Teresa González Costa: “Sempre hai alguén que precisa dunha vítima para reafirmarse no poder económico ou social”

Entrevista de Montse Dopico a Teresa González Costa en Magazine Cultural Galego:
“(…) Os santos nunca dormen é unha novela sobre a importancia da memoria para saber quen somos. Sobre o mal que poden facer “os secretos” que “espreitan nas fendas de cada individuo e aniñan nas covas do colectivo”, tal como explica a autora. Unha obra que, como as súas creacións anteriores, reivindica a sensibilidade como “algo básico” que se “está perdendo nun mundo que prescinde, cada vez máis, do físico, do orgánico”.
– Montse Dopico: Nada máis comezar, un médico preséntase como mediador entre o protagonista, Jeremías, e o lector. Por que esa figura intermedia?
– Teresa González Costa: O psiquiatra que introduce o diario persoal do protagonista é un home especial, porque lle dá importancia a aspectos que a maior parte do tempo obviamos, pensando que a realidade é unicamente o que temos diante. É un home que ve alén das aparencias e que sabe ler os símbolos. Por outra banda, é un adulto razoable e reflexivo que ten que tratar con temas difíciles e duros, aínda que estes aparezan tratados con humor, lixeireza e mesmo comicidade. A narración de Jeremías, o protagonista, precisaba de alguén así, con autoridade pero con moita sensibilidade, para que a súa historia saíse á luz. Como di o psiquiatra, Jeremías nunca publicaría o seu libro. Vaino facer el, o doutor Laconte, un home que vive entre dous mundos necesarios. Dous mundos que Jeremías, como un cronista, foi vivindo e ao mesmo tempo anotando. (…)”

Carmen Caramés: “A crise está deixando poucas vías para reflexionar sobre a violencia de xénero”

Entrevista a Carmen Caramés en Faro de Vigo (a foto é dese medio de comunicación):
“María del Carmen Caramés Gorgal é a gañadora do XVII Premio Johán Carballeira de Poesía, un recoñecemento que vén confirmar unha especial conexión entre a autora natural de Santa Comba, aínda que residente en Santiago, e a vila do Morrazo. (…)
– Faro de Vigo: O poemario co que participou títulase Dos días escuros e ao igual que os dous relatos que gañaron o premio Matilde Bares está relacionado coa violencia de xénero, unha temática na que parece especialmente sensibilizada.
– Carmen Caramés: É un pomario bastante recente e aborda a temática da violencia de xénero dende diferentes perspectivas. Dalgunha maneira apetecíame escribir sobre este tema, que está aí todos os días machacando en nós. Paréceme que desgraciadamente nunca rematarei de escribir e de reflexionar sobre este asunto. Quedan aínda moitas cousas por dicir e por contar e esta é unha maneira diferente de facelo. Gustaríame que se poda reflexionar ao redor deste tema a través da poesía. (…)”

Bautista Álvarez: “O que chamaron reforma democrática non foi máis que a continuidade do franquismo”

Entrevista de Montse Dopico a Bautista Álvarez en Magazine Cultural Galego:
“(…) Hai moito de verdade nos relatos do libro Retallos daquela infancia (Xerais) de Bautista Álvarez, malia seren ficción. Moitas lembranzas das terras da súa infancia: Las, Eiras e Loucía, no concello de San Amaro. Mais tamén moitas reflexións de alguén que sufriu a represión franquista e loitou contra ela. Desde Brais Pinto até a UPG. Desde o seu ingreso en prisión a finais dos 60 polas súas ideas “separatistas marxistizantes” até ser procesado, a finais dos 70, polo Tribunal de Orde Pública. Desde a ditadura até unha transición que pouco mudou e unha democracia que tampouco cumpriu as expectativas daquela xeración que soñara con ela. Falamos con el.
– Montse Dopico: Como se encontrou escribindo relatos de ficción en lugar de artigos de política?
– Bautista Álvarez: Pois a verdade é que, moitas veces, falar de política non ten transcendencia ningunha. A xente non fai caso, é arrastrada polo ambiente. E eu non vou estar sempre falando de política. Xa se publicaron os meus artigos escritos entre o 2004 e o 2011, sobre a crise económica, política…, a crise do nacionalismo,… a crise en todos os ámbitos. Está a piques de aparecer o segundo tomo, que son discursos meus en asembleas do BNG e congresos da UPG. E haberá un terceiro tomo, de traballos soltos. Algúns deles están escritos en español porque foron escritos para publicacións en español e eu non creo que precisen tradución por ese motivo, pero estamos vendo que facer. A cuestión é que, claro, ao deixar os cargos de responsabilidade que tiña na UPG e no BNG, quedoume máis tempo para escribir. E estes relatos fíxenos para divertirme. (…)”

