Elena Gallego: “O labor que fai Marta Vilas na miña novela achégase bastante á realidade que se vive na redacción dalgúns medios galegos”

Entrevista de Raquel Feijoo a Elena Gallego en Tempo de Lecer Ourense, desde Xerais:
“(…) – Tempo de Lecer (TdL): “O primeiro cadáver apareceu aboiando nas augas calmas da ría…” Con este comezo, que podemos esperar de Sete Caveiras?
– Elena Gallego (EG): Unha novela trepidante, chea de acción. Esa primeira frase é unha declaración de intencións. Con Sete Caveiras eu quería “apostar forte” dende a primeira liña de texto. (…)
– TdL: Hai algo de Elena Gallego en Marta Vilas, ou ó revés?
– EG: É moi difícil escribir unha novela sen aportarlle algo da túa personalidade e vivencias, pero Elena Gallego e Marta Vilas son dúas mulleres xornalistas moi diferentes. Eu nunca traballei na sección de sucesos, coma ela, e non quero nin imaxinarme no seu lugar. Pero apetecíame escribir unha novela negra e darlle protagonismo a unha muller, e aínda por riba xornalista. Abofé que xa ían sendo horas. (…)
– TdL: É vostede unha escritora coñecida e recoñecida pola saga fantástica Dragal, coa que conseguiu o cariño e a complicidade do público xuvenil -e tamén do que xa non o é tanto-. Por que decidiu dar o salto á novela negra? Foi un paso difícil? En que tivo que cambiar a súa rutina de traballo para lle dar forma a esta novela?
– EG: Despois de varios anos convivindo cos personaxes de Dragal, necesitaba facer unha paréntese no meu universo literario e crear algo diferente. Sempre me gustaron as novelas de misterio, así que me propuxen o reto de emular un dos grandes clásicos de Agatha Cristie. Foi un gran reto, ademais cun importante traballo de documentación, mais coido que o resultado ben paga a pena. (…)”

Grial, 50 anos abrindo camiños

Entrevista de Marcos Pérez Pena a Henrique Monteagudo en Praza:
“(…) – Praza (P): Podemos dicir que Grial soubo adaptarse en cada momento aos tempos, transformándose en función do que o país demandaba?
– Henrique Monteagudo (HM): A revista empezou como unha operación de resistencia. Cando se crea Galaxia, un dos seus principais obxectivos era facer unha revista que servise de canle de expresión e difusión da cultura galega, nun momento no que non había ningunha. Tentouse a través dos Cadernos Grial, que eran libros, pero cunha edición periódica, e cumprían esa función. Pero ao terceiro número o réxime xa se decatou e botou abaixo o intento. Despois chega Grial, primeiro moi vinculada a aspectos filolóxicos, á lingua e á literatura. Cando pasan os tempos da resistencia e Grial ten que reinventarse, comeza a ser unha revista menos filolóxica e ábrese a outros campos, cun perfil máis interdisciplinar. E xa na última fase, que abrimos hai dez anos, tentamos incorporar as novas tecnoloxías e a ciencia, digamos que, ao igual que se fixo antes, poñéndonos á altura dos desafíos. (…)
– P: Que retos ten Grial por diante?
– HM: Un reto inmediato é o mundo dixital e o acceso a través da rede aos contidos da revista. Neste momento pódense baixar en pdf algúns artigos, pero temos que ir cara a fórmulas máis visibles. E hai tamén un reto de renovación xeracional. Temos moitos colaboradores novos nos artigos e nas traducións, pero hai que involucrar máis xente nova no traballo de redacción da revista.
– P: Todo, ademais, nun contexto moi negativo para a edición en galego, como amosan os recentes datos do INE… Como se reverte esta situación?
– HM: A edición en galego ten dous desafíos, que son por un lado o desafío -común a todas as empresas- da crise económica, e polo outro o desafío -común tamén aos xornais- da reconversión do modelo de negocio pola entrada no mundo dixital. Para afrontar esta transformación temos a pexa da crise económica e tamén o feito de que é necesario o apoio dos poderes públicos para levar a cabo esta reconversión tecnolóxica e o cambio de modelo de negocio. E estamos vendo un compromiso cada vez máis reducido por parte da administración, nun contexto como o galego, no que hai unha perda de falantes e unha caída demográfica. Debemos explicarlle á sociedade en que consisten estes desafíos, e debemos esixir este apoio público, pero non debemos limitarnos á queixa, debemos tomar a iniciativa, aproveitar as oportunidades e facer as cousas ben feitas. A caída da edición en galego é unha moi mala noticia, pero todos sabemos que en galego se editaban algunhas cousas que sobraban, falando por exemplo de parte da edición institucional. Como facemos unha edición competitiva? Pois facendo bos libros e gañando lectores. (…)”

