III Maratón de Lectura de Burela, o martes 23 de abril

“O Maratón de Lectura nacía en 2011 da man da Delegación de Cultura do Concello de Burela, mais en 2012 sería o Colectivo Cultural Buril quen collería o relevo na organización desta actividade cuxa finalidade principal é a de promover a lectura en lingua galega. As socias e socios do C. C. Buril estamos moi satisfeit@s pala alta participación acadada na pasada edición, así como polo interese mostrado por parte de todas as persoas e entidades participantes, motivos estes que nos animan a realizar unha nova edición do Maratón de Lectura, que este ano celebraremos o 23 de abril, coincidindo co Día Internacional do Libro. A cita terá lugar en Burela, no salón de plenos do Concello, como ben sendo habitual, aínda que a diferenza de anos anteriores, a presente edición desenvolverase en torno a unha temática literaria específica.
Este ano cúmprense 150 anos da publicación de Cantares Galegos, obra fundacional da literatura galega contemporánea e símbolo do Rexurdimento da literatura e da cultura galegas e por iso desde o Buril queremos dedicar o III Maratón de Lectura a Rosalía de Castro, sumándonos deste xeito ás distintas actividades que se están a desenvolver en numerosas vilas e cidades galegas, promovidas principalmente pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), pola Fundación Rosalía e polo asociacionismo cultural de base.
Na medida do posible e de cara a facilitar a planificación e partlcipación dos centros educativos, tentaremos manter unha distribución horaria similar á da anterior edición. Deste xeito, as dúas primeiras horas da mañá (10:00 a 12:00 h.), estarán reservadas para os centros de Educación Primaria (CEIP Vista Alegre e CEIP Virxe do Carme) e as dúas últimas horas da mañá (12:00 a 14:00 h.), reservaranse para os centros de Educación Secundaria (lES Monte Castelo e lES Perdouro). Cada centro educativo disporá de aproximadamente 60 minutos para realizar a lectura da obra ou fragmento escollido, que será lido polos alumnos e alumnas que representen ao centro na orde que estableza o propio profesorado. A nosa proposta é que os centros de primaria lean poemas de Cantares Galegos e os centros de secundaria poemas de Follas Novas, así como o limiar de calquera dos dous libros, segundo estime oportuno o profesorado.
No que se refire a asociacións e clubes deportivos, poderán escoller calquera tramo horario desde as 16:00 ás 20:30 h., en función das súas posibilidades. Unha vez establecidas as quendas de lectura de cada colectivo, poderán anotarse a título individual todas as persoas que o desexen. Tanto para colectivos como para persoas o tempo aproximado de lectura será de 5 minutos por persoa, non excedendo, na medida do posible, de 30 minutos no caso dos colectivos. As persoas e colectivos participantes terán liberdade para escolleren os textos que quixeren, sempre e cando se trate de fragmentos da obra rosaliana ou ben textos de outros autores ou autoras dedicados á poeta de Padrón.
Agradecemos de antemán a súa atención e que nos comunique á maior brevidade posíbel a súa asistencia, a súa preferencia horaria e o texto escollido para a lectura. Poden pórse en contacto connosco a través do noso enderezo electrónico: ccburil@gmail.com ou ben no tfno. 616473366 (Rosana) polas tardes.
Agardando contar coa súa presenza, reciba un afectuoso saúdo.

Burela, a 8 de marzo de 2013″.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega asinou un convenio coa Asociación Galiza co Galego

Como asociacións coincidentes no obxectivo dunha educación laica, plural, en valores, de calidade e en lingua galega, ambas entidades acordaron que Galiza co Galego difunda as actividades, publicacións e propostas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e esta última porá os seus recursos á disposición de GcG e participará nas actividades educativas promotoras da cultura e lingua, dentro da Rede de Ensino Popular.
As persoas asociadas de ambas as asociacións beneficiaranse das actividades e das actuacións conxuntas que acorden.
Galiza co Galego suma así máis recursos para o ensino en galego, pois este convenio vén xuntarse aos xa subscritos coas asociacións pedagóxicas Nova Escola Galega (NEG) e Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG).

Vídeos do Día de Rosalía 2013 no ensino (XI)

30. Cando a luniña aparece (Colexio Divina Pastora, O Barco de Valdeorras)

31. Si a vernos, Marica, nantronte viñeras (CEP Pilar Maestu Sierra, A Pobra do Caramiñal)

32. Como chove miudiño (CEIP de Baño-Xanza, Valga)

Vídeos do Día de Rosalía 2013 no ensino (X)

27. ¿Que ten o mozo? (CEIP Agro do Muíño, Bertamiráns-Ames)

28. Castellanos de Castilla (Colexio Obradoiro, A Coruña)

29. Vente, rapasa (CEIP de Bandeira, Silleda)

Vídeos do Día de Rosalía 2013 no ensino (IX)

24. Queridiña dos meus ollos (IES de Salvaterra de Miño)
O vídeo pode visualizarse aquí

25. A Roberto Robert redactore da Discusion, a quen lle gustan os contos i o gallego (IES Xulián Magariños, Negreira)

26. -Meniña, ti a máis hermosa (CEIP Belesar, Baiona)