A Coruña: proxección de O instante eterno, de Xosé Antón Cascudo

A sexta feira 7 de marzo, ás 20:00 horas, na Livraria Suévia (Rúa Vila de Negreira, 32, baixo) da Coruña, proxéctase o documentario O instante eterno, dirixido por Xosé Antón Cascudo, quen estará presente no acto, e montado por Jessica Rey, arredor da vida e obra de Xosé María Díaz Castro.

Alfonso Blanco: “O que abraiaba a Díaz Castro era a paisaxe, a fala, o patrimonio que mamou na súa terra”

Entrevista de Montse Dopico a Alfonso Blanco en Magazine Cultural Galego, sobre Xosé María Díaz Castro:
“(…) – Montse Dopico (MD): Vostede é o seu testamenteiro. Foi reunindo os seus escritos durante anos, supoño.
– Alfonso Blanco Torrado (ABT): Como a súa familia mudou de piso en Madrid e en Euskal Herría, algunhas cousas acabaron perdéndose. El deixou dito, mesmo no leito de morte, que quería que me desen a min os seus papeis. Entre eles atopei os dous libros que el dixo que non tiña porque algún amigo non llos devolvera, Follas verdes e Follas ó aire, que agora van ver a luz da man de Armando Requeixo. Despois fun eu tamén buscando máis cousas. E temos todo gardado na Casa das Palabras. Tamén cartas e moitos outros documentos moi revelantes para a historia da nosa lingua e literatura. (…)
– MD: Tivo moita relación con outros escritores: Manuel María, Darío Xohán Cabana, Uxío Novoneyra…. Cal foi a influencia mutua entre eles?
– ABT: Estivo illado en Madrid, e de feito buscaba calquera oportunidade para falar galego. Tivo relación con Uxío, con Ben-Cho-Shey, con Celso Emilio… Eu mesmo fun testemuña do seu primeiro encontro con Manuel María, no 84. Presenteinos, tivemos unha tarde-noite marabillosa nunha das poucas ocasións nas que Díaz Castro aceptou recitar. E naceu así unha gran amizade con Manuel María e con Saleta. E testemuña desa amizade é a correspondencia entre eles. Tamén fun testemuña do seu primeiro encontro con Carvalho Calero. Máis que influencia mutua, eu diría que o que houbo entre Díaz Castro e os escritores cos que tivo relación era unha comunicación de alento, de ánimo, de traballo polo país. El dicía, “levo Galicia en min”, e así era. Mantívose sempre firme, rexo, na súa relación coa terra. Unha vez atopouse con Lois Pereiro en Madrid. Comezaron a falar de poesía, e Lois empezou a dicirlle que poetas galegos lle gustaban. Entre os libros que citou, dixo Nimbos. E Díaz Castro díxolle: “pois ese son eu”. Cando vía que alguén estaba falando galego, achegábase, malia a súa timidez, para falarlle. El, realmente, estaba devecendo por volver á terra. (…)”

Santiago: tese de doutoramento de Armando Requeixo, sobre A poesía en galego de Xosé María Díaz Castro

O venres 28 de febreiro, ás 11:00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, Armando Requeixo defenderá a súa Tese de Doutoramento, baixo o título de A poesía en galego de Xosé María Díaz Castro: estudo e edición crítica. Estará acompañado polos directores Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, nun acto aberto a todo o público interesado.
O tribunal que xulgará a tese está formado por Xesús Alonso Montero, como presidente, Xosé María Dobarro Paz, Arcadio López-Casanova, Aurora López e Xosé Manuel Salgado, que actuará como secretario.

Guitiriz: Ofrenda poético-floral no centenario do nacemento de Xosé María Díaz Castro

Dada a amábel conxuntura de que estándomos no ano no que a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas ao guitiricense Xosé María Díaz Castro, e tamén que no 19 deste mes de febreiro é cando se cumpre o centenario do seu nacemento, dende esta Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio e colaboración do Centro Pen Galicia e a Asociación Cultural Xermolos, convidamos ao acto poético-floral que por ese secular motivo se celebrará no camposanto de San Xoán de Lagostelle ás cinco da tarde, coa intención de que sexa o preludio dos moitos recoñecementos que neste ano e nos que sigan reciba o autor chairego.