Cuestionario Proust: María Solar

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a María Solar:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A ilusión polos proxectos, os traballos, as persoas. Son positiva e intento non deixarme arrastrar polo “lado escuro” do mundo. Gusto da luz.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade. Aprecio que me digan a verdade aínda que doa, é a única maneira de avanzar.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que estean sempre aí e que mo fagan saber.
4.– A súa principal eiva?
– Son moi esixente comigo e cos demais.
5.– A súa ocupación favorita?
– Teño a sorte de ter un traballo que se sabes aproveitar ocasiona moitos momentos fermosos, de aprendizaxe, de coñecer xente, e vivir situacións privilexiadas. Cando é así é unha ocupación marabillosa, como escribir. E xunto a iso encántame ocuparme simplemente de gozar da vida.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir intensamente, non deixar pasar as horas sen máis. Son moi consciente de que o tempo que temos é limitado así que tento gozar das cousas desde xogar cos fillos, ata conversar con quen ten algo que contar e por suposto, e moi especialmente, do amor. Son unha buscadora nata de momentos felices compartidos.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A dor dos que amo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Son feliz co que son e con quen son.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste.
10.– A súa cor favorita?
– O negro que absorbe as lonxitudes de onda de todas as cores. Ou sexa que dalgunha maneira as ten todas.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As que atopas camiñando e están aí como un agasallo.
12.– O paxaro que prefire?
– Gústanme as curuxas, sempre as tiven por listas. E son femininas ata os machos. Non hai “curuxos”.
13.– A súa devoción na prosa?
– Non teño mitos, nin son devota de ninguén, creo que cada libro ten o seu momento na vida e incluso unha lectura diferente. Borges vale case sempre.
14.– E na poesía?
– Na poesía pásame exactamente o mesmo, incluso máis, gústame moito a poesía dalgunhas mulleres como Berta Dávila ou Olga Novo, pero podo quedar días refuxiada nun poema dun clásico.
15.– Un libro?
– O dicionario da Real Academia Galega, imprescindible.
16.– Un heroe de ficción?
– “Mazinger Z”: teño unha fixación con el porque de pequena cando xogabamos nunca podía ser Mazinger, sempre tiña que ser “Afrodita A” porque era unha nena.
17.– Unha heroína?
– “Tormenta”, unha mutante poderosa e intelixente dos X-men. “Afrodita A” está moi limitada nas armas só ten o “pechos fuera”. Pero insisto en que sempre elixiría un superheroe, en xeral vailles mellor.
18.– A súa música favorita?
– Non me chegaba o día para apuntala. A música é imprescindible para min. Encántame descubrir cousas novas. E nos que están sempre pode ir dos Holywater, ou Narf por aquí aos Red Hot Chili Peppers por alá.
19.– Na pintura?
– Calquera que non me sexa indiferente. Non teño pintores favoritos, teño obras favoritas.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Miña nai, que viviu nunha época na que se lle negaron moitas cousas e foron auténticos heroes diarios.
21.– O seu nome favorito?
– Aldara, o da miña filla.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Non soporto a quen non fai o seu traballo.
23.– O que máis odia?
– A inxustiza, a calquera escala. Que fagan mal a alguén.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Todas as que teñen as mans manchadas de sangue.
25.– Un feito militar que admire?
– A toma e posterior liberación de Perejil. Estás de coña, non, Ramón?
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A ubicuidade, facilitaria moito ser muller.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Nos brazos do meu amor e sabendo que marcho. Aí acubillada como se fora durmir.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Un estado de ánimo animoso. Son alegre por natureza e por autoconvencemento de que é a mellor maneira de vivir a vida.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que se derivan da ignorancia non buscada.
30.– Un lema na súa vida?
– Todo é posible… por intentalo non vai quedar.”

