Barcelona: conferencia Roberto Vidal Bolaño á procura dunha poética teatral, por Xosé Manuel Fernández Castro

O venres 10 de maio, ás 19:30 horas, na Libraría La Central del Raval (Carrer Elisabets 6, 08001) de Barcelona, terá lugar a conferencia Roberto Vidal Bolaño á procura dunha poética teatral, de Xosé Manuel Fernández Castro, editor das súas Obras Completas en Positivas.
Desde o mesmo 10 até o venres 24 de maio, estará aberta a exposición bibliográfica Roberto Vidal Bolaño na escena teatral galega no Edificio Histórico, Vitrinas da Biblioteca General e Galería do Pati de Lletres-Universidade de Barcelona (Gran Via de les Corts Catalanes, 585).
Os actos están organizados por Estudis Gallecs i Portuguesos, da Universitat de Barcelona.

A Coruña: conferencia de Antón Dobao sobre Roberto Vidal Bolaño

O martes 7 de maio, ás 19:30 horas, na Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, terá lugar unha conferencia de Antón Dobao sobre a figura homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, Roberto Vidal Bolaño. O acto está organizado pola A. C. O Facho.

A Coruña: actividades arredor do Día das Letras Galegas no Teatro Colón

Con motivo da execución do Laboratorio Teatral, patrocinado pola Deputación Provincial da Coruña, os días 14, 15 e 16 de maio de 2013 representarase, de forma gratuíta, As marxes da desgraza, un espectáculo baseado nunha selección de textos de Roberto Vidal Bolaño, dirixido por Santi Cortegoso, no que actuarán os alumnos do Laboratorio Teatral acompañados da actriz profesional Lucía Regueiro.
Dentro dese mesmo proxecto, teremos o venres 17 de maio día das letras galegas un recital poético, e o sábado 18 de maio un concerto.
O recital poético do 17 de maio estará dirixido, presentado e con textos escolmados e traducidos por Estíbaliz Espinosa.
Á súa vez, o concerto do 18 de maio está dirixido por Estíbaliz Espinosa, que será a voz, cos músicos Marcel Chirilov (clarinete), Patxi Valera (percusión e aquófono) e Nacho Muñoz (piano).
Todas as representacións terán lugar en torno ao día das Letras Galegas que este ano homenaxea a Roberto Vidal Bolaño.
Lugar: Teatro Colón.
Función teatral: martes 14, mércores 15 e o xoves 16 ás 20:30 horas.
Recital: Venres 17 de maio de 2013, Día das Letras Galegas, ás 20:30 horas.
Concerto: Sábado 18 de maio de 2013, ás 20:30 horas.
Reservas: Mediante correo electrónico a produccion@teatrocolon.es ou chamando ao 606232857. Iranse asignando os convites por orde de solicitude. É imprescindible realizar a reserva antes do día 12 de maio de 2013.
Aproveitamos para informar de que o Laboratorio Teatral inclúe unha mesa redonda o 9 de maio ás 20:30 horas, e as invitacións se recollerán en billeteira o mesmo día sen reserva previa.
Todas as actividades serán de carácter gratuíto.

Santiago: lectura pública de textos de Roberto Vidal Bolaño

O venres 3 de maio, a partir das 20:00 horas, na Alameda de Santiago de Compostela, diante da estatua de Valle Inclán, haberá unha lectura pública de textos de Roberto Vidal Bolaño. Pode ir quen queira e ler os textos que consideren. A fermosa literatura de Vidal Bolaño na voz dos seus lectores, e diante do seu admirado Don Ramón María.

Santiago: actividades destacadas do mércores 1 de maio na Feira do Libro

O mércores 1 de maio prosegue a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), cos seguintes actos literarios destacados:

13:00 h. Actividade infantil. Servando Barreiro. Contacontos poético musical.
18:00 h. Contacontos en verso para nenos, con Yolanda Castaño xogando co seu libro Verdedades, ilustrado por Xosé Tomás e publicado por Biblos. Tamén aparecerán historias dos seus libros Cando eu saiba ler e Punver.
20:00 h. Presentación do libro e audiovisual Un chapeu negro e un nariz de pallaso. Tras os pasos de Roberto Vidal Bolaño, con textos de Montse Pena Presas e imaxes e son de Gonzalo Enríquez Veloso, publicado por Editorial Galaxia.

