A RAG ofrece máis de 150 publicacións periódicas históricas en liña tras as últimas dixitalizacións

Desde a Real Academia Galega:
“O 7 de febreiro de 1876 saía do prelo o parrafeo primeiro d’O Tío Marcos d’a Portela, a primeira cabeceira en galego que conseguiu certa permanencia no tempo, nun principio con difusión quincenal e logo semanal. O periódico posto en marcha por Valentín Lamas Carvajal, do que se chegaron a tirar 4.000 exemplares, pode consultarse en liña dende hai uns días grazas á última achega da Real Academia Galega a Galiciana – Biblioteca Dixital de Galicia, que inclúe un total de 75 publicacións periódicas históricas de fondo galego conservadas na hemeroteca da institución. Con estas incorporacións, son xa 122 as revistas e xornais editados entre o século XIX e a primeira metade do XX dispoñibles nestes espazo na Rede grazas ao labor de dixitalización dos fondos da Academia. A RAG segue ademais a ofrecer a través de academia.gal outros 29 títulos que prevé incorporar no futuro a Galiciana, de maneira que as publicacións periódicas da súa hemeroteca dispoñibles en liña son xa máis de 150.
As novas dixitalizacións leváronse a cabo en 2019 coas axudas da primeira convocatoria de subvencións para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia da AMTEGA. As preto de 140.000 páxinas que enriquecen a oferta do fondo galego do século XIX e a primeira metade do XX editado a ambas as beiras do Atlántico inclúen outros títulos pioneiros da prensa en galego como O Tío Pepe, publicación quincenal agrarista editada en 1913 dende A Fonsagrada; As Roladas: folla dos rapaciños galegos (1922), o primeiro intento de facer unha revista infantil en galego, promovida por Ramón Cabanillas dende Madrid e cunha vida efémera (só saíron do prelo dous números); ou a revista católica Logos (Pontevedra, 1931-1936), que apostou tamén dende o seu xénero pola lingua galega.
O semanario Follas Novas, editado na Habana entre 1897 e 1909, e o voceiro da Irmandade Nazonalista Galega de Buenos Aires A Fouce son, por outra banda, exemplos destacados da prensa galega procedente de América conservada na hemeroteca da Real Academia Galega que se incorpora a Galiciana, xunto a diversas revistas e boletíns de centros galegos doutras localidades de Arxentina, Cuba ou Uruguai. (…)”

As 167 cartas que se enviaron Otero Pedrayo e Carvalho Calero estarán dispoñíbeis ‘online’

Desde Nós Diario:
“Trátase das 167 cartas que os escritores se enviaron entre 1949 e 1974, que pasarán a estar estar dispoñíbeis ‘online‘ para estudo ou consulta.
A firma contou coa herdeira de Carvalho Calero, María Vitoria Carvalho Calero, e o presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga Pereira; así como co presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices.
As 85 cartas enviadas por Otero Pedrayo están depositadas no Parlamento galego, mentres que as 82 remitidas por Carvalho Calero son custodiadas pola Fundación Penzol.
Durante o acto, o presidente do Parlamento galego destacou que ambos os dous autores foron dúas persoas “comprometidas coa causa da liberdade e o galeguismo”, que afrontaron dificultades na súa traxectoria “cunha enteireza, valentía e integridade realmente exemplares”. “A Galiza actual está en débeda cos galeguistas históricos que antes e durante a ditadura, nuns casos desde o territorio, noutros desde a emigración ou desde o exilio, trazaron a senda do que é a Galiza actual”, destacou.”

A Deputación da Coruña garante as contratacións artísticas e o investimento cultural para paliar o impacto no sector cultural da crise do Coronavirus