Inma López Silva: “A maternidade é, como a literatura, un proceso creativo”

Entrevista de Carme Vidal a Inma López Silva en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): O seu [Maternosofía] é un dos poucos libros que abordan o tempo de embarazo, por que cre que se escribe tan pouco dunha experiencia tan intensa?
– Inma López Silva (ILS): A raíz de tela vivido tamén o pensei. O motivo que a min me levou a escribir podería ser moito máis estendido. Escribimos sobre as nosas emocións e parece razoábel que cando che sucede algo importante apareza na literatura. Hai varios motivos que se me ocorren para que isto non aconteza nesta ocasión. Un deles é a tardía incorporación das mulleres, ou a tardía visibilización, á literatura que inflúe en que non se recolla unha experiencia que é máis feminina. Curiosamente, temos máis exemplos de homes que escribiron sobre a paternidade. Logo está tamén a idea de privacidade ou intimidade. Moitas escritoras buscan preservar o nivel das emocións ao ámbito privado e esta razón, máis de carácter persoal, pode ser unha das causas. Existen casos na literatura para nenos e nenas que explican a chegada ao mundo mais desde o punto de vista máis reflexivo ou ensaístico como podería ser unha novela sobre a maternidade non existe. (…)
– SG: A súa tese é que amar non é incompatíbel con ser independente entón? Conseguiu manter o seu “cuarto propio”?
– ILS: Desde o punto de vista intelectual creo que o estou conseguindo mais hai motivos que van máis alá de min mesma e que hai que ter en conta. Teño a sorte de que o meu entorno comprende unha situación que socialmente aínda non se asume. Se tes a sorte de estar rodeada de quen entende que unha muller non ten que ser máis nai que un home pai facilítache moito manter esa independencia. Temos que loitar contra a nosa propia educación, contra o machismo estrutural no que vivimos. Existe unha forte presión social para que ti, como muller, fagas concesións na túa vida a causa da maternidade e eu creo que hai que loitar contra iso. (…)”

Cuestionario Proust: Xosé Monteagudo

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xosé Monteagudo:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A constancia.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O sentido do humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Lealdade.
4.– A súa principal eiva?
– A preguiza nos asuntos cotiáns.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir en familia, ocupado unicamente en ler e escribir sen ningunha preocupación económica.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A falta de saúde, propia ou dos que me rodean.
8.– Que lle gustaría ser?
– Un escritor recoñecido.
9.– En que país desexaría vivir?
– Francia, talvez.
10.– A súa cor favorita?
– Roxa.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A buganvílea.
12.– O paxaro que prefire?
– O loro.
13.– A súa devoción na prosa?
– Faulkner.
14.– E na poesía?
– Neruda.
15.– Un libro?
Os Buddenbrook.
16.– Un heroe de ficción?
– Julien Sorel.
17.– Unha heroína?
– Jane Eyre.
18.– A súa música favorita?
– O pop.
19.– Na pintura?
– Os impresionistas.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Nelson Mandela.
21.– O seu nome favorito?
– Antía.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A arrogancia en todas as súas formas.
23.– O que máis odia?
– O fanatismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco, Stalin, Hitler (e outros por igual).
25.– Un feito militar que admire?
– A derrota da Alemaña nazi.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Unha oratoria brillante.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmindo, sen decatarme e a unha idade moi avanzada.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Serenamente optimista.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A pusilanimidade, se non procura a comenencia persoal.
30.– Un lema na súa vida?
– Fronte aos atrancos e adversidades, manter sempre a ilusión nos propios proxectos.”

