Arquivo da categoría: Entrevistas
Cuestionario Proust: Martiño Maseda Lozano
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Martiño Maseda:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A lealdade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade (na medida en que non se convirta en algo ofensivo).
3.– Que agarda das súas amizades?
– Amizade.
4.– A súa principal eiva?
– A timidez.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir emocións.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir o presente con quen amo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Deixar de existir.
8.– Que lle gustaría ser?
– Paxaro, para fuxir de tanto ruxido e claustrofobia.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nun que crease a miña fantasía.
10.– A súa cor favorita?
– Azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A gallardía da chorima.
12.– O paxaro que prefire?
– O cuco.
13.– A súa devoción na prosa?
– Moitas. Por exemplo: Neira Vilas, García Márquez, Miguel Delibes, Manuel Rivas…
14.– E na poesía?
– Calquera poeta que sexa capaz de amosarme a beleza da realidade nun verso. Sen ir máis lonxe, convivo con alguén así.
15.– Un libro?
– Memorias dun neno labrego.
16.– Un heroe de ficción?
– Son Goku.
17.– Unha heroína?
– Scarlett O’Hara.
18.– A súa música favorita?
– Son musicalmente ecléctico.
19.– Na pintura?
– Velázquez, Goya, Antonio López, Edward Hopper…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– A muller.
21.– O seu nome favorito?
– María.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Falar mentres se mastiga a comida.
23.– O que máis odia?
– A hipocrisía, a mentira, a humillación…
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A do ditador, sexa Franco, Hitler, ou calquera outro.
25.– Un feito militar que admire?
– Son antibelicista.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O da doada improvisación.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen sufrir. Aínda que considero a morte como unha eiva inadmisible (mais que resulta inexorable e necesaria) no proceso existencial do ser humano.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Baixo os efluvios da retranca.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A indecisión, a pusilanimidade…
30.– Un lema na súa vida?
– Non vivir a vida en balde.”
María N. Soutelo: “Os obxectos non nos pertencen, nós pertencémoslles a eles, dunha forma fatal”
Entrevista de Montse Dopico a María N. Soutelo en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): “Realmente, pensa un, son todos estes obxectos/ os que me posúen e me atan. Pesan/ sobre min como pedras de decepción”. O poemario [Nestes Días] parte dunha mudanza de casa. Da consciencia da nosa relación cos obxectos. Por que?
– María N. Soutelo (MNS): Nestes Días comeza a escribirse no 2009, ó mesmo tempo que decido trasladarme de Compostela a Vigo. O trauma que supón o cambio, a dor do tránsito, a hostilidade dunha cidade nova e allea ao mapa emocional da memoria… Todo ese conxunto de situacións novas, malia que esperadas, son o xérmolo. En realidade, o importante non son os obxectos en si, senón aquilo e a aqueles e aquelas que representan e significan. Os obxectos non nos pertencen, nós pertencémoslles a eles, dunha forma fatal e tráxica, as máis das veces, atravesados por toda esa carga simbólica e emocional que lles dá forma. Que os imbúe dun poder inimaxinable sobre nós.
– MD: Mais, en realidade, o poemario fala de ausencia. Da “Dor esquecida/ de onde naces/ cando non te esperabamos?”. De que xeito?
– MNS: A ausencia pode experimentarse de moi diversas formas e por moi diversas razóns. Nestes Días fala desa ausencia que atormenta, dunha dor que non cesa, que sempre acompaña e sempre lacera. Dese calado depredador que nos asalta, as máis das veces, nos intres menos adecuados, cando non temos capacidade de defendernos.
– MD: Moi relacionado co anterior, Nestes Días enfróntase, tamén, á identidade: á busca do propio lugar, ante o espazo baleiro. En que sentido?
– MNS: Unha mudanza, o caos que xera (todo o noso pequeno Universo redúcese a unha manchea de caixas e bolsas esparexidas polos novos espazos), e as dúbidas ante o descoñecido levan, coido, necesariamente a unha reflexión sobre a propia identidade, sobre os nosos porqués e convicións. Lévannos a comezar case de cero. A reavaliar moitas das certezas que carrexamos dentro desas caixas. A necesidade de atopar un lugar de noso, de pertencer, é algo que levamos no ADN. Quen non precisa desa sensación de seguridade que unha presa de terra entre as mans nos outorga, para dar sentido ás nosas raíces? (…)”
Úrsula Heinze presenta o seu novo libro … E os domingos un croissant
Entrevistas a Ana Acuña e Diego Ameixeiras en La Región
Parlamento das Letras: Xerardo AgraFoxo
Entrevista de Armando Requeixo a Xerardo AgraFoxo no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?
– Xerardo AgraFoxo (XA): A dun escritor curioso e perseverante, que sempre se deixa engaiolar polas historias onde a personalidade dos protagonistas é tan importante como a trama argumental. (…)
– AR: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– XA: Fáltanlle moitos máis lectores e máis visibilidade nos medios. E coido que a guerra lingüística é un elemento distorsionador. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XA: Coido que estamos nunha época moi condicionada pola perda de galegofalantes e tamén pola ameaza do imperio dixital. (…)”
Agustín Fernández Paz fálanos da súa nova novela xuvenil A neve interminable
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Agustín Fernández Paz fálanos da súa nova novela xuvenil A neve interminable, publicada en Xerais. Un relato de misterio co que o autor pecha unha liña narrativa que abrira con Cartas de inverno. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Xosé Manuel Sánchez Rei: “O galego popular presenta unha hibridación alarmante”
Entrevista de Manuel Vilas a Xosé Manuel Sánchez Rei en Galicia Confidencial:
“(…) – Galicia Confidencial (GC): Que motivos os levaron a decidir publicar un libro [Modelos de lingua e compromiso] que reflexiona sobre a calidade do idioma e a súa normalización?
