Santiago: Encontro Festlatino 2012. As linguas e culturas peninsulares e a súa proxección internacional

O Consello da Cultura Galega ten como encomenda estatutaria a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Nos últimos anos véñense desenvolvendo encontros e convenios con distintas institucións públicas e entidades culturais con vistas a contribuír ao diálogo da cultura galega con outras culturas e á súa proxección no exterior. Nesta liña de traballo o Consello da Cultura Galega organiza en colaboración co Movimento Festlatino o seminario As linguas e culturas peninsulares e a súa proxección internacional que terá lugar o martes, 3 de abril de 2012, na sede do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela. Nel participarán representantes de institucións das distintas culturas da península ibérica vinculadas á súa proxección exterior e á promoción do diálogo intercultural (Institut Ramón Llull, Instituto Camões, Instituto Cervantes, o propio Festlatino), xunto a persoas de recoñecido prestixio no ámbito cultural e universitario galego. O encontro está coordinado por Henrique Monteagudo (Consello da Cultura Galega) e Humberto França (Movimento Festlatino).
O Festlatino é nun movemento cultural, literario e educacional que ten como obxectivo fomentar o diálogo cultural entre os países e zonas de linguas e culturas neolatinas de Europa, África, Américas e Asia. Anualmente celebra un congreso no Recife e seminarios preparatorios en varios países de linguas neolatinas que reúnen persoas relevantes do ámbito da escrita, filoloxía, profesorado, arte, estudantado, diplomacia, xornalismo, xestión e liderado cultural e político e promoción cultural. O Movimento Festlatino ten como presidente de honra ao Dr. Mário Soares, ex-Presidente da República Portuguesa, e está dirixido por un consello formado por vinte e seis personalidades do mundo da cultura e linguas de doce países. O seu coordinador xeral é Humberto França.

Para asistir é preciso confirmar asistencia previamente no correo electrónico difusion@consellodacultura.org. O programa do Encontro é o seguinte:
09:30 h. Inauguración.
10:00 h. O Instituto Camões e a proxección internacional da cultura e a língua portuguesa, por Ana Paula Laborinho, Instituto Camões.
11:00 h. El Instituto Cervantes y su proyección americana, por Francisco Moreno, Instituto Cervantes.
12:00 h. Pausa.
12:30 h. Mesa redonda: A literatura e o audiovisual galegos e a súa proxección internacional. Con Suso de Toro, Manuel Bragado e Margarita Ledo, moderados por Humberto França.
16:00 h. O movemento Festlatino e a súa proxección internacional, por Isabel Pires de Lima, Festlatino.
17:00 h. Promocionando la literatura catalana, por esos mundos de Dios, por Àlex Susanna, do Institut Ramon Llull.
18:00 h. Pausa.
18:30 h. Mesa redonda: As institucións galegas e a proxección internacional da cultura galega. Con Enrique Sáez Ponte, Francisco Fernández Rei e Valentín García, moderados por Henrique Monteagudo.”

“O legado de Casares: ponte entre a cultura galega e a universal”

“Os catro obxectivos básicos cos que se creou a Fundación Carlos Casares están vixentes e cumpríndose dez anos despois da desaparición do escritor, segundo explica o seu director, Gustavo Adolfo Garrido. Eses catro obxectivos eran e son «estudar e a difundir a obra literaria, custodiar a súa biblioteca; difundir o legado cívico; constituírse como entidade mediadora entre a cultura galega e a universal e, por último, desenvolver todo tipo de actividades tendentes a fortalecer a normalización lingüística e cultural de Galicia». Garrido apunta que a crise obriga a «priorizar» e detalla que nos últimos tres anos os presupostos da fundación pasaron «duns ingresos de preto dos 280.000 euros no 2007 e 2008 a 160.000 no 2011». A situación para a fundación está agravada pola «creba das caixas, a caída do nivel empresarial e os recortes das Administracións; calquera pode facerse unha idea do panorama». Este ano aínda non saben con cantos fondos contarán. O director da fundación apunta que «haberá menos actividades, pero as nucleares da fundación tentaremos mantelas».
En canto á imaxe de Carlos Casares para a sociedade de hoxe, Garrido cre que hai dúas franxas ben marcadas: «As persoas maiores de 40 anos teñen unha idea clara de quen era e as de menos desa idade teñen xa unha noción menos completa. Saben que é un escritor que deu á literatura galega fermosas páxinas, pero descoñecen outras facetas». Garrido considera que «agora», dez anos despois, «cómpre facer un esforzo extra para garantir que se mellore este coñecemento, pola súa memoria». Neste sentido, apunta o director da fundación que se reciben con «agrado» as iniciativas de propoñer a Casares para o Día das Letras Galegas. Significan un cariño inmenso en toda esa xente que está detrás da petición e que non podemos facer máis que apoiar», conclúe.” Vía La Voz de Galicia.

