Elena Veiga Rilo gaña o 6º Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos

Con Morto en fucsia, Elena Veiga Rilo (Guísamo-A Coruña, 1991), estudante de Filoloxía na Universidade de Santiago, é a gañadora do 6.º Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos que se fallou o pasado venres 23 de xullo na tradicional cea que reúne cada ano na Casa Grande do Bachao a máis dun cento de persoas relacionadas co mundo da cultura e do sector turístico galegos. O premio achégalle á gañadora unha escultura de Luís Loureira titulada A peneira dos soños, un ordenador portátil, a estancia ao longo do mes de outubro na Casa Grande do Bachao para ultimar a súa novela coa colaboración de Fina Casalderrey como titora e a edición da obra en galego e castelán antes de rematar o ano. Con Elena Veiga foi finalista Andrea Maceiras Lafuente, presente na cea e que recibiu unha placa conmemorativa ademais da recomendación do xurado de rematar o seu proxecto, no que tamén viu grandes posibilidades de rematar nunha boa novela.
O xurado, integrado por Fina Casalderrey, Pablo García Martínez (gañador da quinta edición) e Tucho Calvo, considera que, “cunha vizosa imaxinación e unha excelente agudeza no emprego da retranca, Elena Veiga ofrécenos unha historia tráxica de lectura amable, capaz de conmover nalgunha páxina ata encollerche o peito, e de arrincarche de súpeto unha gargallada en momentos de esperpento e hipérbole”, constituíndo “unha crítica mordaz e irreverente da sociedade actual que non deixa títere con cabeza: a igrexa, a pedofilia, os malos tratos, a violencia de xénero, os marxinados sociais, o mundo da moda, a hipocrisía enquistada e aceptada polos cidadáns, a droga, a transexualidade, a aparencia, o fraude, os traumas da infancia que quedan como tatuaxes na alma”. Conclúe o xurado que, “auténtica expoñente da que podería ser a nova Xeración Facebook, en Elena Veiga cómpre destacar o ben que xoga durante a construción da trama coa virtualidade e como se aproveita dela para agachar unha proposta de final que abate o lector”.
Antes da lectura da acta do xurado, os convidados puideron disfrutar dun breve concerto do Quinteto Pentalfa que lidera o gaiteiro Bieito Romero e tamén participaron na homenaxe que recibiu o libreiro Xesús Couceiro, a quen se lle fixo entrega do 2.º Premio á Colaboración Necesaria coa Cultura da asociación Pazos de Galicia que visualiza nunha escultura do artista Luís Loureira. Biblos e Pazos de Galicia quixeron salientar unha vez máis o papel fundamental e o esforzo totalmente altruísta que os titores veñen desempeñando no premio que organizan e, para deixarlles constancia do seu agradecemento, fixéronlles entrega dunha escultura creada para a ocasión por Ramón Conde e personalizada cos nomes de Xosé Luís Méndez Ferrín, Darío Xohán Cabana, Helena Villar Janeiro, Agustín Fernández Paz, Manuel Rivas e Fina Casalderrey.

Vidas cruzadas, de An Alfaya, gaña o Premio de Novela por Entregas de La Voz

Unha historia que se alimenta de varias tramas persoais, un matrimonio en crise, un accidente de tráfico que marca un punto de inflexión a varias vidas e, de fondo, un relato sobre a soidade e a incomunicación nos nosos días, un virus silencioso pero moi estendido. Son as raíces de Vidas cruzadas, escrita pola viguesa An Alfaya, quen resultou así gañadora do Premio de Novela por Entregas de La Voz. Os capítulos do relato serán reproducidos nas páxinas deste xornal todos os días do mes de agosto. O xurado estivo composto por Luís Ventoso, Xosé Carlos Caneiro, Ramón Loureiro, Luís Pousa e Ramón Nicolás. Máis información aquí.

Antón Lopo gaña o premio Manuel García Barros coa novela Obediencia

Unha Compostela independente que domina de xeito despótico o seu contorno na Galicia no século XXII. Este é o contexto no que se desenvolve Obediencia a novela coa que o escritor e xornalista Antón Lopo acaba de se facer co XXII premio Manuel García Barros de novela, que convoca o Concello da Estrada. O xurado (composto por Inmaculada Otero, Manuel Santiago Fernández, Xosé Manuel Eyré, Carlos Lema e Valentín García) destacou a capacidade do autor para transmitir “sensación de futuro”. A obra será publicada proximamente pola editorial Galaxia.
A nova foi recollida deste xeito nos medios de comunicación: (El Correo Gallego, Galicia Hoxe, A Nosa Terra, La Opinión, Vieiros, Xornal).

Blogaliza.tv transmitirá ao vivo dos Premios Xerais desde San Simón

O sábado, 12 de xuño, a partir das 19:00 horas, Blogaliza.tv transmitirá en directo a cerimonia de entrega dos Premios Xerais 2010 que dende hai seis anos se celebran na illa de San Simón. No acto, que durará arredor dunha hora, intervirá a escritora Fina Casalderrey como mantedora literaria e os «Alegres da Buraca» no apartado musical. Esta entrega coincide, ademais, coa celebración do 25 aniversario dos Premios Merlín de Literatura Infantil que serán os grandes protagonistas da velada, que será presentada por Celia Torres, directora de promoción de Xerais.

Vigo: Tucho Calvo xunta os gañadores do Premio Biblos-Pazos de Galicia

A Casa do Libro de Vigo acollerá o 10 de xuño todos os gañadores do Premio Biblos-Pazos de Galicia. No documento adxunto achegamos unha breve información sobre ese acto, que agardamos sexa do voso interese. Na imaxe que ofrecemos aparecen, de esquerda a dereita, Patricia Casas (gañadora da 3ª edición), Alberto Ramos (2ª edición), Tucho Calvo (director literario de Biblos), Iria López Teixeiro (1ª edición) e Pablo García (5ª edición). Falta na fotografía Berta Dávila, gañadora da 4ª edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia. (Biblos Clube de Lectores)