“O
catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz, recibirá este xoves 20 de outubro a medalla do Instituto de Ciências Sociais da Universidade de Lisboa como “investigador honorario”. Segundo informou a USC nun comunicado de prensa, o profesor Villares, que será presentado por José Sobral, recibirá a mención da institución no acto de apertura do ano académico. Doutor en Historia (1980) e catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela dende 1987, foi tamén investigador principal de cinco proxectos de investigación (CYCIT e Xunta de Galicia), así como de varios convenios de asistencia técnica.” Vía Galicia Hoxe.
Arquivo da categoría: Institucións
‘Cultura convocará en novembro as axudas para asociacións’
“A Consellería de Cultura volverá convocar en novembro as axudas para asociacións e fundacións desconvocadas esta mesma semana. A nova convocatoria terá a mesma contía, 300.000 euros, e as mesmas características, aínda que con cargo ao exercicio 2012. Segundo Cultura, as asociacións poderán presentar as súas peticións neste mesmo ano, en canto apareza publicada a convocatoria. Segundo o titular do departamento, Roberto Varela Fariña, “a suspensión da convocatoria debeuse máis a problemas técnicos polo fin do exercicio contable que a un recorte económico”. O conselleiro admitiu un retraso na resolución das axudas entre maio e outubro que impediu a execución da convocatoria no prazo, polo que “era máis sinxelo desconvocalas e convocalas de novo”. Asegura Varela Fariña que non houbo intención de “deixar desprotexidas as asociacións” e descartou que esta decisión favorecese outro tipo de actividades programas pola consellería. “Hai que manter un equilibrio entre a cultura que chamamos de base e a outra, pero quero lembrar que o 80 % da programación cultural da Cidade da Cultura faise con fondos privados e con artistas galegos”.” Vía La Voz de Galicia.
Santiago: VIII Simposio O libro e a lectura, o 10 e 11 de novembro
A
propiedade intelectual na sociedade dixital vai ser o eixe do VIII Simposio O libro e a lectura. A propiedade intelectual na sociedade dixital, que organiza a Asociación Galega de Editores en colaboración co Centro Español de Dereitos Reprográficos e mais co Consello da Cultura Galega. As tecnoloxías dixitais e o dereito á educación, o futuro da sociedades de xestión de dereitos ou a relación entre editores, escritores e bibliotecarios son algúns dos temas que se tratarán. O encontro celébrase os vindeiros xoves 10 e venres 11 de novembro no Auditorio do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar), en Santiago de Compostela. Este é o programa:
10 de novembro-xoves
– 09:30 h. Recollida de documentación.
– 10:00 h. Sesión inaugural: intervencións do presidente da AGE e Conselleiro de Cultura.
– 10:30 h. Conferencia inaugural: Tecnoloxías dixitais e dereito á educación. Conferenciante: Manuel Area, profesor de tecnoloxía da Universidade de La Laguna. Presenta: Manuel Bragado.
– 12:00 h. Conferencia: A xestión da propiedade intelectual na sociedade dixital. Conferenciante: Juan José Marín, avogado especialista en propiedade intelectual.
– 13:00 h. Panel de Debate: Edición e propiedade intelectual. Con Blas Garzón, de Traficantes de sueños, Carlos Iglesias, da Editorial Net biblo e Tomás González, de Urco Editora.
– 17:30 h. Panel de Debate: Escritores, editores e bibliotecas. Con Daniel Buján, Director da Biblioteca de Galicia, Antonio Mª Ávila, Secretario Xeral da Federación de Gremios de Editores de España e Marcos Calveiro, escritor e avogado.
11 de novembro-venres
– 10:00 h. Conferencia: A propiedade intelectual na sociedade dixital. Conferenciante: Xavier Marcé, Director do Instituto Catalán das Industrias Culturais.
– 11:30 h. Panel de Debate: As sociedades de xestión na era dixital. Con Pedro de Andrés, presidente de CEDRO, Antón Reixa, representante da SGAE en Galicia e David Maeztu, avogado especialista en Creative Commons e propiedade intelectual.
– 13:00 h. Conferencia de clausura: Os dereitos de autor na sociedade dixital. Conferenciante: Ana Azurmendi, profesora da Facultade de Comunicación da Universidade de Navarra.
– 14:00 h. Acto de clausura.
A Universidade da Coruña fai Honoris Causa a Manuel Rivas e John Rutherford
“O
escritor Manuel Rivas e o filólogo John Rutherford foron nomeados o 17 de outubro doutores Honoris Causa pola Universidade da Coruña. A Mesa do Claustro da Universidade da Coruña aprobaba as distincións, confirmando a proposta que saíra da Facultade de Filoloxía. Encol de Manuel Rivas, a entidade considerou que se trata o “máis senlleiro escritor coruñés vivo e un dos máis polifacéticos e relevantes creadores en lingua galega”. Pola súa banda, Rutheford foi recoñecido como ” un dos máis importantes valedores internacionais da cultura galega” co seu traballo desde a Universidade de Oxford. Aínda non se estableceu data para o acto do duplo nomeamento.” Vía Cultura Galega.