Andrés Pociña: “Ler e meditar as obras dos clásicos viría moi ben neste mundo que anda a trancas”

EntrevistaAndrés Pociña a Andrés Pociña en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Son dous ámbitos moi diferenciados, o do ensaio e o da creación literaria propiamente dita, con cal se queda?
– Andrés Pociña (AP): Gústanme os dous, pero no ensaio e na investigación camiño máis seguro; na creación literaria teño máis dúbidas. Debo dicir que nesta última escribo case sempre en galego.
– NG: Cal dos seus libros o define mellor? Con cal se identifica especialmente?
– AP: De filoloxía clásica, Comedia romana, escrito a medias con Aurora López. De creación, o monólogo Medea en Camariñas, escrito en galego, pero representado sempre, moitas veces e con éxito, en castelán. Pero agora, neste momento, o libro mellor de Aurora e meu é Á procura da poesía. Vida e obra de Luz Pozo Garza, no que traballamos durante case dez anos e que sairá axiña; quedounos unha obra preciosa, case tanto como esa muller divina á que está dedicada.
– NG: Cre que deberiamos botar máis man das Humanidades na actualidade? Falta reflexión na sociedade actual?
– AP: Pois si. Ler e meditar as obras dos clásicos do espírito humano viría moi ben neste mundo que anda a trancas.
– NG: Como valora a situación da Literatura na actualidade? Cre que está a perigar a Literatura en galego ou que está máis viva ca nunca como apuntan algunhas voces?
– AP: Aquí habería que falar moito. Estase a producir moita e moi boa literatura en lingua galega, pero quen a le? Onde se atopan os libros en galego nas librarías galegas, se non é naquel recunchiño pequeno aló no fondo? Cando sae un xornal galego, por que acaba morrendo sempre? Que foi de “Galicia hoxe”? Que foi de “A nosa terra”? Quen está subscrito a “Sermos Galiza”? Quen merca un libro en galego? (…)”

Cuestionario Proust: Xosé Ramón Pena

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xosé Ramón Pena:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A lealdade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A lealdade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sexan leais a si mesmas, primeiro, e logo a min.
4.– A súa principal eiva?
– Teño unha tendencia cara á dispersión que, iso si, procuro combater con disciplina.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ademais de «comer, beber e arder», ler, escoitar boa música, ir ao cine e manter unha boa conversa cos amigos.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Unha boa sobremesa coas persoas que quero.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non me considero supersticioso, pero dáme reparo declaralo: a desaparición, ou o enfrentamento, dun/cun ser querido, especialmente dun /cun fillo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Eu mesmo, mellor persoa e mellor deportista.
9.– En que país desexaría vivir?
– Gústame este que me tocou, pero, xa postos, en Italia.
10.– A súa cor favorita?
– Os da bandeira francesa: branco, azul e vermello.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A rosa.
12.– O paxaro que prefire?
– O merlo.
13.– A súa devoción na prosa?
– García Márquez, John Le Carré, Blanco Amor.
14.– E na poesía?
– García Lorca, os trobadores galego-portugueses, Méndez Ferrín.
15.– Un libro?
– Luces de bohemia, Crónica de una muerte anunciada, A esmorga.
16.– Un heroe de ficción?
– Tintín.
17.– Unha heroína?
– Sigrid, a noiva do capitán Trueno.
18.– A súa música favorita?
– Rock e bossa nova.
19.– Na pintura?
– Manet. Monet… todos os impresionistas; Gan Goh, Paul Klee.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Garibaldi, Gramsci.
21.– O seu nome favorito?
– Miguel.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A arrogancia.
23.– O que máis odia?
– A arrogancia unida á ignorancia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Todos os ditadores: Hitler, Franco…
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún en particular: acaso as conquisas de Alexandre.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A simpatía.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Desde logo, non me gustaría morrer. Pero como iso é imposible, morrer de vello, tranquilo, lúcido e indolorosamente: vaia, case unha utopía!
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Unha mestura particular entre o estoicismo e Epicuro. Ou iso creo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A gula, a luxuria (sempre que vaia dirixida a persoas adultas e responsables de si mesmas, claro) e unha moderada tendencia á esaxeración.
30.– Un lema na súa vida?
– O vello adaxio que lle gustaba a Castelao: non lle poñades chatas á obra antes de vela acabada.”