– Xosé Manuel Sánchez Rei (XMSR): Ben, é unha moi boa pregunta porque demanda ser respondida de varias formas. En primeiro lugar, o libro nace da necesidade de subliñar, contra o que parecen pensar algunhas persoas, que non pode haber unha normalización real da lingua partindo dun modelo hibridizado ou barbarizado a respecto do español, pois esa mestura en si propia supón unha das principais ameazas para a sobrevivencia do galego, xunto á substitución, que é a outra cara da medalla da desaparición do idioma. En segundo lugar, no marco do sempre necesario debate científico-académico, as autoras e autores desta obra propomos outra visión do que debe ser obxecto de promoción da lingua para a súa normalización, xa que non acreditamos en que facendo uso dunha variedade fortemente erosionada se contribúa nin para a recuperación externa do galego (no uso social) nin para a interna (a limpeza de elementos foráneos desnecesarios, adoito provenientes do español). E en terceiro lugar, trátase de devolver ao pobo galego, que ten e tivo o honroso mérito de conservar o idioma, a súa propia lingua destonada na medida do posíbel de hibridacións que só a danan e asentado na tradición galego-portuguesa. Obviamente, en todo este proceso, muda o grao de responsabilidades: corresponde ás persoas con proxección pública (políticos, xornalistas, autoridades académicas, profesorado, investigadores da lingua etc.) daren exemplo cunha boa praxe pública da lingua; non se pode exixir a quen que non tivo a oportunidade de estudar galego que o utilice na súa vida diaria como o debe facer unha persoa neses ámbitos públicos. (…)
– GC: Como pode influír a introducion do portugués como optativa no ensino medio na visión que os mozos teñen da lingua?
– XSMR: O pobo galego está nunhas óptimas condicións para se aproveitar da proxección internacional da súa propia lingua, chamada “portugués” fóra da Galiza; por iso, cunha boa didáctica e unha adecuada praxe do ensino da norma portuguesa, penso que a mocidade podería mellorar a súa percepción do galego se soubese a poderosa axuda que pode ser ter plena consciencia de que o galego é falado por máis de 200 millóns de persoas no mundo.
– GC: Por que consideran que a calidade do galego está vencellada coa súa popularización? Un galego máis culto e menos ‘popular’ limitaría ou axudaría a sua adopción polos máis novos?
– XSMR: As autoras e os autores do libro somos da opinión que a expansión social do galego a través da súa recuperación de usos se acha intimamente unidade a un modelo de lingua digno, xa que dificilemente se pode normalizar unha variedade fortemente influída polo español. Ao mesmo tempo, a lingua debe contar con varios rexistros para ser empregada en contextos ben diferentes e aí teñen cabida tando as variedades máis formais canto as máis populares. Mais ao falarmos de tipos de galego máis populares non estamos a nos referir a variedades coloquiais grandemente interferidas polo español, mais a rexistros populares, claro, aínda que destonados de formas tiradas do castelán. Pode haber unha lingua máis popular que a do cancioneiro anónimo tradicional? Pois ben, xa no século XIX os eruditos que se dedicaron á súa compilación, como Saco Arce ou Pérez Ballesteros, eran plenamente conscientes de que os cantos tradicionais tiñan algúns elementos bárbaros, normalmente lexicais, e ocupáronse moi ben de, nas súas posibilidades, os identificaren. (…)”
Cuestionario Proust: Xoaquín Agulla Pizcueta
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xoaquín Agulla Pizcueta:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Introvertido.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Sinceridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que saiban cultivala.
4.– A súa principal eiva?
– Non ser nada materialista, agás para a supervivencia diaria.
5.– A súa ocupación favorita?
– A bricolaxe, porque relaxa a mente.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Traballo, saúde e educación sen dogmas.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Que morran antes os que por lei de vida deben ir despois.
8.– Que lle gustaría ser?
– O que son, pero mellorado.
9.– En que país desexaría vivir?
– Un país sen poderes fácticos.
10.– A súa cor favorita?
– O azul dun día sen nubes.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A chorima.
12.– O paxaro que prefire?
– O paporrubio.
13.– A súa devoción na prosa?
– A prosa de Gabriel Miró.
14.– E na poesía?
– Toda a xeración do 27.
15.– Un libro?
– Á lus do candil.
16.– Un heroe de ficción?
– Max Estrella de Valle Inclán.
17.– Unha heroína?
– Juana Capdevielle, muller do gobernador d’A Coruña, destacada intelectual feminista que estaba embarazada no momento da súa execución polos franquistas, católicos e apostólicos.
18.– A súa música favorita?
– A clásica (Chopin, Vivaldi…).
19.– Na pintura?
-Impresionismo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– A muller no mundo subdesenvolto.
21.– O seu nome favorito?
– Non teño.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A preguiza.
23.– O que máis odia?
– Os mercados financeiros.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Os ditadores pasados, presentes e futuros.
25.– Un feito militar que admire?
– Numancia.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Lonxevidade.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De vello, nunha noite de acougo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Felicidade contida.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aqueles que non afectan ao benestar de terceiros.
30.– Un lema na súa vida?
– A liberdade dun remata onde comeza a do outro.”