Arquivo da categoría: Premios narrativa: ditames
Rui Cerqueira Coelho gaña o II Premio Literario Nortear para a mocidade escritora de Galicia e de Portugal
Desde a Xunta de Galicia:
“Nós, arquipélago, de Rui Cerqueira Coelho, é a obra gañadora do II Premio Literario Nortear para a Mocidade Escritora de Galicia e de Portugal. Entre 30 traballos de autores e de autoras con idades comprendidas entre os 16 e os 36 anos, o relato do escritor luso foi elixido por unanimidade polo xurado do certame, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola Dirección Rexional de Cultura do Norte e pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP, AECT) para incentivar a creatividade da mocidade escritora galega e portuguesa.
Presidido por Xosé María Lago García, subdirector xeral de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza da Xunta de Galicia, e integrado por Carlos Arias, en representación da Secretaría Xeral de Cultura; polo escritor galego Antón Riveiro Coello, pola escritora portuguesa Olinda Beja, polo editor portugués Carlos Lopes, director de Edita-Me; e por André Rodrigues, integrado na GNP, AECT, que actuou como secretario, o xurado valorou no relato “o estilo impecable e potente, e unha narración sólida que harmoniza emocións, vencellos familiares, percepcións sensoriais e evolución psicolóxica cunha gran profundidade”.
Tamén destacou o xurado o manexo da temporalidade, desde unha percepción interior, na que “o pasado e a prospección do futuro como baleiro e como misterio difícil de asumir se unen para definir interiormente un ser que toma consciencia da súa existencia e da súa limitación como pulso vital”.”
Os libros arden mal, de Manuel Rivas, obtén o Premio Mondoñedo10 – Narrativa
Os libros arden mal,
 de Manuel Rivas, é a obra gañadora do Premio Mondoñedo10 – Narrativa. O autor estivo presente no acto de entrega do premio, que tivo lugar o domingo 16 no Salón de Plenos da Casa do Concello de Mondoñedo.
Daniel Asorey obtén o Premio Repsol con Nordeste
Desde
 Galaxia:
“O escritor Daniel Asorey, profesor de Ensino Secundario e coautor do libro de narrativa De soños e memorias (2003), obtivo o Premio de Narrativa Breve Repsol 2016, que se deu a coñecer hoxe na Coruña, cunha obra titulada Nordeste. A historia desenvólvese en dous mundos en interconexión: o sertão brasileiro e unha ucrónica República Galega. Nel as terras da Bahía, o Rio Grande do Norte e São Paulo son colonias dunha Galicia de expansión ultramarina.
Na súa decisión, o xurado pon de relevo “o sobresaínte acabado estilístico destas páxinas, inzadas de poderosas imaxes e símbolos ben atraentes, que conseguen fascinar tanto pola evocación coma pola recreación de paisaxes e escenarios”, ademais da “intensa capacidade de fabulación, suxestiva amálgama de tempos e espazos así como unha atractiva arquitectura do relato”.
O xurado estivo formado por Marcos Calveiro, gañador da edición anterior, Euloxio Ruibal, en representación da Real Academia Galega, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, como representante da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Armando Requeixo, nomeado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, e Carlos Lema, en representación de Editorial Galaxia.
O premio está organizado pola Fundación Repsol coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A obra será publicada por Editorial Galaxia no próximo mes de novembro.”
Miguel Sande gaña o XXVIII Premio Manuel García Barros coa obra A candidata
Blanca Riestra gaña o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia
Desde
 La Voz de Galicia:
“Unha intriga ambientada nos círculos de estudantes de Santiago é a gañadora do Premio de Novela por Entregas de La Voz, que se fallou onte nunha cea literaria celebrada no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre, nas instalacións do xornal. A súa autora é a escritora Blanca Riestra, que presentou o seu orixinal baixo o título de Noire Compostela e o pseudónimo Amanda Lear.