Pere Tobaruela: “Quero que os lectores vexan que poden divertirse en galego”

Entrevista a Pere Tobaruela en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Vostede recalca que xa Fernando Pessoa adoitaba empregar heterónimos para publicar obras. ¿Como foi a experiencia de ter que adoptar o rol dunha muller para escribir [Vapor]?
– Pere Tobaruela (PT): Para min é un xogo literario, así que se con cada protagonista me meto na súa pel, coa autora chegamos a crear un mundo, de maneira que ela está casada, vive en Roma, tén gatos e tamén fans, pois Resurrección véndese ata en México, Miami ou Arxentina. Pero tamén é certo que existe un consumo feminino de literatura. No caso de Vapor, podo dicir que o seu consumo é feminino nun 97%, debido a que é un libro de emocións. Aínda que está etiquetado como literatura xuvenil, invito a toda a xente a lelo.
– FdV: ¿Chegará un momento en que a autora faga desaparecer ó autor, ou viceversa?
– PT: Non ten por qué pasar iso, o que ocorre é que hoxe hai un fetichismo tremendo polos autores, máis que polo contido dos libros. Agora estamos no momento de reinventarnos para que o público se dea conta de que os escritores somos creadores. Con este tipo de xogadas, o que pretendo é chegar ó público, captar lectores en galego e que vexan que poden divertirse lendo nesta lingua. Para iso, procuro non botar man do enxebrismo. Se para ler un libro o lector tén que botar man do diccionario, está claro que o problema é do autor.
– FdV: Vostede é catalán de nacemento, e comezou publicando neste idioma. ¿Desde cando escribe en galego?
– PT: Cheguei a Galicia en 2005 e, para afianzar a lingua, comecei a escribir contos. Ós 9 meses xa publiquei. Agora publico de forma indistinta en catalán, español ou galego, dependendo dos encargos. Iso si, non escribo nada que non estea vendido xa. É dicir, antes de escribir comprobo que a idea que teño non está xa publicada.
– FdV: Aínda que non exerce como docente, é consciente de que os gostos da infancia e da xuventude mudaron cos que tiñan os nenos de fai 20 ou 30 anos. ¿Qué contidos demandan agora?
– PT: A xente nova tén unha grande atracción polo visual e por internet, de maneira que a escrita agora debe ser máis voluptuosa, como se estivésemos vendo escenas cinematográficas. Por iso concibo os libros xuvenís cun ilustrador. Hoxe en día é un recurso pouco explotado pero que nos pode axudar a chegar ó público.”

Francisco Pillado Maior: “Marcho coa sensación de ter gozado coa miña verdadeira vocación; a de editor”

EntrevistaFrancisco Pillado Maior a Francisco Pillado en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Non hai dúbida de que o teatro é algo que vai total e absolutamente vinculado á figura de Pillado Maior. Que foi para ti o teatro? Que significou na túa vida?
– Francisco Pillado (FP): O meu pai era un gran lector. Tiña unha magnífica biblioteca e lembro que nela “descubrín” as pezas teatrais de Shakespeare, un autor do que nos falaba a miúdo Miguel González Garcés, un excelente profesor de literatura que tiven nos anos de estudante de bacharelato. Tamén na biblioteca paterna achei os libros de dous grandes dramaturgos: Valle-Inclán e Federico García Lorca. Valle segue a ser un autor que goza de plena actualidade neste singular “Ruedo Ibérico” que habitamos. De feito, ás veces, resúltame complicado interpretar a realidade que estamos a padecer sen aplicar –como diría o propio don Ramón- “a matemática perfecta do esperpento.” O encanto de Federico García Lorca –á marxe da súa evidente xenialidade- radicaba –nos anos da miña adolescencia- en que era un autor prohibido e censurado polo franquismo. De feito, os libros que gardaba o meu pai, enviábanllos algunhas persoas exiliadas na Arxentina. Outra lembranza, que evoco sempre con emoción, foi ter asistido con Manuel Lourenzo, cando aínda eramos uns rapaces, á estrea de O don Hamlet de Álvaro Cunqueiro, no teatro Colón da Coruña, no ano 1959.
Xa no tardofranquismo, o teatro era ás veces unha forma de denunciar a ditadura que estabamos a padecer, burlando a censura existente. A este respecto os exemplos serían múltiples. Recordo unha representación… Estaban unha serie de actores e actrices sentados no escenario falando de xeito distendido e, nun momento determinado, entran dous actores, vestidos co uniforme da policía e berrando: “manos arriba o disparamos al aire!” De súpeto, os que estaban sentados, axeóllanse e comezan a suplicar: “Al aire no, al aire no, por favor”. Nese momento, as persoas que estabamos entre o público comezamos a aplaudir entusiasmados! Hoxe, isto, podería ser catalogado como exemplo de “teatro do absurdo”, mais naqueles tempos era frecuente ler notas de prensa que dicían: “Manifestación de los obreros del metal en Vigo. La policía se vió obligada a disparar al aire y hubo cuatro muertos” (…)”