Berta Dávila: “Escribir descóbrenos que cousas son realmente importantes para nós”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Berta Dávila en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): O derradeiro libro de Emma Olsen e Raíz de fenda comparten esa visión das feridas interiores. Como imos pasando o tempo lambendo cicatrices. Pensa que é falso o tópico ese de que esquecemos mellor as desgrazas que nos pasan?
– Berta Dávila (BD): O tema da ferida forma parte dos dous libros de maneira diferente. No caso de Raíz da fenda hai unha procura de afondar na fisura que abre en nós a experiencia da perda. A intención é trasladar ao poema esa experiencia da ferida que nos cambia, coa perspectiva de quen foi atravesado por ela e agora é quen de observala desde a distancia. No caso d’O derradeiro libro de Emma Olsen a ferida é o motor dunha engrenaxe de culpas e remorsos que a protagonista da novela, unha escritora chamada Emma, arrastra durante anos. Esta obra é a confrontación da protagonista con esa ferida. (…)
– B: A súa é unha traxectoria curta, loxicamente para unha autora de 27 anos, pero chea de premios. É esta a vía case única para novos creadores, cada vez máis pola diminución de obras publicadas en galego?
– BD: Os premios literarios son unha opción, pero non a única opción. Hai proxectos ben interesantes que nacen doutras fórmulas de edición. Eu tiven sorte con algúns premios que me permitiron achar de xeito anónimo e pouco comprometido un fogar editorial para un proxecto. Tamén tiven a confianza dun editor como punto de partida para varios dos meus libros. Considérome afortunada en ambas opcións.
– B: Que frase se acomoda máis ao seu xeito de enfocar a literatura tendo en conta o ben que se manexa nos xéneros: prosa poética ou poesía narrativa?
– BD: Son procesos diferentes a poesía e a narrativa. Supoñen loitas distintas e tamén formas de satisfacción distintas. É normal para min simultanear a poesía, que implica sempre un tempo máis dilatado no meu caso, cos proxectos de narrativa. As dúas cousas fanme moi feliz e non adoito prescindir do que me fai feliz. (…)”

