Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Conversamos coa escritora Ledicia Costas sobre o éxito entre o público infantil do premiado Escarlatina, a cociñeira defunta. A entrevista pódese escoitar aquí.”
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Conversamos coa escritora Ledicia Costas sobre o éxito entre o público infantil do premiado Escarlatina, a cociñeira defunta. A entrevista pódese escoitar aquí.”
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“O investigador Xosé Ramón Pena analiza o Rexurdimento no segundo volume da Historia da Literatura Galega: Historia da Literatura Galega II. De 1853 a 1916. O Rexurdimento, publicado por Xerais. A entrevista pódese escoitar aquí.”
Entrevista
a Francisco X. Fernández Naval en Vivir na Coruña:
“(…) – Vivir na Coruña (VNC): O 26 de agosto cumpríronse cen anos do seu nacemento e a editorial Linteo volve editar este libro baixo o título, O soño galego de Julio Cortázar, no que fas novas achegas. Que atoparemos nesta edición?.
– Francisco X. Fernández Naval (FXFN): Está todo o anterior, corrixindo algún erro que había nalgunha data, pero o resto estaba ben. O que sucede é que entre os anos 2006, logo de saír aquel primeiro libro, e o 2007, prodúcense grandes novidades: chega o legado a Galicia e con el veñen as imaxes das viaxes. Aparece esa fermosa carta que Julio escribe a Eduardo Jonquiéres, pintor amigo del e tamén de Seoane e de Díaz Pardo, na que relata a viaxe a Galicia de 1956, as impresións que lle causou a paisaxe e fala de Compostela, do Miño, da xente de Galicia con sensibilidade e emoción. Pero hai máis, Neira Vilas, cando le aquela primeira edición, agasállame coa súa memoria de Cortázar e Aurora en Bos Aires, e Cortázar en Cuba, despois. Tamén se publica a correspondencia de Seoane, con cartas para min descoñecidas nas que fala del cos amigos comúns.
Este novo libro ofrece, ademais, a entrevista completa que Ramón Chao lle fai na emisión en español de Radio Francia Internacional, moi fermosa. Tamén Ramón Chao, cando leu o primeiro libro, publicou un artigo no que afondaba na súa relación con el, e tamén iso se recolle agora.
Engado agora, e isto é novidade, unha terceira parte titulada Presenzas, nas que analizo a presenza de Cortázar na cultura galega contemporánea, e falo de presenza e non de influenza, xa que presenza hai no cine, no teatro, na universidade, na música, no movemento asociativo, na plástica, e claro, na literatura tamén. Creo que esas cen páxinas demostran a vixencia de Cortázar, sobre todo entre a xente nova, xa que non me resulta estraño que lle guste aos autores da miña xeración, pero aí están Dores Tembrás, Olalla Cociña ou Berta Dávila como representantes da xente máis nova. O libro inclúe textos inéditos de Antonio García Teijeiro, Anxos Sumai, Eva Veiga, Miguel Mato Fondo, Camilo Franco e Olalla Cociña, que xa tiñan escritos e nos que dialogan con Cortázar. (…)
– VNC: Que momento da vida do escritor arxentino foi no que tivo unha relación máis intensa con Galicia?
– FXFN: Seguramente entre os anos 1944 e 1950, antes de marchar a París. Con Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado e Luís Seoane, mantén unha relación intensa de amizade e colaboración literaria. Neses anos, ademais, aparece Aurora Bernárdez na súa vida. Ela era irmá do escritor galego-arxentino, Paco Luis Bernárdez, que deixou obra escrita en galego. El e Aurora eran fillos de galegos da emigración. Penso que Aurora, que pasou parte da infancia na parroquia de Lago, no concello ourensán de Maside, é quen o trae a Galicia. En Bos Aires din que Cortázar chega a Galicia por amor, que é un xeito ben fermoso de chegar. (…)”
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Emma Pedreira:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A constancia (algúns chamaranno cabezonería).
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A humildade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que perduren no tempo e na distancia.
