“O xornalista Miguel Anxo Martínez Oubiña ven de gañar o XXXVIII Certame Nacional de Narracións Breves Modesto Rodríguez Figueiredo polo seu relato As casas baratas. Este premio está convocado pola Fundación do Padroado Pedrón de Ouro desde o ano 1975. A viguesa María Alonso Alonso logrou un accésit coa narración María a Lobiqueira e o compostelán Alberto Gómez Aneiros outro accésit con Contos dun representante artístico.
Esta edición do Modesto Rodríguez Figueiredo tivo lugar no Concello de Cerdedo e estivo precedida polo acto de colocación, por parte da Fundación Pedrón de Ouro, dunha placa conmemorativa na casa natal do investigador cerdedense Antonio Rodríguez Fraiz co gallo do centenario do seu nacemento. (…)” Desde Fervenzas Literarias.
Arquivo da categoría: Premios narrativa: ditames
Coñécense os gañadores do XIII Certame Os viadutos de Redondela
O
xurado do XIII certame literario de relatos curtos Os viadutos, formado polas escritoras Inma López Silva, Rexina Vega e Luís Manuel García Mañá, acordaron conceder o primeiro premio do Certame ao relato titulado A preocupación dos pés quentes, de Javier González Saavedra, así como outorgar un segundo premio ao relato Érase unha vez un francés, un italiano, un viaduto e a vila, de Pablo Mosquera Pereira.
Da obra gañadora o xurado salienta que o autor é unha persoa capaz de contar unha historia ampla, unha voz incómoda que afonda nas contradicións sociais para informar das circunstancias de todas as relacións humanas.
Este Certame literario está organizado pola a Concellería de Xuventude do Concello de Redondela.
Ignacio Vidal Portabales é o gañador do XXX Premio de Novela Longa Blanco Amor, con Dióxenes en Dolorida
Ignacio
Vidal Portabales é o nome do gañador do XXX Premio de Novela Longa Blanco Amor. Entre as novelas finalistas do certame, Dióxenes en Dolorida e Tara, o Xurado acordou outorgar finalmente o galardón á primeira, presentada co lema Arieira e o título de Dióxenes en Dolorida. Aberta a plica da novela premiada, o autor da obra gañadora resultou ser o veciño de Santiago de Compostela, Ignacio Vidal Portabales. Nado en 1958 en Santiago de Compostela, Ignacio Vidal Portabales é Doutor en Dereito e profesor titular de Dereito Mercantil na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.
Dióxenes en Dolorida é a súa primeira novela en lingua galega. Unha obra que salienta, segundo o Xurado, pola súa estrutura e estilo áxil e directo, polo emprego de diferentes voces narrativas e do humor como elemento condutor e pola recreación dun ambiente a medio camiño entre o real e o paródico. Tamén salienta o Xurado o esforzo de introspección que o autor realiza nas relacións de parella e a propia construción do personaxe protagonista.
Realizado o sorteo do concello organizador da vindeira edición do Premio, resultou elexido o Concello de Arteixo, sendo 1º suplente o Concello de Ferrol e 2º suplente o Concello de Oímbra. Deixamos tamén aquí dúas fotos do evento:
Juan Tallón, Premio Lueiro Rey de Novela Curta 2012
Desde
o blogue de Francisco Martínez Bouzas, Novenoites:
“O xornalista e narrador ourensán Juan Tallón (Vilardevós, 1975) obtivo o sábado 24 de novembro o Premio Lueiro Rey de Novela Curta, na súa XIX edición, que convoca e organiza o Concello do Grove coa colaboración da Editorial Sotelo Blanco de Santiago de Composta. A novela de Juan Tallón, Fin de poema, foi galardoada por unanimidade dos membros do xurado presidido por Manuel Quintáns en formado por Ánxela Gracián, Armando Requeixo, Mario Regueira e quen asina isto. (…) O xurado valorou por unanimidade o gran valor literario desta aposta narrativa que sairá á luz no vindeiro mes de xaneiro, editada por Sotelo Blanco Edicións, e que supera de xeito incuestionable o intranscendente, o sentimental, o comercial e as puras lambetadas narrativas.”
