Santiago: actividades destacadas do domingo 27 de abril na Feira do Libro

O sábado 26 de abril bota a andar a Feira do Libro de Santiago (no Parque da Alameda), con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados para o domingo 27:

19:00 h. Encontro de literatura fantástica da man de Contos Estraños e Urco Editora.
20:30 h. Presentación do libro Fóra de portas, de Roi Vidal Ponte, publicado por Positivas. Xunto co autor, participa no acto Francisco Macías.

Madrid: presentación de Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000), de Ana Acuña

O venres 25 de abril, ás 18:30 horas, no Salón de Actos da Biblioteca Histórica Marqués de Valdecilla (R/ Noviciado 3, Madrid), o Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense de Madrid, dentro da IV Semana Complutense de las Letras, presenta Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000), de Ana Acuña, publicado en Xerais. No acto, presentado por Carmen Mejía, participan, xunto á autora, Vicente Araguas, Fermín Bouza e Antón Patiño.

Arteixo: presentación de Fisterra. A derradeira perla de Occidente, de Modesto Fraga

O venres 25 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3, baixo) de Arteixo, preséntase Fisterra. A derradeira perla de Occidente, de Modesto Fraga, guía literaria onde se recollen os principais atractivos do municipio.

Compostela: presentación de As crebas. Outro xeito de andar ao mar, de Francisco X. Fernández Naval e Maribel Longueira

O xoves 24 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), preséntase As crebas. Outro xeito de andar ao mar, de Francisco X. Fernández Naval (texto) e Maribel Longueira (fotografías), publicado en Baía Edicións. No acto, xunto aos autores, participan Belén López Vázquez, Soledad Pite e Manuel Rodríguez.

Betanzos: presentación de Politicamente incorreta, de Teresa Moure

A cuarta feira, 23 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Carricanta de Betanzos (Rúa Doutor José Fariña, 1), preséntase Politicamente incorreta. Ensaios para um tempo de pressas, de Teresa Moure, publicado en Através Editora.

Vigo: presentación de Fóra de portas, de Roi Vidal

O martes 22 de abril, ás 20:30 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase o libro Fóra de portas. Paseo libre e non moi respectuoso polos tempos e lugares de Roberto Vidal Bolaño, de Roi Vidal, publicado por Positivas. No acto, xunto ao autor, participa Afonso Becerra.

Xosé Estévez: presentación de Un crego atípico na Fonsagrada (1967-1969), de Xosé Estévez

Entrevista de Carme Vidal a Xosé Estévez en Sermos Galiza.

Inma López Silva: “A maternidade é, como a literatura, un proceso creativo”

Entrevista de Carme Vidal a Inma López Silva en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): O seu [Maternosofía] é un dos poucos libros que abordan o tempo de embarazo, por que cre que se escribe tan pouco dunha experiencia tan intensa?
– Inma López Silva (ILS): A raíz de tela vivido tamén o pensei. O motivo que a min me levou a escribir podería ser moito máis estendido. Escribimos sobre as nosas emocións e parece razoábel que cando che sucede algo importante apareza na literatura. Hai varios motivos que se me ocorren para que isto non aconteza nesta ocasión. Un deles é a tardía incorporación das mulleres, ou a tardía visibilización, á literatura que inflúe en que non se recolla unha experiencia que é máis feminina. Curiosamente, temos máis exemplos de homes que escribiron sobre a paternidade. Logo está tamén a idea de privacidade ou intimidade. Moitas escritoras buscan preservar o nivel das emocións ao ámbito privado e esta razón, máis de carácter persoal, pode ser unha das causas. Existen casos na literatura para nenos e nenas que explican a chegada ao mundo mais desde o punto de vista máis reflexivo ou ensaístico como podería ser unha novela sobre a maternidade non existe. (…)
– SG: A súa tese é que amar non é incompatíbel con ser independente entón? Conseguiu manter o seu “cuarto propio”?
– ILS: Desde o punto de vista intelectual creo que o estou conseguindo mais hai motivos que van máis alá de min mesma e que hai que ter en conta. Teño a sorte de que o meu entorno comprende unha situación que socialmente aínda non se asume. Se tes a sorte de estar rodeada de quen entende que unha muller non ten que ser máis nai que un home pai facilítache moito manter esa independencia. Temos que loitar contra a nosa propia educación, contra o machismo estrutural no que vivimos. Existe unha forte presión social para que ti, como muller, fagas concesións na túa vida a causa da maternidade e eu creo que hai que loitar contra iso. (…)”