4.– A súa principal eiva?
– Agardar demasiado de todo e de todos, a esixencia até comigo mesma.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escoitar todo o que me arrodea.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Que os meus seres queridos estean ben é a maior das tranquilidades, e a tranquilidade é a felicidade para min.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A soidade non desexada.
8.– Que lle gustaría ser?
– Nómade e escritora de viaxes.
9.– En que país desexaría vivir?
– Son de frío, de chuvia e grises, así que calquera altitude norte chámame desde a súa paisaxe, a súa cultura e o seu carácter. Irlanda e o Reino Unido, sobre todo, teñen especial magnetismo sobre min.
10.– A súa cor favorita?
– Violeta.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A caléndula.
12.– O paxaro que prefire?
– A pega.
13.– A súa devoción na prosa?
– Cunqueiro, Joyce e Faulkner.
14.– E na poesía?
– Gamoneda.
15.– Un libro?
– Dous: Ulises de Joyce e Antoloxía de Spoon River de Edgar Lee Masters.
16.– Un heroe de ficción?
– Hamlet, Tristram Shandy e Fanto Fantini.
17.– Unha heroína?
– Frida Kahlo, aínda non sendo un personaxe de ficción, o seu carácter e a súa vida teñen pasado a fronteira do real.
18.– A súa música favorita?
– Toda a que me provoque unha sensación de benestar segundo o momento. Dende a clásica até o folk, pasando polo indie e o brit pop dos 80 e 90. O que non son nada é de ritmos comerciais nin de letras pegañentas e baleiras.
19.– Na pintura?
– Durero.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Son máis de mitos que de heroes xa que as heroicidades actuais teñen moito de argucia narrativa, de propaganda. De elixir, quédome cos heroes anónimos, aqueles que coidaron do benestar de algo ou de alguén loitando contra as forzas en contra e fixeron algo bo, sen tirarlle proveito.
21.– O seu nome favorito?
– Os das miñas fillas, Sara e Leila.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A imposición de criterios, consellos e opinións, sobre todo se se fai desde a soberbia.
23.– O que máis odia?
– Calquera tipo de violencia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Un cento delas, abrángueas todas o termo “ditador”.
25.– Un feito militar que admire?
– Non admiro nada que teña que ver co militar, agás os poemas de Wilfred Owen e Siegfried Sassoon.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O atrevemento, a iniciativa.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De maneira rápida (e manchando pouco).
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Sempre alerta para captalo todo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que veñen de serie coa ignorancia.
30.– Un lema na súa vida?
– Veña, non é para tanto, xa pasará.”
Entrevista
a Yolanda Castaño en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Rexeitamos plenamente falarmos de literatura con voz de muller por cuestións obvias, pero sen embargo temos que recoñecer o forte pulo que mulleres poetas aportaron á nosa poética contemporánea, ou non? Canto lles debemos a voces como Luz Pozo, María Xosé Queizán, Helena Villar Janeiro, Xohana Torres…?
– Yolanda Castaño (YC): Efectivamente non se pode falar dunha poesía cun membrete que a cualifique absurda e uniformemente como “poesía de muller” (tan ridícula como unha suposta “poesía de home”), pero si podemos falar das diversas poéticas de mulleres, obras literarias abordadas por autoras, en moitísimos casos –ademais- cunha patente marca de xénero. Aí hai calidade, diversidade, diría que ambición literaria, incansable procura, e mesmo capacidade de risco. Abofé que as achegas son incalculables e tanto lles debemos. Moitas abriron os camiños para nós e trazaron modelos novos, logo de que o fixera a gran Rosalía. Propuxeron sendas distintas e amplas, auténticas e comprometidas coa palabra. Dado que o discurso literario estivera durante séculos en mans masculinas, por forza a incorporación da muller a ese discurso vai traer un aire fresco que xa non terá volta atrás.