Desde a Deputación da Coruña:
“A área de Cultura da Deputación da Coruña anuncia novas medidas encamiñadas a garantir as contratacións artísticas e intentar paliar na medida do posíbel o efecto da crise do coronavirus no sector cultural. A área de Cultura presenta catro medidas que buscan garantir a contratación, animar os concellos a manter a programación da Rede Cultural que poderán realizar de maneira extraordinaria até o 31 de marzo de 2021. O deputado de Cultura, Xurxo Couto, dirixirase á Xunta para solicitar a redefinición do Xacobeo co fin de apoiar a cultura galega.
Catro actuacións estanse a activar na área de Cultura da Deputación da Coruña con fin de poñer todo o que está nas súas mans para responder ás urxencias polas que xa está a atravesar o sector cultural. Neste sentido, a Deputación atende as demandas das entidades representativas do sector que fixeron achegas para intentar activar novas medidas que tamén se están a estudar cos servizos administrativos da institución.
En primeiro lugar, o deputado de Cultura, Xurxo Couto, dirixirase por carta aos concellos para animalos a manter a contratación na Rede Cultural en 2019, anunciando que permitirá cambios de datas nas actuacións a causa da pandemia. Ao respecto, a Deputación aprobou de maneira extraordinaria que os concellos poidan reprogramar as actuacións que se poderán realizar até o 31 de marzo de 2021.
Priorizar os pagamentos pendentes e axilizar ao máximo todos os trámites para os contratos e subvencións é outra das medidas que xa se activaron desde o servizo da Deputación que continúa traballando a través da plataforma dixital SUBTEL.
En terceiro, a Deputación da Coruña comunicou xa oficialmente ás compañías e artistas o mantemento das programacións propias que tiveron que ser adiadas polo estado de alerta.
Finalmente, o deputado de Cultura, Xurxo Couto, dirixirase á Consellaría de Cultura para solicitarlle que sexa sensíbel á situación de fonda preocupación polas consecuencias económicas da crise do COVID19 no sector cultural e, en consecuencia, redefina a programación do Xacobeo 2021 en función da necesidade de que o apoio á produción cultural galega sexa a prioridade absoluta.
O prazo de solicitude de actuacións na Rede Cultural por parte de concellos e entidades prolongarase despois do fin do estado de alerta mais, neste tempo, a área de Cultura da Deputación da Coruña indica que tanto artistas como programadores poden avanzar no proceso a través da plataforma SUBTEL desde a que o persoal do servizo está a traballar na actualidade nos seus domicilios. Neste sentido, a Deputación estuda novas medidas para garantir a programación da Rede Cultural no primeiro trimestre do ano 2021, para compensar a posíbel perda de programación que se produza este ano
Cando se poña fin ao estado de alerta, concellos e entidades disporán aínda de tempo para solicitar as actuacións para as súas axendas culturais mais, neste sentido, a área de Cultura da Deputación anuncia que será flexible coas datas e posíbeis cambios no calendario debido ao coronavirus. Con isto, o obxectivo é, segundo sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto, “animar a concellos e entidades a manter o nivel de programación doutros anos co fin de que o sector sufra o mínimo posíbel debido á crise do coronavirus que está a ter un efecto moi negativo nun ámbito que vive de maneira especial de eventos públicos que foron cancelados”.
Desta maneira, concellos e entidades que fagan agora as súas previsións, poderán cambiar as datas propostas se así o requiren as indicacións das autoridades sanitarias en canto á celebración de actos con asistencia de público. “Por parte da Deputación o que imos garantir é que se mantén o orzamento destinado á Rede Cultural nesta edición que, inevitabelmente vai ser máis curta mais agardemos que se manteñan as contratacións habituais con outro calendario”, sinala Xurxo Couto que convida a concellos e entidades a facer a súa solicitude tendo tamén en conta que a “Rede Cultural é fundamental para o tecido do sector que son persoas autónomas e pequenas empresas para os que este circuíto é fundamental”.
Ademais, desde o servizo de Cultura da Deputación da Coruña están a priorizar os pagamentos pendente co fin de que o sector poida facturar neste tempo en que a actividade está a diminuír de forma acelerada. Por outra parte, o deputado Xurxo Couto tamén anuncia que se vai manter toda a programación propia cancelada por causa da crise sanitaria para a que se buscarán novas datas, o que xa se lle comunicou a compañías e artistas.
Igualmente o deputado de Cultura anunciou que dirixirá unha carta á Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia para solicitarlle “a redefinición da programación cultural do Xacobeo 2021, centrándoa no apoio á produción cultural galega, de maneira que sirva como elemento paliativo do que pode ser un 2020 negro para a cultura galega”.”

