O Consello Directivo da AELG nomea Bernardino Graña Presidente de Honra da Asociación

O Consello Directivo da AELG nomea Bernardino Graña Presidente de Honra da Asociación, en recoñecemento á súa xenerosa participación activa como fundador e primeiro presidente da AELG, en 1980.

Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932) foi catedrático de lingua e literatura en secundaria, até a súa xubilación en 1991. Desde ben mozo formou parte do Consello de Redacción da revista poética Alba. Participou tamén como articulista en La Noche e no Faro de Vigo, ademais de colaborar en numerosas publicacións. En 1958 participa na creación do grupo Brais Pinto en Madrid.

O seu caudal creativo alimenta varios ríos que fornecen camiños fecundos para a nosa lingua e literatura desde hai máis de 60 anos, tal e como pode verse no seu espazo no Centro de Documentación da AELG.

Esta foi a extensa e completa entrevista sobre a súa traxectoria literaria realizada en 2009, dispoñíbel na nosa web nesta ligazón.

Compostela: “O equilibrio dos extremos”

Desde o Consello da Cultura Galega:
“O Consello da Cultura Galega presentou o pasado día 21 de marzo -Día Mundial da Poesía- un vídeo de homenaxe a Xela Arias (como figura homenaxeada do Día das Letras 2021), baseado nun fermoso diálogo literario entre novas voces poéticas e a da autora viguesa. Doce escritoras e escritores nacidos a partir da década dos oitenta imaxinaron en conversa íntima con cadanseu poema de Xela Arias, que eles e elas mesmas seleccionaron.
A poesía converteuse nun lugar de (re)encontro dende o que asomarnos, aínda que for por un intre, a ese anceiado equilibrio imposible. Esta aposta web e audiovisual deu lugar a un proxecto bibliográfico co que lembramos e reinvidicamos o labor editorial da propia Xela Arias, quen xuntou na súa figura o papel de creadora poética e editora. O exquisito traballo das editoras de Apiario deu lugar ao volume que se presenta o 29 de setembro ás 18:30 horas no Consello da Cultura Galega, nun recital en que participan algunhas das voces presentes nas súas páxinas de conversa con Xela e co futuro. Lois Alcayde Dans, Tamara Andrés, Alba Cid, Berta Dávila, Rosalía Fernández Rial, Oriana Méndez, Arancha Nogueira e Ismael Ramos porán voz aos seus versos e aos de Xela. Porque o ano 2021 continúa e Xela Arias segue a ser a protagonista das nosas letras.
A inscrición farase aquí.”

Manuel María conta xa cunha escultura en Vilalba

Desde Nós Diario:
“Un emotivo acto de homenaxe ao escritor chairego Manuel María serviu o pasado sábado en Vilalba para inaugurar de maneira oficial a escultura que sobre a súa figura realizou o canteiro José Gómez de Bernardo. A obra, doazón do Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), quedou instalada ás portas da Casa de Cultura da vila á espera de que se atenda a reivindicación de poñerlle o nome do escritor a este equipamento.
No acto participaron a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro; a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro; o secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede; o historiador Felipe Senén; o escultor, José Gómez de Bernardo; e a viúva do poeta, Saleta Goi.
Marisa Barreiro, en declaracións a Nós Diario, afirma que “a petición de poñerlle o nome de Manuel María á Casa de Cultura segue en pé, non ten nada que ver coa doazón que fixemos da escultura”.
Barreiro conta que a reivindicación de poñerlle o nome do escritor á Casa de Cultura “naceu no 2004 e malia que se tentou en varias ocasións e non foi posíbel segue a ser unha proposta que seguiremos solicitando”.
A presidenta do Iescha lembrou que “semella que causa malestar o pensamento de Manuel María en relación á súa concepción do país e da súa defensa da lingua galega”.
Para Barreiro “non hai outra explicación do que está acontecendo cando era unha persoa que durante toda a súa vida tivo amizades de todo tipo na vila e sempre estivo para colaborar en todas as actividades que se lle achegaban” ademais de “centrar toda a súa actividade aquí, mesmo cando desprazou a Real Academia Galega até Vilaba cando entrou nesa institución”.
Por todo isto, desde o Iesche entenden que “hai unha débeda de Vilaba con Manuel María e non é xusto que aquí se lle negue cando noutros lugares non tivo problemas para que se lle puxera o seu nome a rúas ou instalacións”.”

