Fene: tertulia de Valentín Carrera con Tati Mancebo, no Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor

O xoves 25 de outubro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Concello de Fene, continúan os faladoiros do Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor, organizado pola Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Nesta ocasión, Valentín Carrera, gañador do Premio Blanco Amor organizado polo concello de Narón en 1990, coa novela Riosil, falará sobre esta obra nun acto conducido por Tati Mancebo.

Santiago: IX Simposio O libro e a lectura: O futuro da librería, o 9 de novembro

O IX Simposio O libro e a lectura vaise celebrar en Santiago o venres 9 de novembro, baixo o tema central de O futuro da librería. A xornada vai concitar en Compostela a destacados profesionais do sector do libro. Este foro vense celebrando ininterrumpidamente dende o ano 2004. A actividade está patrocinada por Cedro e organizada pola Asociación Galega de Editores. Colabora o Consello da Cultura Galega. As inscricións pódense realizar até o 6 de novembro neste correo: comunicacion@editoresgalegos.org. O avance do programa é o seguinte:

09:30 h. Recollida de documentación.
10:00 h. Sesión inaugural: intervención do presidente da AGE.
10:30 h. Conferencia inaugural: A comercialización do libro a través das canles das librerías. Desde o punto de vista da edición. Manuel Gil, editor. Presenta Manuel Bragado Rodríguez.
12:00 h. Panel de experiencias de éxito: A utilización das redes sociais nas librerías. Con Xosé Rodríguez Lois, de Redelibros (Vigo), Carlos Airas Cota, da Librería Aira das Letras (Allariz) e Damià Gallardo, de Librerías Laie (Barcelona). Presenta Antón Lado.
13:00 h. As Feiras do Libro, Antón Pedreira (Vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia). Presenta Xulio Amigo.
16:30 h. Mesa redonda: Os modelos de negocio das librerías. Con Librerías Nobel-Grupo Arnoia (Pontevedra), Enric Faura, de Edicat (Barcelona), Juan Carlos Febrero, Casa del Libro (Vigo) e Carlos Coira Nieto, de Libraría Trama (Lugo). Presenta Laura Rodríguez.
17:30 h. Conferencia O futuro da librería, Marià Marín i Torné, Secretario do Gremi de Llibreters de Catalunya. Presenta Belén López.
19:00 h. Conclusións.
19:30 h. Remate da xornada.

Fene: tertulia de Xavier Alcalá con Alfredo Ferreiro, no Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor

O xoves 11 de outubro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Concello de Fene, continúan os faladoiros do Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor, organizado pola Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Nesta ocasión, Xavier Alcalá, gañador do Premio Blanco Amor organizado polo concello de Culleredo en 1998, coa novela Alén da desventura, falará sobre esta obra nun acto conducido por Alfredo Ferreiro.

Fene: anulado o faladoiro con Xesús Rábade Paredes previsto para hoxe, 4 de outubro

O faladoiro previsto para hoxe xoves 4 de outubro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Concello de Fene, dentro do Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor, organizado pola Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, quedou anulado. Proximamente informarase da nova data en que será reprogramado, onde se contará con Xesús Rábade Paredes, gañador do Premio Blanco Amor organizado polo concello de Cedeira en 2006, coa novela Mentres a herba medra.

Ourense: XVIII Colóquios da Lusofonia

Entre o venres 5 e o domingo 7 de outubro, Ourense, por primeira vez, será sede dun dos Colóquios da Lusofonia, un encontro centrado na lingua e cultura de fala portuguesa no mundo. O evento acollerá comunicacións sobre temas educativos, de política lingüística ou sobre Ernesto Guerra da Cal, Valentín Paz-Andrade e Celso Emilio Ferreiro, así como estudos sobre tradución, exposicións e números musicais, contando con investigadores de varios países. A coincidir con este evento celébrase o sábado 6, tamén na cidade das Burgas, o festival musical Estou Lá. O programa completo pode ser visto aquí, e os horarios nesta ligazón.

Gondomar: coloquio sobre Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello

O martes 2 de outubro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar, o clube de narrativa Sete vidas comeza o mes de outubro cunha sesión na que se falará da novela Laura no deserto, publicada en Galaxia, coa asistencia do seu autor, Antón Riveiro Coello.

A Coruña: tertulia con Manuel Rivas en Diálogos sen fronteiras

O xoves 27 de setembro, ás 20:00 horas, no Auditorio da Fundación Barrié (Cantón Grande, 9) da Coruña, terá lugar un diálogo entre o presidente de Médicos sen Fronteiras de España, José Antonio Bastos, Manuel Rivas e o público asistente sobre os retos que se asumen para levar a atención humanitaria ás vítimas en contextos de crises e conflitos actuais onde desempeña a súa acción Médicos sen Fronteiras. O acto terá entrada libre e gratuíta, e está enmarcado dentro dos Diálogos sen Fronteiras organizados por esta entidade.