Comezan as publicacións sobre Valentín Paz Andrade

A coincidir co Día das Letras que o homenaxea, comezan a ver a luz os lanzamentos editoriais arredor de Valentín Paz Andrade. Xan Carballa é o autor da biografía e mais da antoloxía do autor que acaba de tirar do prelo Galaxia. No caso da Antoloxía, Carballa seleccionou obras de ensaio, poesía e prosa do homenaxeado no Día das Letras deste ano, incluíndo o texto íntegro do seu poemario Pranto matricial. Galaxia adianta tamén a vindeira edición de Castelao na luz e na sombra, a biografía sobre o líder galeguista que publicou Paz Andrade.

A Coruña: presentación de Xaime Quintanilla Martínez, de Carlos Pereira e Ana Romero

O venres 17 de febreiro, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, preséntase o libro Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ao servizo da República, de Ana Romero Masiá e Carlos Pereira Martínez, Premio Luís Tilve de Investigación e Divulgación Histórica 2011. No acto participan Xesús Mosquera Sueiro, Felipe Senén e os autores.

Publicado Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía, de Charo Portela

Desde Xerais:
Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía, de Charo Portela, ilustrado por Jaime Asensi, é unha das novidades da colección Merlín do mes de febreiro. Este libro relata de forma amena e detallada a vida de Valentín Paz Andrade. As súas actividades como avogado, empresario, especialista en temas pesqueiros, político, poeta ou xornalista son presentadas por medio de documentos, fotografías e unha completa cronoloxía Unha aventura biográfica apaixonante dun home clave na historia do século XX, que concebiu Galicia como a súa tarefa. Completa o volume unha antoloxía de poemas e artigos do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012″.

Rianxo: presentación de Vivir, unha aventura irrepetíbel, de Mercedes Queixas

O sábado 28 de xaneiro, ás 12:00 horas, no Auditorio de Rianxo, preséntase a biografía de María do Carme Kruckenberg Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, de Mercedes Queixas, publicada en Galaxia. No acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, participarán, xunto á autora, Francisco Castro e Milagros Torrado. A seguir, terá lugar un recital poético no que participarán Esther F. Carrodeguas, Milagros Torrado e María Xesús Blanco, cunha intervención plástica do pintor Salvador Fernández Laíño. No mesmo emprazamento, ás 20:00 horas, terá lugar unha conferencia de Miguel Anxo Seixas sobre Castelao á luz de Paz Andrade.

Ferrol: presentación de Xaime Quintanilla Martínez, de Carlos Pereira e Ana Romero

O venres 13 de xaneiro, ás 19:30 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, nº 30-32) de Ferrol, preséntase o libro Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ao servizo da República, de Ana Romero Masiá e Carlos Pereira Martínez, Premio Luís Tilve de Investigación e Divulgación Histórica 2011. No acto participan Cesáreo Fraga García, Xesús Mosquera Sueiro e os autores.

Gondomar: presentación de Galego de lei. Don Diego Sarmiento de Acuña, de Francisco Maseda

O sábado 17 de decembro, ás 20:00 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida da Feira, 10, baixo) de Gondomar, preséntase o libro Galego de lei. Don Diego Sarmiento de Acuña. I Conde de Gondomar, de Francisco Maseda, publicado en Biblos. No acto de presentación participan, ademais do autor, Tucho Calvo e Carlos Méixome. O acto contará tamén coa presenza e intervención do XIII Conde Gondomar, Gonzalo Fernández de Córdoba y Narváez e será clausurado por Fernando Guitián Guitián.

Vigo: presentación de Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo

O venres 25 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno) de Vigo, preséntase a reedición, corrixida e aumentada, do libro Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo, editada agora por Biblos. No acto, acompañando ao autor, estarán presentes Xosé Díaz e Alfonso Paz-Andrade.

Baiona: presentación de Galego de lei. Don Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar, de Francisco Maseda

O xoves 27 de outubro, ás 20:00 horas, no Parador de Turismo de Baiona, preséntase Galego de lei. Don Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar, do historiador Francisco Maseda, publicado en Biblos. O acto contará coa presenza de Carlos Méixome (presidente do Instituto de Estudos Miñoranos) e Tucho Calvo (editor).

Carballo: actividades do sábado 27 de agosto na Praza dos Libros

Dentro da Praza dos Libros, Feira Literaria organizada polo Concello de Carballo, que se desenvolve entre o xoves 25 e o domingo 28 de agosto no Xardín Municipal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 horas, terán lugar as seguintes actividades literarias o sábado 27 de agosto:

12:30 h. Presentación de Luís Suárez. Fútbol de seda, de Xan Fraga, publicado en Baía Edicións. No acto participan, co autor, Marcos Trigo e Manolete, ex-xogador do Deportivo da Coruña.
20:30 h. Presentación de In vino veritas, de Francisco Castro, publicado en Galaxia. No acto o autor estará acompañado por María Canosa.

O programa completo pódese descargar aquí: Praza dos Libros Carballo 2011.

A Coruña: presentación de Lidia Senra. Historia dun liderado entrañable, de Tareixa Ledo Regal

O venres 10 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panadeiras, 12) da Coruña, preséntase o libro Lidia Senra. Historia dun liderado entrañable, de Tareixa Ledo Regal, publicado en Laiovento. Participarán no acto, acompañando á autora, a propia Lidia Senra e Carme Freire.