Cuestionario Proust: Carlos Negro

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Carlos Negro:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Ás veces, o escepticismo; outras, o entusiasmo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A intelixencia, a xenerosidade, o sentido do humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que compartan unha conversa tranquila arredor dun café.
4.– A súa principal eiva?
– A indecisión e certa tendencia a fecharme en min mesmo, sen querer saber de ninguén.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler, escribir, pasmar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Sentar nunha hamaca á sombra dun carballo e ler un conto de fantasmas.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A de calquera persoa con fill@s: perdelos, velos sufrir ou morrer.
8.– Que lle gustaría ser?
– Un bo mestre para o meu alumnado; e, se cadra, un poeta que deixe algún verso que resista o paso do tempo.
9.– En que país desexaría vivir?
– No país de Nunca Máis e non neste de Éche o que hai.
10.– A súa cor favorita?
– O negro, por estética; o lila, por principios.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Na casa, a orquídea; no monte, a das xestas.
12.– O paxaro que prefire?
– Por motivos literarios, o corvo; pero tamén a pega rabilonga e o paporrubio.
13.– A súa devoción na prosa?
– De Stephen King a Álvaro Cunqueiro hai todo un universo de posibilidades por percorrer; en xeral, toda a literatura fantástica e de terror.
14.– E na poesía?
– Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Álvaro Cunqueiro, Anne Sexton, Raymond Carver, Olga Novo… e así ata o infinito.
15.– Un libro?
– Hai tantos! Na infancia, As aventuras de Huckleberry Finn, de Mark Twain; xa de adulto, Mirall trencat (Espello roto), de Mercè Rodoreda.
16.– Un heroe de ficción?
– Conan o Cimmerio, sobre todo na etapa que o debuxaba Barry Windsor-Smith; tamén me cae simpático Spiderman.
17.– Unha heroína?
– Na infancia, Heidi; na adolescencia, Red Sonja. Agora mesmo, todas as mulleres dos poemas de Rosalía de Castro.
18.– A súa música favorita?
– Sempre fun moito de Bruce Springsteen e de Freddie Mercury; agora mesmo, por exemplo, Sés.
19.– Na pintura?
– Laxeiro, Caspar David Friedrich, Edward Hopper, Álvaro Negro…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Todas as persoas que pasan as noites nos hospitais, coidando dos seus ou dos alleos.
21.– O seu nome favorito?
– Os nomes fanos as persoas que os levan. Os favoritos son aqueles que me fan pensar en xente que me dá confianza no futuro e alegría de vivir.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O ruído a todas horas e en todas partes; a mala educación, en xeral.
23.– O que máis odia?
– O fanatismo ideolóxico e relixioso; tamén o machismo e a prepotencia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera que abuse do poder mediante a violencia, a mentira e a crueldade. Por desgraza, hai onde escoller.
25.– Un feito militar que admire?
– A deserción.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O do ritmo no baile e o do oído na música.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmido na cama, soñando cun día de verán da infancia, quizais na praia de A Lanzada.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Dubitativo, pero tamén ilusionado coas pequenas cousas de cada día.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que se derivan de procesos de aprendizaxe ou de despistes sen mala intención.
30.– Un lema na súa vida?
– Como principio universal, Liberdade, igualdade e fraternidade. A un nivel máis íntimo, vive e deixa vivir.”