Desde a Oficina Antena CEER do Colexio San Xerome (Praza do Obradoiros, s/n) convidan ao acto de presentación do Club de lectura virtual universitario Galicia-Norte de Portugal, da Fundación Centro de Estudios Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal (CEER), que terá lugar o vindeiro día 27 de novembro, ás 12:30h. no Salón de Actos do Instituto Xelmírez I, sito na rúa Poza de Bar s/n, en Santiago de Compostela.
O acto, presidido polo Excm. Magfco. Sr. D. Senén Barro Ameneiro, Reitor da Universidade de Santiago de Compostela e Presidente da Fundación CEER, contará coa presenza dos escritores Rubén Ruibal, Premio Nacional de Literatura Dramática 2007, e Carlos Losada, coautores da obra Lume.
Este club de lectura virtual, créase como punto de encontro da comunidade universitaria galega e portuguesa do norte para o fomento da lectura en galego e portugués.
Comentarlle tamén que a iniciativa de celebrar o acto nun centro de ensinanza secundaria parte da idea de achegar o mundo universitario ao ensino secundario, primario e á comunidade galega e portuguesa en xeral, nesta caso concreto, mediante unha actividade de intercambio e promoción da literatura galega e portuguesa.
Arquivo da categoría: Literatura e ensino
“Espazo Lectura” ofrece un intenso programa de actividades no mes de novembro
POLO SAN MARTIÑO, LIBROS AO CAMIÑO
Espazo Lectura desenvolve un intenso programa de actividades no mes de novembro
► Nova sesión do Contomar o próximo luns.
Coa sesión semanal de contacontos do próximo luns, Espazo Lectura inicia un intenso programa de actividades de fomento da lectura que se desenvolverá ao longo de todo o mes de novembro baixo o lema Polo San Martiño, libros ao camiño. A sesión deste próximo luns, se o tempo o permite, desenvolverá unha primeira parte na Praza de Portugal, ao aire libre, para continuarmos logo na biblioteca municipal con historias como Corre, corre, cabaciña ou Paco Papán e a celebración do cumprecontos dunha das nenas socias do Contomar. Acompañarannos, como en cada sesión, o saco Paco e a saqueta Henriqueta, as mascotas do Contomar.
► Nacen dous novos clubs de lectura.
Dentro da programación do mes de novembro inclúese tamén o nacemento de dous novos clubs de lectura. O día 4 teremos a 1ª sesión do club de lectura Sete vidas que cada mes propoñerá un libro para ler e comentar. Nesta 1ª convocatoria a tertulia xirará arredor da novela Así nacen as baleas, de Anxos Sumai. Ademais, o día 18 de novembro botará a andar o club Lecturas debuxadas que cada mes propoñerá a lectura dun título de cómic para logo comentar en grupo.
► Contos en cantos.
Do 10 ao 15 de novembro presentarase en Gondomar o libro-CD-DVD Contos en cantos, un proxecto de OQO Editora e a Secretaría Xeral de Política Lingüística que Espazo Lectura coordina na nosa comarca. Durante toda esa semana un total de 450 nenos e nenas de todos os colexios públicos de Gondomar visitarán na Casa da Cultura a exposición IMAXINOQO e asistirán a un contacontos organizado por Espazo Lectura. Ademais, o venres 14 á tarde celebraranse dous obradoiros Q SON (precísase inscrición), un para nenos e nenas de 5 a 7 anos e outro para nenos e nenas de 8 a 10 anos. A semana de actividades rematará o sábado 15 co concerto de presentación das cancións que se inclúen no proxecto: será ás 12 da mañá no auditorio Lois Tobío coa presenza de Almudena Janeiro.
► Remoldiño vai á feira.
O día 26 de novembro teremos dúas funcións do espectáculo Remoldiño vai á feira, unha peza de teatro representada pola compañía Casahamlet a partir dun conto de Xoán R. Cuba publicado por Edicións Xerais. A 1ª sesión será ás 12 da mañá para o alumnado do CRA Antía Cal e a 2ª sesión será á tarde, aberta ao público previa inscrición a través de Espazo Lectura. Este proxecto, igual que Contos en cantos, forma parte da campaña Voces á orella promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
► Club de lectura compartida Lendo contigo.
Por último, no último sábado de novembro retomaremos as sesións do club de lectura compartida Lendo contigo, para nais e pais e para nenos e nenas de 8 a 11 anos. Esta iniciativa, que naceu hai case un ano e na que están inscritos 30 nenos e nenas, contou nas sesións anteriores coa presenza de autores como Agustín Fernández Paz, Miguel Vázquez Freire, Antonio García Teijeiro, Fina Casalderrey, Cándido Pazó e Xabier López. O libro proposto para a próxima sesión será Boas noites, de Paula Carballeira, e contaremos coa presenza da autora. Será o día 29 de novembro ás 12 da mañá na Biblioteca Municipal de Gondomar.
Val Miñor, 31 de outubro de 2008
Oito editoriais fomentan o galego co apoio de Política Lingüística
«[…] O programa incluirá lectura, música, contacontos, teatro, xogos, pintura e outras actividades gratuítas destinadas a unha franxa de idade que “é onde está o futuro do galego”.
Así, as editoriais participantes, A Nosa Terra, Baía, Galaxia, Kalandraka, Oqo, Rodeira, Sotelo Blanco e Xerais, organizarán diferentes actividades baseadas en temas escollidos por elas que está previsto que cheguen a perto de 50.000 mozos co obxectivo de “formar lectores que serán futuros falantes”. […]» (A Nosa Terra)
Galiza será capital da educación ambiental lusófona
«Compostela acolle a última semana deste mes o ‘I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia’.» (Vieiros)
Galicia comeza a saír da fenda dixital con sete alunos por ordenador
Deficiente conexión a internet no ensino
«O sistema educativo galego presenta o peor índice de conexións á rede de todas as autonomías. Así, se no conxunto do Estado apenas quedan escolas e institutos sen conectar (menos do 2%) en Galiza o índice de centros sen acceso ao ciberespazo dispárase ata case o 12%.» (Vieiros)