comuniquen sen intermediarios” e se analice de forma conxunta a “similar problemática” que afecta a cada unha delas. Ademais das tres mesas redondas coas que contará esta xornada, celebrarase un acto lúdico-musical e varias visitas para que os autores foráneos coñezan a cidade. Trátase de eventos abertos a toda a cidadanía.
Ademais Cesáreo Sánchez sinalou que con este tipo de iniciativas “intentamos ensinar o mellor que temos no noso país e por iso é polo que tomamos a decisión de vir a Pontevedra”, cidade da que valorou positivamente a súa política cultural “da que estamos especialmente orgullosos” e o seu actual modelo urbano. E é que Pontevedra xa foi sede deste congreso hai uns nove anos “e estaba todo en obras, agora que está paseable é marabillosa”.
O presidente dos escritores galegos agradeceu especialmente ao Concello de Pontevedra o seu respaldo para celebrar na cidade este congreso “porque estivo a piques de non celebrarse por falta de recursos”. Unha situación que comparou cos problemas que están tendo as literaturas periféricas “que están permanentemente sendo agredidas” pola política cultural do Goberno central.”