“Pensamento, emoción, Bach e muiñeira vella: isto é Luísa Villalta”

Artigo de Noelia Gómez no Salto Galiza:
“(…) “Cando penso en Luísa Villalta hoxe en día véxoa como unha muller renacentista”, afirma a súa amiga, a escritora e docente Marga do Val (Marga Romero Lorenzo), nunha conversa no andar superior da libraría Couceiro, en Compostela, onde confesa que non lembra con exactitude o instante no que coñeceu á autora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste 2024, xa que é como se formara parte da súa vida desde a súa toma de conciencia como galega e como escritora. Ademais, salienta que Villalta adoraba a arte en xeral, e relacionábaa co saber e coa súa maneira de estar no mundo, vinculando tanto poesía con música, fotografía ou teatro.
Para o investigador, profesor e crítico literario Armando Requeixo, responsable da edición de Pensar é escuro, Poesía reunida (1991-2004) (Galaxia, 2023), Luísa Villalta é unha poeta e unha escritora que non se entende sen o curso do mundo musical. “A literatura e a música eran as súas grandes paixóns e desde a primeira hora fundiunas e transfundiunas”. “Isto podemos velo ao longo da súa traxectoria literaria, pero tamén noutras facetas como é a actividade propiamente profesional desde o musical”, explica nunha entrevista no Centro Ramón Piñeiro, en Compostela, do cal, alén de investigador, tamén é secretario. Requeixo incide en que precisamente algúns dos primeiros escritos que Villalta publica na súa vida son textos arredor da relación entre música e poesía, como poden ser A música como arte (La Voz de Galicia, 1982); A língua do son e Música observada, conservada e reservada, ambos de 1987, o primeiro en Luzes de Galiza e o segundo en Grial.
O outro lado da música, a poesía debería estar en todos os institutos e non está, debería ser unha referencia fundamental en todos os traballos de crítica ou ensaio literario e non está”, denuncia o músico, escritor, actor e docente Xurxo Souto no Auditorio do Conservatorio de Música de Compostela, que este ano vén de publicar Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta (Xerais, 2024). O ensaio da poeta coruñesa é, desde a perspectiva de Souto, un punto de inflexión na historia da crítica literaria galega e na historia da música galega, onde reivindica a esencial relación entre música e poesía. “Na primeira parte explícanos como todo está codificado polos gregos e na segunda cóntanos a historia da literatura galega en clave musical”, aclara, concretando que Villalta concibía o son e a poesía como dúas formas retóricas do propio son. “Ela denuncia que coa aparición da imprenta a poesía quedou relegada á escrita poética que se pode ler en silencio, considerando que esa era toda a poesía”, subliña. Por outra banda, Marga do Val indica que nesta obra Luísa dálle a man á tradición cultural e á tradición popular: “É marabilloso a onde chega cando describe o que pode ser unha muiñeira na obra de Rosalía ou de Manuel Antonio, e iso faino moi ben porque ela tamén establecía ese tipo de vinculacións na súa obra”. (…)”

Antón Baamonde e Daniel Hermosilla: “A imaxe que os propios galegos creamos de Galicia como un país atrasado e sen industria fainos perder posibilidades”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a Antón Baamonde e Daniel Hermosilla en Praza:
“(…) – Praza (P): Primeiro de todo, quería saber como nace este libro e, ademais, como xorde este encontro entre os dous: un empresario do sector dos prefabricados do formigón e un ensaísta e licenciado en Filosofía?
– Antón Baamonde (AB): O libro foi unha iniciativa de Daniel que parte, en realidade, do meu anterior libro. Despois dunha presentación de Unha nova Olanda comezamos a falar e el comezou a debullar unha chea de empresas galegas punteiras das que en moitos casos eu non tiña idea. E sinalou que sería boa idea publicar un libro que espallase a idea de que Galicia é algo moi distinto do que moita xente pensa que é, algo que enlazaba perfectamente co que eu estaba contando en Unha nova Olanda.
Galicia non é o que moita xente ten na cabeza, o marco mental ten que ser transformado. Eses estereotipos non son en absoluto válidos co que Galicia é na actualidade, pero tampouco co que Galicia era hai unhas décadas e, de feito, hai moitas análises que xa veñen corrixindo aquelas visións erradas. A realidade é que Galicia leva moito tempo sendo un país moi semellante a calquera territorio da nosa contorna europea.
– P: Para ben e para mal…
– AB: Para ben e para mal, efectivamente, porque ás veces hai unha concepción excesivamente amable do que é Galicia e do que foi o pasado de Galicia. Ou se pensa Galicia como un territorio atrasado onde nada moderno pode desenvolverse, ou como todo o contrario. Este empirismo, este intento de ter unha visión máis real e máis próxima á realidade, supón a destrución de determinados mitos que están moi establecidos e que fan que mesmo a día de hoxe non sexamos capaces de recoñecer o país que temos diante.
Unha Nova Olanda buscaba constatar o que todos os datos afirman: que Galicia é unha sociedade urbana e que é urbana non só a sociedade da Coruña ou Vigo, senón a de calquera concello. Integrar iso no esquema mental parecíame importante. E tiña, ademais, un lado proactivo e propoñía tecer en Galicia unha rede urbana, semellante á existente nos Países Baixos, onde non hai unha gran cidade como Madrid senón unha rede de cidades que se complementan e compiten e multiplican os contactos e as posibilidades de todas elas. As cidades son laboratorios de creación de ideas, de xeración de valor, as cidades son o lugar, como dicía Jane Jacobs, o lugar no que pasan as cousas. (…)”