Henrique Monteagudo ingresou na Real Academia Galega

Desde Galaxia:
“Solemnemente, rodeado de familiares e amigos, cunha ampla representacion da vida cultural, política e académica, Henrique Monteagudo Romero, filólogo, especialista en sociolingüística, autor de Galaxia e codirector da revista Grial ingresou con todos os honores na primeira institución da nosa cultura, fundada por Manuel Murguía en 1905, cun discurso sobre o presente e o futuro do idioma, ao que respondeu a académica Rosario Álvarez Blanco.
“O futuro do idioma galego está profundamente vencellado ao proxecto de futuro que sexamos quen de darlle ao noso país. Unha responsabilidade de todos, non só dos especialistas, non só dos intelectuais, non só dos partidos políticos, senón do conxunto da sociedade, homes e mulleres conscientes da significación dun activo tan importante para un pobo como é dispoñer de idioma de seu”, apuntou o novo académico.
“O futuro do idioma está nas mans dos homes e mulleres de Galicia, dos que o falan e mesmo dos que, aínda sen falalo, o consideran patrimonio fundamental da nosa identidade e da nosa historia”, engadiu. “Os pais e as nais han saber transmitilo aos fillos e aos netos. Os políticos teñen a responsabilidade de dotalo de recursos para a súa recuperación. A escola debe incorporalo de xeito activo e inequívoco, para facelo normal, como lingua de uso e vehículo de coñecemento. Pero é a sociedade no seu conxunto, a través das súas institucións públicas e das súas institucións civís, quen debe garantir ese futuro, que nos afecta como pobo, moito máis nestes tempos difíciles de discurso neoliberal, ideoloxía darwinista e globalizacion”. (…)”
O discurso completo pódese descargar aquí.

Santiago: ingreso de Henrique Monteagudo na Real Academia Galega

O sábado 25 de febreiro, ás 12:00 horas, no Paraninfo da Universidade de Santiago (Facultade de Xeografía e Historia, Praza da Universidade), terá lugar o acto oficial de ingreso de Henrique Monteagudo na Real Academia Galega. O seu discurso leva por título Facer país co idioma, e será respondido pola académica Rosario Álvarez Blanco.

A Deputación da Coruña convoca os seus certames culturais con recortes

“A mudanza na periodicidade de varios dos premios que convoca a Deputación da Coruña aforraralle ao organismo un total 19.500 euros este ano. O presidente da entidade, Diego Calvo, presentaba onte a convocatoria dos certames deste 2012. Este ano os interesados poderán concorrer ao XXIV Torrente Ballester de narrativa, dotado con 25.000 euros, ao IX de Artesanía Antonio Fraguas, que conta con dous premios de 4.500 e mais ao VII Jesús Núñez de Artes Gráficas, o XVI González Garcés de Poesía e o X Luis Ksado de Fotografía, todos eles cunha dotación de 6.500.
As modificacións nas convocatorias afectan ao Premio Castelao de Banda Deseñada, principal galardón do sector en todo o país, que deixa de ser anual e pasa a se convocar cada dous anos, estando prevista a vindeira edición para 2013. Canda a el, muda tamén a periodicidade do Raíña Lupa de Literatura infantil e do Manuel Murguía de Ensaio, que pasarán a ser trienais e tamén se convocarán o vindeiro ano. (…)”. Vía Cultura Galega.

