Arquivo da categoría: Institucións
Visita institucional do presidente da AELG ao Deputado do BNG no Congreso dos Deputados
O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, foi recibido polo Deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, nunha visita institucional onde lle foron trasladadas as necesidades das escritoras e escritores galegas/os naqueles temas en que ten responsabilidade o Estado, de cara á resolución de problemas tan importantes como:
– A compatibilidade entre as pensións de xubilación e a actividade de creación artística, xa que o Real Decreto 302/2019, de 26 de abril, non dá unha solución a diversos colectivos que quedaron fóra do seu amparo:
– Por expresa imposición legal, quedan excluídas, segundo establece o propio RD, as persoas beneficiarias dunha pensión contributiva de xubilación da Seguridade Social que realicen calquera outro traballo por conta allea ou propia que dea lugar á súa inclusión en calquera réxime da Seguridade Social.
– As persoas incluídas no Réxime de Clases Pasivas do Estado (profesorado e escritoras/es que exerceron as súas profesións no funcionariado).
– As perceptoras de pensións de Seguridade Social non contributivas.
– Persoas xubiladas que creen, pero que non cedan os dereitos a unha terceira persoa.
– Titulares dunha pensión por incapacidade absoluta permanente.
– A necesidade de facer real un dos obxectivos e funcións do Instituto Cervantes, o de organizar cursos xerais e especiais nas linguas cooficiais, alén da castelá, así como ampliar obxectivos e funcións limitados até agora unicamente ao castelán: apoiar o labor de estudo internacional da cultura galega; participar en programas de difusión da nosa lingua e literatura; realizar actividades de difusión da cultura galega en colaboración con outros organismos internacionais; incorporar a obra das/os escritoras/es en lingua galega á rede de bibliotecas do Estado español no mundo, de tal xeito que a realidade plurilingüe se visibilice con maior claridade. Así mesmo, trasladóuselle a necesidade de que o Instituto Cervantes singularice a importancia de Galiza como parte da Lusofonía e interlocutora privilexiada coa mesma, lembrando que existen oito sedes do Instituto no Brasil e unha en Lisboa.
– A implementación real da posibilidade de que calquera persoa poida estudar a lingua galega nas Escolas Oficiais de Idiomas de todo o Estado.
Como antecedente, lembramos a Proposición non de Lei medidas para que o Ministerio de Cultura asumise a multiculturalidade e plurilingüismo existente no Estado no sector da literatura, aprobada no Congreso dos Deputados en xuño de 2010, a instancia do entón Deputado Francisco Xesús Jorquera Caselas (BNG), e que instaba ao Goberno do Estado a:
1.- Asumir que a multiculturalidade e o multilingüísmo existe no Estado español, dando un trato equitativo ás distintas literaturas existentes no Estado, frente á tendencia a considerar só a literatura en castelán.
2.- Reequilibrar a actuación ministerial nesta materia, en particular no relativo a:
– Presenza en xurados, premios, recoñecementos, actos emblemáticos, convocatorias, feiras e outras presenzas e eventos internacionais.
– Presenza en padroados de organismos e institucións dependentes do Ministerio de Cultura.
– Recoñecemento como interlocutores e apoio económico ás asociacións profesionais de escritoras/es en lingua galega, vasca e catalá.
– Apoio económico ás actividades das asociacións profesionais de escritoras/es en lingua galega, vasca e catalá.
Agradecemos a receptividade ás nosas propostas e a intención de darlles cumprida solución a través da acción parlamentaria no Congreso, demandando do Goberno do Estado a súa pronta resolución.
Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2019
Desde Fervenzas Literarias:
“Tras case un mes de votacións, o 15 de xaneiro pechou o prazo para votar na enquisa anual para escoller Os mellores libros do ano.
Como cada ano, queremos darvos as grazas a todas e a todos os lectores que cos vosos votos axudades, dende hai xa trece anos, a facer posible esta proposta. Moitas grazas!
E agora so resultados… Moitos parabéns aos libros premiados! Velaquí están os mellores libros do 2019!
– Mellor libro de narrativa para Carrusel, de Berta Dávila.
– Mellor libro de poesía para Feliz Idade, de Olga Novo.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Vigo, puro milagre, de Manuel Bragado.
– Mellor libro de teatro para Na miña alma ouvea un lobo, de Xavier Lama.
– Mellor álbum de banda deseñada para O bichero IX, de Luís Davila.
– Mellor libro traducido para público adulto para Os homes explícanme cousas, de Rebecca Solnit, traducido por María Fe González Fernández.
– Mellor libro de literatura xuvenil para Os corpos invisibles, de Emma Pedreira.