Localización da Igrexa parroquial de San Xoán de Lagostelle

Estas son outras actividades relacionadas coa figura de Xosé María Díaz Castro da A. C. Xermolos:

Armando Requeixo: “Díaz Castro é unha voz singular e irrepetíbel na nosa historia literaria”

Entrevista de Carme Vidal a Armando Requeixo en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Como comezou o interese por Díaz Castro que o levou mesmo a dedicarlle a súa tese de doutoramento?
– Armando Requeixo (AR): A primeira memoria que teño de ler textos de Díaz Castro foi no vello COU ou mesmo no inicio da carreira. Eran algúns poemas de antoloxías e fascinoume pola súa profundidade. Tratábase dunha poesía con moi poucos elementos aparentes que conseguía enraizar até os abismos, unha depuración extrema, un lirismo moi puro. Chamoume poderosamente a atención. De primeiras non coñecía ao autor e cando me fun interesando pola súa figura descubrín que a diferenza doutros líricos puros como Pimentel ou un certo Cunqueiro, non había moitos traballos críticos arredor del. Tiñamos achegas de interese mais non era un autor sobre o que houbera unha bibliografía extensa. Pareceume un reto bonito afondar no seu coñecemento. Tiña noticia por algún dato e un traballo de Alfonso Blanco que había textos do autor que non estaban en circulación, que eran materiais por recuperar, e pensei que era a escusa que precisaba para afrontar un traballo maior como é dedicarlle un traballo de doutoramento e facerlle xustiza ao poeta. Un clásico, con poemas emblemáticos na nosa historia literaria, merecía un traballo de investigación que, modestamente, contribuíse a canonizalo. (…)
– SG: Pola contra, desde dentro tentaban animalo a participar no ámbito literario. Vostede destaca o papel de Fernández del Riego no nacemento de Nimbos.
– AR: Unha das súas sortes foi a xente que cruzou nos seu camiño. Tivo a fortuna, por exemplo, de topar con Aquilino Iglesia Alvariño cando estaba no seminario de Mondoñedo que foi para el unha sorte de irmán maior, que o animou a presentarse aos Xogos Florais e a continuar no mundo literario. Aquilino dille a González Alegre que o convide a participar na revista Alba e grazas a iso del Riego detecta un poeta inmenso. Se non se tiveran cruzado na súa vida Del Riego, Piñeiro e Carvalho Calero a súa traxectoria sería distinta. Conseguiron sacar Nimbos case con forceps. Hai todo un epistolario arredor da publicación de Nimbos e, as primeiras cartas nas que o animan a publicar son do 1955 e mira o que tardaría en saír o libro. (…)
– SG: Referencia moita obra inédita que é este ano verá a luz. Deixará Díaz Castro de ser o poeta de Nimbos?
– AR: A obra publicada supón, cuantitativamente, unha sétima parte da súa poesía en galego. Publicou en libro 32 poemas e escribiu máis de douscentos. Ten unha explicación, boa parte deles pertencen a dous poemarios de preguerra, obra de mocidade, dun primeiro Díaz Castro de 19 ou 20 anos e non é a voz que coñecemos por Nimbos. Non tiña a mesma experiencia vital de cando publica con 47 anos. Eses dous poemarios non son menores, mais hai que valoralos á luz do contexto literario do seu tempo. Poden estar á altura de Do ermo de Noriega Varela, Codeseira de Crecente Vega ou Señardá de Iglesia Alvariño. En ambos libros hai exemplos de calidade e logo están os poemas de Díaz Castro, algún de moito interese coma a “Oración polos tolos” que publicou en Alba e non me dou explicado a razón de non ter introducido en Nimbos porque está á altura de calquera dos poemas do libro. O valor da Poesía Galega Completa vai ser unha radiografía integral do Díaz Castro na que se verá a dimensión dos seus ensaios poéticos ate os poemas de recollida dos últimos anos da súa vida. Hai un poeta en distintos momentos do seu periplo autorial coas diferentes poéticas. (…)