A historia arranca cunha conversa entre un estudante, Xurxo, e Dafne, quen traballa como camareira nun dos bares da zona vella compostelá. A partir de aquí, a historia avanza nun desenvolvemento que inclúe segredos, misterios cuxa orixe se remonta a varios anos, e os enigmas que agocha a chamada Internet profunda ou deep web. Axiña aparecen outros personaxes en escena, tanto compañeiros de estudos como un inspector de policía, Touriñán, e algúns colegas de comisaría, axentes especializados en delitos cibernéticos. (…)
A autora da novela recibirá un premio de 9.000 euros e a súa obra aparecerá no xornal durante todo o mes de agosto, tanto na edición en papel como na web do diario. Cada entrega será ilustrada por Juan Carlos Abraldes. Ao recibir o galardón, Riestra explicou que para ela a súa concesión implicaba unha situación especial: primeiro, por sumarse á nómina de gañadores anteriores, e segundo, porque despois de dez novelas en castelán esta obra é a súa primeira en galego. «Era algo que quería facer dende había vinte anos e foi unha experiencia moi pracenteira», explicou. «Foi un desafío, pero levaba a lingua moi dentro e grazas a iso redescubrín tamén o pracer da escrita. Espero que aos lectores lles guste tanto como a min escribila». (…)”
Listaxe de relatos gañadores e finalistas do VI Premio de relatos de inspiración científica Inspiraciencia
O 24 de xuño tivo lugar en La Casa Encendida (Madrid), o fallo da sexta edición do VI Concurso de relatos de inspiración científica Inspiraciencia, no que colabora a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Por parte da AELG Sonia Varela Pombo, profesora da Universitat Autònoma de Barcelona, fixo parte do xurado.
En galego resultou gañador na categoría de adultos Agustín Agra Barreiro, con Déjà vu, sendo finalista O remedio de Averroes, de José Antonio Villar Piñón.
Na categoría xuvenil o primeiro premio foi para o relato A movida sen fin, da autoría de Iria Rúa Vázquez, e resultou finalista A carreira, de Anxo Iglesias Núñez.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega premia as/os gañadoras/es cunha praza no obradoiro de creación literaria da Escola de Escritores-as da AELG que escollan.
Inspiraciencia é un concurso de relatos de inspiración científica. É unha iniciativa que relaciona a ciencia e a literatura dunha forma lúdica e participativa. A ciencia e a literatura recorren á creatividade para encarar novos retos e combinadas poden xerar novas e frescas ideas en direccións imprevisibles. Inspiraciencia pretende ser un espazo aberto onde pensar e imaxinar a ciencia, desde a ficción.
Pode participar calquera persoa que presente un relato orixinal -en calquera das linguas do concurso (catalán, español, éuscaro ou galego)- que estea inspirado nunha temática científica.
Manuel Esteban, Iria Misa e David Pérez Iglesias, Premios Xerais 2016
“Na
 illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 4 de xuño, anunciouse o ditame da XXXIIIª edición do Premio Xerais de Novela, a VIIIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, todos os tres premios dotados con 10.000 euros cada un deles.
Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Auditorio da illa de San Simón. Á velada asistiron arredor de tres centas persoas, entre as que se atopaban Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Xosé Antonio Perozo, presidente de GALIX; Xosé Ballesteros Rei, presidente da Asociación Galega de Editoras; Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia; Bieito Ledo Cabido, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia; Xabier Alonso, concelleiro de Cultura, Turismo e Novas Tecnoloxías de Redondela; Xoaquín Fernández Leiceaga, candidato do PSdeG-PSOE á Xunta de Galicia, ademais de escritoras, editoras, libreiras, críticas, bibliotecarias, profesoras e outras persoas colaboradoras da editorial. O acto foi emitido en directo por Internet.
Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, abriu a velada, na que Lydia Botana se ocupou do apartado musical do serán, salientando (…) que nesta edición de 2016 participaron 89 orixinais entre as tres modalidades de novela, literatura xuvenil e literatura infantil.
A escritora Ledicia Costas, que esta semana recibiu o Premio Nacional de literatura Infantil e Xuvenil, como mantedora literaria desta velada, comezou o seu discurso, «Todas as constelacións do mundo», dedicado á Xeración Lamote por abrir o camiño da esperanza, lembrando a súa experiencia como lectora dende cativa:
«Se boto a vista atrás, cousa que fago con certa frecuencia, recoñezo o moito que lle debe a miña xeración ás xeracións anteriores. Ser escolarizada en galego foi determinante para min, unha nena educada integramente en castelán. Aquelas obras que caeron nas miñas mans a principios dos anos noventa abriron unha porta branca por onde empezaron a desfilar en ringleira os personaxes dos libros que me volveron poliédrica. E coa forza das cousas máis auténticas fun inverno, bágoa, agulla. Fun animal, océano, nordés e abismo. Fun unha criatura coas ás pintadas de estrelas e o corazón aberto en tantos anacos coma historias me cativaron. Nese incendio de palabras que se propagaba sen remedio, asoman a cabeza as coleccións Merlín, Xabarín e Fóra de Xogo de Xerais. Non era só que todos aqueles libros en galego me achegasen momentos únicos, é que me fixeron entrar no centro exacto da emoción. A emoción da lectura. Velaí a maxia. Acababa de atopar o mapa de todas as constelacións no mundo.»
