Desde
o Concello de Santiago:
“O xardín de Fonseca é, dende o 14 de maio, o Xardín das Pedras que Falan, un proxecto impulsado polo escritor Suso de Toro que se converte en realidade da man do Concello e da Universidade de Santiago. A grande espiral de pedras que lle renderá homenaxe ao feito literario comezou con tres pezas que levan gravados os versos de Rosalía de Castro, Seamus Heaney e Luz Pozo Garza.
A inauguración do Xardín das Pedras que Falan estivo presidida polo alcalde, Martiño Noriega, e polo reitor en funcións da USC, Juan Viaño. O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; a viúva de Seamus Heaney e a propia Luz Pozo Garza encargáronse de descubrir as primeiras pedras, en presenza do autor do proxecto, Suso de Toro, e da concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra. (…)
Rosalía de Castro foi a autora elixida para a primeira pedra do “Xardín das Pedras que Falan”. O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, foi o encargado de descubrir a peza, que ten gravados os versos “Dende aquí vexo un camiño / que non sei a donde vai; / polo mismo que n’o sei / quixera o poder andar”.
A segunda pedra da espiral do xardín está asinada por Seamus Heaney. O poeta irlandés era amigo persoal de Suso de Toro, e ambos tiñan falando moito do proxecto do Xardín das Pedras que Falan. A súa viúva, Marie Heaney, foi a encargada de descubrila, para ler os versos “The dotted line my father’s ashplant made / On Sandymount Strand / Is something else tide won’t wash away”.
Luz Pozo Garza destapou a terceira das pedras do Xardín das Pedras que Falan, cos seus versos “Son pedra faladoira. / Deixo palabras na tribo. / Luz, Amor. / Vida. Morte.”
O próximo, Antonio Gamoneda
O Xardín das pedras que falan estará formado por versos ou liñas inéditas de autores e autoras, aos que se lles pedirá que se comprometan a non publicar esas palabras, cando menos en vida. Os textos irán gravados en pedras de granito que formarán unha grande espiral no xardín, partindo dunha peza inicial con versos de Rosalía. Instalaranse, de xeito progresivo, unhas 40 rochas en total. Aínda así, dende o principio vese a dimensión da obra, porque os lugares que ocuparán as pedras estarán xa sinalizados cuns discos de granito. Está previsto que a cuarta pedra sexa colocada o 4 de xuño por Antonio Gamoneda, que estará en Santiago para participar na SELIC.”
Arquivo da categoría: Internacional
Ribadeo: recital Ventos poéticos
A Coruña: recital de Darío Xohán Cabana e Aurélia Lassaque no Ciclo Poetas Di(n)versos
A
segunda
feira 23 de abril, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Darío Xohán Cabana e Aurélia Lassaque. Máis información aquí: Folletos Poetas Di(n)versos abril 2018.
Pontevedra: Festival Internacional de Poesía PontePoética
Vigo: Colóquio Internacional Uma Nova História dos Feminismos Ibéricos
A Asociación Galega de Editoras, con stand propio nunha feira internacional
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
““O libro galego ten que estar presente, esta (a presenza en Boloña) é unha proba de que somos capaces polos nosos medios de demostrar que o libro galego está vivo e que conta no mercado internacional”. Xosé Ballesteros, presidente da Asociación Galega de Editoras, entidade que por vez primeira conta cun stand propio nunha feira internacional. Comeza a feira do libro de Boloña na que participan nove empresas galegas. A entrevista pode escoitarse aquí.”
A Asociación Galega de Editoras participa con stand propio na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña
Desde
a Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras (AGE) participa, por primeira vez, con stand propio na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, coa colaboración de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos). A 55ª edición da BBF conta con China como país convidado. Celebrarase do 26 ao 29 de marzo e é a feira internacional máis importante en compra e venda de dereitos de autor infantil e xuvenil.
Alvarellos Editora, Edicións Embora, Kalandraka Editora, Hércules de Ediciones, Nova Galicia Edicións, Urco Editora, Edicións Xerais de Galicia, Editorial Galaxia e Oqueleo, as empresas asociadas á AGE que participan no stand colectivo da entidade en Boloña ata o 29 de marzo.
Kalandraka Editora e Nova Galicia Edicións contarán un ano máis con stand propio na feira, ademais de participar no da AGE.
As empresas desprazadas do gremio galego manterán xuntanzas de traballo con representantes do sector internacional, cunha axenda pechada meses antes da celebración da Feira, ademais de realizar presentacións de libros, na feira e nas librarías da cidade de Boloña, como é o caso de Kalandraka Editora.
Ademais, desde o stand da Asociación Galega de Editoras na BBF, daranse a coñecer as novidades das editoriais galegas que participan na feira, unha das principais citas anuais do mundo editorial.”
A Coruña: recital de Lois Pérez e Frank Báez no Ciclo Poetas Di(n)versos
A
segunda
feira 19 de marzo, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Lois Pérez e Frank Báez. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos marzo 2018.
Iniciativa Popular no Parlamento da UE sobre protección e visualización das linguas minorizadas europeas
“Unha
ONG que traballa con minorías lingüísticas centroeuropeas iniciou a recollida de sinaturas para presentar unha Iniciativa Popular no Parlamento da UE a favor de que se destinen fondos para a protección e visualización das linguas minorizadas europeas. Esta ONG, chamada FUEN (Federal Union of European Nationalities) fundárona hai xa décadas as minorías alemás, húngaras e danesas esparexidas por fóra de Alemaña, Hungría e Dinamarca. Quixeron presentar esta iniciativa o ano pasado e a UE non lla admitiu. Agora unha sentenza xudicial di que si, que teñen que admitila a trámite se cumpren unha serie de requisitos.
Para presentaren esta iniciativa precisan 1.000.000 sinaturas e só levan recollidas 600.000. Precisan 400.000 e foron pedirlles axuda aos cataláns (Plataforma per la Llengua e ANC) e aos vascos. E os cataláns, Xavier Vila neste caso, contactou con ProLingua.
O prazo para a entrega do millón de sinaturas é en abril, queda pouquísimo tempo e, se non se acada esta cifra non se poderá tramitar esta iniciativa e durante moitos anos non se falará na UE de linguas minorizadas. Se somos 50 millóns de falantes de linguas minorizadas e non damos xuntado 1 millón de sinaturas, entón é que nin nós mesmos nos interesamos polas nosas linguas, pensará Juncker e compañía. Será un pau para todas as minorías europeas.
Xa lle escribimos á presidenta da FUEN, Loránt Vincze, da minoría húngara de Romenia (son dous millóns de húngaros en Romenia) para lle dicir que ProLingua vai facer por difundir esta iniciativa en Galicia polos seus medios, presentala na prensa e, despois, convidar a outras organizacións a que elas tamén movan a cousa. Isto vai en beneficio de todos, porque se non damos xuntado o millón de sinaturas será un pau para todas as linguas minorizadas da UE.
Asínase aquí: https://ec.europa.eu/citizens-initiative/32/public/#/.”




