Vigo: actividades do 29 de xuño da Feira do Libro 2023

Vigo: actividades do 24 de xuño da Feira do Libro 2023

Compostela: actividades do 17 de xuño na SELIC 2023

Compostela: actividades do 29 de abril na Feira do Libro 2023

Perugia, Italia: Estíbaliz Espinosa e Helios Vocca falarán sobre Poesía e astronomía

O venres 17 de febreiro, ás 17:30, a escritora Estíbaliz Espinosa e Helios Vocca, profesor do Departamentos de Física e Xeoloxía da Universidade de Perugia, falarán das cuestións máis poéticas que ofrece a astronomía. Será na Biblioteca de San Matteo degli Armeni en Perugia (Italia). O encontro enmárcase dentro das actividades que organiza o Centro de Estudos Galegos desta cidade. Entre os aspectos que se tocarán están algúns conceptos metafóricos como o da Vía Láctea, a materia escura ou os buratos negros, ou as imaxes do telescopio espacial James Webb. Para alén de lembrar as figuras máis sobranceiras da astronomía, achegaranse ás conexións entre esta disciplina científica e a poesía, con exemplos de Rosalía de Castro, Emily Dickinson, Walt Whitman, Emilia Pardo Bazán ou Kobayashi Issa.

XIII Concurso de relatos de inspiración científica Inspiraciencia

O XIII Concurso de relatos de inspiración científica Inspiraciencia conta coa colaboración da AELG.

Inspiraciencia é un concurso de relatos de inspiración científica. É unha iniciativa que relaciona ciencia e escritura dun xeito lúdico, un espazo aberto para pensar e imaxinar a ciencia desde a ficción. O seu obxectivo é fomentar un achegamento ao pensamento científico, de forma libre e persoal, a través da creación literaria, e explorar realidades antes non imaxinadas.

As bases do concurso poden descargarse nesta ligazón.

1. Obxecto
Inspiraciencia é un concurso de relatos de inspiración científica. É unha iniciativa que relaciona ciencia e escritura de xeito lúdico, un espazo aberto para pensar e imaxinar a ciencia desde a ficción. O seu obxectivo é fomentar o achegamento ao pensamento científico, dunha maneira libre e persoal, a través da creación literaria, e explorar realidades antes non imaxinadas.
Pode participar calquera persoa que presente un relato orixinal, en calquera das linguas do concurso (catalán, castelán, éuscaro e galego), inspirado nunha temática científica.

2. Modalidade e categorías
Para participar no concurso, débese presentar un relato de temática científica cunha extensión máxima de 800 palabras.

Existen tres posibles modalidades de participación:
a. Temática libre, coa cal se pode optar ao premio institucional e ao premio do público.
b. Temática especial, variable en cada edición, cun premio especial. Concretarase oportunamente na web de Inspiraciencia.
c. «De ciencias e de letras», dirixido ao profesorado que promovese a participación do alumnado con polo menos un relato na categoría Mozo do concurso e co cal se poderá aspirar ao premio «De ciencias e de letras».

Pódese participar nunha das categorías seguintes:

a. Adulto (a partir de 18 anos: os participantes son maiores de idade ao finalizar o prazo de presentación dos relatos).
b. Mozo (de 12 a 17 anos: os participantes teñen menos de 18 anos ao finalizar o prazo de presentación dos relatos).

Os idiomas de participación son castelán, catalán, galego e éuscaro.

3. Presentación dos relatos
Os participantes deben rexistrarse en inspiraciencia.es para presentar os orixinais. A data de nacemento estabelece a categoría (Mozo ou Adulto) en que se participa.
Os participantes poden acceder á súa conta cun nome de usuario e un contrasinal. O pseudónimo é o nome co cal asinarán os relatos. A identidade real do concursante non se fará pública a menos que resulte gañador ou finalista. Durante o proceso de moderación e de avaliación dos relatos, o único nome visible do participante será o seu pseudónimo para manter o seu anonimato.
Os participantes deberán seleccionar a modalidade á cal optan no formulario de envío de relatos.
Unha vez que se envíe o relato, non será posible editalo. O relato pasa automaticamente a moderación. Cando se modere, e sempre que cumpra cos requisitos especificados no punto 5 das bases, publicarase na web.

Para optar ao premio «De ciencias e de letras», o profesorado deberá explicar o proceso seguido na aula para a preparación de relatos co alumnado e a participación no concurso. Os profesores deberán entregar a seguinte documentación nos formatos requiridos:
a. Un resumo do proceso seguido na aula (Word, máximo 150 palabras).
b. Unha desagregación do proceso seguido na aula de maneira visual (PDF, máximo catro páxinas).
c. Un vídeo curto (MP4, máximo dous minutos). Neste formato, os profesores poden contar o que consideren necesario. O vídeo poderá compartirse mediante unha ligazón a YouTube ou Vimeo. Os arquivos deben enviarse a través do formulario habilitado na web.

O prazo de presentación dos relatos publicarase na web da edición correspondente (do 21 de marzo ao 4 de xuño de 2023).