O Salón do Libro retoma a súa actividade adoptando un formato virtual

Desde o Concello de Pontevedra:
“Logo de pechar as portas o pasado xoves 12 por mor do Coronavirus, a organización atopou unha alternativa para favorecer tanto á cativada como ao sector cultural.
A partir do 17 de marzo e nas próximas semanas o Salón compartirá no seu Facebook, Instagram e web diferentes contidos: expos virtuais, contacontos e obradoiros.
As publicacións terán lugar cara ás 12:00 h. ou 12:30 h. pola mañá e 17:30 h. ou 18:00 h. pola tarde
Logo de case un ano de traballo tanto por parte da propia organización como dos centros escolares colaboradores – que elaboran traballos relacionados co tema – o Salón pechou apenas 6 días despois de abrir as súas portas por mor do COVID19. Quedaron pendentes unha chea de actividades da programación por levar a cabo e tamén unha morea de centros, familias e cativos por visitalo.
As circunstancias fan imposible a reapertura noutras datas máis, dende o propio día do peche, a organización traballou a reo para atopar unha solución que permitira por unha parte facer máis levadeira a situación actual á cativada confinada nas súas casa e por outra, paliar na medida do posible o impacto que está a ter no sector cultural onde se están a cancelar a meirande parte das activiades programadas nas próximas semanas/meses.
A resposta á proposta realizada tanto aos contadores, compañías, etc. como ao propio monitorado do Salón foi moi positiva e unha gran parte da programación prevista para este XXI Salón do Libro “O humor” adaptará o seu formato – cunhas condicións ténicas mínimas e respectando desa maneira os contratos asinados – para poder ser difundida a través das canles do Salón (redes, web, etc.) e así os máis pequenos e pequenas da casa poderán gozar de contacontos, obradoiros ou visitas virtuais aos espazos.
A falta da resposta de outras persoas contactadas, neste momento están confirmadas a participación de Tamara Andrés, Soledad Felloza, Polo Correo do Vento, Reviravolta, Pakolas, Pablo Díaz, “Magia en la manga”, Asociación Mater Lingua, María Faltri e Jorge Juncal, Leucoíña, Fantoches Baj, “A xanela do maxín” ou 7H cooperativa.
Sobre outros espectáculos de maior formato que non poden ser adaptados, estanse a valorar opcións.”

Visita institucional do presidente da AELG ao Deputado do BNG no Congreso dos Deputados

O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, foi recibido polo Deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, nunha visita institucional onde lle foron trasladadas as necesidades das escritoras e escritores galegas/os naqueles temas en que ten responsabilidade o Estado, de cara á resolución de problemas tan importantes como:

– A compatibilidade entre as pensións de xubilación e a actividade de creación artística, xa que o Real Decreto 302/2019, de 26 de abril, non dá unha solución a diversos colectivos que quedaron fóra do seu amparo:
– Por expresa imposición legal, quedan excluídas, segundo establece o propio RD, as persoas beneficiarias dunha pensión contributiva de xubilación da Seguridade Social que realicen calquera outro traballo por conta allea ou propia que dea lugar á súa inclusión en calquera réxime da Seguridade Social.
– As persoas incluídas no Réxime de Clases Pasivas do Estado (profesorado e escritoras/es que exerceron as súas profesións no funcionariado).
– As perceptoras de pensións de Seguridade Social non contributivas.
– Persoas xubiladas que creen, pero que non cedan os dereitos a unha terceira persoa.
– Titulares dunha pensión por incapacidade absoluta permanente.

– A necesidade de facer real un dos obxectivos e funcións do Instituto Cervantes, o de organizar cursos xerais e especiais nas linguas cooficiais, alén da castelá, así como ampliar obxectivos e funcións limitados até agora unicamente ao castelán: apoiar o labor de estudo internacional da cultura galega; participar en programas de difusión da nosa lingua e literatura; realizar actividades de difusión da cultura galega en colaboración con outros organismos internacionais; incorporar a obra das/os escritoras/es en lingua galega á rede de bibliotecas do Estado español no mundo, de tal xeito que a realidade plurilingüe se visibilice con maior claridade. Así mesmo, trasladóuselle a necesidade de que o Instituto Cervantes singularice a importancia de Galiza como parte da Lusofonía e interlocutora privilexiada coa mesma, lembrando que existen oito sedes do Instituto no Brasil e unha en Lisboa.

– A implementación real da posibilidade de que calquera persoa poida estudar a lingua galega nas Escolas Oficiais de Idiomas de todo o Estado.

