Arquivo da categoría: Entrevistas
A tradutora americana Kathleen March espera “non ver a morte do galego”
Desde
Galicia Hoxe:
“Kathleen March, catedrática de linguas modernas da Universidade de Maine en Estados Unidos e tradutora de autores de Galicia ao inglés, confiou en non chegar a ver “a morte do galego”, unha lingua o futuro da cal dependerá da propia sociedade e do coidado do pobo para trasmitirla de xeración en xeración
Nunha entrevista concedida a Europa Press, March recordou que leva escoitando “preocupacións” sobre a desaparición do galego ou pola perda de falantes dende hai décadas e que, non obstante, aínda “segue aí”, aínda que considerou que o destino do idioma “non depende dos políticos”. “Depende de vós”, engadiu.
“A xente podería falar máis, coidar máis a calidade da lingua, iso sempre, pero aínda está aí. Máis que nada teño fe na importancia da lingua, como parte da identidade galega”, destacou, sobre a súa visión acerca da situación do idioma nos últimos anos.
March contrapuxo Galicia coa situación de Estados Unidos onde “o capitalismo está a facer estragos, en todos os sentidos”, cunha sociedade “amante das grandes empresas”, descoñecedor da historia e onde a cultura “non é cultura nin é nada”.
“Mañá poderían dicir que todos imos falar a lingua de Mickey Mouse”, ironizou, e que usou para constatar que Galicia “ten máis posibilidades de sobrevivir”.
A pesar diso, si escoita e le as críticas de “moitos amigos” sobre a situación do idioma incidindo en que “os galegos que falan galego van poder manter viva a lingua”. “Adiante co galego e a seguir tendo orgullo, non cuestionando a súa posibilidade de seguir en pe”.
A tradutora tamén incidiu en que se incrementou o volume de estudosos de literatura galega no exterior, sobre todo a partir da “aparición de Internet e medios de comunicación” electrónicos que permiten ter acceso a obras ás que antes só podían acceder mediante a compra física en Galicia.
“Hai moito que se pode facer. Somos estranxeiros, e sabemos que existe unha cultura e unha lingua e podemos axudar, a valorar, visibilizar, e a traducir. Temos unha pequena cousa coa que contribuír nese sentido”.
March acudiu a Santiago para participar no a XXVIII edición dos Cursos de Lingua e Cultura Galega para estranxeiros da RAG, na que falou sobre a súa investigación da literatura de viaxes por parte de escritoras anglosaxonas que acudían a descubrir a cultura de Galicia.
“Querían coñecer a arte, a historia, a arquitectura. Lían moito sobre a historia da Igrexa”, engadiu, aínda que tamén “tiñan outro xeito de ver as cousas” e querían “falar coa xente, observar doutro modo”.
Sobre todo, manifestou “moito interese” en comprender o xeito en que se achegaban á poboación para “coñecer as cousas da xente”, a súa vida, dado que “practicamente non sabían” galego, e que en aquel tempo España aínda “non era obxectivo de moitos viaxeiros”, polo que chegar a Galicia era “máis aínda un desafío”.
Entrevista a Oriana Méndez no Diario Cultural
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“O que precede á caída é branco, o novo libro de poemas de Oriana Méndez, publicado en Espiral Maior. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Anxo Fariña: “Para min a imaxinación é a máis sorprendente das facultades humanas”
Entrevista
de Carlos Loureiro a Anxo Fariña en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Que é primordial para ti á hora de te mergullares nestas longas historias: o didactismo, o entretemento, espertar a imaxinación… -inda que cremos que todos estes obxectivos se poidan complementar-?
