Pemón Bouzas: “O que me traian os reis magos vai ser marabilloso”

Entrevista a Pemón Bouzas en Sermos Galiza:
“Xornalista e escritor, Pemón Bouzas vén de publicar A estrela de Oriente (Xerais), un libro en que re-visita o mito dos Reis Magos. O escritor reconstrúe a viaxe dos tres personaxes en que interpreta como un diálogo e encontro entre culturas. Lembra a maqueta dun tren eléctrico que atopou nos seus zapatos nunha mañá do 6 de xaneiro e desexa que a ilusión de momentos como ese dure toda a vida.
– Sermos Galiza: Un libro sobre os reis magos, a quen llo agasalla?
– Pemón Bouzas: Tardei máis do previsto mais, en primeiro lugar, estaba pensado para a miña filla, para cando, como di Graham Greene, atravesase ese momento na infancia en que se abre unha porta cara ao futuro. A idea era que seguise mantendo a ilusión dos Reis Magos. Escribino nun momento en que, en certa maneira, tamén eu precisaba recuperar esa ilusión. ter cativada na casa volve facer da noite do 5 de xaneiro unha noite máxica, como di a tópica frase.. Ás veces penso que escribín o libro para os país. É como se unha tarde puxeses na tele unha película para todos os públicos.A alegría que dan os Reis Magos pódese compartir, claro que si! (…)”.

Freixanes chama a sacar a lingua galega “do gueto do ensino” e apartala “do espectáculo da loita política”

Desde Galicia Hoxe:
“O director da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes, pediu este mércores apartar a lingua galega da batalla política e sacala do “gueto do ensino”. “Se o mundo do comercio, do ocio, da publicidade ou os medios de comunicación están noutro rexistro, estanse a equivocar”, apostilou. Ante o conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez, Freixanes celebrou o impulso de O libro dos Reis Magos e declarouse “impresionado” polos textos das autoras que participan nesta iniciativa. A liña sequido, Freixanes fixo un chamamento á Xunta e ao conselleiro para “sacar a lingua galega do gueto do ensino” e do ámbito institucional do Parlamento, ao tempo que pediu que se lle aparte do “espectáculo” político. “A lingua non pode estar sometida ao espectáculo permanente, nin aos prexuízos de dous ou tres señores”, advertiu. Por último, fíxose eco da súa propia carta aos Reis Magos pedindo “apartar o espectáculo da loita política” e “ser capaces de poñer a todos de acordo en canto a lingua galega”. “Menos espectáculo no Parlamento e máis traballo nos despachos”, demandou.”

Ribeira: presentación de A verdadeira historia da mosca da tele, de María Solar

O mércores 26 de decembro, ás 20:00 horas, no Ateneo Valle-Inclán de Ribeira, preséntase A verdadeira historia da mosca da tele, de María Solar, publicado en Galaxia. No acto, xunto á autora, participan Francisco Castro, Quico Cadaval e Tonhito de Poi.

Gondomar: O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro, en Espazo Lectura

“O sábado 22 de decembro, ás 12:00 horas, a Biblioteca de Gondomar acolle a derradeira sesión do ano 2012 do club de lectura compartida Lendo Contigo, que celebra ademais o seu quinto aniversario. Moitos dos nenos e nenas que ao longo destes cinco anos participaron nesta actividade, son agora membros do recentemente inaugurado Comando Le. Por iso, para celebrar cinco anos lendo xuntos e atravesando etapas lectoras, o sábado terá lugar unha sesión conxunta do Lendo Contigo e mais do Comando Le que xirará arredor da lectura do libro O neno can (Galaxia, 2012) de Fina Casalderrey e Francisco Castro. Os autores acompañarannos na sesión, pero esta non será a única sorpresa da mañá…” Desde Espazo Lectura.

Unha cadea pola cultura galega. Comparte o Aturuxo* do Dragón

Evento creado en facebook por Elena Gallego:
“Obxectivo: Axudemos como galegos para que se manteña aberto un espazo de difusión da nosa literatura, música e artesanía na capital española, Aturuxo Tenda Galega.
Convidados: Todos os galegos do mundo, de nacemento, adopción ou corazón que aposten pola nosa cultura e nestas datas se deixen caer por Madrid.
E que podo facer eu? Se vives ou tes amigos que residen en Madrid, presume de galego nestas festas. Non é preciso que merques nada. Só por pasarte fisicamente pola tenda (Vallermoso 104 Madrid, m
etro Canal ou Islas Filipinas) recibirás un boleto para participar no sorteo que se celebrará na Festa- Presentación da triloxía Dragal (ed. Xerais) en Madrid o sábado 9 de marzo de 2013.
Que gañamos todos? A crise non se pode seguir levándose por diante a nosa cultura. Se segues a cadea do Aturuxo estás colaborando para que se manteña aberto un espazo galego en Madrid.”

A Coruña: presentación de Paxaro de mar e vento, de Tucho Calvo

O martes 18 de decembro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Pública Miguel González Garcés (Rúa González Garcés) da Coruña, terá lugar a presentación do libro de Tucho Calvo e Xosé Cobas Paxaro de mar e vento, publicado por Biblos Clube. Logo da presentación, inaugurarase a exposición dos orixinais realizados por Xosé Cobas para ilustralo. O acto contará coa presenza e intervención de autor e ilustrador, xunto a Laura Garcés. A exposición permanecerá aberta ata o 26 de xaneiro de 2013 no horario de apertura ao público: de luns a venres, de 8:30 a 20:30 h. e sábados de 10:00 a 14:00 h.

Gondomar: Contos en Cueiros, con Arrolos de salitre, en Espazo Lectura

O venres 14 de decembro, ás 18:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, terá lugar unha nova sesión de Contos en Cueiros, actividade de animación á lectura para bebés organizada por Espazo Lectura. Trátase dun concerto de Xabier Díaz e Guillerme Fernández que interpretarán pezas do seu disco Arrolos de Salitre: unha compilación de once cantigas de berce tradicionais e novas composicións creadas para meniños e meniñas, do que van interpretar unha escolma de temas ao son da guitarra e do acordeón. As sesións de bebés Contos en Cueiros están pensadas para achegar aos cativos e cativas dende os primeiros meses de vida á lectura a través de recursos da tradición oral, como arrolos ou cantigas, xogos e contos destinados especificamente a estas primeiras idades.