Como antecedente, lembramos a Proposición non de Lei medidas para que o Ministerio de Cultura asumise a multiculturalidade e plurilingüismo existente no Estado no sector da literatura, aprobada no Congreso dos Deputados en xuño de 2010, a instancia do entón Deputado Francisco Xesús Jorquera Caselas (BNG), e que instaba ao Goberno do Estado a:
1.- Asumir que a multiculturalidade e o multilingüísmo existe no Estado español, dando un trato equitativo ás distintas literaturas existentes no Estado, frente á tendencia a considerar só a literatura en castelán.
2.- Reequilibrar a actuación ministerial nesta materia, en particular no relativo a:
– Presenza en xurados, premios, recoñecementos, actos emblemáticos, convocatorias, feiras e outras presenzas e eventos internacionais.
– Presenza en padroados de organismos e institucións dependentes do Ministerio de Cultura.
– Recoñecemento como interlocutores e apoio económico ás asociacións profesionais de escritoras/es en lingua galega, vasca e catalá.
– Apoio económico ás actividades das asociacións profesionais de escritoras/es en lingua galega, vasca e catalá.

Agradecemos a receptividade ás nosas propostas e a intención de darlles cumprida solución a través da acción parlamentaria no Congreso, demandando do Goberno do Estado a súa pronta resolución.

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2019

Desde Fervenzas Literarias:
“Tras case un mes de votacións, o 15 de xaneiro pechou o prazo para votar na enquisa anual para escoller Os mellores libros do ano.
Como cada ano, queremos darvos as grazas a todas e a todos os lectores que cos vosos votos axudades, dende hai xa trece anos, a facer posible esta proposta. Moitas grazas!
E agora so resultados… Moitos parabéns aos libros premiados! Velaquí están os mellores libros do 2019!

– Mellor libro de narrativa para Carrusel, de Berta Dávila.
– Mellor libro de poesía para Feliz Idade, de Olga Novo.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Vigo, puro milagre, de Manuel Bragado.
– Mellor libro de teatro para Na miña alma ouvea un lobo, de Xavier Lama.
– Mellor álbum de banda deseñada para O bichero IX, de Luís Davila.
– Mellor libro traducido para público adulto para Os homes explícanme cousas, de Rebecca Solnit, traducido por María Fe González Fernández.
– Mellor libro de literatura xuvenil para Os corpos invisibles, de Emma Pedreira.
– Mellor libro de literatura infantil para Xelís, o guieiro das botellas de mar, de Rosa Aneiros.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para Astérix: A filla de Vercinxetórix, de René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, traducido por Isabel Soto, Xavier Senín e Alejandro Tobar.
– Autor/a do ano para Ledicia Costas.
– Ilustrador/a do ano para Andrés Meixide.
– Mellor capa de libro para adultos para Infamia, de Ledicia Costas.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para Amani, de Miguelanxo Prado, publicada por Retranca Editora.
– Mellor editorial do ano para Xerais.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Premio Estatal de Poesía para Pilar Pallarés.
– O peor acontecido para a política cultural e lingüística da Xunta de Galicia.
– Mellor Libraría para a Libraría Cartabón.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog/web literaria para BiosBardia.”

Luz Pozo Garza, Filla predilecta de Ribadeo

Desde o Concello de Ribadeo:
“O vindeiro sábado, 18 de xaneiro, a escritora Luz Pozo Garza será nomeada filla predilecta de Ribadeo nun acto que se desenvolverán no Concello ás 12 do mediodía. A concelleira de Cultura, Pilar Otero, fai unha chamada á sociedade ribadense para que acuda a esta homenaxe.
A edil declarou que “o vindeiro sábado, 18 de xaneiro, é festa en Ribadeo. É festa porque se nomea filla predilecta a Luz Pozo Garza, cume na literatura galega contemporánea”.
Pilar Otero contou que “o acto terá lugar ás 12:00 no salón de plenos da Casa do Concello de Ribadeo e contará coa presenza da escritora, quen estará acompañada por familiares e persoas amigas”.
A concelleira de Cultura anima “a toda a sociedade ribadense a celebrar e homenaxear a unha das voces máis destacadas da nosa poesía”. (…)
No ano 2001 foi nomeada socia de honra da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e o Concello de Ribadeo dedicoulle unha rúa.
No informe presentado pola Concellaría de Cultura para propoñer o seu nomeamento como filla predilecta de Ribadeo destácase “a súa incuestionable calidade literaria e a unión sentimental que sempre expresou polo seu concello de nacemento, que menta ademais como un dos motores da súa produción poética”.”