– Mellor libro de literatura infantil para Xelís, o guieiro das botellas de mar, de Rosa Aneiros.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para Astérix: A filla de Vercinxetórix, de René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, traducido por Isabel Soto, Xavier Senín e Alejandro Tobar.
– Autor/a do ano para Ledicia Costas.
– Ilustrador/a do ano para Andrés Meixide.
– Mellor capa de libro para adultos para Infamia, de Ledicia Costas.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para Amani, de Miguelanxo Prado, publicada por Retranca Editora.
– Mellor editorial do ano para Xerais.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Premio Estatal de Poesía para Pilar Pallarés.
– O peor acontecido para a política cultural e lingüística da Xunta de Galicia.
– Mellor Libraría para a Libraría Cartabón.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog/web literaria para BiosBardia.”
Luz Pozo Garza, Filla predilecta de Ribadeo
Desde o Concello de Ribadeo:
“O vindeiro sábado, 18 de xaneiro, a escritora Luz Pozo Garza será nomeada filla predilecta de Ribadeo nun acto que se desenvolverán no Concello ás 12 do mediodía. A concelleira de Cultura, Pilar Otero, fai unha chamada á sociedade ribadense para que acuda a esta homenaxe.
A edil declarou que “o vindeiro sábado, 18 de xaneiro, é festa en Ribadeo. É festa porque se nomea filla predilecta a Luz Pozo Garza, cume na literatura galega contemporánea”.
Pilar Otero contou que “o acto terá lugar ás 12:00 no salón de plenos da Casa do Concello de Ribadeo e contará coa presenza da escritora, quen estará acompañada por familiares e persoas amigas”.
A concelleira de Cultura anima “a toda a sociedade ribadense a celebrar e homenaxear a unha das voces máis destacadas da nosa poesía”. (…)
No ano 2001 foi nomeada socia de honra da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e o Concello de Ribadeo dedicoulle unha rúa.
No informe presentado pola Concellaría de Cultura para propoñer o seu nomeamento como filla predilecta de Ribadeo destácase “a súa incuestionable calidade literaria e a unión sentimental que sempre expresou polo seu concello de nacemento, que menta ademais como un dos motores da súa produción poética”.”
Presentado o Álbum de Galicia, a colección biográfica do país
Desde o Consello da Cultura Galega:
“(…) “A historia dun país faise así, a base de figuras heroicas e persoas anónimas que representan a esencia do que somos como comunidade” explicou Dolores Vilavedra ao detallar que a colección inclúe nomes destacados como Rosalía de Castro, Castelao, Concepción Arenal, Manoel Antonio, canda figuras como a soprano estradense Ofelia Nieto, o astrónomo Ramón María Aller ou o científico e político Osorio Tafall. O Álbum de Galicia é unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos da cultura galega, desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. O obxectivo deste proxecto é visibilizar e contextualizar ás mulleres e homes xa finados que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer tanto a obra das persoas divulgadas como a produción intelectual existente sobre elas. Todas as entradas foron realizadas por expertos en cada unha das materias e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros.
A Secretaria explicou tamén que o Álbum de Galicia conta con outra fortaleza, xa que permite conectar as persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. Isto significa que se pode relacionar as figuras con material sonoro, fotográficos, publicacións, epistolarios, publicacións, estudos e calquera outro documento realizado ou dixitalizado polo CCG. “O Álbum de Galicia é o porta de entrada rigorosa para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras” engadiu Manuel Gago.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas que o CCG leva elaborando desde 2005 e que teñen publicado en álbums temáticos ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros. O proxecto preséntase como unha iniciativa viva xa que pretende ir ampliando gradualmente o número de biografías, diversificando temática e cronoloxicamente o repertorio. Nese sentido, na presentación animaron a cidadáns e colectivos a remitir suxestións de figuras que consideren de interese para seren difundidas a través desta ferramenta e, deste xeito, mellorar o seu coñecemento público. O CCG encargará a diferentes expertos e expertas cada entrada biográfica que se incorpore ao Álbum. (…)”
Fran Núñez será o novo director do CDG
Desde Erregueté:
“O actor e produtor Fran Núñez será o novo director do Centro Dramático Galego. O Diario Oficial de Galicia publicou o acordo de contratación da persoa seleccionada para a cobertura do posto de coordinación do Departamento de Produción Teatral (CDG) e que sucederá no posto a Fefa Noia. Desta forma remata o proceso iniciado no mes de agosto ao que se presentaron oito candidaturas.