Con todo, debemos ser coidadosos, atender a cada achega en particular e non entusiasmarnos autocompracentemente co mero feito da autoría feminina ou co fenómeno que en si mesmo significou. (…)
– NG: Antes falamos da interacción. Interactuaches a túa lírica coa música, coa imaxe, co audiovisual… Mais, como xustificar a interacción entre poesía e gastronomía (Cociñando ao pé da letra)?
– YC: Nese libro tratamos de descubrir canto se parecen entre si todos os procesos creativos, e a cociña tamén o é. Escollín a 22 dos mellores escritores/as galegos/as de todos os xéneros literarios e pedinlles dúas cousas: que reescribisen unha receita coa que tivesen algún vínculo emocional –e a abordasen dende un alento literario, non técnico ou teórico- e que logo a cociñasen para nós. Ingredientes, doses, condimentos… Comprobamos canto se parece o modus operandi dun creador/ou creadora xa sexa enriba da páxina en branco ou sobre o mesado da cociña.
– NG: E conectando co anterior, non podemos deixar pasar sen que nos fales de Tender a man.. Como xurdiu esta iniciativa de mestura de poesía, danza, imaxes, performance…?
– YC: Xurdiu ao tratar de crear un diálogo da poesía con outras linguaxes creativas como as que mencionas, un diálogo que pode resultar moi rico e estimulante, capaz de ofrecer ao lector/a máis asideiros, máis pistas. Este tipo de proxectos colectivos, nos que distintas disciplinas artísticas serven a un mesmo contido, teñen tamén a virtude de facernos transcender a soidade da escrita, aprendendo a achegarnos ao outro, ao código dos outros, enriquecéndonos con esa ollada dende fóra capaz de darnos respostas, ou quizais de propoñernos novas cuestións.
– NG: Desde logo que na túa poética acharemos todo tipo de temáticas, pero por que a maior parte da crítica salienta o tema erótico da túa poesía? Non será que aínda perviven certos tabús na literatura?
– YC: Non creo que a crítica documentada saliente tanto esa temática, dado que non a volvín tratar dende o ano 1998… Creo que o que ocorre é que os comezos de calquera escritor ou escritora –máxime se son, se cadra, tan profusos e ‘movidos’ coma o foron os meus- tenden a eclipsar a evolución que veña despois. Niso, os medios de comunicación tamén fan moito: teñen présa por encadrar e simplificar en tres trazos. É certo que o noso pensamento é limitado e tendemos a caracterizar simplistamente para poder manexar mellor as ideas. Os lectores/as pouco atentos poden correr o risco de descansarse nese encadramento doado, acomodaticio e limitante, en lugar de esculcar de máis preto todo o que veu despois dos anos 1995-98. Á vez, pode que a algún tipo de persoas lles chame tanto a atención o tratamento do corpo ou da sexualidade que xurda unha vez máis ese efecto ‘eclipsador’ do resto de contidos. (…)”
Entrevista
a Ledicia Costas en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Manuel Bragado falou de ti como “integrante da xeración da esperanza da nosa literatura”. Que lle ocorre á nosa literatura para que o Director dunha editorial como Xerais fale desa “esperanza”?
– Ledicia Costas (LC): Eu pertenzo a unha xeración na que as persoas que a integramos fomos escolarizadas en galego. Unha xeración que tiña profesorado que impartía materias como historia, química ou matemáticas en lingua galega. O sistema educativo deunos os medios e as claves para convivir co galego de xeito cómodo e natural. E xa ven, non temos ningún tipo de carencia nin de tara. Todo o contrario. Agora é outra historia. É coma se dúas e dúas non fosen catro en todas as linguas do mundo. Puxéronselle barreiras ao galego, e o peor é que a meirande parte desas barreiras foron construídas pola Administración Pública. Dáselles cancha nos medios de comunicación a asociacións que son terroristas da cultura e do idioma de noso. Todo isto paréceme un absurdo. Négome a ser testemuña da destrución do que nos pertence por dereito, como nación, e non denuncialo publicamente. Non sei se somos merecedores do termo “Xeración da Esperanza”. O que si sei é que a esperanza é imprescindible para sobrevivir a este momento onde a lingua galega sofre un retroceso histórico. Necesitamos a esperanza, sen dúbida.