Nomeamentos na Real Academia Galega

“A Real Academia Galega prepara un amplo programa de actividades, no que se inclúen publicacións e actos musicais por toda Galicia, para conmemorar os 50 anos da celebración das Letras Galegas, edición na que será homenaxeado Valentín Paz Andrade. Así o explicou, en declaracións a Europa Press, o secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, tras comparecer en rolda de prensa xunto ao presidente da institución, Xosé Luís Méndez Ferrín. Segundo resaltou, a Academia “quere dar a máxima difusión” a un proxecto de actos conmemorativos para celebrar o que “é a maior festa cultural de Europa” se se ten en conta o carácter popular e participativo desta. Axeitos sinalou que a RAG “prepara actos moi importantes”, que xestiona con “empresas privadas” debido ás “dificultades” económicas actuais, polo que aborda o programa con empresas de comunicación, industrias e grandes compañías “para poder presentar actos de música, folletos, libros e concertos por todo o país”. (…)
O primeiro plenario de 2012 da Real Academia Galega serviu, ademais, para nomear a catedrática de lingua e Literatura portuguesa e brasileira do Departamento de literaturas comparadas da Universidade de Roma Tre Giulia Lanciani académica de honra. “É unha eminente investigadora e divulgadora do noso corpus lírico medieval, con edicións e importantes estudios que son referencia obrigada entre os estudosos deste campo”, indica a RAG. Ademais, o plenario acordou nomear académicos a Ana Isabel Boullón Agrelo, Xosé Henrique Costas González, Gonzalo Navaza Blanco e Antón Palacio Sánchez, relacionados coa constitución de diferentes seccións nas que está organizada a Academia e que “están chamadas a desenvolver un importante traballo no ámbito da gramática, lexicografía, onomástica, a literatura e a historia”. Deste modo, estes recén nomeados académicos incorporaranse aos traballos xa programados polas diferentes seccións da Real Academia Galega.”

A Xunta confirma a supresión da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos

“O Consello da Xunta aprobou hoxe a nova estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Educación, trala remodelación do goberno galego decidida polo Presidente da Xunta. A nova Consellería de Cultura e Educación unifica os delegados territoriais de Cultura cos de Educación, e suprime a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos (aínda que mantén unha subdirección xeral de Bibliotecas). A Secretaría Xeral de Cultura asume o resto dos departamentos da anterior Consellería.” Vía Cultura Galega.

Axenda e previsións da Asociación Galega de Editores para o 2012

Desde a Asociación Galega de Editores:
“O plan anual de traballo da AGE vertebrarase ao redor da promoción e pulo do comercio interior. Sen renunciar á necesaria promoción da produción galega no espazo exterior, a AGE vai centrar boa parte dos seus esforzos en dinamizar o decaido mercado interno, afectado pola crise económica que atinxe tamén ao libro e ás súas canles de distribución minorista. O sector do libro enfornta o ano 2012 con serias dificultades debido a recesión económica e coa axuda das erráticas políticas económicas que contribúen, aínda máis, a unha caída do consumo interno sen precedentes. Tampouco axudan á dinamización do sector as estratexias de implantación da Escola 2.0, nas que os protagonistas e beneficiarios dos recursos son os instrumentos de soporte tecnolóxicos, mentres os contidos, auténticos responsables da formación educativa, fican relegados a un papel secundario.
O 10 de marzo terá lugar en Compostela a Noite da Edición, onde serán entregados os premios aos editores en recoñecemento ao seu traballo anual. Tamén serán homenaxeadas as editoriais que cumpren o seu 25 aniversario. A organización do acto prepara tamen unha homenaxe a Díaz Pardo, Presidente de Honra da AGE e a Carlos Casares, do que se cumpren dez anos do pasamento. AGE estará presenta na Feira do Libro de Madrid, actividade na que xa participou no ano 2011, na Feira do Libro para rapaces de Boloña, na Feira do Libro de Fránkfurt e na FIL. Os libros galegos tamén poderán mercarse no S. Jordi, o día 23 de abril. A plataforma de distribución de libros dixitais será unha realidade no novo ano.”

Goián, Tomiño: nomeamento oficial de Xosé Luís Franco Grande como fillo predilecto de Tomiño

O sábado 14 de xaneiro, ás 12:00 horas, no Auditorio de Goián, celebrarase o acto polo que o Concello de Tomiño fai oficial o nomeamento do escritor Xosé Luís Franco Grande como fillo predilecto do municipio. Á cita acudirán numerosos nomes coñecidos, como Xosé Luís Méndez Ferrín, Ramón Villares, Teresa Conde-Pumpido, Luis Manuel García Mañá, Carlos Varela García ou Xosé Manuel Beiras. Vía Galaxia. Recensión en Galicia Hoxe.

Agustín Fernández Paz incorpórase á Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes

“O escritor lucense Agustín Fernández Paz e a bonaerense Ema Wolf foron as últimas incorporacións da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes ó seu portal de Literatura Infantil e Xuvenil. Dirixido por Branca-Ana Roig Rechou e María Isabel Soto López –da Universidade de Santiago de Compostela–, o portal que a Biblioteca Virtual dedica a Fernández Paz recolle fragmentos das súas obras máis importantes, algúns estudos sobre a súa obra e un completo álbum gráfico. (…)” Vía Galicia Hoxe.