4. Condicións de participación
Os relatos presentados deben ser inéditos e non ter sido premiados noutra convocatoria, certame ou premio literario, nin publicados en ningún medio ou blog.
Cada participante pode presentar un único relato por cada lingua, cun máximo de catro relatos diferentes en linguas distintas. Todos os relatos dun participante deben ser orixinais e non se pode presentar un mesmo relato en diferentes linguas.
Os gañadores dunha edición anterior, nunha categoría e lingua, non poderán presentarse á mesma categoría e lingua nas dúas edicións seguintes.

5. Premios e acto de entrega dos premios
O acto de entrega dos premios é itinerante e consiste nunha cerimonia na cal se desvelarán e darán a coñecer publicamente os finalistas e gañadores de Inspiraciencia. A data e o lugar anunciaranse con antelación a través da nosa web e canles de difusión. As persoas candidatas a ser finalistas ou gañadoras serán contactadas previamente a través do enderezo de correo electrónico indicado no formulario de rexistro.

Os tipos de premios son os seguintes:
a. Un premio institucional por cada unha das categorías (Mozo e Adulto) e por cada unha das linguas oficiais do concurso (catalán, castelán, éuscaro e galego). Resultan, en total, oito premios institucionais.
b. Un premio do público por categoría (Mozo e Adulto). Resultan, en total, dous premios do público.
c. Un único premio «De ciencias e de letras» ao profesorado que participase cos alumnos no concurso.
d. Un premio especial para os relatos centrados nunha temática concreta, en cada categoría (Mozo e Adulto) e lingua (catalán, castelán, éuscaro e galego). Resultan, en total, oito premios especiais.

O contido dos premios especificarase nun apartado da web de Inspiraciencia.
Os candidatos a premio poderán optar a unha bolsa de viaxe para compensar os gastos ocasionados pola súa asistencia ao acto de entrega, sempre que este acto se realice fóra da súa provincia de residencia. As condicións e os importes comunicaranse convenientemente aos candidatos.
A organización resérvase o dereito de declarar desertos un ou máis premios se considera que as obras presentadas non acadan a calidade mínima requirida.

6. Xurado e criterios de valoración
Todos os relatos enviados avalíanse mediante un sistema de dobre moderación. Tras este proceso, os textos que cumpran os criterios definidos neste mesmo apartado publicaranse na web de Inspiraciencia. Ademais, a partir destas valoracións, a comisión organizadora encargarase de levar a preselección de relatos ao xurado segundo a puntuación obtida.
A comisión organizadora designa un xurado para valorar as contribucións e propor as obras gañadoras. O xurado estará formado por persoas do ámbito da ciencia, a literatura, a arte e a divulgación. Os membros que o compoñen anunciaranse previamente a través da web de Inspiraciencia.

Premio institucional e premio especial
Para valorar os relatos do premio institucional e do premio especial, tanto o equipo de moderadores coma o xurado terán en conta os criterios seguintes:
1. A adecuación á temática do concurso.
2. A calidade literaria e o estilo.
3. A orixinalidade, creatividade e imaxinación.
4. A estrutura e a coherencia da narración.

Premio «De ciencias e de letras»
Terase en conta o seguinte:
1. A calidade do proceso de creación e selección de relatos na aula.
2. O grao de interdisciplinariedade e de motivación do alumnado.

Premio do público
Outórgase por votación popular, que se realizará sobre os relatos que seleccionase a comisión organizadora para a súa valoración polo xurado. Prémiase o relato máis votado de cada categoría, independentemente da lingua en que se presentase. Cada persoa que se rexistrase previamente na web do concurso poderá votar mediante o formulario habilitado.

7. Participación
A participación neste concurso presupón a aceptación das bases.
Os relatos gañadores poderán publicarse en medios físicos e dixitais, sempre mencionando a autoría.

Para conmemorar Sant Jordi, desde Inspiraciencia, proxecto coordinado pola Delegación do CSIC en Cataluña e financiado pola FECYT, ofrécese este obradoiro de escritura creativa científica gratuíto en liña.
A profesora será Estíbaliz Espinosa, escritora galega de poesía, ensaio e tradución, cantante, comunicadora de ciencia e astrónoma amadora. A actividade realizarase grazas á colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
O obradoiro repetirase en dúas sesións diferentes. As prazas son limitadas!

NARRATIVAS DO CARBONO. OBRADOIRO PARA HUMANOS SOBRE LITERATURA E CIENCIA

Formato: en liña – Zoom. A ligazón enviarase o día da sesión
Prazas: 10 por sesión
Data sesión A: martes 25 de abril | 18:30-20:30
Data sesión B: mércores 26 de abril | 18:30-20:30
Inscrición sesión A (25/4/23): https://www.eventbrite.com/e/617010413757
Inscrición sesión B (26/4/23): https://www.eventbrite.com/e/617013904197

Podes atopar máis información sobre os obradoiros nesta noticia.
Contacto: info@inspiraciencia.es / ana.yeste@dicat.csic.es