Presentado o Álbum de Galicia, a colección biográfica do país

Desde o Consello da Cultura Galega:
“(…) “A historia dun país faise así, a base de figuras heroicas e persoas anónimas que representan a esencia do que somos como comunidade” explicou Dolores Vilavedra ao detallar que a colección inclúe nomes destacados como Rosalía de Castro, Castelao, Concepción Arenal, Manoel Antonio, canda figuras como a soprano estradense Ofelia Nieto, o astrónomo Ramón María Aller ou o científico e político Osorio Tafall. O Álbum de Galicia é unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos da cultura galega, desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. O obxectivo deste proxecto é visibilizar e contextualizar ás mulleres e homes xa finados que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer tanto a obra das persoas divulgadas como a produción intelectual existente sobre elas. Todas as entradas foron realizadas por expertos en cada unha das materias e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros.
A Secretaria explicou tamén que o Álbum de Galicia conta con outra fortaleza, xa que permite conectar as persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. Isto significa que se pode relacionar as figuras con material sonoro, fotográficos, publicacións, epistolarios, publicacións, estudos e calquera outro documento realizado ou dixitalizado polo CCG. “O Álbum de Galicia é o porta de entrada rigorosa para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras” engadiu Manuel Gago.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas que o CCG leva elaborando desde 2005 e que teñen publicado en álbums temáticos ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros. O proxecto preséntase como unha iniciativa viva xa que pretende ir ampliando gradualmente o número de biografías, diversificando temática e cronoloxicamente o repertorio. Nese sentido, na presentación animaron a cidadáns e colectivos a remitir suxestións de figuras que consideren de interese para seren difundidas a través desta ferramenta e, deste xeito, mellorar o seu coñecemento público. O CCG encargará a diferentes expertos e expertas cada entrada biográfica que se incorpore ao Álbum. (…)”

Fran Núñez será o novo director do CDG

Desde Erregueté:
“O actor e produtor Fran Núñez será o novo director do Centro Dramático Galego. O Diario Oficial de Galicia publicou o acordo de contratación da persoa seleccionada para a cobertura do posto de coordinación do Departamento de Produción Teatral (CDG) e que sucederá no posto a Fefa Noia. Desta forma remata o proceso iniciado no mes de agosto ao que se presentaron oito candidaturas.
Francisco Javier Núñez Alonso (Vigo, 1986) é doutor en Economía Aplicada pola Universidade de Santiago de Compostela, mestrado en Artes Escénicas e Teoría do Espectáculo pola Universidade do País Vasco, mestrado en Economía da Cultura e Xestión Cultural pola Universidade de Valladolid, licenciado en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo e titulado superior en Arte Dramática pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
Fundador das compañías Limiar Teatro e Teatro del Hereje, asumiu diferentes roles en proxectos producidos e coproducidos por formacións públicas e privadas de España, Francia, Brasil, Uruguai, Arxentina e Portugal, entre as que destacan Teatro de la Zarzuela, Los Goliardos e Teatro Español (as tres en Madrid), o proxecto internacional itinerante Ship of Fools, Boccaccione (Brasil), Teatro Nacional D. Maria II (Portugal) ou Orquestra Sinfónica de Galicia. Co CDG levou a cabo tres coproducións: Panxeia (2009), Os catro da Xunqueira (2014) e Se fosen turistas, levarían gafas de sol (2019).
Como autor, participou no Certame Interplay Europa 2014 de dramaturxia e, como xestor cultural, organizou tres edicións do festival de teatro Ponte nas Ondas, en Gondomar (Pontevedra). Na actualidade viña compaxinando o seu traballo como director artístico de Limiar Teatro coa actividade investigadora nas universidades de Santiago de Compostela, Vigo e Valladolid.
Tamén é autor de Da medición do impacto á mellora. Metodoloxía de avaliación de eventos culturais. O caso do Festival de Cans, un manual para analizar o impacto dos festivais galegos nas súas dimensións económica, social e mediática.”