Cuestionario Proust: Estíbaliz Espinosa

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Estíbaliz Espinosa:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Curiosidade. Obsesivocompulsiva
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O seu sentido do asombro e o do humor. Que, penso, van trenzados.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada. A boa hora serían amizades, se non!
Das amizades por interese agardo moitas cousas: cartos, sexo e coñecemento, principalmente.
Das primeiras teño apenas.
4.– A súa principal eiva?
– A introversión nun sistema social armado para extrovertidos.
5.– A súa ocupación favorita?
– Mirar estrelas.
Mirar animais. Xente incluída
Trituralos a todos e escribilos.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Un convento de monxas con telescopios. E con Y.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Fáltanme valor e verba para escribir iso.
8.– Que lle gustaría ser?
– Cosmonauta contista; e rusa ademais.
9.– En que país desexaría vivir?
– En órbita.
Coido que xa vivimos un pouco en órbita.
Non me vai moito o de pensar o mundo en países, pese a que si creo na intervención política decisiva a outros niveis.
10.– A súa cor favorita?
– Amarela. Dentro dun ollo humano, mellor.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Uz. Dá un mel de primeira.
12.– O paxaro que prefire?
– Baina honela, ez zen gehiago txoria izango.
Eta nik txoria nuen maite.
13.– A súa devoción na prosa?
– A poesía disfrazada de prosa de Clarice Lispector.
14.– E na poesía?
– Centos de versos de autorxs distintxs que forman unha monstra peluda, moi radioactiva.
15.– Un libro?
Ese que, cando o moves do seu andel, abre o pasadizo secreto na parede
[Nos meus andeis ese cometido é sempre dalgún libro de El Gaviero ou dunha revista mutante Salamandria].
16.– Un heroe de ficción?
– Nemo.
17.– Unha heroína?
– Orlando.
18.– A súa música favorita?
– O silencio previo a que soe unha desas músicas favoritas. O falar íntimo dunha voz que me guste.
19.– Na pintura?
– Pegadas da man en negativo hai 35.000 anos, nas covas.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Os que, malia o intento de suicidio, o lorazepam, o cancro ou a pobreza, tiraron para adiante. Os que protestan de xeito contundente. Os que desafían e mutan ideas. Os que non se colgan medallas por facelo.
21.– O seu nome favorito?
– Pandora.
Marusía.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A suspicacia ante quen obra fóra dos marcos do “esperable”.
23.– O que máis odia?
– Aferrarse a certezas sen evidencias. Pedantería. Clasismo. Poder mesquiño, envexoso. Vitimismo deshonesto. A tortura.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– O meteorito que disque causou a gran extinción do Pérmico. Heille pintar un bigotiño nun libro de historia.
25.– Un feito militar que admire?
– Esa estratexia dalgunhas células primixenias de sitiar o ADN cunha membrana nuclear. Tan pequenas e xa tan perversas!
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Falar lobo. Falar fotón. Falar enerxía escura.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
Afogada na auga. Ou nun incendio. As típicas.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Melancorretranqueiro.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os da xente apaixonadamente torpe e asocial.
30.– Un lema na súa vida?
– Non teño lemas, que eu lembre. De cando en vez doume un Eureka! seguido dunha torta, non vaia ser.”

Arsenio Iglesias Pazos: “Non son un intelectual. Só podo falar da maneira na que a realidade se me presenta”

Entrevista de Montse Dopico a Arsenio Iglesias Pazos en Magazine Cultural Galego:
“Arsenio Iglesias Pazos gañou o Premio de Poesía Avelina Valladares no ano 2006 con ático. Mais as cousas fóronse torcendo e o libro parecía condenado a non ser publicado. Ata que chegou Paco Macías. Unha vez máis. Para facer o que outros non puideran ou non quixeran. ático é un poemario de pequenas historias. De encontros e desencontros. De despedidas. De mudanzas. De pingas da vida cotiá. Próximas e reais. Falamos por teléfono co seu autor, que vive desde hai uns anos en Euskadi. (…)
– Montse Dopico (MD): Hai unha historia, no poemario, dun novo inquilino que chega ao piso de Andrea…
– Arsenio Iglesias Pazos (AIP): Non sei se se percibe moi ben, mais hai dúas liñas diferentes. Unha é a da historia de Andrea. E outra, que non ten que ver con esta, é a da despedida, a consciencia de ter que marchar…
– MD: Escribiches os poemas nun obradoiro literario con Eduardo Estévez.
– AIP: Si, e se non me chego a apuntar a aquel obradoiro en Fene, nunca chegaría a escribir un libro de poesía. De feito, antes de ir a ese obradoiro nunca lera un libro enteiro de poesía. Eu fora coa idea de escribir prosa. Pero Eduardo é poeta e foi meténdonos o gusto pola poesía. Foi el tamén quen me insistiu para enviar o libro a editoriais. Se non fose por el, non se tería publicado. (…)”