Salientou, despois, sentirse orgullosa da entrega á lingua galega «que nos caracteriza a todas e todos nós, que nos fai formar parte dun proxecto común». «Recoñezo que me sinto especialmente vencellada á Xeración Lamote. Os seus textos foron determinantes para a formación daquela lectora que demandaba obras das que enchouparse ata a medula.» (…) «Agora sucede que hai unha nova xeración abríndose paso, a Xeración da Esperanza, que ten interiorizado un proxecto literario de país. Sabemos ben das renuncias que implica escribir na nosa lingua, pero cando cres en algo con tanta forza, as dificultades pasan a ser un elemento secundario.»
Tras vindicar o papel das mulleres na literatura galega, «para que a presenza actual das mulleres no sistema literario galego siga gañando forza e consistencia ano a ano», rematou Ledicia Costas expresando o seu compromiso: «Eu opto pola luz, pola lingua e pola forza dun país que me fai sentir importante». Sigue lendo 
Coñécense os gañadores do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo
Os
 premios do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía coñecéronse durante a cerimonia celebrada durante a noite do venres 13 de maio en Arteixo. Durante o acto de entrega, que foi comandado polo profesor e escritor Henrique Rabuñal, o novo coordinador do certame, Alfredo Ferreiro, presentou o volume A garza insomne, que recolle os nove relatos finalistas das anteriores tres edicións, e sobre o que valorou “a colaboración do fotógrafo Xacobe Meléndrez, cuxa garza real destaca na portada do libro; e tamén, desde logo, o traballo esmerado e rigorosamente profesional de Galaxia, editora que nos honra colocando o noso libro na súa colección literaria principal, o que asegura a súa máxima divulgación”. O escritor Xavier Alcalá falou en representación da editorial e confirmou o interese da de Galaxia en apoiar os criadores e as criadoras do país dentro e fóra do mesmo, para o que está empeñada na actualidade na súa modernización e internacionalización, especialmente nos mercados hispanófono e lusófono.
A continuación o coordinador leu a acta do xurado, composto polos escritores Teresa Moure Pereiro (escritora), Marcos Sánchez Calveiro (escritor), Antonio Piñeiro Fernández (gañador da 24ª edición) e Alfredo Ferreiro (coordinador que asistiu como secretario, con voz e sen voto), en que se revelaba que por unanimidade debían os tres premios ás seguintes obras:
– 1º Premio, con 4.000 € e a publicación da obra, para o relato “Hai patios de luces tristes”, de Diego Giráldez.
– 2º Premio, con 500 € e a publicación da obra, para o relato “O mérito da chuva”, de Carlos Quiroga.
– 3º Premio, con 300 € e a publicación da obra para o relato “A aranha de Sidney”, de José António Lozano.
O evento contou coa actuación musical do grupo 4 jazz, que interpretou temas con letra de Manuel María así como outros do canon lírico galego, portugués e brasileiro.
A velada, que tiña comezado coa plantación dunha árbore conmemorativa do 25 aniversario do Certame, luce unha placa en que pode lerse: “Con raíces na Terra / a lingua medre / e a literatura floreza”. Como fin de festa, celebrouse un ágape na sala de exposicións do Centro Cívico.
A esta edición do certame presentáronse 72 orixinais, dos que 60 foron seleccionados para a valoración do xurado por cumpriren debidamente as bases.
A foto dos autores premiados é de Nifunifa.
Coñécese a gañadora do XV Certame Literario Relato de Aventuras
O venres 13 de maio, o xurado do XV Certame Literario Relato de Aventuras, organizado polo Concello de Noia e a revista de creación literaria e cultura do IES “Virxe do Mar” de Noia, fallou o premio do Certame.
O xurado estivo composto por:
– Don José Pérez Martínez, concelleiro de cultura, en calidade de presidente.
– Dona Mercedes Queixas Zas, profesora e escritora.
– Dona Oliva Fraga Lombardía, traballadora do Concello.
– Don Baldo Fernández Ramos, profesor e escritor.
– Don Antonio Piñeiro Fernández, profesor, editor e escritor.
– Don Xavier Castro Rodríguez, profesor e co-director da revista de Creación Literaria e Cultura “Casa da Gramática” do I.E.S. “Virxe do mar” de Noia.
Dos 10 traballos presentados resultou gañador o presentado co título Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro, da autoría de Alexandra Martínez Martínez, coñecida polo nome de Alex Bayorti.
							