Francisco Javier Núñez Alonso (Vigo, 1986) é doutor en Economía Aplicada pola Universidade de Santiago de Compostela, mestrado en Artes Escénicas e Teoría do Espectáculo pola Universidade do País Vasco, mestrado en Economía da Cultura e Xestión Cultural pola Universidade de Valladolid, licenciado en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo e titulado superior en Arte Dramática pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
Fundador das compañías Limiar Teatro e Teatro del Hereje, asumiu diferentes roles en proxectos producidos e coproducidos por formacións públicas e privadas de España, Francia, Brasil, Uruguai, Arxentina e Portugal, entre as que destacan Teatro de la Zarzuela, Los Goliardos e Teatro Español (as tres en Madrid), o proxecto internacional itinerante Ship of Fools, Boccaccione (Brasil), Teatro Nacional D. Maria II (Portugal) ou Orquestra Sinfónica de Galicia. Co CDG levou a cabo tres coproducións: Panxeia (2009), Os catro da Xunqueira (2014) e Se fosen turistas, levarían gafas de sol (2019).
Como autor, participou no Certame Interplay Europa 2014 de dramaturxia e, como xestor cultural, organizou tres edicións do festival de teatro Ponte nas Ondas, en Gondomar (Pontevedra). Na actualidade viña compaxinando o seu traballo como director artístico de Limiar Teatro coa actividade investigadora nas universidades de Santiago de Compostela, Vigo e Valladolid.
Tamén é autor de Da medición do impacto á mellora. Metodoloxía de avaliación de eventos culturais. O caso do Festival de Cans, un manual para analizar o impacto dos festivais galegos nas súas dimensións económica, social e mediática.”
O Pleno da Real Academia Galega nomea María Rosa Lojo membro de honra
Desde a Real Academia Galega:
“O Pleno da Real Academia Galega nomeou María Rosa Lojo (Buenos Aires, 1954) membro de honra. Filla de pai galego e nai castelá, é autora dunha ampla produción como experta en literatura e dunha destacada obra creativa que a converteu nunha das escritoras arxentinas máis internacionais. En ambos os campos a súa é unha voz profundamente vencellada a Galicia. A emigración e o exilio son constantes por igual nos seus textos autobiográficos e de ficción e nos ensaios de investigación, á procura da restauración do legado galego no imaxinario arxentino como imprescindible elemento fundador da súa nacionalidade. Con este obxectivo desenvolve tamén unha tarefa de divulgación constante entre a colectividade galega en Arxentina e en foros especializados internacionais. (…)”
A AAAG esixe que se manteñan os orzamentos do CDG e do CCG
Desde a Asociación de Actores e Actrices de Galicia:
“A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que reúne a gran parte da profesión da interpretación e da dirección escénica, envía este comunicado para manifestar, por unha banda, a súa perplexidade polo anuncio do Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, dun novo estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) que, malia as súas aseveracións no Parlamento, foi elaborado sen consultar ao asociacionismo profesional do sector e, pola outra, para poñer de relevo a súa máxima preocupación ante as cifras económicas que manexarían o Centro Dramático Galego (CDG), o Centro Coreográfico Galego (CCG) e o Centro Galego dos Artes da Imaxe (CGAI) no ano 2020. Neste senso, tal e como se desprende do proxecto de Orzamentos Xerais para o próximo exercicio que a Xunta de Galicia está a tramitar no Parlamento e segundo destacou o BNG durante o pleno de onte, o investimento real da Consellería de Cultura e Turismo no CDG pasaría dos 600.000 euros deste ano aos 350.000 euros en 2020. No caso do CCG, a cifra reduciríase de 150.000 a tan só 50.000 euros. Finalmente, o CGAI ficaría con dúas partidas de 120.000 euros e 12.000 fronte aos 150.000 e 15.000 do presente curso. De se confirmaren estes datos, estariamos ante un profundo baleirado dos dous centros de produción, así como da filmoteca galega, cuns acusados recortes orzamentarios cuxa lóxica respondería a un único interese: o desmantelamento. Polo tanto esiximos que a Consellería de Cultura clarifique os orzamentos destas institucións e non rebaixe en ningún caso as partidas orzamentarias coas que contarán en 2020.
Estes recortes foron denunciados onte no pleno pola deputada do BNG Olalla Rodil que, nunha pregunta parlamentaria, abordou a Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo, ao respecto do proxecto de orzamentos. Non obstante, a resposta do titular de Cultura non resultou nin clarificadora nin tranquilizadora en ningún caso, xa que nin confirmou nin desmentiu nin matizou as cifras, senón que evitou manifestarse ao respecto das contas previstas para o vindeiro ano e preferiu sortear a cuestión anunciando un novo estatuto para a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) asegurando, ao tempo, que para a súa elaboración se mantivo contactos co sector profesional.