– NG: Rexeitamos falar de xeracións… algo que por outra banda hai críticos moi aventurados en crear e crear “xeracións literarias”. Que lle debe a nosa literatura do século XXI á do século anterior? Que lle debe a túa obra?
– LC: Lecturas. Podería nomear autoras e autores do século XX con obras que considero fundamentais, pero iso déixollo ás filólogas e filólogos, que saben bastante máis ca min. Eu débolle lecturas, centos delas, que me acompañaron desde que teño memoria. As da miña xeración somos dalgún xeito fillas da Xeración Lamote. Medramos coa compaña das súas novelas.
– NG: Que adaptación ten que ter unha pluma coma a túa para pasar de escribir historias para os máis novos a se meter no verso?
– LC: Non creo que sexa unha cuestión de adaptación, senón de versatilidade. Síntome cómoda en distintos rexistros: relato, novela, poesía. Son como distintas caras dun mesmo poliedro.
– NG: En todas as literaturas existen autorías “a catro mans”. Como se compaxinaron as túas mans coas de Pere Tobaruela para escribir obras conxuntas? Que foi o máis complicado de concordar, a forma ou o contido das obras?
– LC: Debo dicir que esa experiencia foi fantástica. E eu aventuraríame a dicir que se acabou convertendo nunha obra a seis mans, sumando tamén as do ilustrador Andrés Meixide. Traballamos os tres en equipo, sobre todo a nivel de deseño da historia. Aprendemos a complementarnos uns aos outros. Eramos seis ollos sobre unha mesma historia. Moito agarimo lle teño ás aventuras da Inspectora Nola. (…)”
Entrevista
de Noelia Gómez a Gonzalo Hermo en Praza:
“(…) – Praza (P): Que é para ti Celebración?
– Gonzalo Hermo (GH): Desde que comecei a escribir o libro, tiven a sensación de que ía ser unha despedida nun sentido profundo. Non sabería dicir moito máis ca iso, que se trata dunha sorte de despedida, e coido que o proceso de escrita non me axudou a revelar moito máis. Ben pensado, tampouco hai nada do que estrañarse. A poesía é sempre un tatexar, un dicir sabéndose estraño. (…)
– P: Que é para ti a poesía?
– GH: A poesía é un resorte capaz de agromar do lugar onde aínda non é posible un nome. Con e contra Adorno, podería afirmarse que, despois de Auschwitz, só é posible escribir poesía. No inmediato presente, cando aínda non podemos artellar unha narrativa que explique a totalidade dos feitos, a poesía xorde como unha posibilidade da lingua que revela o noso estar aquí, abertos ao mundo.
– P: Lembras o teu primeiro contacto coa poesía?
– GH: Lémbrome de ler a Rosalía sendo moi novo e quedar tremendamente impactado. Debeu ser polos doce ou trece anos, nun momento en que Follas novas conectaba moi ben con aquela angustia adolescente. Eu non paraba de pensar: “oxalá puidese algún día chegar a escribir algo así…” (…)
– P: En canto á túa formación poética, que autores dirías que che influenciaron?
– GH: Estou moi inscrito na literatura galega desde novo. Os meus referentes máis inmediatos son galegos, de Manuel Antonio a Ferrín. O Cunqueiro de Herba aquí ou acolá. A poesía dos anos 90. Tamén houbo autores europeos que me marcaron dun xeito especial: Marguerite Duras, Paul Celan, Elfriede Jelinek. Pode ser curioso, pero o certo é que conecto moito coa escrita das mulleres. (…)”
Artigo
de Carme Vidal en Sermos Galiza:
“Como escritoras que son, Dores Tembrás e Antía Otero botaron man da metáfora á hora de definir o seu novo proxecto. Trátase de Apiario, unha iniciativa na que as abellas-promotoras constrúen a súa factoría, desta volta, arredor da palabra. (…)
“As nosas traxectorias converxen e hai un entendemento e sensibilidade compartidas. Decidimos por iso unir forzas e levar adiante un proxecto conxunto, temos ganas de construír nun tempo tan ermo”, adianta Antía Otero en palabras ás que asente Dores Tembrás a seguir. “Coincidimos na xeración, na sensibilidade e na maneira de traballar, na case obsesión por controlar o acabado. Procuramos o mesmo”, engade.