Vilalba: O IESCHA doa unha escultura en pedra de Manuel María, o 4 de setembro

O Instituto de Estudios Chairegos de Vilalba (IESCHA) doará á vila de Vilalba unha escultura en pedra do poeta Manuel María, realizada polo escultor José Gómez Bernardo.
O sábado, 4 de setembro, farase o acto conmemorativo e colocarase a escultura na praza da Casa da Cultura de Vilalba co desexo de que nun futuro a mesma leve o nome do poeta que soubo espallar, a través da súa obra poética, o nome e o sentir pola Terra Chá.

A Coruña: Día da Galiza Mártir 2021

O luns, segunda feira, 16 de agosto, ás 19:30 horas celebrarase o Día da Galiza Mártir na Coruña, acto organizado pola A. C. Alexandre Bóveda. Terá lugar diante do monumento a Bóveda na rúa que leva o seu nome (na zona de Catro Camiños).
Contarase coa presenza de Mercedes Queixas, que elaborou para o folleto dedicado a Elvira Bao, mestra represaliada e con Ana Romero que elaborou o folleto dedicado a María Barbeito, mestra e pedagoga tamén represaliada. No mesmo acto Susana Seivane ofrecerá un pequeno concerto.
Aquelas persoas que estean presentes recibirán de agasallo os dous últimos números do folleto de Mulleres de Palabra: o dedicado a Elvira Bao Maceiras e o dedicado a María Barbeito.

Homenaxe A Escritora na súa Terra a Concha Blanco: Resposta á laudatio

A resposta á laudatio de Concha Blanco pode ser descargado aquí, ou ben ser lido a continuación:

“Nun atardecer de novembro a noite caeu de súpeto envolvendo a miña casa, coándose polas pechaduras das portas e as fendas das ventás. O acivro e o pradairo quedaron atrapados por ela. Os gatos á espreita, o portal de ferro, o banco de madeira… todo, sen selección, cabía baixo o seu manto negro.
Dentro, o son dun teléfono móbil rompeu o silencio dese tempo en penumbra. Era el.

Sra. Alcaldesa, Sras Concelleiras e Concelleiros, D. Cesáreo Sánchez, Presidente da AELG, e outros directivos da Asociación. Marilar Aleixandre, membro da RAG, Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura, Mercedes Queixas e Xosé Manuel Pequeño, deputada e deputado provinciais, Pilar Sampedro, membros da Fundación Pondal, delegado de La Voz de Galicia en Carballo e outras autoridades asistentes.
As palabras coas que veño de abrir este discurso poderían ser o comezo dunha novela, dun conto ou doutra narración literaria de suspense perfectamente válida.
Neste caso non é así.
El era Cesáreo, quen me chamaba para comunicarme unha nova: que por unanimidade, este ano fora eu a elixida para ser a homenaxeada coa Letra E, de Escritora, dentro do proxecto O Escritor, A Escritora na súa Terra.
A sorpresa foi grande, agradecida e inesperada, facéndome revivir un episodio que me acontecera xusto dez anos antes, tamén en novembro, cando tres membros da Asociación “Pedras Miúdas” de Lires, chegaban á miña casa por ver se os autorizaba a presentar o meu nome ás candidaturas “Medallas Fernando Blanco”. Tres exalumnos (un deles concelleiro hoxe en día). Non puido ser acadar aquel premio en ningunha das dúas ocasións nas que fun proposta, porque outros candidatos o merecían mellor ca min, pero aquela medalla, en potencia, segue pendurada no meu corazón. Grazas.
Unha homenaxe sen agradecementos sería pobre, triste e egoísta, así que comezo xa con este apartado.
Grazas á AELG e a toda a directiva, por me elixir.
Grazas á Sra. Alcaldesa e a toda a Corporación Municipal de Cee, por aceptaren esta proposta e prestárense a buscar un espazo tan idóneo para colocar nel o meu nome e ese monólito. Sinto que haxa que trocarlle o nome de “Pulmón Verde”, pola doutra cor, e repetida. Verde… non, pero si Blanco Blanco.
Grazas á Xunta de Galicia, á Deputación da Coruña e a CEDRO. Grazas a Víctor Castiñeira, técnico de cultura, pola súa colaboración, e a José Ramón Rey, bibliotecario en Cee, quen traballou sen descanso na exposición da miña obra. E a Fernando Fraga por agasallarnos coa música.

