Xosé Manuel Beiras recibirá a Homenaxe O Escritor na súa Terra-Letra E en 2025

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) ratificou a decisión de que Xosé Manuel Beiras reciba a Homenaxe O Escritor na súa Terra-Letra E en 2025, na cidade de Santiago de Compostela, destacando, dentro da súa extensa traxectoria vital, a súa faceta como ensaísta e tradutor, así como a súa xenerosa colaboración coa AELG, sendo parte do Consello Directivo da Asociación entre 1982 e 1986.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra natal ou de acollida da persoa homenaxeada ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritoras/es procurando o contacto directo coa autora e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor (unha peza escultórica), a plantación dunha árbore simbólica elixida polo propio autor e a colocación dun monólito conmemorativo.

A Ramallosa, Teo: entrega do Caxato de Avelino Pousa Antelo a Carmiña de Soutomaior, o 20 de agosto

O 20 de agosto, ás 12:00 horas, no Parque Avelino Pousa da Urbanización Os Verxeis en Oza (Concello de Teo), organizado pola Irmandade Avelino Pousa Antelo, a Irmandade Manuel María e a A. C. Xermolos, terá lugar o acto de entrega do Caxato de Avelino a Carmiña de Soutomaior. Na laudatio intervirá tamén Marica Campo. O acto estará presidido e coordenado por Alfonso Blanco Torrado, Baldomero Iglesias “Mero”, Esperanza Lema, Héitor Picallo, Martiño Picallo, Miro Casabella, Raúl Galego e Xosé Valdi (creador do Caxato). Logo do acto no Parque Avelino Pousa terá lugar un xantar de irmandade no Restaurante María Castaña da Ramallosa (é preciso avisar, antes do 16 de agosto, no teléfono 636032750).