Seleccionados os catro proxectos para as Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento 2024

Desde a Deputación da Coruña (foto da propia Deputación da Coruña):
“Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila, Laura Martínez Mateo e Carmen Marina Vidal Valiña son as persoas seleccionadas para participar nesta segunda edición das Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento. Así o decidiu o xurado, composto pola poeta Yolanda Castaño, o escritor Iván García Campos e a filóloga e ensaísta María López Sández, coa deputada de cultura Natividade González como presidenta e a xefa de sección de cultura Manuela Muñiz como secretaria, nunha xuntanza na que tamén estivo presente o comisario das Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento, Roberto Abuín.
A deputada de cultura, Natividade González, valorou moi positivamente as propostas seleccionadas, “que abordan cuestións tan esenciais como, entre outras, a nosa identidade, a nosa memoria colectiva, a nosa historia contemporánea e a nosa contorna, dende o orgullo, o compromiso e a reflexión.” Ademais, lembrou a importancia de levar a cabo este tipo de iniciativas de apoio aos procesos de creación, “dende as administracións públicas debemos apoiar aos creadores e creadoras non so nos resultados das súas obras, senon tamén durante a súa creación, ofrecéndolles ferramentas e recursos que lles permitan desenvolver os seus proxectos. Ese é o obxectivo destas Residencias”.
Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila, Laura Martínez Mateo e Carmen Marina Vidal Valiña desenvolverán os seus proxectos literarios e de pensamento no Pazo de Mariñán do 15 ao 26 de abril onde convivirán, ademais, cos artistas das Residencias Mariñán de Música, e tamén recibirán a visita de dúas figuras consagradas no mundo das letras e do pensamento como son a poeta Chus Pato e o poeta e marrador Ismael Ramos. (…)

Propostas seleccionadas
Literatura
Francisco Rodríguez Casal – Do outro lado. Bebendo dun proceso creativo que integra a comunidade a través de testemuñas corais, Do outro lado é un proxecto de escrita de obra de teatro sobre o ecoloxismo, a comunidade e a súa descomposición no rural galego a partir de acontecementos ocorridos na aldea do autor. O xurado salientou que está formulado dun xeito suxestivo, interesante e a liña artística resulta potente.
Esperanza Mariño Davila – Narrativa, poesía e tradución en Xosé Manuel Beiras. A proposta ensaística é de interese, segundo o xurado, por afondar na faceta literaria e de tradución dunha figura clave na historia contemporánea de Galicia, Xosé Manuel Beiras.
Laura Martínez Mateo – A identidade agochada. Coa proposta deste poemario que demostra as diferentes vías de acceso á idea de identidade, o xurado quere incentivar a solidez do compromiso co que esta neofalante decidiu facer da cultura galega a súa propia.
Pensamento
Carmen Marina Vidal Valiña – Recuperando a memoria das “tolas” galegas: o manicomio de Conxo a través das pegadas das súas internas. A partir do estudo das historias clínicas de mulleres no manicomio de Conxo, proponse a recuperación da memoria das “tolas galegas”. O xurado valorou a recuperación da memoria dun sector de mulleres excluídas, precisamente cando nos motivos da súa exclusión se deron nesgos de xénero tan encardinados nun momento histórico. A proposta é de oito interese e atópase en liña coa traxectoria da autora.”

Xurxo Souto: “A visión do mundo de Luísa Villalta era punki e rupturista”

Entrevista de Jacobo Caruncho a Xurxo Souto en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Somos un pobo de artistas. O título do seu libro é xa toda unha declaración de intencións.
– Xurxo Souto (XS): É un título manifesto, punki e rupturista. Hai toda esa tradición de tópicos escuros dicindo que eramos un pobo pusilánime e morriñoso e non, somos un pobo cargado de forza vital e de talento. Coma todos os pobos do mundo.
– LO: E Luísa tamén era así, punki e rupturista?
– XS: Era, era. Temos esa imaxe dela absolutamente plácida, porque por outra banda era unha rapaza elegante, era un sorriso, era unha presenza de amor. Pero a súa visión do mundo era punki e rupturista. Comezando coa propia idea que tiña da poesía. O que se entende pola poesía é só unha parte. A poesía é moito máis e sempre ten que estar relacionada coa música. E fronte a outros, ela buscaba sempre esa emoción.
– LO: Temos entón mal entendida a poesía galega?
– XS: A literatura galega está mal explicada. Ten moi boa letra, pero falta a música. Luísa Villalta no seu libro O outro lado da música, a poesía explica todo o estudo da literatura galega en clave musical. Ese libro saíu en 1999 e por desgracia pasou desapercibido. Agora, con todas estas pompas que está recibindo por todo o seu mérito, vexo que se acode moi pouco á visión de Luísa como teórica. En esencia, a música e a poesía son o mesmo. Cal é o primeiro monumento da literatura galega? As cantigas medievais. Como se poden explicar as cantigas sen música? Cal é o gran monumento do Rexurdimento? Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro. Non pode ser máis claro. (…)”