– Anxo Fariña (AF): Depende os libros, por suposto. Nalgúns, o punto de partida é didáctico, mentres que noutros o máis importante é a historia, o propio pracer da lectura. O compoñente didáctico moitas veces nin sequera é premeditado. Por exemplo, como cando trato o tema da natureza. Para min o respecto ao medio ambiente é algo que vai máis aló dun mero afán didáctico e, polo tanto, sempre está presente nas miñas narracións. Aínda que se teño que escoller, escollería a imaxinación. Para min a imaxinación é a máis sorprendente das facultades humanas. É a que nos permite soñar, avanzar, descubrir… Calquera das creacións humanas é froito da imaxinación dun, ou milleiros de persoas. (…)
– NG: En dez anos máis de corenta obras publicadas… A túa imaxinación e a túa pluma non poden ter repouso… Houbo xa algún momento en que estes dous elementos creativos pasasen apuros puntuais?
– AF: Son un pouco hiperactivo.
Normalmente cando non traballo é porque estou mal fisicamente. Desde neno padezo unhas migrañas terribles e crónicas. Nalgunhas épocas, estas dores vólvense diarias, e entón, non son quen de traballar.
O ano pasado vivín unha mala época e estiven uns meses de baixa. Cando comecei a sentirme mellor, a cabeza xa me pedía comezar con outra historia, pois levaba tempo inactivo, e así o fixen. Influenciado polo meu estado físico escribín unha novela para adolescentes-adultos baseada en experiencias persoais, no que un dos temas principais é a dor. Para min, que sempre escribo ficción, foi unha experiencia terapéutica. (…)
– NG: Sempre dicimos que os fillos son todos iguais, pero tras un tempo convivindo con Antón e Pompón, con Don Quixote e Breogán, co Pelelliño, cos Megatoxos… con quen te sentiches máis a gusto?
– AF: Os “Megatoxos” déronme moitas satisfaccións, pero os “Pelelliños” son moi, moi divertidos. Aínda agora me sorprendo de que uns libros en aparencia tan simples, teñan tanto éxito entre os máis pequenos. Ben, e non só os pequenos. Cando debuxo un “Pelelliño” en directo, ás veces os sorrisos dos pais son máis amplos que os dos nenos. (…)”
Manel Cráneo: “Se non temos historias que contar, para que nos imos poñer a debuxar?”
Entrevista
de Álvaro Inglés a Manel Cráneo en La Opinión:
“Manel Cráneo (A Coruña, 1973) é un dos creadores de banda deseñada máis recoñecidos e queridos de Galicia. O debuxante está embarcado xunto con Alfredo Ferreiro na adaptación á novela gráfica de A nosa cinza de Xavier Alcalá, que publicará Galaxia en 2016. Móstrase simpático, falangueiro e explica as vantaxes e desvantaxes dun proxecto desta magnitude. Unha adaptación que lle acerca a unha das súas paixóns: a historia.
– La Opinión (LO): Como entrou neste proxecto?
– Manel Cráneo (MC): A verdade é que foi un proxecto de encargo. Foi un contacto persoal de Xavier Alcalá porque el e Alfredo Ferreiro, encargado do guión literario, coñecían o meu traballo. O primeiro paso foi que me lese a novela, teño que recoñecer que aínda que tiña máis de 100.000 exemplares vendidos nunca a lera. A partir de aí foi cando decidín meterme no proxecto. Polo xeral non acepto todos os traballos de encargo, un xa ten demasiados proxectos como para andar en proxectos alleos, ten que ser algo que me faga tilín-tilín.
– LO: Este proxecto fíxolle tilín?
– MC: Si, este proxecto ten moitos elementos que a min me interesan para facer unha historia en novela gráfica. Primeiro, está ambientado nunha época histórica, neste caso a posguerra. Segundo, está ambientada en Galicia, ademais nunha terra que coñezo moi ben como é Ferrolterra. Poder ter as localizacións a man e ter unha boa documentación gráfica é unha cousa que me resulta atractiva a nivel artístico. Desde o punto de vista literario, a historia gústame porque toca unha época de opresión.Vemos un reflexo da mocidade desa época. Pensei que isto era perfecto para crear a metáfora da época. Entón o plantexamento é un pouquiño ese, como se pode sobrevivir sendo mozo nunha ditadura.