Dende a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) só podemos amosar a nosa perplexidade fronte o silencio ao respecto dos recortes e diante do citado anuncio, xa que nunca se informou nin se consultou nin se lle adiantou a esta Asociación a elaboración deste novo marco estatutario para Agadic. Ademais, non consta que se producisen contactos desta natureza coa gran maiorías das asociacións do sector escénico, músical e audiovisual, polo que consideramos que o estatuto se levou a cabo de costas á inmensa maioría da profesión e obviando o tecido asociativo profesional.
Desleixo, desdouro e irregularidades
A AAAG critica unha vez máis o desleixo e a falta de vontade coa que a Xunta de Galicia leva xestionando dende 2009 estas institucións. No caso do Centro Dramático Galego, somos testemuñas dende fai unha década do maltrato constante e reiterado que se exerce sobre unha entidade con máis de 35 anos de historia que, tal e como denunciou esta Asociación en reiteradas ocasións, viu como temporada tras temporada reducía a súa contratación, a súa produción, as súa xiras, os seus orzamentos e a súa repercusión entre o público. Ademais, a administración non foi quen de darlles solución até o momento ás complicacións burocráticas que asfixian o normal funcionamento do CDG. E se nos referimos ao Centro Coreográfico, cómpre destacar a escasísima produción e o descrédito que foi colleitando esta unidade de produción de danza na última década, chegando a picos de desprestixio tan notorios coma o do pasado mes de xuño durante a estrea do espectáculo Maestro Rodrigo, no que o sector observou “múltiples irregularidades”.
Por último, esta Asociación esixe que o titular de Cultura e Turismo dea pronta e cumprida información ao sector sobre o futuro da Agadic e que clarifique as partidas económicas coas que van contar o vindeiro ano as citadas institucións, entidades que se viron constantemente minguadas os seus orzamentos. “
A AELG solidarízase coa AAAG e Sarabela Teatro en relación á decisión do Concello de Ourense de retirar o seu apoio ao FITO
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) súmase á nota emitida pola Asociación de Actores de Actrices de Galicia (AAAG) en relación á decisión do Concello de Ourense de retirar o seu apoio ao Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), ao tempo que amosa a súa solidariedade con Sarabela Teatro, compañía que organizou esta actividade anualmente desde 2007.
Desde a AELG consideramos que a cultura e as artes, como a educación e a sanidade, son bens necesarios para que unha sociedade se desenvolva de maneira sa, equilibrada e feliz. Por iso é de valorar que Concellos, Deputacións e Xunta velen por facilitar o acceso ás artes escénicas tanto de aquí como de fóra, auspiciando e axudando, tamén, a que as compañías e artistas galegas/os poidan realizar procesos de creación fóra da precariedade.
As axudas á tradución permitirán o cambio de idioma de 84 títulos
Desde Cultura Galega:
“A Consellería de Cultura e Turismo vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas para o libro galego no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas correspondentes ao ano actual. Tal e como recolle a resolución, traduciranse ao galego 62 títulos e outras 22 obras a linguas como o castelán, inglés, italiano e francés, cun investimento por parte da Xunta de Galicia de 200.000 euros, que tamén permite financiar outros gastos tales como o deseño e maquetación, preimpresión, impresión e manipulación das obras. O reparto das axudas, decidido por concorrencia competitiva, fai recaer de novo a maior contía no apoio á edición da tradución de obras de outras linguas ao galego, conxunto para o que van en total 119.994,87 euros -case 50.000 euros menos que o pasado ano, que contaba co mesmo orzamento xeral-, mentres que para trasladar a literatura galega a outros idiomas as axudas suman case 80.000 euros.
De entre as 20 editoriais beneficiadas pola resolución, tres reciben as maiores contías para levar a adiante os seu proxectos de tradución e concentran entre elas máis da metade do orzamento. Rinoceronte Editora publicará 27 títulos de tradución de outras linguas ao galego e contará para iso con 54.154,25 euros de axuda pública. Para o mesmo fin a editorial Kalandraka recibirá 28.783,29 euros de axudas que permitirán publicar 14 títulos. Para a publicación de libros de lingua galega a outros idiomas, o groso da axuda vai para a á editorial Small Stations Press que recibirá 31.373,19 euros por publicar en inglés 8 títulos. A media de axuda por título nestes casos sitúa case no dobre as axudas a Small Station Press (3.921,65 de media cada título) respecto a Rinoceronte Editora (2.005,71 euros por título). Na lista de beneficiarias tamén están as fundacións Novoneyra e Vicente Risco con diversos proxectos editoriais.”