Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2020 para o 1 de xullo

O 1 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. Najla Shami asina Ela sabe a sol, publicado por Galaxia.
19:00 h. Manuel Rivas asinará O Chispas, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
19:00 h. María Xosé Porteiro asina Sándalo, publicado por Galaxia, e Buscando a Clara, publicado por Elvira.
20:00 h. Manuel Veiga asina Galicia contada aos non galeguistas, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.

Compostela: actividades destacadas do 15 de xuño na Feira do Libro 2020

O 15 de xuño continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

18:00 h. Néstor Blanco asina Lingua guapa. Cantos que contan, publicado por Galaxia, en coautoría con Fina Casalderrey.
19:00 h. Aurora Marco asina Irmandiñas e Foula e ronsel, publicados por Laiovento.
20:00 h. Iolanda Aldrei asina Entrecortar, publicado por Através Editora.

Xosé Manuel Sánchez Rei: “Seivane podía limitarse a reproducir instrumentos, pero optou por innovar”

Entrevista de Raquel C. Pérez a Xosé Manuel Sánchez Rei en Nós Diario:
“Un encargo foi o punto de saída de Xosé Seivane. A gaita con maiúscula, o libro de Xosé Manuel Sánchez Rei que viu a luz en maio da man de Editorial Canela. Un percorrido pola vida do músico e artesán que reuniu nun único espazo tradición e innovación. E puxo nome a un legado que continúa vivo. (…)
– Nós Diario (ND): Tivo que acumular un bo feixe de anécdotas nos primeiros anos do obradoiro.
– Xosé Manuel Sánchez Rei (XMSR): Unha das máis comentadas é como se chegaba até alí. Unha estrada vella, con moitas curvas, que impón moito respecto. E unha vez que alguén chegaba canda Seivane tiña que tocar unha melodía, unha peza para deleitalo. Era habitual chegar pola mañá e que houbese un gaiteiro de Vigo que pedira un fol, outro doutra zona que quería arranxar un punteiro e outro a palleta. Era como un centro de encontro para moitos gaiteiros da época. Naquel momento funcionaba o teléfono, como se conseguiu que chegase ao obradoiro é outra historia en si mesma, pero moitas encargas chegaban directamente por carta.
– ND: Xosé Seivane bebe da tradición, mais fica claro que non tivo medo a innovar. Que papel xogaron os músicos-clientes nas súas investigacións?
– XSMR: Seivane sempre tivo un ouvido atento ao que lle pedían os gaiteiros. Ía un gaiteiro ou gaiteira e dicía “esta gaita afina moi ben, pero quero que afine coa técnica aberta e mais coa fechada”. El investigaba durante meses como ter un punteiro que afinase coa técnica moderna e coa antiga. A evolución da gaita foise marcando polas relacións entre gaiteiros e gaiteiras e artesáns. Ese foi outro dos méritos que ten como artesán, Seivane sempre estivo investigando para conseguir máis posibilidades do instrumento. (…)
– ND: Cal era a súa concepción do instrumento e mais da música tradicional?
– XSMR: Seivane podía limitarse a reproducir instrumentos, pero optou por innovar constantemente. Para el a gaita era o instrumento nacional da Galiza. Sen nunca perder de vista o pasado, el foi capaz de facer que evolucionase a mellor. Polo que teño escoitado del, sempre dixo que había que dignificar a música tradicional galega, poñéndoa á altura correspondente aos seus músicos e músicas. Hoxe escoitamos unha gaita nunha romaría, nunha feira, nunha alborada, pero tamén nun escenario cunha orquestra sinfónica de fondo. E iso é tamén grazas a Seivane. (…)”