– LO: Cales son as maiores dificultades de adaptar unha historia en texto a novela gráfica?
– MC: Dificultades son todas, creo que para min é un dos retos máis complicados que tiven en moito tempo. A obra é realista, hai que poñerlle cara a todos os personaxes e personalidade. As localizacións están inspiradas en lugares que existen na realidade. Realmente o que estás a facer é o que faría un director de cine, ten que ser crible. Ti les unha frase e estase suxerindo que ese personaxe está cabreado, tes que expresalo ben nun cómic. No guión técnico, a elección dos puntos de vista que vas utilizar en cada escena para crear dramatismo ou o uso de certos planos é moi importante Un dos grandes retos é sintetizar, saber que coller e que deixar fóra da novela e facer unha boa criba, ir directamente á esencia da historia. É imposible meter 200 páxinas nun cómic de 120. (…)”
Valentim Fagim: “O que escrevim e escrevo é para tornar evidente o que as instituições teimam em ocultar”
Entrevista
a Valentim Fagim no Portal Galego da Língua:
“No ano 2001, Valentim Fagim publicou O galego (im)possível, um livro que logo se converteu em referência para uma geração de reintegracionistas. Quinze anos depois vê a luz O galego (im)possível. Ainda mais, revisão daquele marcante trabalho. O autor explica nesta entrevista o que mudou no livro… e o que mudou na Galiza neste tempo.
– Portal Galego da Língua: Foi necessário fazer muitas correções para adequar O galego (im)possível. Ainda mais ao presente? Apesar das necessárias emendas, achas que o livro, em geral, resistiu bem a passagem do tempo?
– Valentim Fagim: Nesta edição tentei sobretudo tirar densidade a algumas partes. De facto, dois capítulos foram reescritos porque não me satisfaziam, não eram diretos. Outro dos focos foi atualizar informações que ficaram desfasadas. Quinze anos dão mais de si desde que existe a Internet.
O livro é atual porque os argumentários, quase sempre lugares comuns, descansam no possibilismo, essa doença de quem ninguém está a salvo seja no âmbito ambiental, de género, político ou qualquer outro. É aquela desculpa de «As cousas deviam ser assim, mas…». A vida social, como se sabe, está cheia de «mas» que a tornam bem mais pobre.
De resto, trabalhamos para que este livro seja desnecessário, que seja visto algum dia com olhos de antropologista e que alguém exclame «como se aborrecia o pessoal. Tantas páginas para dizer obviedades!». (…)”
Cuestionario Proust: Ramón Neto
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Ramón Neto:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A empatía.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade, condimentada cun bo sentido do humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada en particular, chega con que estean aí.
4.– A súa principal eiva?
– A dispersión e a falta de orde.
5.– A súa ocupación favorita?
– Estar con amigxs, viaxar e, entre unha cousa e outra, escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Poder compartila.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Prefiro nin sequera pensalo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Gustaríame ter feito estudos de medicina e exercer algún tipo de profesión médica.
9.– En que país desexaría vivir?
– Onde vivo.
10.– A súa cor favorita?
– O negro.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Calquera das flores ventureiras que medran nos terreos baldíos da miña cidade. E, en concreto, unha das poucas á que que lle sei o nome: a papoula.
12.– O paxaro que prefire?
– O corvo mariño.
13.– A súa devoción na prosa?
– Teño certa predilección pola prosa norteamericana: Raymond Carver, Scott Fitzgerald, Carson McCullers, Paul Auster, Faulkner, ou Hemingway, sobre todo a súa narrativa curta.
14.– E na poesía?
– Paul Celan e Lois Pereiro.
15.– Un libro?
– Anamnese, de Eli Ríos.
16.– Un heroe de ficción?
– Poñamos un de traxedia shakespeariana: o rei Lear e a reinterpretación que del fai Kurosawa no seu filme Ran.
17.– Unha heroína?
– Edna Pontellier, en The Awakening de Kate Chopin.
18.– A súa música favorita?