Armando Requeixo: “Díaz Castro é un ‘outsider’, un creador cunha estética única”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a Armando Requeixo en Praza:
“(…) – Praza (P): As Letras serven todos os anos para afondar no coñecemento que temos sobre un autor ou para descubrir novas facetas. Que imos descubrir sobre Díaz Castro neste ano? Que descubriches ti?
– Armando Requeixo (AR): Penso que este Ano Díaz Castro ha servir para que todos nos acheguemos á figura do escritor cunha ollada renovada. En primeiro lugar, porque se han descubrir moitos socalcos biográficos que eran pouco coñecidos ou que simplemente se ignoraban. Logo, porque a maior parte da súa obra poética en galego permanecía ou inédita ou sen compilar, así que os versos que del circulaban eran, case exclusivamente, os contidos en Nimbos e, sobre todo, o arquifamoso “Penélope”. Na miña monografía tentei profundar neses dous aspectos: ofrecer a primeira biografía documental completa do escritor e, amais, describir e presentar analiticamente a totalidade da súa produción, tanto édita coma inédita. (…)
– P: De igual xeito, que nos conta a súa obra sobre a historia da literatura galega nesas décadas?
– AR: Coido que Díaz Castro é un outsider, un autor fóra de calquera escola, un creador singular cunha estética única e, nese sentido, marca un fito fundamental na Historia da Literatura Galega do pasado século, pois o seu lirismo transcendente, de dicción clásica e íntima, o humanismo telurizado e a visión da Terra nosa e a súa circunstancia convérteno nunha voz irrepetible.
– P: Como era Díaz Castro como persoa? Como era á hora de crear, na súa relación coa literatura?
– AR: Díaz Castro era unha persoa cunha formación e unha cultura admirables. Era, amais, moi educado, discreto, naturalmente prudente e moi amigo dos seus amigos. Amosouse sempre alleo aos fastos da vida pública literaria, non lle interesaban en absoluto os recoñecementos sociais ou os feiróns culturais. O seu era o traballo solitario do creador, labrar pouco e pouco os seus textos como quen talla un diamante, conseguir tirar deles o fulgor da súa cerna, pois era moi perfeccionista e tremendamente consciente no proceso da escrita, que coidaba ata o último detalle tanto no lingüístico coma no estético. (…)”

Profesorado e alumnado do IES Poeta Díaz Castro ofrecen actividades para conmemorar o centenario con toda a comunidade educativa

Desde Sermos Galiza:
“O 19 de febreiro conmemórase o centenario do poeta Xosé María Díaz Castro e desde o centro educativo que leva seu nome no seu Guitiriz natal poñen ao dispor da comunidade educativa diversos materiais para compartir a festa de aniversario. Profesorado e alumando elaboraron actividades, un documental, propostas de xogos… para convidar a toda a comunidade a celebrar unha xornada poética. Desde o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz animan a toda a comunidade educativa a conmemorar a festa de aniversario do autor a quen a Academia decidiu dedicar este ano o Día das Letras Galegas. Con este fin, comparten diversos materiais para que o nome de Díaz Castro resoe e que a festa que desde Guitiriz promoven sexa simultánea en todos os centros educativos do país que queiran sumarse á celebración do aniversario.
Propoñen, entre outras cousas, que nos centros educativos se proxecte o documental que elaborou o propio alumnado do IES de Guitiriz A lus do mundo. Redescubrindo ao poeta Díaz Castro (en colaboración con Pasen y Vean Comunicación). Convidan tamén a partillar unha proposta de actividade de 50 minutos que inclúe xogos sobre a poesía, exercicios arredor do documental elaborados pola profesora María Miragaya a partir dun obradoiro da especialista Chus Otero. A música ten tamén presenza no programa que o centro propón, da man da profesora Sandra Tenreiro.
A cambio da xenerosa oferta, solicitan que os centros lles remitan fotos e documentación da celebración compartida ao enderezo documentaldiazcastro@gmail.com para compartir nas redes sociais.”