Cuestionario Proust: Alfredo Ferreiro

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Alfredo Ferreiro:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Atopar as virtudes dunha decisión e tamén as da súa contraria. Un defecto á hora de ser pragmático e unha virtude que evita caer no simplismo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A boa intención, desde logo.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Sinceridade nas opinións e paciencia para tolerar os meus erros.
4.– A súa principal eiva?
– A constancia no traballo é o meu reto principal. Mais cando o solucione sen dúbida hei percibir outras.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir e pensar en novos proxectos.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A plenitude que se sente durante a escritura dun texto cando se atopa unha imaxe poética satisfactoria.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Que me vise impedido para soñar, tanto de noite como de día.
8.– Que lle gustaría ser?
– Unha persoa que foi capaz de cumprir o seu destino.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste mesmo en que vivo, mais nun ambiente de democracia non simulada.
10.– A súa cor favorita?
– Sempre foi o vermello, se cadra porque o sangue semella o máis auténtico que hai.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Non hai unha. O que me gusta delas é inmensa variedade da súa beleza.
12.– O paxaro que prefire?
– Calquera que me permita aproximarme del. Cando isto acontece gusto de pensar que non foxen porque o meu corazón está libre de sombras.
13.– A súa devoción na prosa?
– Estilisticamente, os narradores que son mesurados na frase e inspirados na imaxe. Un caso patente foi a descuberta nos últimos anos da francesa Catherine François, unha autora nada divulgada. Hai traballos de Manuel Rivas que tamén chegan lonxe nesta dirección.
14.– E na poesía?
– En galego, Manuel Antonio e Eusebio Lorenzo Baleirón; en portugués, Herberto Helder e Natália Correia; en castelán, Octavio Paz e Antonio Gamoneda; en francés, René Char e André Breton.
15.– Un libro?
Antecedentes criminais, unha antoloxía persoal do poeta portugués Amadeu Baptista.
16.– Un heroe de ficción?
– O pequeno dos irmáns dos contos infantís ou a criada dos contos orientais que salva os señores dun engano, é dicir, aqueles máis humildes e con menos recursos que non teñen o corazón abafado pola vaidade e son capaces de percibir mais nitidamente a verdade.
17.– Unha heroína?
– Calquera persoa que logra vencer o medo e se enfronta ao seu própio dragón.
18.– A súa música favorita?
– O jazz e o blues, se é cantado en galego coa calidade de Sés, mellor; tamén hai música folque e clásica que merecen doses periódicas. A criatividade e a aproximación lusófona de Narf tamén me resultan imprescindíbeis.
19.– Na pintura?
– Aínda que os surrealistas sempre foron os meus preferidos, agora estou aberto moito máis á arte abstracta en xeral. Entre a xente próxima desfruto moito con Carlos Botana e con Roge Fernández, entre moitas outras obras.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– As persoas que arriscan a súa vida salvando outras a nado no mar. Non concibo maior medo que o que me producen os abismos mariños (>3 m.).
21.– O seu nome favorito?
– O nome completo do meu defunto padriño: Manuel Salgueiro Castro. Pura música popular.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Creo que o descontrol etílico. O tabaco cada vez menos, desde que logrei desvincularme del, aínda que procuro non virar demasiado maniático.
23.– O que máis odia?
– A mentira. Non hai egoísmo nin desprezo maior que ocultar o coñecemento da verdade a xente que o precisa.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Os conquistadores, da nacionalidade que foren, tomando as terras en nome do rei a sangue e lume. Tamén as forzas represoras do franquismo, armadas ou con sotana.
25.– Un feito militar que admire?
– A troca dun fusil por un sacho.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O ouvido musical e o canto.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Coa sensación de que os meus se gobernan ben sen min e de que o meu país fica unha miga mellor despois do meu esforzo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Optimista mais de amplo espectro, o que me fai experimentar non poucas aventuras emotivas.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que denotan pouca intelixencia. Os peor dotados son os que precisan máis axuda.
30.– Un lema na súa vida?
– Podo citar unha revelación que me chegou unha noite en forma de verso: “A miña esencia é alén da miña pel”. Mais a sabedoría que se precisa para asumila aínda non chegou.”