Cultura anula a convocatoria das axudas ao funcionamento de asociacións e fundacións
‘O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe, martes 18 de outubro, a anulación da orde pola cal se convocaban axudas ao funcionamento de asociacións e fundacións. A Consellería de Cultura “deixa sen efecto” a convocatoria publicada no DOG do 13 de xuño, que contemplaba axudas por valor de 50.000 euros para 2011 e de 250.000 euros para 2012. Segundo a Xunta de Galicia, “con motivo da política orzamentaria, que implica o necesario equilibrio entre ingresos e gastos, resulta necesario efectuar un axuste nos créditos inicialmente asignados”. O departamento de Roberto Varela sinala que esta decisión tómase “co obxectivo de cumprir a normativa en materia de estabilidade orzamentaria e déficit público”.’ Vía Cultura Galega.
A Universidade da Coruña propón facer honoris causa a Manuel Rivas
“O
claustro da Universidade da Coruña decidirá o lunes 17 de outubro se aproba distinguir co título de doutor honoris causa ao escritor Manuel Rivas. A proposta deste recoñecemento partiu da Facultade de Filoloxía, cuxa xunta decidiu elevar ao claustro a decisión. (…)” Vía La Opinión. Tamén en Galaxia e Xerais.
O Parlamento avala o 2012 como o ano de Celso Emilio Ferreiro
‘Os
tres grupos con representación no arco parlamentario galego acordaron este martes [11 de outubro], a instancias do PP, “honrar a figura de Celso Emilio Ferreiro” no centenario do seu nacemento. Deste modo, ao longo de 2012, programaranse diferentes actividades de “promoción e difusión” para dar a coñecer a súa biografía e a súa obra. Malia o acordo do pleno da Cámara, o debate sobre esta iniciativa, que insta á Xunta a elaborar un catálogo de actuacións e a buscar a colaboración doutras entidades para difundir a súa obra e dar a coñecer a súa “actividade política de compromiso con Galicia e en defensa dos valores democráticos”, non estivo exento de polémica (…)’ Galicia Hoxe. Tamén en La Voz de Galicia, La Opinión e Cultura Galega.
A Xunta anuncia axudas á edición de libros e normalización nos concellos para 2012
“A edición de libros de texto en galego e os equipos de normalización municipais voltarán ter axudas da Xunta nos orzamentos de 2012. Anxo Lorenzo, secretario xeral de Normalización Lingüística anunciou onte, na súa comparecencia ante o Parlamento, a vindeira publicación de dúas convocatorias con este obxecto. Ademais, no caso das axudas a concellos, a convocatoria será para 2011-2012, de xeito que as entidades locais poderán imputar os gastos xa realizados este ano á mesma. Lorenzo adiantou que na orde “primará no reparto de axudas os concellos que xestionen de forma responsable e que aposten pola fusión de servizos”. Precisamente para finais deste mes farase o acto oficial de presentación da Rede de Normalización Lingüística, á que xa se adscribiron case cen entidades.” Vía Cultura Galega.
A Xunta non convocará os certames Xuventude Crea este ano
“Nin
banda deseñada, nin premio Tesoira de novos deseñadores, nin teatro nin música nin poesía nin videocreación. Como xa temían moitos sectores por mor do atraso na súa convocatoria, Xuventude Crea, o Certame galego de Creadores Novos, non se convocará este ano en ningunha das súas categorías. Segundo confirma a Consellaría de Traballo e Benestar, os galardóns considerados dos máis importantes e mellor dotados do país nos seus diferentes ámbitos, sofren tamén os recortes orzamentarios e están nunha fase de reformulación. Desde a Consellaría sinalan que aínda non está decidida a fórmula da convocatoria para 2012, a contía nin as categorías que se desenvolverán.” Vía Cultura Galega.
O historiador Pegerto Saavedra ingresará na Real Academia Galega
“Pegerto Saavedra Fernández
(A Fonsagrada, 1951), catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela, será o novo membro da Real Academia Galega. A entidade tomou esta decisión no plenario desenvolvido o venres 30 de setembro, no que decidiron que sexa este historiador o que ocupe a vacante deixada por Francisco Xavier Río Barja. Nesa mesma xuntanza, o plenario tamén acordou facer oficial as propostas de Giulia Lanciani como Académica de Honra, e de Ana Isabel Boullón Agrelo, Xosé Henrique Costas González, Gonzalo Navaza Blanco e Antón Palacio Sánchez como Académicos Correspondentes.” Vía Cultura Galega.