Con este punto de partida, Apiario busca a esencia da palabra, a creatividade da arte e a autenticidade do artesanal. O perfil do seu novo selo está definido pola súa propia condición de artistas-activistas. Será autoxestionada, traballarán sen distribuidora, repartindo en man os exemplares e dando pulo á tenda online e reivindicando ao tempo o papel, artesanal, con formatos distintos segundo a natureza do libro. “Queremos recuperar o libro-obxecto no que en cada novo título se escolle o papel, a tipografía, o deseño ou o cosido… co concepto da confección, cun traballo artesanal”, explica Antía Otero. Desta maneira, as distintas coleccións renóvanse en cada un dos títulos. (…)
Prefiren non se asustar ao comprobar o cincento estado do mundo cultural e o desgaste que están a producir os recortes e a crise económica. Botar a andar o proxecto supuxo xa un “baño de realidade” do que, malia os números, saíron coa mesma ilusión. “Somos conscientes do momento no que nace Apiario mais cremos moito no proxecto e na súa viabilidade. Queremos traballar no que nos gusta e confiamos na existencia dun público ao que nos dirixir, sabemos que está aí. Non é maioritario mais nós tamén traballamos doutra maneira, a nosa marca ten que ser outra”, apunta Dores Tembrás mentres confía, con Antía Otero, en que, unha rede comunitaria se teza arredor de Apiario.”
Entrevista
de Montse Dopico a Eduard Velasco en Magazine Cultural Galego:
“Di Eduard Velasco que, para el, a escrita é como unha festa, unha celebración. E iso nótase no poemario co que vén de gañar o Premio de Poesía Pérez Parallé, Ruído de trens. Versos -testemuño do lugar. Das sensacións. Dos encontros. Dos afectos. Procurando, sempre, o ritmo. E a palabra xusta. Falamos con el deste libro e do seu traballo como divulgador da cultura catalá en Galiza e da cultura galega en Cataluña.
– Montse Dopico: Por que lle chamaches ao libro Ruído de trens?
– Eduard Velasco: Vén dos versos que cerran un dos primeiros poemas: “o ruído dos trens / co que me tapo / son faros cruzándonos os corpos / pola estrada da noite”. Nos últimos dous anos traballei con moita intensidade nun proxecto fotográfico que rematou nunha exposición titulada ‘A casa de Cereixa’. Un vello compañeiro, o Xoel, volveu habitar a casa dos seus avós, a Casa do Izquierdo, que é unha vivenda tradicional da parroquia de Cereixa, na Pobra do Brollón. A casa levaba máis dunha década parada sen xente e el reabriuna. No proceso de devolverlle a vida colaboramos ou participamos amigos e amigas. Nesa casa fomos felices e creamos un espazo para a conversa, para a lectura, para a creación, para a fuxida… Nas fotografías quixen reflectir ou gardar a memoria desas experiencias.
Unha das imaxes tituleina “O camión do leite”; nela, vese unha fiestra coa primeira luz do amencer que ten as cortinas iluminadas coa luz dos faros dun camión. A casa está situada a rentes da estrada e cando pasan os camións, ou os coches, treme toda. Ese cuarto sempre o tiveron reservado para min, e na cama onde morreu o bisavó do Xoel pasei moitas noites, algunhas de insomnio e medo e outras de amor e de palabras, sempre co ruído dos camións estremecendo a fiestra ao pasaren veloces por esa recta longuísima. Despois estiven un tempo vivindo nun edificio, en Portugal, que estaba entre o mar e as vías do tren. Cada vez que pasaba un tren e sentía o ruído desde a cama parecíame que seguía no cuarto de Cereixa. Eses trens pasando convertéronse no símbolo das mensaxes, ou das viaxes de ida e volta, que cruzaba cunha persoa que comecei a coñecer na cama dese cuarto. (…)”
Entrevista
de Montse Dopico a Eva Veiga en Praza:
“(…) – Praza (P): A frecha azul do teixo estaba marcado pola ausencia. A distancia do tambor tamén, pero doutra maneira. Cal é a relación entre os dous libros?