Grazas a Pilar Sampedro, por esa laudatio tan fermosa e sentida. Notouse moito que somos amigas. Pilar, a persoa que máis sabe de libros, da LIX galega. Ela, por concurso de méritos accedeu a unha praza no CEFORE. E tamén na Asesoría de Bibliotecas Escolares, da Xunta de Galicia, o que xustifica sobradamente o que acabo de afirmar.

Vicepresidenta de Gálix e coautora comigo e con outros compañeiros de Libros de Texto e Guías Didácticas, coma xa ela dixo. Nunca esquecerei todo aquel traballo xuntas en xornadas maratonianas roubándolle tempo ao sono e á familia. Sempre a cualifiquei coma un todo terreo, traballadora, eficiente, activa, dinámica, intelixente e cunha memoria envexable. E como Pilar xa falou tanto de min, tócame agora a min falar un pouco de vós, así que continúo agradecendo:

Grazas a Manolo, compañeiro na viaxe da vida durante 46 anos (e os que quedan!) por tantos momentos diferentes, indelebles. Toda unha vida xuntos. Sempre agradecerei o teu maior acto de amor: cambiar de profesión para estares sempre ao meu carón, ao noso carón.

Grazas a María e a Ana, as nosas fillas, por seren boas persoas e dárennos tantas alegrías.
Grazas a Aniña e a Mariña por agasallárennos co título de avós, e por ese sorriso permanente que nos sacan con só miralas, sen esquecer a Alejandro e a Fernando, que entraron nas nosas vidas da man das fillas e nos achegaron ás súas familias de Ourense e de Madrid.
A meus pais, por dárenme a vida, pero a mamá, a Sra. María, por encherme de oportunidades, de formación, a conta do seu sacrificio, da súa bondade. Tamén do seu sufrimento. Para ela son todas as miñas homenaxes.

Quero lembrar a miña madriña, a segunda nai que moitas persoas temos. Hoxe cúmprense cinco anos do seu pasamento. E a Lilí, esa curmá convertida na irmá que nunca tiven, por compartirmos tantas vivencias.

Aos amigos e amigas, elixidos libremente, polas palabras de alento, polas apertas e por saberen estar ao meu carón en momentos únicos. Que bonito, que emotivo é reencontrarme coa xente á que queres e te quere. Aquí están as miñas amigas de estudos, do bacharelato en Ferrol e da carreira en Santiago, porque a nosa amizade traspasou os recintos das aulas e perdura no tempo.
E a nosa panda, tamén hoxe presente, sempre ao noso lado. E a todas as persoas que se foron cruzando no meu camiño axudando a que eu sexa así, como hoxe son.
Non sería natural esquecer a Javier. quen estaría aquí, dos primeiros, compartindo esta alegría. El está véndonos desde algures, está con nós e nós con el. Aquí mesmo, coas fillas, con Carme, con estes amigos e amigas comúns. Grazas, Javier, por tantos anos de amizade incondicional.
Tampouco quero esquecer aquelas comunidades educativas dos seis centros de ensino polos que pasei, porque de todos aprendín. Nalgún deles fixen amizades as que xa considero parte da miña familia.