Santiago: actividades destacadas do sábado 27 e domingo 28 de abril na Feira do Libro

O sábado 27 e domingo 28 de abril bota a andar a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), cos seguintes actos literarios destacados:

Sábado 27:
19:00 h. A xornalista María Solar asinará exemplares do seu libro As meigas de Lupa publicado por Edicións Xerais.
20:00 h. 2.0 editora presenta a colección Xornalistas. Participarán no acto Xosé Manuel Pereiro, Xosé Precedo, Daniel Salgado e Antón Lado, editor.

Domingo 28:
18:30 h. Presentación das Obras Completas de Roberto Vidal Bolaño, publicadas por Edicións Positivas.
19:30 h. Contos Extraños Editora e Urco Editora, celebran o 3º Encontro da Nova Fantasía Galega, coa presentación dos libros Ninguén lembra, de Vanesa Santiago Vázquez, Contos de soños e sombras, de Ariza Piñeiro, Galiza mutante: Poder nuclear, de Tomás González Ahola e As crónicas de Bran: A revolta dos Mestres, de Xosé Duncan. Tamén haberá una charla coloquio entre editores, autores e lectores.

Ferrol: o venres 19 de abril comeza a Feira do Libro

O venres 19 de abril comeza a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados:

19:30 h. Dentro dos actos inaugurais, actuación de Celso Fernández Sanmartín, contador de historias tradicionais con gran sentido de humor, cos seus relatos Bicoca de boca en boca.
20:00 h. Presentación do libro e audiovisual Un chapeu negro e un nariz de paiaso. Tras os pasos de Roberto Vidal Bolaño, con textos de Montse Pena Presas e imaxes e son de Gonzalo Enríquez Veloso, publicado en Galaxia.

Un día das Letras anovado?

Reportaxe en Praza:
“(…) “Que facemos coas letras galegas?”, “Cómpre anovar a súa celebración?”, “Debe ser un día non laborable?”. As Xornadas organizadas pola Liga Estudantil Galega dedicaron unha das súas mesas de debate a dialogar ao redor destas cuestións, coa participación de María do Cebreiro, de Manuel Bragado e de O Leo.
Un dos temas sobre o que debateron os relatores foi o da escolla do autor ou autora homenaxeada cada ano, por exemplo sobre a obriga de que teñan que pasar dez anos dende a súa morte para que así se produza. María do Cebreiro quixo trazar novas liñas neste debate, lembrando que “non todos os mortos están mortos”, pois en moitos casos a súa actualidade é máxima a través da importancia da súa obra ou doutros factores. A profesora chamou a “facer un pacto” pois “ao igual que se fai un investimento na protección do patrimonio material, hai que reflexionar que capital cultural queremos conservar e cal non”. Neste “pacto social” o canon debe ser cuestionado e reconstruído “cun papel fundamental da escola na súa transmisión” e sendo conscientes de que “ás veces fálase contra o canon e contra a institución poñendo en valor outros criterios máis comerciais”. Para Leo, profesor e músico, “o problema é o ritual, eu non son fetichista. Es punki e vas visitar o papa e deixas de ser punki. O problema en Galicia esta no esencialismo, hai que dialogar co pasado porque somos os vivos os que podemos falar co pasado. As Letras son a festa dunha persoa viva porque está viva a súa obra”.
Manuel Bragado, director de Xerais, comezou a súa intervención salientando o “éxito” que constitúe o feito de levar 50 anos seguidos celebrando as Letras, para a seguir recoñecer que se fracasou no obxectivo de “contaxiar a sociedade dese entusiasmo”, como si se conseguiu, dixo, en Catalunya coa celebración do Sant Jordi. E concluíu: “debemos conservar o obxectivo de potenciar libro e a cultura galega. Pero podemos anovar todo o demais”. Entre outras cousas chamou a aproveitar a oportunidade que supón que o 17 de maio sexa tamén en todo o mundo o Día de internet. (…)”