– Eva Veiga (EV): Sempre hai continuidade entre os libros porque veñen da túa biografía, da túa reflexión sobre a vida. Neste caso si hai unha continuidade en canto á ausencia, pero nun sentido diferente. No libro anterior a ausencia é a dor e a linguaxe como ámbito seu: a linguaxe como capacidade para traer a presenza. En A distancia do tambor xa non é a ausencia da nai: aínda que, claro, algo tan radical como a perda da nai vai estar sempre. Pero aquí é máis ben a infancia como lugar “inocente”, no sentido de estar a descubrir o mundo. É o que sempre andamos a buscar, porque é inexplicable, porque toca a cerna da vida.
As experiencias radicais achégannos a ese núcleo adoito inaccesible da vida, ao máis dentro do corpo… A poesía permítenos a distancia para contemplar os feitos, pero o que pretende é volver ao ritmo, -que trae a emoción-, a ese lugar, a esa experiencia. Neste libro son fundamentais as mulleres. As nais, as avoas,…, as mulleres que nos aleitaron, que nos transmitiron, -sobre todo elas-, a tradición, o canto. E o canto é o primeiro. As mulleres son, ademais, as grandes vítimas da historia. E o que eu quero é a loita por deixar de selo, a asunción desa responsabilidade. (…)
– P: “A nunca segura posibilidade de saír con vida/ do túnel das palabras”, di outro poema. En A distancia do tambor tamén está a palabra como conflito.
– EV: Porque a palabra axuda a ver, revela, pero tamén oculta. A linguaxe está contaminada, trae moito lixo que hai que limpar. Hai palabras que foron cargadas con significados espurios. As grandes palabras de sempre están a ser utilizadas para dicir o contrario do que significan. Ademais, hai prostituidores da palabra profesionais. Por iso a palabra ten que ser limpada, posta ao servizo de si mesma, do significado que lle corresponde. Se as palabras están contaminadas, tamén o está o pensamento. Un exemplo é o machismo: é incríbel que a xente nova siga a ser machista. En relación con iso, hai que limpar a palabra amor. Se non entendes o que é o amor, estás perdido porque vas confundirte na vida. Ao meu modo de ver, o estado da palabra, e en especial o da palabra poética, ten que ser crítico e asemade de emerxencia. (…)
– P: Salientabas antes a importancia da poesía como xeito de expresar a emoción. A túa poética alicérzase niso: a emoción, as sensacións… E eu, en definitiva.
– EV: Non coñezo outra forma de ser veraz que contar algo a través de min, o cal non significa que non escoite aos outros. As sensacións, as emocións, son testemuño de ti mesmo, aínda que a través delas buscas expresar algo máis universal. De todas maneiras, a min o que máis me interesa é a creación de imaxes. A imaxe é como o contacto das almas felices de falaren, como dixo alguén.
– P: É verdade iso de que decidiches ser poeta tras escoitar un poema recitado na escola?
– EV: Totalmente. Tiña catro anos e a mestra leu un poema na escola. Foi unha experiencia tan radical, -se cadra a máis radical da miña vida-, que quedei totalmente abraiada. Era unha metáfora da transformación, dun verme de seda. Quedei absolutamente noqueada. A mestra explicoume o que era a poesía. E eu cheguei á casa e díxenlle a miña nai que quería ser poeta. Ela riu e dixo que os poetas morrían pobres. Pero a min non me importaba… Desde entón teño esa necesidade de escribir. Se cadra tamén por iso recito co grupo Ouriol…”