Non podo, nin quero, disimular a miña felicidade por recibir esta homenaxe pública na miña vila e da miña xente, pois aínda sendo unha proposta da AELG non sería posible se a Corporación Municipal non votase a favor por unanimidade. A propia Sra. Alcaldesa e varios dos seus concelleiros e concelleiras convivimos varios cursos nas aulas, o que para min é un orgullo. Espero que gardedes un grato recordo daquel tempo. A preciosa profesión de docente non se pode cinguir aos horarios dun centro. É unha profesión vocacional, que traspasa as paredes dun colexio.
Sempre valorei que certas homenaxes para seren completas, se fagan en vida, para que non só a persoa destinataria poida gozar do momento, tamén a súa familia e todas e todos aqueles que a queren e a quen ela quere. Doutro xeito sempre amosarían momentos de tristura, pola ausencia. Hoxe, en cambio, todo é ledicia.
Ademais estes premios non só honran a quen os recibe, tamén distinguen a quen os fomenta, a quen os organiza, pola bondade, pola solidariedade que transmiten. Todos os presentes quixestes facelo real.
Vénme ao maxín, por ser este 2021 o ano de Emilia Pardo Bazán, que o día do seu pasamento, o 12 de maio de 1921, xusto fai hoxe cen anos e un mes, os homes da elite do mundo da cultura acordaron por unanimidade honrar o seu adeus acudindo ao seu enterro e promulgando a súa valía nos medios de comunicación. Aqueles homes, os mesmos que en vida lle puxeran múltiples atrancos para acceder a postos relevantes, coma o de ser membro da RAE. Xa falecida, todo eran adornos de loanza dos que ela xa non podía gozar.

Aínda que xa se dixo na laudatio, tamén eu quero deixar constancia de que, nas algo máis de medio cento de obras que levo escritas como única autora e noutras tantas como coautora, aparecen múltiples espazos da Costa da Morte nas miñas historias. Lires, Cee e contorna… repetidamente. Unhas veces co seu nome literal e outras veces con disfrace, coma o de poñer Seril (Lires, ao revés), pois si me teñen etiquetada de «localista»; e se iso é un pecado, confeso que non estou arrepentida. Coma se as accións nas novelas tivesen máis relevancia encadradas en París, Londres ou en Dubai.

No mundo literario tamén contan as editoriais, os ilustradores, os críticos, os medios de comunicación, os docentes polo seu labor de animación á lectura, as familias, a sociedade enteira… pero sobre todo, os lectores. Sen os lectores e lectoras o traballo dos escritores caería nun terreo ermo, baleiro, incapaz de dar froito. O meu agradecemento para eles. Un recordo especial para o colectivo de escritoras e escritores galegos, un bo grupo aquí presentes, por axudaren nesta tarefa de facer da nosa lingua o maior vehículo de cultura, que nesta Costa da Morte, contamos cun grupo considerable: todo un Batallón.
No ano 1981 viu a luz o meu primeiro libro, Contos para a Escola, aínda que fora escrito tres anos antes. Van máis de 40 anos desde aquela e nel xa aparece un relato co título «A feira de Cee».
A seguir naceu Cousiñas para a Escola, con outro apartado dedicado integramente a Lires. Outros dous amores da miña vida. Non podía ser doutro xeito, sobre todo cando te sentes orgulloso das túas raíces, da túa xente, da túa lingua.

A nosa lingua galega, con todas as súas singularidades, algo esencial en calquera idioma, porque as variantes dialectais non son eivas, son riqueza. As únicas linguas que non cambian son as linguas mortas e isto non nos interesa. Dicía Agustín Fernández Paz que «O galego non é unha lingua morta, é unha lingua oculta». Polo tanto, queremos, aplaudimos e esiximos unha longa vida para o noso idioma, porque non esquezamos que as linguas son as olladas máis curiosas de ver o mundo.

