Santa Cruz, Oleiros: conferencia de Camilo Nogueira sobre Para unha crítica do españolismo

O xoves 7 de novembro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz, Oleiros, Camilo Nogueira impartirá unha conferencia arredor do seu libro Para unha crítica do españolismo, publicado en Xerais.

Ponteceso: actividades do Outono Pondaliano 2013

Nova York: Homenaxe a Rosalía de Castro e á emigración galega

O martes 5 de novembro, ás 18:00 horas, terá lugar unha Homenaxe a Rosalía de Castro e a emigración galega, organizada polo Colectivo Celso Emilio Ferreiro na 239 West, 14º Street, de Nova York, en conmemoración do 150º aniversario dos Cantares galegos. Falarán: Arturo Conde, Claudio Rodríguez Fer e Francisco Álvarez Koki.

A Coruña: primeira xornada de Máscara fóra!. Homenaxe a Manuel Pardo de Andrade

O martes 5 de novembro, ás 18:30 horas, no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, inaugúranse as Xornadas Máscara fóra! Homenaxe a Manuel Pardo de Andrade, no bicentenario da publicación de Rogos dun gallego, que se desenvolverán durante os días 5, 12 e 21 de novembro.
No acto intervirán Xesús Alonso Montero, Anxo Lorenzo e Ángel García Seoane. A continuación a xornada desenvolverase, segundo o programa previsto, a partir das 19:00 horas, coas intervencións de:
– Xosé Ramón Barreiro: Manuel Pardo de Andrade e a Galicia do seu tempo.
– María Rosa Saurín de la Iglesia: Semblanza de Manuel Pardo de Andrade.
– Gonzalo Navaza: Nota sobre o exilio en Francia de Manuel Pardo de Andrade.
Presenta e modera a sesión Xesús Alonso Montero.

A Coruña: Capitalismo lingüístico: por que se está a perder a língua da Galiza (e que se pode fazer), por Celso Álvarez Cáccamo

A terza feira 5 de novembro, ás 20:00 horas, na Fundación Paideia (Praza de María Pita) da Coruña, Celso Álvarez Cáccamo falará, dentro do ciclo Língua, Literatura e Naçom da A. C. O Facho, sobre Capitalismo lingüístico: por que se está a perder a língua da Galiza (e que se pode fazer).

Lisboa: participación de Ramón Villares e Rosario Álvarez Blanco no Congreso A Língua Portuguesa no Sistema Mundial

Desde Cultura Galega:
“O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e a vicepresidenta Rosario Álvarez Blanco, foron convidados polo Instituto Camões a participar no II Congresso A Lingua Portuguesa no Sistema Mundial, que se celebrou en Lisboa esta semana. Villares e Álvarez Blanco participan esta tarde na mesa Políticas de Língua na Galiza, coordinada por Ivo Castro, explicando a situación do galego, o seu artellamento institucional e na educación e as relacións coa comunidade lusófona.”

Compostela: conferencias no ciclo Escrita(s) 2013, o venres 18 de outubro

O ciclo Escrita(s) 2013, coordinado por Claudio Pato, finaliza este ciclo de 2013 en Almáciga(s), na Travesa dos Basquiños, 14, de Santiago de Compostela. Dentro do programa (que pode ser descargado aquí: Escritas-2013), destacamos estes actos para o venres 18 de outubro:

18:00 h. Frankenstein: a construción da clase traballadora, por Álvaro Otero. O devir mercadoría de creacións estéticas revela unha forma de dominación realizada baixo o paradigma da industria cultural, cuxa finalidade é a apropiación mercantil completa do individuo: a domesticación do seu desexo e a produción en masa de desexos imposibles de satisfacer, a reorientación da súa atención, a redefinición do seu corpo, a percepción de si mesmo e da realidade, a remodelación da súa linguaxe, a reestruturación da súa sensibilidade e da súa valoración.
20:30 h. Xtreaming, por A. Argibai e M. Otxoteko. Sesión audiovisual que inclúe 3 curtametraxes experimentais de A. Argibai e M. Otxoteko nas que se interpretan os marcos de guerra como marcos de creación audiovisual cooperativa.

Compostela: conferencias no ciclo Escrita(s) 2013, o venres 11 de outubro

O ciclo Escrita(s) 2013, coordinado por Claudio Pato, terá lugar en Almáciga(s), na Travesa dos Basquiños, 14, de Santiago de Compostela. Dentro do programa (que pode ser descargado aquí: Escritas-2013), destacamos estes actos para o venres 11 de outubro:

18:00 h. A sentimental odyssey, por Ilaria Mallozzi. Unha odisea sentimental conecta co moi debatido termo literario “sentimental” e o arquetipo de todas a viaxes, o segundo poema épico de Homero, a Odisea. De igual xeito que o protagonista de Unha viaxe sentimental Yorick, Ulises pode protexerse de todos os perigos grazas aos seus benevolentes encontros femininos, enganos e brincadeiras. Esta perspectiva permitiríame o cruzamento entre os aspectos ulisenianos de Yorick coa tradución de Ugo Foscolo, Viaggio sentimentale (1813), así como explorar os intereses de Foscolo na tradición literaria italiana (neste caso principalmente representada por Dante e Petrarca) desde o encadre sentimental de Petrarca ofrecido por Sterne.
20:30 h. A forza de traballo: as maneiras da exclusión, por Lucía Castro. Atopámonos aquí nun marco. Deses de madeira que van sendo laboriosamente tallados. O traveseiro empeza marcando unha ruta, na que as figuriñas que se suceden resultan ter cada vez máis relevo. Afondan nos sucos da madeira grazas a unha precisión e habelencia no manexo do cicel que se foi adquirindo co tempo, a forza de traballar o material. Mais esa profundidade do marco vai facendo paseniñamente máis infranqueábel o espazo entre o que deixa fóra e o que fica dentro. Este marco comezou a tallarse cando a Platón e a Aristóteles se lles deu por enmarcar nel -e así facer comprensíbel- esa phýsis da que tanto se falaba daquela entre os sabios. O traballo nunca máis deixou de ser un marco de comprensión no mundo occidental, até o mesmo capitalismo da actualidade. No traballo enmarcamos e enmárcanse as nosas vidas, que dificilmente escapan hoxe a ser concibidas como cuantificábeis forzas de traballo. Pero canto máis fondo é o relevo, máis inhabitábel é o marco, máis pobre o que fai comprensíbel e máis alleo o excluído. Até non poder senón desmarcármonos…