– Ten New Songs de Leonard Cohen.
19.– Na pintura?
– As máscaras e os esqueletos de James Ensor.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– As persoas que lle fan fronte na vida cotiá a calquera tipo de discriminación, sexa racial, de orixe ou de xénero.
21.– O seu nome favorito?
– O nome de toda persoa que me brinde a súa amizade convértese nun nome favorito.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Cos anos vou aprendendo a soportalos máis ou menos todos.
23.– O que máis odia?
– A discriminación social, de orixe, de xénero, ou de calquera outro tipo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera ditador ou gobernante absolutista, independentemente da suposta ideoloxía utilizada como pretexto.
25.– Un feito militar que admire?
– Non admiro feito militar ningún, pero si teño un interese particular polo acontecido nas trincheiras da Primeira Guerra Mundial e nos seus no man’s lands.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Ter maior habilidade con cousas de números.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Preferiría que non fose dunha enfermidade dexenerativa que me fixera perder a capacidade da memoria e da palabra.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Un optimismo de base matizado con pequenas doses variábeis de escepticismo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aqueles que teñen que ver coa dispersión e a falta de orde…
30.– Un lema na súa vida?
– Precísase ir moi lonxe para saber até onde se pode ir (Heinrich Böll).”
Entrevista sobre Un animal chamado néboa, de Ledicia Costas
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Un animal chamado néboa de Ledicia Costas. Libro de relatos con episodios da Segunda Guerra Mundial. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Belén Pichel: “A unión das compañías de teatro é histórica”
Entrevista
de Carme Vidal a Belén Pichel en Sermos Galiza:
“Escena Galega duplicou o número de compañías asociadas en só uns días. Responde, segundo a súa nova presidenta, Belén Pichel, a un tempo novo no teatro galego, por vez primeira unido para sumar forzas e defender o seu futuro. Mercé Castro, Xoque Carbajal, Tatán Cuña, Xesús Ron, Areta Bolado e Artur Trillo acompañan a Belén Pichel na nova directiva da entidade.
– Sermos Galiza (SG): Que supón ese reforzamento de Escena Galega coa “acción colectiva” de ingreso de compañías?
– Belén Pichel (BP): Pois eramos 17 compañías asociadas e pasamos a 40. Trátase dun feito histórico porque, até o momento no se conseguira que toda a profesión estivera xunta. Mesmo compañías que levaban moitos anos de traxectoria eran reticentes a se incorporar. Cos acontecementos sociais que estamos a vivir nestes últimos tempos quixemos darlle un pulo a Escena Galega e convidar ás compañías a participar, o que coincidiu co movemento por parte delas que estaban falando ao tempo de unirse. (…)
– SG: Á marxe dese incremento, a crise levou moitas compañías?
– BP: Quen aguantou estes catro anos foron heroes porque foron durísimos. Os recortes foron tremendos, non comparábeis con ningunha área. No primeiro xa nos meteron un do 30% e moitas compañías tiveron que deixar os locais e mesmo vender material que tiña, e outras, claro está, desapareceron.
– SG: Agora destacan que van optar pola organización e desbotar un discurso queixoso da situación.
– BP: É a nosa postura. Deixar ao lado esa queixa continuada para pasar a transmitir un discurso ilusionante. A nova directiva leva pouco tempo no cargo mais traballamos arreo e abrimos grupos de traballo para facer propostas concretas, para a vindeira feira, sobre o modelo de subvencións, para a proxección exterior do teatro galego…En certa medida, volvemos a como cando se iniciou o teatro profesional, cando as compañías ían coas súas furgonetas e facían de todo. Vivimos unha volta de vinte ou trinta anos. Queremos, de todas maneiras, transmitir a enerxía que temos neste momento por estar xuntos e traballar polo noso futuro, non só protestar. (…)”
Entrevista a María Reimóndez sobre A música dos seres vivos
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“María Reimóndez publica A música dos seres vivos, terceira novela do ciclo dos elementos. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