Tamén estou orgullosa das limitacións daquela aldea na que por primeira vez abrín os ollos á vida, axudada por D. Juan de Toba, o tan venerado doutor polo seu altruísmo e sabedoría médica. El acudiu axiña sobre o seu cabalo, porque o parto se complicaba e logo de que todo tivo un final feliz, pediulle a meus pais que me puxesen de nome Blanca. Si. Blanca, co resultado de Blanca Blanco Blanco. Non estaría mal, pero á miña nai non lle pareceu unha grande idea.

E cando falo de limitacións daquela aldea, falo de Lires, coas súas corredoiras polas que a rapazada corriamos lixándonos felices, sen auga da traída, sen vías asfaltadas, sen estrada ata a localidade… Aquelas carencias non eran atrancos para nós, eran circunstancias que nos facían diferentes, con capacidade para valorarmos as pequenas cousas que nos facían grandes como grupo, coma veciñanza. Virmos de Lires a Cee de cando en vez, no coche de San Fernando («un pouco a pé e un pouco andando») era a viaxe turística máis desexada polas nenas, polos nenos, tamén a máis demandada, agradecida e económica. Cee era a nosa ollada ao progreso, á vida diferente. Cee, unha vila? Nooon. Cee, aos nosos ollos de nenos daquela aldea illada, era unha enorme capital.
Por todas estas singularidades, non me resultou complicado adaptarme ás condicións de cada un dos meus destinos, coma no caso do primeiro deles, a Escola de Nemiña, á que en moitas ocasións, nas fins de semana me desprazaba desta localidade a Lires (separadas polo río Castro), en lancha, para así acurtar distancias. Sempre encontrabamos a alguén disposto a facer de barqueiro.
Ou cando no Ézaro, onde eu vivía na Casa da Escola, radicada na mesma praia (todo un privilexio!), unha noite de marea viva no mes de febreiro, a converteu en illa comigo dentro.
Tamén na Escola de Dumbría un temporal, un 10 de decembro, agasallounos cun tornado que arramplou co tellado e non permitiu que volveramos vivir alí e tiven que impartir clase nun local daquela maneira cedido provisionalmente.
Todas elas e moitas máis, vivencias, anécdotas acontecidas no meu percorrido vital-laboral.

Creo que son eu a primeira muller, nacida neste concello, quen desde hoxe ten no mesmo un espazo que leva o seu nome. Espero e desexo que isto sirva para visibilizar e reivindicar a necesidade de valorar e potenciar a Igualdade de Xénero. Que se vexa así unha xanela aberta a máis mulleres, as que, por distintas razóns, merezan tal honra.
Tamén aproveito este apartado para facer un chamamento aos organismos oficiais demandando atención/axuda, ao mundo da cultura en todas as súas manifestacións, sempre, pero máis agora nesta época convulsa que nos tocou vivir. Que se lles tenda unha man potenciando actuacións, edicións… A cultura son os alicerces nos que se asenta un país para poder progresar. Avancemos, pois!
Reflexionando chego á conclusión de que estas homenaxes encerran un chisco de tristeza. Por que?
Porque se soen recibir cando os anos comezan a pesar e non hai dietas milagrosas que che fagan sentir máis liviá, nin ferro da roupa que leve as engurras. Con todo, eu á idade estoulle agradecida, porque os achaques… son o prezo, o canon que pagamos por estarmos vivos.
E xa para rematar quero facelo dicindo que me poño á vosa disposición para todo aquilo no que fose posible axudar, colaborar, dentro das miñas posibilidades.
Tamén quero agasallarvos coa lectura do poema que redactei, agora xa gravado no monólito que di así:

Cando a luzada aparece
Entre O Son e A Lagarteira
Esperta a vila de Cee
baixo a ollada da Xunqueira.

Abrín os ollos en Lires
co arrecendo do mar
coas verbas da nosa lingua
elas sempre a me arrolar.

Fun tecendo a miña vida
con fíos de sal e seda
voando coma gaivota
libre, forte e leda.

Aquí a miña gratitude
por este acto de amor.
Fico tranquila e agardo
a chegada do solpor.

Grazas por e para sempre.

Concha Blanco
Auditorio da Casa da Cultura
Cee, 12 de xuño de 2021