Dióxenes en Dolorida e Tara, novelas finalistas do XXX Premio de Novela Longa Blanco Amor
Na
tarde do pasado venres, 23 de novembro, reuniuse na Casa do Concello de Fene o xurado encargado de fallar a trixésima edición do Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor presidido pola Concelleira de Cultura, Rocío A. Bértoa Puente e formado por Xosé Mª Dobarro Paz (catedrático da Universidade da Coruña), Miro Villar (poeta e crítico literaio); Marga Romero (escritora e crítica literaria) e Manuel Lourenzo González (escritor e gañador da anterior edición do Blanco Amor), actuando como secretario o coordinador técnico do Premio, Daniel Romero. O Xurado salientou a participación das cincuenta e catro obras que concorreron a esta XXX edición, deixando constancia do importante incremento de participantes, o que provocou unha longa deliberación previa e que dá a medida do interese e importancia da convocatoria do Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor. Logo das oportunas deliberacións, o Xurado acordou proclamar, por maioría como finalistas desta XXX edición, as novelas presentadas cos títulos: Dióxenes en Dolorida e Tara. A entrega do Premio terá lugar o vindeiro sábado, 1 de decembro, no decurso dunha gala que se desenvolverá no local da SCRD Agarimo de Sillobre e que contará coa actuación do grupo de jazz Cool Hamster.
Alberto Ramos gaña o XIII Premio Vicente Risco de Creación Literaria con Todos os días
“O
escritor Alberto Ramos foi elixido polo xurado do XIII Premio Vicente Risco de Creación Literaria como o gañador da nova edición deste tradicional galardón que promoven o Concello de Ourense e a Fundación Vicente Risco. A obra Todos os días foi escollida entre os orixinais presentados a concurso por reflectir a novela «a crise económica e social e os seus efectos sobre a mocidade universitaria dos nosos días e en como esta falta de horizontes inflúe na autoestima das personaxes e condúceos á destrución persoal». O xurado tamén salientou da novela que na mesma «van aparecendo como elementos secundarios os ERE, o peche de medios de comunicación escritos, a rivalidade profesional, a falta de expectativas vitais e a contraposición entre a realidade laboral doutros países emerxentes economicamente e a nosa propia». O xurado do premio, que está dotado con 6.000 euros e a publicación da obra, estivo composto por Adelaida Vidal, Ánxela Gracián, Serafín Alonso e Soedade do Muíño.” Desde Sotelo Blanco Edicións.
María López Sández gaña o VI Premio de Narrativa Breve Repsol
“María López Sández
(profesora no IES Xulián Magariños de Negreira e na Facultade de Ciencias da Educación da USC) é a gañadora da sexta edición do Premio de Narrativa Breve Repsol, que se deu a coñecer onte nun acto na refinería coruñesa. A forma das nubes é a obra que resultou gañadora no que foi a edición máis participativa, xa que o xurado tivo que escoller entre 41 orixinais. Xavier Alcalá, como portavoz do xurado gabou a calidade da novela, e indicou sobre ela que: «É unha novela que gaña ritmo, forza e calidade segundo avanza a historia, é moi suxestiva e está chea de referencia ao cine e á literatura». A obra será editada por Galaxia en novembro. María López Sandez xa conta no seu currículo con outro galardón, o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio do 2007 pola obra Paisaxe e nación: a creación discursiva do territorio. (…) Ao acto tamén asistiron César Gallo Erena, vicepresidente da Fundación Repsol, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, que se referiu ao Premio de Narrativa Breve Repsol como «unha mostra de responsabilidade social co ámbito territorial no que a empresa está radicada que conta cunha importante acollida tanto por parte de escritores noveis como dos xa consolidados dentro do sistema literario galego».” Desde Galaxia.
Declarado deserto o 8.º Premio Biblos-Pazos de Galicia de novela para menores de 25 anos
“O fallo, de carácter unánime, foi dado a coñecer na cea anual celebrada na Casa Grande do Bachao na tarde-noite do venres 20 de xullo con asistencia de máis dun cento de persoas entre as que figuraban representantes de todos os sectores da cultura do país. O xurado, do que formaban parte a escritora María Xosé Queizán, que sería a titora desta edición, Iria Morgade como gañadora da anterior, e Tucho Calvo, lamentou a baixísima participación rexistrada “cando vivimos tempos en que a cultura e a imaxinación son máis necesarias que nunca” e, compartindo coa organización que “quizais non se acertou este ano na comunicación das bases á mocidade”, fixo un chamamento “á colaboración de cantas persoas poidan estar en contacto coa xuventude para acadar unha maior participación nos vindeiros anos”.
Antes de se servir a cea e da actuación do dúo formado por Dorothea Nicholas, violín da Orquestra Sinfónica de Galicia, e Fernando Gracia Gómez, profesor de frauta no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, deuse a coñecer o gañador do 4º Premio á Colaboración Necesaria coa Cultura, que organiza a asociación Pazos de Galicia. O galardón, que visualiza unha escultura do artista Luís Loureira, correspondeu a Alfonso Blanco Torrado, no que se recoñece un traballo de décadas tanto no campo social como na cultura de base, en especial en varias parroquias do concello de Guitiriz.” Desde Biblos Clube.
Santiago Lopo gaña o XXIV Premio Manuel García Barros, con Hora zulú
“Santiago
Lopo, coa novela Hora zulú, é o gañador do XXIV Premio Manuel García Barros que concede o Concello da Estrada. O xurado salientou que desde a variedade de rexistros literarios de calidade (cartas, poesía, informes,…) apreixa o leitor para contar unha historia de actualidade científica que cuestiona as fronteiras espazotemporais e reivindica valores ecoloxistas. Valorouse tamén a concepción do psiquiátrico como metáfora da sociedade actual que lle serve o autor para elaborar con destreza a biografía dun científico comprometido co seu tempo e activismo social. Como gañador do certame Manuel García Barros, a súa obra será publicada por Editorial Galaxia.” Vía Galaxia.
Fran Alonso gaña o XII Premio de Novela por Entregas de La Voz
“A
historia de dous personaxes marxinais e dunha camioneira (…) son os protagonistas da obra gañadora do Premio de Novela por Entregas de La Voz, presentada baixo o lema A punta de pistola e cuxo autor resultou ser Fran Alonso. O fallo coñeceuse onte no transcurso dunha cea literaria celebrada nas instalacións do Museo Santiago Rey Fernández-Latorre. (…)
Alonso explicou, nada máis recoller o premio, como o suceso que lle inspirou a novela demostra que «a realidade, cando quere, pode ser máis inverosímil que a ficción», e que asumira o reto de converter aquela inverosimilitude nun relato literario verosímil. No seu discurso, o galardoado tamén recordou outra fonte de inspiración tirada da realidade, a galega Celia Rivas, que en 1932 se converteu na primeira muller camioneira de España. Para o seu autor, A punta de pistola é unha road movie de «ritmo trepidante», con vocación de «enganchar» ao lector, pero que tamén quere propoñer unha reflexión sobre a «desestruturación social», entre outros temas, e saudou unha iniciativa, a do premio e a dos Relatos de Verán, que «levan a literatura galega ata milleiros de fogares». A novela publicarase no xornal e na súa edición dixital ao longo do mes de agosto, ao ritmo dun capítulo por día, nas Páxinas Literarias. O galardón, co patrocinio de Ámbito Cultural de El Corte Inglés, ten tamén unha dotación económica de 6.000 euros.” Vía La Voz de Galicia.

